DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 23 de febreiro de 2024 Páx. 15486

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 7 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a realización de programas de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil (formación e aprendizaxe) no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para os anos 2024 e 2025, cofinanciada pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 (código de procedemento TR353B).

BDNS (Identif.): 744681.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias da subvención: entidades promotoras

Os proxectos que se financien ao abeiro desta convocatoria poden ser promovidos polos concellos de Galicia, as mancomunidades de concellos e as entidades públicas dependentes ou vinculadas a concellos ou mancomunidades cuxa titularidade corresponda integramente a elas.

Poderán concorrer agrupacións de concellos, sempre que todos eles pertenzan á mesma provincia, nos seguintes casos:

– Concellos limítrofes que conformen unha área xeograficamente continua.

– Concellos que pertenzan todos eles á mesma comarca, aínda que non sexan limítrofes entre si.

– Agrupacións de concellos que reúnan os requisitos do punto anterior aos cales se poden unir outros concellos que, non pertencendo á mesma comarca, limiten xeograficamente con algún dos concellos da agrupación que si pertencen a ela.

As entidades promotoras deberán ser competentes para a execución das correspondentes obras ou servizos e dispoñer da capacidade técnica e de xestión suficiente para a realización dos proxectos. No caso dos concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, ademais, deberán ter unha media de paro rexistrado no ano 2023 superior a 500 persoas no ámbito territorial do proxecto, entendendo como tal o territorio do concello solicitante ou, se é o caso, a suma dos territorios dos concellos que concorran agrupados. No caso de solicitudes por parte dun concello que, segundo os últimos datos oficiais dispoñibles á data de publicación da convocatoria, teña un número igual ou inferior a 2.000 habitantes, a media de paro no ano 2023 deberá ser superior a 200 persoas. Aplicarase esta mesma media de paro mínima se se trata dunha agrupación de dous concellos en que ambos reúnan esa característica.

Este requisito do número mínimo de persoas desempregadas non será de aplicación cando a solicitude agrupe, cando menos, tres concellos limítrofes da mesma provincia, ou dous no caso de que un deles sexa resultado da fusión de dous ou máis concellos.

Segundo. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria para o ano 2024 e 2025, en réxime de concorrencia competitiva, respectando os principios de obxectividade, igualdade, transparencia e publicidade, das axudas e subvencións para a realización de programas de emprego dirixidos a mellorar a ocupabilidade, a cualificación e a inserción profesional das persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil (etapa de formación e aprendizaxe) no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Estes programas de emprego configúranse como programas mixtos de emprego e formación que teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas participantes, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente co dito traballo, procure a súa cualificación profesional e a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.

A súa programación integrarase, na medida do posible e conforme os itinerarios de inserción profesional que se definan, en proxectos que dean resposta ás demandas do mercado de traballo e sexan capaces de activar o desenvolvemento territorial, xerar riqueza e, consecuentemente, crear postos de traballo.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 7 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a realización de programas de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil (formación e aprendizaxe) no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para os anos 2024 e 2025, cofinanciada pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 (código de procedemento TR353B).

Cuarto. Importe

O importe total da convocatoria ascende a 6.583.332,00 euros e financiarase con cargo á aplicación 13.50.322A.460.2 (proxecto 2023 00111), correspondendo a cada unha das anualidades 2024 e 2025 un importe de 3.291.666,00 euros, respectivamente.

Esta convocatoria enmárcase dentro do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, cofinanciado cunha porcentaxe do 60 % polo Fondo Social Europeo plus.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2024

Elena Rivo López
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade