DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 20 de febreiro de 2024 Páx. 14495

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 9 de febreiro de 2024 pola que se resolve a inscrición no Rexistro de Bibliotecas de Galicia e a integración na Rede de bibliotecas de Galicia da Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no artigo 27.19, establece como competencia exclusiva da Xunta de Galicia o fomento da cultura en Galicia, e, no artigo 32, que corresponde ao Goberno da nosa comunidade autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.

De conformidade co Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, esta asume as competencias de promoción e difusión da cultura, para potenciar a imaxe das bibliotecas e o fomento do acceso igualitario á cultura para toda a cidadanía a través da lectura.

Segundo o establecido no artigo 7.2 da Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia, correspóndelle á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a través da Dirección Xeral de Cultura, como órgano de dirección e coordinación do sistema galego de bibliotecas, xestionar o Rexistro de Bibliotecas e tramitar e resolver os procedementos de integración de bibliotecas públicas ou privadas na rede, segundo o establecido nesta lei e no seu desenvolvemento regulamentario.

Do mesmo xeito, o artigo 25 do Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas, establece que lle corresponde ao centro directivo competente segundo a estrutura orgánica da consellería competente en materia de cultura (Dirección Xeral de Cultura) a xestión do Rexistro de Bibliotecas de Galicia e a tramitación dos expedientes que deriven de todas as actuacións. Segundo o artigo 28 da mesma norma, recibida a solicitude de inscrición no rexistro e unha vez comprobada polos servizos técnicos de bibliotecas, o titular do centro directivo elevará a proposta ao conselleiro competente en materia de cultura, quen resolverá a inscrición no libro de rexistro correspondente.

Pola súa parte, o artigo 38 do citado Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, dispón que o conselleiro competente en materia de cultura, por proposta do titular do centro directivo competente, resolverá a inclusión ou non do centro bibliotecario na Rede de bibliotecas de Galicia. Esta resolución, de ser favorable, estará condicionada ao asinamento dun convenio, que será efectivo a partir da súa sinatura.

A Deputación Provincial da Coruña solicitou a inscrición no Rexistro de Bibliotecas de Galicia e a integración na Rede de bibliotecas de Galicia da Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña e os servizos técnicos desta consellería comprobaron que o dito equipamento cumpre cos requisitos exixidos no Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas.

Por proposta do director xeral de Cultura e no exercicio das facultades que me confire o artigo 3 do Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar a inscrición no Rexistro de Bibliotecas de Galicia da Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña.

Segundo. Aprobar a integración na Rede de bibliotecas de Galicia da Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña.

Terceiro. A resolución favorable de integración estará condicionada á sinatura dun convenio onde se recolla a obriga do titular do centro bibliotecario de prestar un servizo público axustado ao estipulado no Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, e que poderá responder nos restantes termos ás especiais características de cada tipo de centro.

Cuarto. O prazo de sinatura deste convenio non deberá ser superior aos tres meses. De non cumprirse este prazo deixarase sen efecto a posible resolución favorable e suporá o arquivamento definitivo da solicitude.

Quinto. O posterior incumprimento do devandito convenio poderá ser motivo de exclusión temporal ou definitiva do centro bibliotecario de que se trate da Rede de bibliotecas de Galicia.

Esta resolución é definitiva e ponlle fin á vía administrativa. Contra ela o interesado pode interpoñer, con carácter previo e potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o prefire, pode interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses con igual día de inicio do cómputo. Os ditos recursos regúlanse no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, respectivamente.

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2024

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades