DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 20 de febreiro de 2024 Páx. 14500

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 9 de febreiro de 2024, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e para o desenvolvemento das actuacións do Plan Corresponsables, cofinanciadas parcialmente pola Unión Europea no marco do Programa operativo FSE+ Galicia 2021-2027, e se convocan para o ano 2024 (códigos de procedemento SI427A e SI436B).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 4, determina que lles corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos na vida política, económica, cultural e social.

En desenvolvemento destas competencias aprobáronse dúas leis galegas en materia de igualdade: a Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, e a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia. Na actualidade, a normativa de aplicación está recollida na Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia. No seu artigo 20, entre outros, recóllese como un dos principios de actuación transversal o fomento da comprensión da maternidade como unha función social, para evitar os efectos negativos sobre os dereitos da muller e, ademais, instrumentar outros efectos positivos. Deste modo, a Administración autonómica promoverá o apoio directo para facer fronte ás cargas e coidados que supoñen o embarazo, o parto, a crianza e a socialización dos fillos e das fillas, co fin de que non constitúan discriminación para as mulleres. Así mesmo, desenvolverá as súas competencias para que se materialice, na práctica, esa comprensión da maternidade como unha función social e deixe de ser unha carga exclusiva das nais e motivo de discriminación para as mulleres.

Así mesmo, conforme o artigo 74, entre outros, garantirá o dereito á igualdade de trato das mulleres e das nenas con discapacidade. Alén diso, fomentará a igualdade de oportunidades en relación coas demais mulleres e cos homes, con ou sen discapacidade. Serán obxecto de especial tratamento as situacións de discriminación múltiple e interseccional por mor do sexo e da discapacidade, ou por mor do sexo, da discapacidade e doutros factores de discriminación, ao considerar que a confluencia de dous ou máis factores de discriminación ten un efecto exponencial na situación de desigualdade. Terase en conta, así mesmo, a consideración específica das situacións de discriminación múltiple ou interseccional por razón de sexo, de discapacidade e de calquera outra causa de discriminación, ou das situacións de vulnerabilidade particular de mulleres maiores con discapacidade, cabezas de familias monoparentais ou en risco de exclusión social.

A promoción da igualdade entre mulleres e homes constitúe tamén un obxectivo básico e prioritario das políticas autonómicas, que ten o seu reflexo nas ditas normas, na planificación estratéxica, así como na sucesiva elaboración de plans no eido da igualdade, nos cales, entre outros, se recollen obxectivos e actuacións específicas para dar resposta ás necesidades das mulleres en situación de especial vulnerabilidade, impulsar a participación destas mulleres e tomar en consideración as súas necesidades específicas, co fin de avanzar na construción dunha sociedade máis próspera, plural e cohesiva, na cal a igualdade entre mulleres e homes sexa cada vez máis unha realidade efectiva en todos os espazos da vida pública e privada de Galicia.

Neste senso, no VIII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027, inclúese o ámbito 6. Apoderamento, sororidade e participación social, no cal se recolle a participación das entidades de iniciativa social no seu desenvolvemento, en particular na súa prioridade de actuación 6.1. Apoiar o apoderamento individual e colectivo das mulleres, na cal se inclúe a liña de acción 6.1.2. Continuidade do impulso á realización de actividades para promover o apoderamento e a autonomía individual das mulleres, con especial atención ás necesidades daquelas en situación de vulnerabilidade, das mulleres maiores e á redución da fenda dixital, na cal se enmarca a presente convocatoria de axudas.

O Plan Corresponsables é unha nova política pública promovida polo Ministerio de Igualdade, concretamente pola Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, que ten por obxecto iniciar o camiño cara á garantía do coidado como un dereito en España desde a óptica da igualdade entre mulleres e homes, ao abeiro da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes. O artigo 14 establece que lles corresponde aos poderes públicos establecer medidas que aseguren a conciliación do traballo e da vida persoal e familiar das mulleres e dos homes, así como o fomento da corresponsabilidade nos labores domésticos e na atención á familia, e o artigo 44 sinala que os dereitos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral se lles recoñecerán aos traballadores e ás traballadoras de forma que fomenten a asunción equilibrada das responsabilidades familiares, co fin de evitar toda discriminación baseada no seu exercicio.

O II Plan galego de benestar laboral, conciliación e corresponsabilidade 2022-2025 ten por finalidade a consolidación e a visibilización de actuacións de distinta índole que incidan na conciliación, desde a base da corresponsabilidade familiar, poñendo o foco nunha repartición equitativa das responsabilidades doméstico-familiares entre mulleres e homes, en liña coas últimas decisións adoptadas pola Comisión Europea, que tratan de apoiar a conciliación da vida familiar e da vida profesional, a través da mobilización de instrumentos financeiros e instando a reorientación dos recursos existentes do orzamento da Unión Europea de cara a investimentos prioritarios que contribúan á súa consecución. Así mesmo, promóvese a dignificación dos coidados e a calidade do emprego neste ámbito e das persoas profesionais, e foméntase mesmo a ruptura de estereotipos que levan á feminización dos coidados e á infrarrepresentación dos homes neste ámbito.

Segundo dispón o Decreto 123/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a Secretaría Xeral da Igualdade ten atribuídas, entre outras funcións, impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como á eliminación da violencia de xénero, incorporar o principio de igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes en todas as normas, políticas, actuacións, plans e estratexias da Xunta de Galicia, en cumprimento do principio de transversalidade, así como promover programas e normas dirixidos á promoción do exercicio efectivo dos dereitos das mulleres, a incrementar a súa participación na vida económica, laboral, política, social e cultural e a eliminar as discriminacións existentes entre sexos, e establecer relacións e canles de participación con asociacións, fundacións e outros entes e organismos que teñan entre os seus fins a consecución da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

As bases reguladoras e a convocatoria destas axudas axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño); no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro); no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG núm. 214, do 5 de novembro), e no que resulte de aplicación, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, do 18 de novembro), e no seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo (BOE núm. 176, do 25 de xullo).

No caso das axudas previstas nesta resolución para o desenvolvemento de programas de recursos integrais de atención especializada dirixidos específica e exclusivamente a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, cofinanciados pola Unión Europea nun 60 % no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, tamén é de aplicación e dáse debido cumprimento ao previsto no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como ás normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e a política de visados; no Regulamento (UE) 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) 1296/2013; e nas normas de subvencionabilidade ditadas pola autoridade de xestión para o período 2021 2027. Ademais, neste programa de recursos integrais de atención especializada dirixidos específica e exclusivamente a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, incorpórase o establecemento de métodos de custos simplificados, conforme o disposto no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño.

Por todo o exposto, unha vez obtidos os informes preceptivos na tramitación, e autorizada mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia a concesión de anticipos de ata o 90 % da subvención concedida, sen constitución de garantías, en uso das atribucións que me foron conferidas,

RESOLVO:

CAPÍTULO I

Disposicións comúns

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e a convocatoria no ano 2024 das axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o desenvolvemento dos seguintes programas:

a) Programas de recursos integrais de atención especializada dirixidos específica e exclusivamente a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, segundo o establecido na disposición adicional única desta resolución (procedemento SI427A; capítulo II desta resolución).

b) Programa do Plan Corresponsables para o desenvolvemento de actuacións orientadas a facilitar a conciliación das familias con menores a cargo de ata 16 anos de idade mediante a creación de bolsas de coidado profesional, a través da creación de emprego de calidade no sector dos coidados, e plans de formación e sensibilización en corresponsabilidade e coidados destinados aos homes e ás familias (procedemento SI436B; capítulo III desta resolución).

2. Para os efectos desta convocatoria, é posible solicitar a axuda para ambos os dous procedementos.

3. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, igualdade, non-discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2. Financiamento

1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un crédito por un importe total de dous millóns douscentos sesenta e un mil cincocentos corenta e sete euros (2.261.547,00 euros), que se imputan ás aplicacións orzamentarias seguintes:

Programa e procedemento

Aplicación

Cód. de proxecto

Importe

Artigo 1.a) - SI427A

13.20.313B.481.2

2023 00096

1.761.547,00

Artigo 1.b) - SI436B

13.20.312G.481.2

2021 00175

   500.000,00

As axudas do procedemento SI427A estarán cofinanciadas nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 no obxectivo político 4. Unha Europa máis social e inclusiva, por medio da aplicación do piar europeo de dereitos sociais; prioridade 2. Inclusión social e loita contra a pobreza; obxectivo específico 4.8. Fomentar a inclusión activa co obxecto de promover a igualdade de oportunidades, a non-discriminación e a participación activa e mellorar a empregabilidade, en particular para os grupos desfavorecidos; medida 2.H.03. Programa de atención a mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

As axudas do procedemento SI436B estarán financiadas con fondos finalistas dos orzamentos xerais do Estado (PGE) procedentes do Ministerio de Igualdade, no marco do Plan Corresponsables, a través da liña de actuación 00524-Plan Corresponsables.

2. O importe máximo inicial do crédito destinado ás axudas obxecto desta convocatoria poderá ser ampliado en función das solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias, nos supostos e nas condicións previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento do importe queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda e, para o caso particular do procedemento SI427A, logo de informe favorable da modificación orzamentaria por parte do organismo intermedio do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 (actualmente, a Dirección Xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos). A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que isto implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Compatibilidade con outras axudas e ingresos xerados

1. No procedemento SI427A (programas de recursos integrais de atención especializada dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade) as subvencións para as actuacións e actividades recollidas nesta convocatoria son incompatibles con calquera outra axuda pública para a mesma actuación ou actividade.

2. No procedemento SI436B (Programa do Plan Corresponsables) é posible a concorrencia con calquera outra axuda para o mesmo obxecto e finalidade, pero o seu importe en ningún caso poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo das accións subvencionadas.

En caso de que o conxunto das axudas supere o custo das actividades ou gastos subvencionables, esta axuda reducirase na cantidade necesaria ata acadar o cumprimento do establecido anteriormente.

3. Se a actividade ou actuación subvencionada xera ingresos como consecuencia de taxas de inscrición, matrículas ou equivalentes, o seu importe será deducido do gasto subvencionable despois de aplicar o tipo fixo no momento de concesión da axuda, en atención aos declarados, obtidos ou previstos na solicitude de axuda. Para o caso de que os ingresos obtidos non se fixesen constar na solicitude ou fosen superiores aos declarados nela, a dedución farase ou reaxustarase no momento do pagamento final.

No caso do programa Plan Corresponsables (SI436B), cando as entidades teñan establecido o pagamento dunha taxa pola prestación do servizo, deben establecer criterios de renda e ter en conta as cargas familiares nos prezos de acceso ao servizo para as persoas usuarias, tendentes a favorecer a gratuidade e a universalidade das actuacións. Os ingresos obtidos das cotas para o acceso das familias con maiores ingresos económicos deberán reverter no propio Plan Corresponsables e recollerse na xustificación que se vaia presentar; no caso contrario, a dedución farase ou reaxustarase no momento do pagamento final.

Artigo 4. Presentación de solicitudes e prazo

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 5. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar con cada solicitude (anexo I.1 ou I.2, segundo a liña de subvención solicitada) a seguinte documentación:

a) Anexo II.1 ou II.2: certificación expedida pola secretaría da entidade en que se faga constar, entre outros, o acordo de solicitar a subvención ao abeiro desta resolución.

b) Anexo III.1 ou III.2: memoria descritiva do programa para o cal se solicita a axuda, debidamente asinada pola persoa que exerce a representación da entidade solicitante.

c) Anexo IV (só para o procedemento SI427A): ficha individualizada da/do profesional que desenvolva ou vaia desenvolver servizos, actuacións ou actividades no programa, asinada pola persoa responsable da entidade e polo/pola profesional.

Achegarase unha ficha individualizada por cada un/unha dos/das profesionais que desenvolvan ou vaian desenvolver o programa e deberán numerarse co mesmo ordinal con que figure na epígrafe da memoria referente á relación e perfil dos/das profesionais que van participar directamente na execución do programa.

d) Documentación acreditativa da representación que exerce a persoa que asina a solicitude para actuar en nome da entidade cando se lle atribúa a persoa distinta á designada no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

e) Cando se trate dunha entidade de segundo nivel (federación, confederación ...), certificación da/do secretaria/o, conformada pola persoa que asine a solicitude, acreditativa das asociacións e federacións integradas. Especificarase respecto de cada unha delas a denominación e o NIF.

f) Calquera outra documentación que a entidade solicitante entenda que é pertinente para unha mellor valoración da solicitude ou para maior detalle na descrición do programa mediante a presentación dunha memoria complementaria, para os efectos de ampliar a información requirida no anexo III.1 e/ou anexo III.2, e cuxa extensión non poderá exceder os 6 folios.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideren obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para tramitar estes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa que actúa en representación da entidade solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

d) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario (anexo I.1 e/ou I.2) e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 8. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no número 4 do citado artigo.

Artigo 9. Emenda da solicitude

1. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente requirirá a persoa solicitante para que, no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de que se dite resolución nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os citados requirimentos de emenda faranse mediante publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal producirá os mesmos efectos da notificación.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución, poderáselle requirir á persoa solicitante que achegue a información e a documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.

Artigo 10. Instrución dos procedementos e Comisión de Valoración

1. A instrución dos procedementos previstos nesta resolución correspóndelle á Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade.

Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos serán remitidos á Comisión de Valoración.

2. De conformidade co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as solicitudes serán examinadas por unha comisión de valoración, coa seguinte composición:

– Presidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade ou persoa en quen delegue.

– Secretaría: exercerá a secretaría unha das persoas que actúan como vogais da Comisión.

– Vogalías: a persoa titular do Servizo de Programación, Cooperación Institucional e Planificación e a do Servizo de Fomento e Promoción da Igualdade.

No caso de ausencia dalgunha das persoas que integran a Comisión de Valoración, será substituída pola persoa funcionaria designada pola persoa que exerza a secretaría xeral da Igualdade.

Na composición da Comisión de Valoración procurarase a presenza equilibrada de mulleres e homes, segundo o disposto na disposición adicional primeira da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.

3. A Comisión de Valoración poderá requirirlles ás entidades solicitantes das subvencións información ou documentación adicional aclaratoria que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e relación directa para unha mellor valoración das solicitudes.

4. Avaliadas as solicitudes seguindo os criterios e pautas de baremación establecidos no artigo 11 desta convocatoria, a Comisión de Valoración emitirá un informe segundo o cal o órgano instrutor lle formulará proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou a denegación da subvención solicitada, e proporá a concesión da subvención segundo a orde de puntuación e polo importe da axuda que corresponda ata esgotar o crédito dispoñible.

No caso de existiren solicitudes susceptibles de axuda, pero que non se inclúen na proposta de concesión anterior por terse esgotado o crédito dispoñible, quedarán en lista de espera por orde de puntuación para seren atendidas no caso de producirse algunha renuncia ou algún incremento do crédito inicialmente dispoñible. Para estes efectos, o órgano instrutor poderá formular sucesivas propostas de resolución con anterioridade á finalización do prazo de xustificación das axudas.

Así mesmo, no caso de quedar crédito libre despois de adxudicar a contía que lle corresponda a cada unha das entidades que resulten beneficiarias da subvención, e sempre que non exista lista de agarda, este repartirase entre elas a partes iguais, de xeito que se manteña a proporcionalidade derivada da aplicación dos criterios de baremación, co límite da contía máxima da axuda ou, de ser inferior, da contía solicitada.

5. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, para o caso de que concorran solicitudes similares e confluentes de entidades integradas noutras de segundo nivel, unicamente poderá obter subvención unha delas, para o que a Comisión de Valoración proporá a adxudicación da que obteña maior puntuación e a denegación das outras.

Artigo 11. Criterios de valoración

1. Criterios específicos do procedemento SI427A (programas de recursos integrais de atención especializada dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade).

1.1. A Comisión valorará as solicitudes consonte os seguintes criterios:

A) Pola especialización respecto do colectivo de mulleres a que vai dirixido o programa, ata 10 puntos, segundo o seguinte: a) programa dirixido a mulleres en situación de especial vulnerabilidade que pertenzan a un único colectivo específico: 10 puntos; b) programa dirixido a mulleres en situación de especial vulnerabilidade que pertenzan a varios colectivos con características similares: 6 puntos.

B) Temporización do funcionamento do programa dentro do período subvencionable, ata 15 puntos, segundo o seguinte:

B.1) Programa de desenvolvemento ininterrompido durante máis de 10 meses: 15 puntos.

B.2) Programa de desenvolvemento ininterrompido durante máis de 8 e ata 10 meses: 13 puntos.

B.3) Programa de desenvolvemento ininterrompido durante máis de 6 e ata 8 meses: 10 puntos.

B.4) Programa de desenvolvemento ininterrompido durante máis de 4 e ata 6 meses: 7 puntos.

B.5) Programa de duración igual ou inferior a catro meses: ata 4 puntos, 1 punto por cada mes completo de realización ininterrompida.

Para estes efectos, só se terá en conta o período en que exista unha adscrición de persoal ao programa.

C) Polo lugar de desenvolvemento do proxecto ou pola súa localización; ata 15 puntos, segundo o seguinte:

C.1) Programa desenvolvido en establecementos pechados (centros ou pisos de acollida, cárceres, hospitais, centros de recuperación): 15 puntos.

C.2) Programa desenvolvido en concellos cualificados como zonas pouco poboadas (ZPP), zonas intermedias (ZIP) e zonas densamente poboadas (ZDP), segundo os estudos ou datos publicados polo IGE, ata 15 puntos, segundo o seguinte: a) programa desenvolvido en concellos ZPP: 15 puntos; b) programa desenvolvido en concellos ZIP: 10 puntos; c) programa desenvolvido en concellos ZDP: 5 puntos.

No caso de que o programa se desenvolva en varios concellos e a súa cualificación sexa distinta segundo os datos publicados polo IGE, para os efectos da aplicación deste criterio terase en conta a cualificación da maioría dos concellos en que se desenvolve o programa.

D) Polo interese, calidade, necesidade e polo seu contido e carácter integral: ata 54 puntos, segundo o seguinte:

D.1) Descrición precisa do programa, da súa xustificación e coherencia coas necesidades sociais que se pretenden cubrir: 6 puntos.

D.2) Polo carácter integral do programa presentado, con respecto ás actuacións establecidas no artigo 24.5 desta resolución: ata 30 puntos, segundo o seguinte: a) polo desenvolvemento, como mínimo, dunha actuación en cada unha das seis epígrafes recollidas no artigo 24.5: 30 puntos; b) polo desenvolvemento, como mínimo, dunha actuación en cinco das epígrafes recollidas no artigo 24.5: 25 puntos; c) polo desenvolvemento, como mínimo, dunha actuación en catro das epígrafes recollidas no artigo 24.5: 20 puntos; d) polo desenvolvemento, como mínimo, dunha actuación en tres das epígrafes recollidas no artigo 24.5: 15 puntos; e) polo desenvolvemento, como mínimo, dunha actuación en dúas das epígrafes recollidas no artigo 24.5: 10 puntos; f) polo desenvolvemento, como mínimo, dunha actuación nunha das epígrafes recollidas no artigo 24.5: 5 puntos.

Para estes efectos, só se terán en conta as actuacións que leve a cabo o persoal adscrito ao programa e que conte coa titulación académica correspondente para levar a cabo o dito servizo.

D.3) Por levar a cabo actuacións de adquisición de competencias dixitais: 9 puntos.

D.4) Por levar a cabo actuacións de adquisición de competencias en actividades non feminizadas: 9 puntos.

E) Polo emprego dunha linguaxe inclusiva en toda a documentación que se presente para tramitar o procedemento: 6 puntos.

1.2. No caso de empate na puntuación, para o caso de que algunha delas poida quedar en lista de agarda, para o desempate, en primeiro lugar, terá preferencia a solicitude que obteña maior puntuación no criterio D) do número 1 anterior en segundo lugar pola obtida no criterio A); e se persiste o empate, pola obtida no criterio E). De seguir o empate, pola data e hora de presentación da solicitude.

1.3. Ata esgotar o crédito dispoñible, a contía da subvención calcularase aplicando ao gasto subvencionable as porcentaxes de intensidade de axuda que se indican a continuación, en función da puntuación obtida na valoración realizada unha vez aplicados os criterios establecidos no punto 1.1 deste artigo:

– Entre 95 e 100 puntos: 100 % do gasto subvencionable.

– Entre 85 e inferior a 95 puntos: 90 % do gasto subvencionable.

– Entre 75 e inferior a 85 puntos: 80 % do gasto subvencionable.

– Entre 65 e inferior a 75 puntos: 70 % do gasto subvencionable.

– Entre 55 e inferior a 65 puntos: 60 % do gasto subvencionable.

– Entre 45 e inferior a 55 puntos: 50 % do gasto subvencionable.

2. Criterios de valoración do procedemento SI436B (Programa do Plan Corresponsables). A Comisión valorará as solicitudes consonte os criterios seguintes:

2.1. Criterios obxectivos de valoración das entidades solicitantes:

a) Pola experiencia na xestión e execución de programas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Valorarase a especialización e experiencia na xestión e execución de programas de similar natureza aos programas para os cales solicita subvención nos tres anos anteriores á publicación da convocatoria, máximo 10 puntos: 1 ano: 4 puntos; máis de 1 ano e ata 3 anos: 7 puntos; máis de 3 anos: 10 puntos.

b) Volume de recursos humanos. Valorarase o número de persoal contratado pola entidade solicitante no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia no ano 2023, máximo 10 puntos: ata 3 persoas: 4 puntos; máis de 3 persoas e ata 6 persoas: 7 puntos; máis de 6 persoas: 10 puntos.

c) Proporción do emprego de persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, mulleres vítimas de violencia de xénero ou mulleres maiores de 45 anos en relación co número total de persoas remuneradas no ano 2023, máximo 10 puntos: máis do 2 % e ata o 10 %, 4 puntos; máis do 10 % e ata o 25 %, 7 puntos; máis do 25 %, 10 puntos.

2.2. Criterios específicos:

2.2.1. Bolsas de coidado profesional de menores en familias con menores a cargo de ata 16 anos de idade, cun máximo de ata 70 puntos:

a) Polo número de horas de posta á disposición e prestación das bolsas de coidados por día, máximo 30 puntos: ata 2 horas diarias: 10 puntos; máis de 2 horas e ata 4 horas ao día: 20 puntos; máis de 4 horas ao día: 30 puntos.

b) Pola duración e continuidade das actuacións que se van desenvolver, ata 25 puntos: ata dous meses: 5 puntos, máis de dous meses e ata catro meses: 10 puntos; máis de catro meses e ata sete meses: 20 puntos; máis de 7 meses: 25 puntos.

c) Pola posta á disposición e prestación de bolsas de coidados en días festivos e/ou fins de semana: 15 puntos.

2.2.2. Plans de sensibilización e formación en corresponsabilidade destinados aos homes e ás familias, cun máximo de ata 50 puntos:

a) Polo número de actividades ou número de edicións da mesma actividade que se van desenvolver, máximo 40 puntos: 1 actividade: 10 puntos; 2 actividades: 15 puntos; 3 actividades: 20 puntos; 4 actividades: 30 puntos; máis de 4 actividades: 40 puntos.

b) Se se posibilita a formación en liña: 5 puntos.

c) Polo emprego dunha linguaxe inclusiva en toda a documentación que se presente para a tramitación do procedemento: 5 puntos.

2.3. No suposto de que unha entidade solicite a subvención para levar a cabo ambas as dúas tipoloxías de proxectos (bolsas de coidado e plans de sensibilización/formación), a puntuación máxima que pode acadar na valoración dos criterios específicos do Plan Corresponsables establecidos nos puntos 2.2.1 e 2.2.2 anteriores (bolsas de coidado e plans de sensibilización/formación) non poderá exceder os 70 puntos en total, polo que, se excede, corresponderán 70 puntos.

2.4. No caso de empate na puntuación para o caso de que algunha delas poida quedar en lista de agarda, para o desempate terá preferencia segundo a puntuación obtida en cada criterio de valoración, seguindo a orde establecida neste artigo, ata que se produza o desempate. De seguir o empate, pola data e hora de presentación da solicitude.

2.5. Ata esgotar o crédito dispoñible, a contía da subvención calcularase aplicando ao gasto subvencionable as porcentaxes de intensidade de axuda que se indican a continuación, en función da puntuación obtida na valoración realizada unha vez aplicados os criterios establecidos nos puntos 2.1 e 2.2 deste artigo:

– Entre 85 e 100 puntos: 95 % do gasto subvencionable.

– Entre 75 e inferior a 85 puntos: 90 % do gasto subvencionable.

– Entre 65 e inferior a 75 puntos: 80 % do gasto subvencionable.

– Entre 55 e inferior a 65 puntos: 75 % do gasto subvencionable.

– Entre 40 e inferior a 55 puntos: 70 % do gasto subvencionable.

– Inferior a 40 puntos: 60 % do gasto subvencionable.

Artigo 12. Resolución e notificación

1. De conformidade co previsto na disposición adicional primeira do Decreto 123/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, por proposta do órgano instrutor e logo da fiscalización por parte da Intervención Delegada, a resolución destas axudas correspóndelle á secretaria xeral da Igualdade.

2. O prazo para resolver e notificarlles ás entidades interesadas será de catro meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada.

3. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva e de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as resolucións destas subvencións serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal producirá os mesmos efectos da notificación. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como as solicitudes desestimadas, con expresión sucinta dos motivos da desestimación.

4. No caso particular do procedemento SI427A (programas de recursos integrais de atención especializada dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade), na resolución de concesión será informada a persoa ou a entidade beneficiaria sobre o cofinanciamento polo Programa FSE+ Galicia 2021-2027 e correspondente porcentaxe, con expresión do obxectivo político, prioridade, obxectivo específico e medida. Cando proceda, informarase tamén de que a aceptación da subvención poderá implicar a súa aparición na lista de operacións, que se publicará nos termos establecidos no artigo 49.3 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.

Así mesmo, na resolución de concesión estableceranse as condicións da axuda a que quedan sometidas as entidades beneficiarias derivadas da aceptación da subvención, en especial os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o prazo de execución.

5. Unha vez notificada a resolución de concesión da subvención, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez (10) días a súa aceptación e comprometerse a executar o programa ou actuación subvencionados no prazo e nas condicións establecidos na convocatoria. No caso de non comunicar o dito aspecto no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada.

6. As notificacións de resolucións e actos administrativos distintos aos previstos no punto 3 deste artigo e no artigo 9.1 desta resolución efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

7. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

8. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

9. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda a el.

10. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Réxime de recursos

1. A presente resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interporse recurso potestativo de reposición ante a secretaria xeral da Igualdade no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da súa publicación no mesmo diario oficial.

2. As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro da presente resolución porán fin á vía administrativa e contra elas poderá interporse recurso potestativo de reposición ante a secretaria xeral da Igualdade no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados, desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

Artigo 14. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O órgano competente para a concesión destas axudas, nos supostos en que proceda, poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria e coa debida antelación. Estas bases habilitan para aprobar, nos supostos en que proceda, as modificacións atendendo aos obxectivos e aos requisitos da convocatoria e demais normativa aplicable.

Artigo 15. Prazo e xustificación da subvención

1. Procedemento SI427A (programas de recursos integrais de atención especializada dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade).

1.1. As entidades beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa da realización do programa subvencionado con data límite do 12 de setembro de 2024.

1.2. As actuacións xustificaranse a través das modalidades de custos simplificados, consonte o disposto nos artigos 53, 55 e 56 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, segundo módulo ou custo unitario por hora efectivamente traballada, calculado sobre o correspondente custo directo de persoal, máis un 20 % en concepto de gastos directos e indirectos derivados do programa, segundo o establecido no artigo 24.7 desta resolución.

1.3. Dentro do prazo sinalado no número 1.1 deste artigo, deberá presentarse a seguinte documentación xustificativa:

a) Solicitude de pagamento debidamente asinada pola persoa que ten a representación da entidade (anexo V).

b) Anexo VI: declaración complementaria e actualizada na data da xustificación de todas as axudas solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma actuación ou actividade, das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais ou, se é o caso, declaración de que non se solicitaron outras axudas ou subvencións; y declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009 polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

c) Anexo VII: memoria xustificativa do programa subvencionado debidamente asinada pola persoa representante da entidade.

A memoria virá acompañada dun exemplar de todos os materiais elaborados, carteis, folletos, material didáctico, fotografías e outros documentos onde deberán figurar os logotipos da Unión Europea (FSE+) e a imaxe corporativa da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, para os efectos de acreditar a realización da actividade e o cumprimento das obrigas de publicidade e información recollidas no artigo 17.4 desta resolución.

d) Follas mensuais das horas efectivamente traballadas dedicadas á atención de mulleres en situación de especial vulnerabilidade no programa subvencionado, do persoal dedicado ao programa, con indicación das tarefas realizadas en relación coa atención a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, asinadas pola/polo profesional e pola persoa responsable da entidade, respecto de todas as persoas adscritas ao programa obxecto de subvención. Debe utilizarse obrigatoriamente o modelo publicado para esta convocatoria de 2024 na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

e) Copia dos contratos de traballo do persoal adscrito ao programa. Para o caso de persoal externo, copia do contrato mercantil.

f) Informe de vida laboral do/dos código/s de cotización da entidade no/nos cal/cales estea incluído o persoal adscrito ao programa correspondente ao período subvencionable.

g) Relación numerada das mulleres en situación de especial vulnerabilidade atendidas no período subvencionable, asinada pola persoa responsable do programa. Está relación terá que presentarse no modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

h) Folla individualizada de seguimento de cada unha das mulleres participantes, onde conste cronoloxicamente a intervención ou intervencións realizadas coa usuaria (data da intervención, profesional que a realiza, tipo de intervención e duración), no modelo publicado na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade para esta convocatoria de 2024.

A folla individualizada de seguimento debe estar asinada pola usuaria e polo/pola profesional que realiza a/as intervención/s e numerada co mesmo ordinal co cal figure na relación indicada na alínea g) anterior.

Para os efectos desta convocatoria, non serán computables as persoas que non se identifiquen nin aquelas das cales non consten os datos dos indicadores de realización e de resultados na aplicación informática Participa 2127 e das cales non teñan debidamente cubertas as fichas individualizadas de seguimento.

i) Calquera outra documentación que a entidade solicitante entenda que é pertinente para un mellor detalle na xustificación da realización do programa, mediante a presentación dunha memoria complementaria para os efectos de ampliar a información requirida no anexo VII e cuxa extensión non poderá exceder os 6 folios.

1.4. Co obxecto de homoxeneizar a documentación xustificativa prevista nas letras d), g) e h) do punto 1.3 anterior, esta deberá presentarse obrigatoriamente nos modelos publicados na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

Respecto dos cuestionarios de indicadores de realización e de resultados, empregaranse os modelos dispoñibles na aplicación Participa 2127.

2. Procedemento SI436B (Plan Corresponsables):

2.1. As entidades beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa da realización do programa subvencionado con data límite do 11 de outubro de 2024.

2.2. A xustificación realizarase a custo real mediante a presentación de nóminas, facturas ou documentos de valor probatorio equivalente acreditativos dos gastos de persoal correspondentes ás actuacións subvencionadas.

2.3. Dentro do prazo sinalado no número 2.1 deste artigo, deberá presentarse a seguinte documentación xustificativa:

a) Solicitude de pagamento debidamente asinada pola persoa que ten a representación da entidade (anexo V).

b) Anexo VI: declaración complementaria e actualizada na data da xustificación de todas as axudas solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma actuación ou actividade das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais ou, se é o caso, declaración de que non se solicitaron outras axudas ou subvencións; e declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

c) Anexo VIII: certificación do gasto subvencionable. Nesta certificación reflectiranse, respecto de cada un/unha dos/das profesionais que desenvolveron as bolsas de coidados, os custos reais correspondentes aos gastos directos de persoal polo tempo efectivamente traballado para a execución da actividade subvencionada. Incluirase, así mesmo, o gasto correspondente ao do persoal contratado para o desenvolvemento das actuacións de formación en materia de corresponsabilidade.

Os gastos directos de persoal subvencionables a custo real (nóminas, facturas...) xerados entre o 1 de outubro de 2023 e o 30 de setembro de 2024 deberán estar efectivamente pagados na data de finalización do prazo de xustificación da subvención, o 11 de outubro de 2024. Para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando quede xustificado o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias.

Non obstante o anterior, cando formen parte da conta xustificativa documentos de gastos que comporten ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe destes ingresos ou cotas considérase xustificado coa presentación do documento de gasto en que se reflicta o importe da retención ou cotización devindicadas na data de xustificación. As entidades beneficiarias quedan obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso en período voluntario. En todo caso, a dita presentación terá como data límite o derradeiro día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria.

d) Para xustificar o custo real dos gastos directos de persoal, terá que presentarse copia dos seguintes documentos:

– No caso de persoal propio da entidade beneficiaria: o/os contrato/s de traballo e as nóminas e recibos de liquidación de cotizacións, así como a relación nominal de persoas traballadoras e documentos bancarios que acrediten a súa realización e pagamento.

– No caso de contratación mercantil dos gastos de persoal: facturas ou documentos con valor probatorio equivalente polo importe correspondente ao persoal contratado, así como os correspondentes xustificantes bancarios acreditativos do seu pagamento. No xustificante bancario deberán constar o número de factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa pagadora e a da/das destinataria/s do pagamento, que deberá coincidir coa que emite a factura.

– En todo caso: os contratos de traballo subscritos no marco deste programa –tamén aqueles nos cales se amplíe ou se mellore a xornada (tanto no caso de persoal propio da entidade beneficiaria coma no caso de contratación mercantil)– deberán incluír a cláusula seguinte: «Este contrato será obxecto de financiamento a través do Plan Corresponsables».

– De ser o caso: modelo 190 de resumo anual, retención de ingresos á conta do IRPF (modelo 111) correspondentes ao período durante o cal se desenvolveu a medida ou actividade subvencionada, unha vez que se dispoña deles segundo o indicado no último parágrafo da alínea d) do punto 2.3. deste artigo, e xustificantes bancarios do ingreso do modelo 111 do IRPF.

e) Anexo IX: memoria xustificativa da medida subvencionada, con descrición detallada da execución das bolsas de coidados, incluíndo a relación de servizos realizados, as persoas profesionais que desenvolveron os servizos, as familias ás cales prestaron os servizos de bolsas de coidado e as persoas mozas de ata 16 anos que se beneficiaron directamente desas bolsas de coidados. Incluiranse a descrición da tipoloxía e lugar onde se desenvolveron os servizos das bolsas de coidado.

No que respecta aos datos das persoas, teranse que desagregar necesariamente por sexo, e incluiranse as desagregacións por colectivos prioritarios destas bolsas de coidado e do persoal para levalas a cabo, segundo o explicitado no artigo 27 desta resolución.

A memoria virá acompañada dun exemplar de todos os materiais elaborados, carteis, folletos, material didáctico, fotografías e outros documentos onde deberán figurar os logotipos da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, do Ministerio de Igualdade e a imaxe gráfica do Plan Corresponsables, para os efectos de acreditar a realización da actividade e o cumprimento das obrigas de publicidade e información recollidas no artigo 17.4 desta resolución.

f) No caso de que se desenvolvesen accións de formación, engadirase unha memoria detallada das actividades e dos módulos das actividades de formación de coidados e de corresponsabilidade dirixidos aos homes e ás familias, coa relación delas e das persoas participantes.

g) Unha relación numerada das persoas participantes. A dita relación deberá estar asinada pola persoa responsable do programa acreditativa da atención recibida no modelo publicado na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

Esta relación será única para todas as actuacións e actividades da medida subvencionada, con independencia de que os fillos ou as fillas participasen nunha ou en varias das actuacións.

h) Para o caso de mulleres contratadas vítimas de violencia de xénero, documento acreditativo desta situación segundo o previsto no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero.

Co obxecto de homoxeneizar a documentación xustificativa prevista nas letras f) e g) do punto 2.3 anterior, esta deberá presentarse obrigatoriamente nos modelos publicados na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

3. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido para o efecto comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e as demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

4. No caso de que a xustificación sexa incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez (10) días, e advírteselle que, de non o facer, logo de resolución, se revogará a subvención e, de ser o caso, se realizará o reintegro da contía percibida coa exixencia dos xuros de demora.

Artigo 16. Pagamento da subvención

1. Realizarase un primeiro pagamento do 90 % da contía da subvención concedida en concepto de pagamento anticipado, que se fará efectivo unha vez realizada a notificación da resolución de concesión. As entidades beneficiarias quedan exoneradas da obriga de constituír garantías.

2. O 10 % restante, ou a parte que corresponda, librarase unha vez comprobada a xustificación presentada pola entidade beneficiaria e o cumprimento dos demais requisitos fixados nesta resolución.

3. Procederá a minoración do importe da subvención concedida ou, de ser o caso, a perda do dereito ao seu cobramento nos termos e nos casos previstos no artigo 19 e nos demais supostos previstos na normativa de aplicación relacionada no artigo 21 desta resolución.

Artigo 17. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, os requisitos e obrigas exixidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como as condicións e obrigas establecidas nesta resolución e demais que resulten exixibles segundo a normativa xeral de aplicación, en particular, as seguintes:

1. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos, executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención dentro do período e prazos establecidos nesta convocatoria, así como o cumprimento dos requisitos, condicións e obrigas que resultan da normativa de aplicación. En todo caso, terase que acreditar que as actividades desenvolvidas responden a unha actividade desta convocatoria.

2. Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria, coa finalidade de garantir o exercicio adecuado das facultades de comprobación e control. Así mesmo, conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

3. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

4. Dar cumprimento á obriga de dar adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, nos termos que se indican a continuación para cada un dos programas:

– Programa Plan Corresponsables (SI436B): en todo tipo de publicidade e información relativos á actuación e actividades subvencionadas terá que constar a condición de financiada pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e polo Ministerio de Igualdade. Así mesmo, en todos os documentos relacionados con estas subvencións deberán incluírse os logotipos da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, e do Ministerio de Igualdade, xunto coa imaxe gráfica do Plan Corresponsables.

En todo caso, nos espazos que utilice a entidade para realizar as actividades informarase do financiamento público a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 nun lugar destacado e visible, segundo o modelo dispoñible na páxina web da Secretaría Xeral de Igualdade.

– Programas de recursos integrais de atención especializada dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade (SI427A): ademais de dar cumprimento á obriga de efectuar axeitada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, tamén se debe cumprir coas medidas de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño. En particular, de conformidade cos artigos 47 e 50 do devandito regulamento, os espazos en que se desenvolvan as actuacións contarán co emblema da Unión Europea xunto coa declaración «Cofinanciado pola Unión Europea». Igualmente, nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 ou dunha pantalla electrónica equivalente con información sobre a operación nun lugar ben visible para o público. Tamén se fará unha breve descrición da actuación na páxina web e nas contas nos medios sociais, no caso de dispor delas, mencionando os obxectivos e resultados e destacando a axuda financeira da Unión Europea. Ademais, en todos os documentos e materiais de comunicación relacionados coa execución da actuación, destinados ao público ou ás persoas participantes, se proporcionará unha declaración que saliente a axuda da Unión Europea de xeito visible.

Na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade están dispoñibles a información, os emblemas da Unión Europea e do órgano concedente, así como un modelo coas características do cartel, emblemas e contido de obrigada inclusión.

5. Someterse ás actuacións de comprobación que poida efectuar a Secretaría Xeral da Igualdade, así como a calquera outra actuación de control que poidan realizar os órganos competentes, tanto autonómicos como estatais, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Para o procedemento SI427A (programas de recursos integrais de atención especializada dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade), por tratarse de axudas cofinanciadas polo Programa FSE+ Galicia 2021-2027, a entidade beneficiaria someterase, ademais, ás actuacións de control, comprobación e inspección e ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, nos termos establecidos no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo; ás de control financeiro que lle correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma; ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas; ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

6. Dar cumprimento á normativa de protección de datos persoais, en concreto, ao disposto no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais (Regulamento xeral de protección de datos); na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e na demais normativa concordante.

As entidades beneficiarias da subvención serán responsables de informar de maneira fidedigna as persoas destinatarias finais do tratamento que levarán a cabo sobre os seus datos, conforme o especificado no artigo 13 do Regulamento xeral de protección de datos, así como dos aspectos incluídos no parágrafo anterior, para o cal solicitarán o seu consentimento explícito. Así mesmo, as entidades beneficiarias serán responsables de custodiar a documentación que acredite o cumprimento destas obrigas.

7. Facilitar toda a información requirida pola Secretaría Xeral da Igualdade, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas, polo Consello de Contas e por outros órganos de control impostos pola normativa no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Para o procedemento SI427A (programas de recursos integrais de atención especializada dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade), as entidades beneficiarias tamén están obrigadas a facilitar toda a información requirida polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 74 a 80 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, que incluirán as correspondentes visitas sobre o terreo, e por outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

8. No caso do procedemento SI427A (programas de recursos integrais de atención especializada dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade), ao estar cofinanciado polo Programa FSE+ Galicia 2021-2027, as entidades beneficiarias, ademais, teñen as seguintes obrigas:

a) Manter rexistros contables independentes ou empregar códigos de contabilidade apropiados para todas as transaccións relacionadas coa operación, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permitan seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados con fondos do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, conservando os documentos xustificativos que permitan a comprobación do ingreso da axuda percibida, incluído o xustificante bancario do ingreso, durante os cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que a autoridade de xestión do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 efectúe o último pagamento ao beneficiario, nos termos establecidos no artigo 82 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

b) Informar as persoas destinatarias de que as actuacións en que participan están financiadas pola Xunta de Galicia (Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade - Secretaría Xeral da Igualdade) e polo Programa FSE+ Galicia 2021-2027, así como dos obxectivos dos fondos. Os emblemas deberán figurar, como mínimo, en todo o material e nos documentos que se utilicen ou se lle entreguen ás usuarias ou participantes.

c) Realizar as actuacións precisas para recoller a información suficiente relativa ao desenvolvemento da prestación que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de realización e de resultados previstos no artigo 17 do Regulamento (UE) 2021/1057.

Os indicadores de realización relativos a cada persoa participante refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación da dita participante coa actuación cofinanciada, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior á finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes, no período de xustificación. Así mesmo, a Administración poderá requirir en calquera momento novos datos relativos á data en que se fagan os seis meses desde que finalice a vinculación da persoa participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento.

Para estes efectos, facilitaránselle á entidade beneficiaria o acceso á aplicación Participa2127 (https://participa2127.conselleriadefacenda.gal/Participa2127) e os oportunos cuestionarios, que terán que respectar o principio de integridade dos datos.

Para dar cumprimento a estes requisitos de información, as entidades beneficiarias deberán introducir os datos do perfil cos indicadores de realización e de resultados das persoas participantes na aplicación Participa 2127. Así mesmo, as entidades beneficiarias deberán custodiar a ficha individualizada de seguimento e os cuestionarios de indicadores de realización e de resultados de cada unha das persoas participantes, coa sinatura da participante, segundo o modelo dispoñible na aplicación Participa 2127.

9. Para o programa do Plan Corresponsables (SI436B), deberase dispor dun plan de prevención de riscos laborais, conforme a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

Artigo 18. Responsabilidade

A organización e materialización das accións obxecto de subvención será responsabilidade exclusiva da entidade beneficiaria. A actuación da Secretaría Xeral da Igualdade quedará limitada ao seu outorgamento e a garantir o cumprimento da normativa en materia de axudas públicas.

Artigo 19. Reintegro e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. Procederá o reintegro total da axuda percibida, máis os xuros de demora, sen prexuízo da incoación de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer a entidade beneficiaria, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas que financien as actuacións subvencionadas.

3. Procederá o reintegro do 10 % da axuda percibida no caso de incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para a mesma finalidade.

4. Procederá a minoración da subvención concedida ou a perda do dereito ao seu cobramento e, de ser o caso, o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas nos supostos establecidos nos artigos 24.10, 24.11 e 27.10 respecto ao correspondente programa dos previstos nesta resolución.

5. Así mesmo, procederá a minoración dun 2 % sobre a contía total da axuda percibida no caso de incumprimento dalgunha das obrigas recollidas no artigo 17, números 2, 4 e 8.b).

6. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 20. Control

1. A Secretaría Xeral da Igualdade poderá levar a cabo as actividades de control que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nesta convocatoria.

2. Todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación e control previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas ou ás que correspondan a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea.

3. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá pór os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, do citado servizo, no seguinte enderezo: https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Paginas/ComunicacionSNCA.aspx. En canto non se habilite outra canle específica para o Programa FSE+ Galicia 2021-2027, os devanditos feitos poderán porse en coñecemento a través do seguinte enderezo: http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

Artigo 21. Remisión normativa

Para todo o non previsto nesta convocatoria observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

Para o procedemento SI427A (programas de recursos integrais de atención especializada dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade), para todo o non previsto nesta convocatoria observarase tamén o disposto no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como nas normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e a política de visados; no Regulamento (UE) 2021/1057, do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) 1296/2013, e nas normas de subvencionabilidade ditadas pola autoridade de xestión para o período 2021-2027.

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 22. Información ás entidades interesadas

Sobre os procedementos administrativos asociados a esta resolución, que teñen os códigos SI427A e SI436B, poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, ou da Secretaría Xeral da Igualdade: http://igualdade.xunta.gal, así como nos teléfonos da Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade 981 54 53 56, 981 54 53 69 (procedemento SI427A) e 981 95 76 89, 981 95 77 83 (procedemento SI436B).

CAPÍTULO II

Programas de recursos integrais de atención especializada dirixidos específica
e exclusivamente a mulleres en situación de especial vulnerabilidade
(código de procedemento SI427A)

Artigo 23. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas neste procedemento (SI427A) as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que cumpran os requisitos, condicións e obrigas previstos nesta convocatoria e na normativa xeral de subvencións e, en particular, os seguintes:

a) Estar inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS).

b) Ter domicilio social ou delegación en Galicia.

c) Non estar en ningunha das circunstancias e prohibicións establecidas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursa en ningunha delas realizarase mediante declaración responsable da entidade interesada.

2. Quedan excluídas do ámbito de aplicación deste procedemento as comunidades de bens, as sociedades civís, as entidades que se rexan polas disposicións relativas ao contrato de sociedade, as cooperativas, as mutualidades, así como as unións temporais de empresas e as agrupacións de interese económico.

3. Todos os requisitos e condicións exixidos deberán cumprirse na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 24. Accións subvencionables

1. No procedemento SI427A (programas de recursos integrais de atención especializada dirixidos específica e exclusivamente a mulleres en situación de especial vulnerabilidade) serán subvencionables, sempre que se cumpran os requisitos e condicións establecidos nesta resolución, as actuacións relacionadas no punto 5 deste artigo, no marco dalgún dos seguintes programas:

a) Programa de recursos integrais específicos para mulleres xestantes ou lactantes en situación de especial vulnerabilidade con fillas ou fillos menores de tres anos.

O programa, para que poida ser obxecto de subvención, debe incluír unha atención integral e especializada a mulleres xestantes e lactantes en situación de especial vulnerabilidade a través de accións dirixidas a promover o seu desenvolvemento persoal, familiar e laboral e a súa autonomía económica e afectiva, co fin de evitar que unha situación desexable se poida converter nun factor de exclusión.

Neste senso, debe conter algunha das actuacións previstas no punto 5 deste artigo, entre elas, de información sobre recursos integrais específicos para elas e as súas fillas e fillos; de acompañamento social e de apoio psicolóxico para a superación de cargas emocionais provocadas pola dita situación; de adquisición de competencias e habilidades persoais e sociais, e para a mellora da empregabilidade, así como servizos ou medidas de apoio na busca ou para o mantemento do emprego.

b) Programa de recursos integrais de atención personalizada e especializada a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, pertencentes a un ou varios colectivos en que concorra a dita situación, segundo a relación que figura na disposición adicional única desta resolución.

O programa debe incluír unha atención personalizada recollida en proxectos de integración individuais en que se plasmen intervencións específicas a través dunha ou varias das actuacións previstas no número 5 deste artigo. O programa debe ter en conta o diferencial feminino e o fomento da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, como elemento básico da atención especializada que deben recibir as mulleres en situación de vulnerabilidade pertencentes ao colectivo ou colectivos a que se dirixe, co obxecto de mellorar as súas expectativas persoais, sociais e laborais de cara á súa integración en termos de igualdade. Tanto as actuacións como a cartelaría e a documentación que dea soporte ás actuacións subvencionables incorporarán unha linguaxe inclusiva e imaxes non sexistas e estereotipadas.

2. Cada entidade só poderá solicitar subvención para o desenvolvemento dun dos programas previstos no punto 1 deste artigo.

3. Non serán subvencionables ao abeiro deste procedemento os programas de atención integral dirixidos en exclusiva a persoas en situación de explotación sexual e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, por contaren cunha convocatoria de axudas específica.

4. Os programas, para poderen ser obxecto de subvención, deben estar dirixidos en exclusiva a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, ben a mulleres pertencentes a un colectivo específico para a súa atención especializada e personalizada, ben a mulleres pertencentes a varios colectivos, preferentemente con características similares respecto das súas necesidades sociais de intervención, así como responder no seu contido e metodoloxía a un enfoque de atención integral e de xénero, de forma que se dea resposta ás singularidades e dificultades que atopan as mulleres pertencentes ao colectivo atendido.

5. As actuacións desenvolvidas no correspondente programa deberán encadrarse nalgún dos seguintes tipos:

a) Servizos de orientación e información sobre recursos singularizados, de atención, orientación e asesoramento persoal e social, así como de apoio directo nas relacións con outras entidades, organismos e servizos que lles faciliten ás persoas usuarias o seu proceso de integración social.

b) Servizo de atención psicolóxica.

c) Servizo de asesoramento xurídico.

d) Servizo de mediación intercultural e/ou familiar.

e) Actividades para a adquisición de habilidades persoais e sociais básicas ou de competencias para a mellora da empregabilidade.

f) Servizos ou medidas de orientación laboral e de acompañamento na busca de emprego, incluído o emprego por conta propia e o emprendemento, así como a prospección do mercado de traballo, a intermediación e a titorización laboral e profesional.

Para os ditos efectos, a atención personalizada a través destes servizos comprenderá tanto as actuacións presenciais e/ou por medios electrónicos coa persoa participante, de forma individual ou grupal, como aqueloutras actuacións que sexan necesarias, que non requiran a presenza da persoa, para dar resposta ás exixencias e singularidades do seu plan personalizado de integración, co obxectivo de incidir na mellora da súa situación persoal, social e laboral, e que consistan no acompañamento, seguimento e derivación activa a outros servizos no marco da coordinación, colaboración e cooperación con administracións públicas, con profesionais ou con outras institucións, públicas ou privadas, dos diferentes ámbitos, tales como servizos sociais comunitarios, centros de información á muller (CIM), sanidade, vivenda, educación, formación e emprego.

Non serán obxecto de subvención as actividades de mero lecer, recreo, deportivas, lúdicas ou culturais.

6. O período de referencia para o desenvolvemento do programa e para a imputación dos gastos subvencionables será o comprendido entre o 1 de setembro de 2023 e o 31 de agosto de 2024, ambos os dous incluídos.

7. Serán gastos subvencionables os derivados da realización do programa obxecto de subvención, referidos a custos directos de persoal, outros custos directos e custos indirectos relacionados, e segundo os termos establecidos no artigo 25 desta resolución.

Para a determinación do gasto subvencionable e do importe da subvención establécese un sistema de custos simplificados segundo o custo unitario por hora efectivamente traballada por cada un/unha dos/das profesionais que leven a cabo as actuacións de atención ás persoas usuarias máis unha porcentaxe de tipo fixo do 20 % para o financiamento doutros custos directos e indirectos vinculados ao desenvolvemento do programa subvencionado. Segundo a actividade profesional que se desenvolva, o custo unitario por hora efectivamente traballada será de:

a) Traballadoras/es pertencentes ao grupo profesional 1 do Convenio colectivo estatal de acción e intervención social 2022-2024: 20,50 euros/hora, máis o 20 % para o financiamento doutros custos directos e indirectos vinculados ao desenvolvemento do programa subvencionado (total: 24,60 euros/hora).

b) Traballadoras/es pertencentes ao grupo profesional 2 do Convenio colectivo estatal de acción e intervención social 2022-2024: 18,01 euros/hora, máis o 20 % para o financiamento doutros custos directos e indirectos vinculados ao desenvolvemento do programa subvencionado (total: 21,61 euros/hora).

c) Traballadoras/es pertencentes ao grupo profesional 3 do Convenio colectivo estatal de acción e intervención social 2022-2024: 15,72 euros/hora, máis o 20 % para o financiamento doutros custos directos e indirectos vinculados ao desenvolvemento do programa subvencionado (total: 18,86 euros/hora).

O correspondente custo unitario por hora efectivamente traballada aplicarase ata un máximo de 1.720 horas por profesional, correspondente a unha dedicación dunha ou dun profesional a xornada completa durante un período de doce meses, de acordo co previsto no artigo 55.2.a) do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño. Neste suposto será necesario acreditar un número mínimo de 40 mulleres atendidas, das cales o 60 % (24) deberá ter realizadas, polo menos, seis intervencións presenciais das recollidas no punto 5 deste artigo. O número de persoas atendidas incrementarase ou minorarase proporcionalmente en función do número de horas totais declaradas pola entidade.

No caso de programas de recursos integrais de atención personalizada e especializada dos previstos no artigo 24.1.b) desenvolvidos en centros ou pisos de acollida para mulleres que precisan dunha especial protección por concorreren nelas diversos factores de especial vulnerabilidade que agravan a situación de exclusión social e laboral, e para as que resulta imprescindible un recurso de acollemento, exixirase para unha dedicación dun ou dunha profesional a xornada completa (1.720 horas) a atención de 15 mulleres, que deberán ter realizadas, polo menos, seis intervencións presenciais das recollidas no punto 5 deste artigo. O número de persoas atendidas incrementarase ou minorarase proporcionalmente en función do número de horas totais declaradas pola entidade.

8. En todo caso, a contía máxima da axuda que se pode conceder a cada entidade ao abeiro desta convocatoria é de 40.000 euros.

9. Non poderán ser beneficiarias desta subvención as entidades que non acaden unha puntuación mínima de 45 puntos segundo os criterios establecidos no artigo 11.1 desta resolución.

10. De ser o caso, a subvención será minorada proporcionalmente cando non se xustifique a totalidade das horas previstas de traballo efectivamente realizado dedicado á atención de mulleres en situación de especial vulnerabilidade tidas en conta para a asignación da subvención, segundo o establecido no punto 7 deste artigo. Tamén procederá a minoración proporcional cando o número de persoas atendidas ou o número mínimo de usuarias con seis intervencións sexan inferiores ao que corresponda segundo as horas efectivamente xustificadas.

No caso de concorrer máis dunha destas causas de minoración, a que supoña menor importe entenderase subsumida na de contía superior.

11. Así mesmo, procederá a minoración do 2 % sobre a contía total da axuda concedida nos seguintes supostos: cando a temporización do programa sexa inferior ao tramo tido en conta na valoración da solicitude, segundo o previsto no artigo 11.1.B), ou cando o número de actuacións desenvolvidas sexa inferior ao tido en conta na valoración da solicitude, segundo o previsto no artigo 11.1.D).2.

Artigo 25. Gastos subvencionables

No procedemento SI427A (programas de recursos integrais de atención especializada dirixidos específica e exclusivamente a mulleres en situación de especial vulnerabilidade) serán gastos subvencionables os derivados da realización das actuacións previstas no artigo 24 desta resolución, no marco dun programa de recursos integrais, correspondentes ás seguintes categorías e conceptos:

1. Gastos directos: terán esta consideración os que estean directamente relacionados coa actuación subvencionada e que, polo tanto, se refiran de forma inequívoca e constatable a ela.

a) Gastos directos de persoal: serán subvencionables as retribucións salariais dos/das profesionais que pertenzan ao persoal propio da entidade, incluídas as pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade beneficiaria, correspondentes á execución do programa para a atención ás mulleres en situación de vulnerabilidade. A identificación da actuación que se subvenciona deberá constar no contrato de traballo ou nunha asignación previa de funcións directas, tanto no caso de que a xornada de traballo estea integramente destinada á execución da dita actuación como no caso de dedicación parcial, garantindo sempre a súa xustificación documental.

No caso de contratación mercantil ou externa, os honorarios ou retribucións salariais correspondentes á execución do programa dos/das profesionais contratados/as co dito fin, logo da asignación de funcións vinculadas ás actuacións, segundo o previsto no artigo 24.5 desta resolución. Deberá quedar suficiente xustificación documental da actuación que se subvenciona e do tempo de dedicación á dita actuación.

Só serán imputables as horas efectivamente traballadas dedicadas á atención a mulleres en situación de especial vulnerabilidade no desenvolvemento do programa.

b) Outros gastos directos: serán subvencionables os seguros destinados a cubrir continxencias de risco derivadas directamente da actuación subvencionada e as axudas de custo e os gastos de locomoción do persoal dedicado á execución do programa necesarios para a atención ás participantes e vinculados ao seu desenvolvemento.

2. Gastos indirectos: gastos correntes que non se corresponden en exclusiva á operación subvencionada por ter carácter estrutural e que resulten necesarios para o seu desenvolvemento: gastos indirectos de persoal (coordinación e tarefas auxiliares); gastos en bens consumibles e en material funxible; gastos de alugamento e de mantemento de instalacións (luz, auga, calefacción, teléfono, limpeza e seguridade).

3. En todo caso, as actuacións que se desenvolvan ao abeiro desta convocatoria deberán cumprir as normas establecidas no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos Fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e a política de visados; e no Regulamento (UE) 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) 1296/2013, e as normas de subvencionabilidade ditadas pola autoridade de xestión para o período 2021-2027.

4. Para os efectos destas axudas, non se considera subvencionable ningún tipo de taxa, tributo ou imposto, agás o imposto sobre o valor engadido, non susceptible de recuperación ou compensación.

Así mesmo, non terán a consideración de subvencionables aqueloutros gastos que non respondan ás categorías e conceptos expresamente recollidos neste artigo.

5. Non está permitida a subcontratación dos gastos subvencionables. Non obstante o anterior, non se considerarán como gastos subcontratados aqueles en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actuación ou programa subvencionados, tales como contratación de persoal, alugueiro de instalacións para a realización das actuacións e/ou gastos de subministración relacionados con eles, sempre que non sexan achegados pola mesma persoa física ou xurídica.

Non obstante o anterior, no caso de persoas vinculadas coa entidade nos termos establecidos no artigo 27.7.d) da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia, o número total de horas imputadas non poderá exceder as 100.

CAPÍTULO III

Programa do Plan Corresponsables (código de procedemento SI436B)

Artigo 26. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas neste procedemento (SI436B) as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que cumpran os requisitos, condicións e obrigas previstos nesta convocatoria e na normativa xeral de subvencións, en particular os seguintes:

a) Estar inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS).

b) Ter domicilio social ou delegación en Galicia.

c) Carecer de ánimo de lucro, de acordo co previsto na Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.

d) Non encontrarse en ningunha das circunstancias e prohibicións establecidas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursa en ningunha delas realizarase mediante declaración responsable da entidade interesada.

e) Non ser sancionadas, en virtude de resolución administrativa ou sentenza xudicial firme, pola comisión de infraccións graves ou moi graves en materia de prevención de riscos laborais no ano anterior a esta resolución.

f) Non ser obxecto de sanción por resolución administrativa firme ou condenada por sentenza xudicial firme por levar a cabo prácticas laborais consideradas discriminatorias pola lexislación vixente, salvo cando se acredite cumprir coa sanción ou coa pena imposta e elaborar un plan de igualdade ou adoptar medidas dirixidas a evitar calquera tipo de discriminación laboral entre mulleres e homes.

Artigo 27. Accións subvencionables

1. No programa do Plan Corresponsables (procedemento SI436B) considéranse subvencionables as actuacións orientadas a facilitar a conciliación das familias con menores a cargo de ata 16 anos de idade mediante a creación de bolsas de coidado profesional, a través da creación de emprego de calidade no sector dos coidados, e plans de formación e sensibilización en corresponsabilidade e coidados destinados aos homes e ás familias.

As actuacións destinaranse ao coidado de menores en familias con menores a cargo de ata 16 anos de idade inclusive, e con carácter prioritario, á atención de familias monoparentais, vítimas de violencia de xénero e doutras formas de violencia contra a muller, mulleres en situación de desemprego de longa duración, mulleres maiores de 45 anos ou a unidades familiares nas cales existan outras cargas relacionadas cos coidados.

Nos procesos de valoración de acceso aos servizos postos en marcha con cargo aos fondos recibidos deberán considerarse como criterios de valoración o nivel de renda e as cargas familiares das persoas que soliciten a participación neles.

2. Ao abeiro deste programa, serán subvencionables as seguintes tipoloxías de proxectos, desde un enfoque de igualdade entre mulleres e homes:

2.1. Bolsas de coidado profesional de menores en familias con menores a cargo de ata 16 anos de idade, coa posibilidade de desenvolver unha ou máis das seguintes modalidades:

a) Habilitación de servizos de coidado profesional de calidade, e con garantía de dereitos laborais dos/das profesionais que presten os seus servizos neste marco, de nenas, nenos, mozos e mozas de ata 16 anos de idade que poidan prestarse no domicilio por un número determinado de horas semanais.

b) Habilitación de servizos de coidado profesional de calidade, e con garantía de dereitos laborais dos/das profesionais que presten os seus servizos neste marco, de nenas, nenos, mozos e mozas de ata 16 anos de idade, que poidan prestarse en dependencias públicas convenientemente habilitadas para o efecto, tales como escolas, centros municipais, multiúsos, polideportivos, ludotecas, entre outros, cumprindo coas garantías sanitarias, así como coa normativa que lles sexa de aplicación.

2.2. Plans de sensibilización e formación en corresponsabilidade e coidados destinados aos homes e ás familias: implementación de plans e actuacións de formación en corresponsabilidade e coidados destinados aos homes e ás familias, para promover a perspectiva de xénero e fomentar a corresponsabilidade no ámbito de coidados.

3. Para seren subvencionables, as actuacións teñen que ser de nova creación ou de ampliación e mellora das existentes. Queda excluído o financiamento de gastos que se materialicen en prestacións económicas directas a persoas e/ou familias.

4. No caso das actuacións recollidas nas alíneas a) e b) do punto 2.1 anterior (bolsas de coidado profesional de menores en familias con menores a cargo de ata 16 anos de idade), deberán supor en todo caso a creación de emprego de calidade e/ou o fomento do emprego de persoas mozas con perfís profesionais correspondentes a: Tasoc (técnica/o en actividades socioculturais), monitoras/es de lecer e tempo libre, Tafad (técnicas/os superiores de animación sociodeportiva), educación infantil, auxiliares de gardaría e xardín de infancia. Tamén serán válidas as súas titulacións equivalentes: técnica/o superior en Educación Infantil, técnica/o superior en Animación Sociocultural e Turística, técnica/o superior en Ensino e Animación Sociodeportiva, técnica/o superior en Integración Social e auxiliar de Educación Infantil ou de Xardín de Infancia. Poderían, así mesmo, admitirse outros perfís profesionais que, de ser o caso, poidan ser autorizados pola normativa estatal no marco do Plan Corresponsables.

5. A contía da subvención que se concederá determinarase en función do número de persoas que se vaia contratar para desenvolver as bolsas de coidado e/ou os plans de formación recollidos no punto 2 anterior, tendo en conta os límites máximos da subvención establecidos nos puntos 8 e 9 deste artigo.

6. Serán subvencionables os gastos xerados entre o 1 de outubro de 2023 e ata o 30 de setembro de 2024, ambos os dous incluídos.

7. Para determinar o gasto subvencionable e o importe da subvención, teranse en conta os custos directos de persoal dos/das profesionais que leven a cabo as medidas do Plan Corresponsables, máis un 10 % para o financiamento doutros custos indirectos vinculados ao desenvolvemento do programa subvencionado. Estes gastos non requirirán unha xustificación adicional.

8. Contía de ata 34.700 euros por persoa contratada a tempo completo para un período de 12 meses, incluídas as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade empregadora. O importe da subvención por cada contratación reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos se concerten a tempo parcial ou por un período inferior a 12 meses.

A contía da axuda por persoa contratada incrementarase en 3.000,00 euros cando a persoa contratada estea nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables:

– Mulleres maiores de 45 anos.

– Mulleres vítimas de violencia de xénero.

– Persoas con grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.

Para o caso de mulleres contratadas vítimas de violencia de xénero, a acreditación documental da súa circunstancia recollerase na fase de xustificación das axudas, coa documentación acreditativa desta situación segundo o previsto no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero.

Para o caso de persoas contratadas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, a acreditación documental da súa circunstancia recollerase na fase de xustificación das axudas, coa certificación acreditativa desta situación no caso de que esta non fose emitida pola Xunta de Galicia.

9. En todo caso, a contía máxima da axuda será de 40.000 euros, cando se solicite para a realización da tipoloxía de proxectos de bolsas de coidado profesional de menores en familias con menores a cargo de ata 16 anos de idade (artigo 27.2.1), e de 10.000 euros cando se solicite para a realización da tipoloxía de proxectos de plans de sensibilización e formación en corresponsabilidade destinados aos homes e ás familias (artigo 27.2.2).

No caso de que se solicite a axuda para as dúas tipoloxías de proxectos, o límite máximo da axuda por entidade será de 50.000 euros, respectando o límite establecido no parágrafo anterior para cada tipoloxía de proxecto.

10. Se é o caso, a subvención será minorada proporcionalmente cando non se xustifique a totalidade do custo de persoal. En todo caso, non se xerará dereito ao cobramento da subvención e procederá o reintegro do anticipo cando as xustificacións non acaden como mínimo o 25 % do custo do persoal.

Artigo 28. Gastos subvencionables

1. No programa do Plan Corresponsables (SI436B) serán gastos subvencionables os derivados do programa obxecto da axuda, realizados nos prazos e períodos de referencia e que respondan a algunha das seguintes categorías e conceptos:

1.1. Gastos directos de persoal: serán subvencionables en concepto de custos directos de persoal as retribucións salariais brutas totais do persoal contratado para o desenvolvemento das bolsas de coidados ou dos plans de formación, correspondentes ao tempo efectivo dedicado á execución da actuación ou medida subvencionada, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade empregadora.

No caso de contratación mercantil ou externa, serán subvencionables os custos de persoal que formen parte da prestación do servizo externo, sempre que o persoal e o custo pola súa contratación estean claramente identificados e detallados na factura.

Serán requisitos obrigatorios dos gastos de persoal para desenvolver as bolsas de coidados de menores en familias con menores a cargo de ata 16 anos de idade, ademais dos perfís profesionais incluídos no artigo 27.4, os seguintes:

a) En todo caso, os contratos de traballo subscritos no marco deste programa –tamén aqueles nos cales se amplíe ou mellore a xornada– deberán incluír a cláusula seguinte: «Este contrato será obxecto de financiamento a través do Plan Corresponsables».

b) As persoas que se vaian contratar deben dispor do correspondente certificado de inexistencia de antecedentes por delitos de natureza sexual, así como do certificado negativo de antecedentes penais relacionados con delitos contra a infancia.

c) As mulleres que teñan a condición de vítimas de violencia de xénero terán preferencia se teñen o perfil profesional do posto de traballo que hai que cubrir, conforme a oferta de emprego presentada pola entidade beneficiaria.

Cada entidade deberá reservar un mínimo do 15 % da contía asignada para a contratación deste colectivo, salvo que non exista un número suficiente de mulleres para alcanzar a citada porcentaxe.

d) En ningún caso poderán introducirse na selección das persoas para contratar criterios que poidan impedir a libre circulación de persoas traballadoras. En todo caso, o procedemento de selección deberá garantir a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, sen discriminación por razón de sexo, raza ou orixe étnica, relixión ou conviccións, en relación coas persoas participantes que cumpran os requisitos de acceso.

1.2. Outros custos indirectos vinculados ao desenvolvemento do programa subvencionado, con cargo ao 10 % adicional que se recolle no artigo 27.7 desta resolución. Estes gastos non requirirán unha xustificación adicional.

Disposición adicional única. Mulleres en situación de especial vulnerabilidade

Para os efectos do procedemento SI427A (programas de recursos integrais de atención especializada dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade), terán a consideración de mulleres en situación de especial vulnerabilidade aquelas nas cales concorra algunha das circunstancias seguintes:

– Vítimas de violencia de xénero ou de violencia doméstica.

– Vítimas de explotación sexual-laboral en redes de prostitución ou de trata de persoas.

– Inmigrantes, emigrantes retornadas ou refuxiadas.

– Pertencentes a unha minoría étnica.

– Dependentes do consumo de substancias tóxicas ou en procesos de rehabilitación.

– Perceptoras de rendas de integración, subsidios ou prestacións similares.

– Reclusas ou exreclusas.

– Procedentes de institucións de protección ou reeducación de menores.

– Persoas trans.

– Persoas con discapacidade ou enfermidade mental.

– Con responsabilidades familiares non compartidas.

– Procedentes de núcleos familiares con ingresos inferiores a 2,5 veces o IPREM.

– Embarazadas ou lactantes sen apoio familiar ou sen recursos.

– Sen fogar ou que habitan nunha infravivenda, ou afectadas por un proceso de desafiuzamento.

– Maiores ou viúvas.

– Sen titulación ou con baixa cualificación.

– Desempregadas menores de 30 anos ou maiores de 45 anos.

– Inactivas ou desempregadas de longa duración.

– Con residencia en concellos rurais de zonas pouco poboadas de baixa densidade (ZPP), segundo os estudos ou datos publicados polo IGE, que poden consultarse na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

– Calquera outra situación non prevista expresamente que implique factores de risco ou vulnerabilidade no ámbito familiar, social ou laboral, sempre que sexa ponderada e aceptada polos servizos sociais do concello en que se desenvolva o programa.

Disposición derradeira primeira

A Secretaría Xeral da Igualdade poderá ditar as instrucións que sexan necesarias para o adecuado desenvolvemento desta resolución.

Disposición derradeira segunda

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2024

Sandra Vázquez Domínguez
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file