DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 19 de febreiro de 2024 Páx. 14154

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 13 de febreiro de 2024 pola que se modifica a Resolución do 19 de decembro de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior conxunta das empresas galegas (Galicia Exporta Organismos Intermedios 2024), susceptibles de seren cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG421A).

No DOG núm. 2, do 3 de xaneiro de 2024, publicouse a Resolución do 19 de decembro de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior conxunta das empresas galegas (Galicia Exporta Organismos Intermedios 2024), susceptibles de seren cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, en réxime de concorrencia competitiva.

No punto 7 do artigo 6, establecíase:

«7. Os gastos subvencionables serán os realizados polo organismo solicitante dentro do prazo de execución e facturados e pagados entre o día 1 de xaneiro de 2024 e o derradeiro día do prazo de execución establecido na resolución de concesión para os efectos de cumprir todas as condicións nela establecidas. O prazo de execución iniciarase o 1 de xaneiro de 2024 (polo que a solicitude de axuda poderán incluír accións que se leven a cabo previamente á súa presentación), ben que o proxecto para o que se solicita a axuda non poderá estar executado integramente (data da última factura) no momento de presentar a solicitude de axuda, e rematará na data establecida na resolución de concesión de axuda».

Sendo que é constatable pola información recadada de anteriores convocatorias desta axuda que existen un gran número de solicitudes que inclúen accións de participación como expositor en feiras internacionais e eventos expositivos internacionais, e que a práctica habitual sexa que para a participación nas feiras e eventos se exixa o pagamento de anticipos en concepto de reserva con semanas ou meses de antelación, isto supón que, especialmente nas feiras que se van desenvolver nos primeiros meses do ano, os organismos intermedios deban incorrer en gastos previos ao 1 de xaneiro de 2024. Para evitar o prexuízo que suporía esta circunstancia, considérase necesario admitir como custos subvencionables para estes casos os gastos en concepto de reserva, así como os correspondentes ás reservas de viaxes e aloxamento que sexan efectuados con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2024.

Na letra b).1 do punto 4 do artigo 6 das bases reguladoras, indícase que os gastos subvencionables (1º, 2º, 3º e 4º), son os correspondentes no caso de participación como expositor en feira ou evento presencial, ambas accións do punto 6.4.b).1, sen mencionarse expresamente neste punto os gastos correspondentes ás accións, tamén do tipo b).1. «A participación en misións comerciais: tanto misións directas, como as visitas conxuntas a feiras ou a outros eventos expositivos con carácter internacional (artigos 2.6, 2.7 e 2.8)»; procede, polo tanto, emendar esta omisión, incluíndo no mesmo título de gastos, a participación como expositor en feira ou outros eventos expositivos presenciais e as misións comerciais.

Na letra b).1 do punto 4 do artigo 6, indica que se admiten como máximo 2 entradas por evento. Tendo en conta que no punto 3 do artigo 6 das bases determínase que o número máximo de pemes participantes nunha acción é 20, supón un desequilibrio que non se cubran os custos de todas as potenciais empresas participantes nun evento, polo que se considera necesario aumentar o número máximo de entradas subvencionables por evento ata 20, para igualarse co número máximo de empresas participantes.

A presente modificación leva consigo a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes para garantir a eficacia da concorrencia competitiva e a ausencia de prexuízos a terceiros interesados.

Por todo o anterior, coa intención de mitigar os prexuízos ocasionados por estas circunstancias e apoiar os esforzos realizados polos organismos intermedios e as pemes na súa internacionalización, e de conformidade co disposto no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e dado que non se causan prexuízos a terceiros,

RESOLVO:

Artigo 1

Modificar a Resolución do 19 de decembro de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior conxunta das empresas galegas (Galicia Exporta Organismos Intermedios 2024), susceptibles de seren cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG421A), no seguinte sentido:

Un. O punto 7 do artigo 6, queda redactado do seguinte xeito:

«7. Os gastos subvencionables serán os realizados polo organismo solicitante dentro do prazo de execución e facturados e pagados entre o día 1 de xaneiro de 2024 e o derradeiro día do prazo de execución establecido na resolución de concesión para os efectos de cumprir todas as condicións nela establecidas. O prazo de execución iniciarase o 1 de xaneiro de 2024 (polo que a solicitude de axuda poderá incluír accións que se leven a cabo previamente á súa presentación), ben que o proxecto para o que se solicita a axuda non poderá estar executado integramente (data da última factura) no momento de presentar a solicitude de axuda, e rematará na data establecida na resolución de concesión de axuda.

Excepcionalmente, tamén serán subvencionables os gastos efectuados e pagados desde o 1 de xullo de 2023 exixidos en concepto de reserva para accións que se realizarán no exercicio 2024».

Dous. A epígrafe 1 da letra b) Accións de promoción do punto 4, do artigo 6, queda redactada como segue:

«b).1. Nesta epígrafe inclúense:

– A participación como expositor en feiras comerciais de carácter internacional organizadas por terceiros (artigo 2.4).

– A participación como expositor noutros eventos expositivos de carácter internacional organizados por terceiros non vinculados ao organismo nin as empresas solicitantes nin empresarial nin comercialmente (artigo 2.5).

– A participación en misións comerciais: tanto misións directas, como as visitas conxuntas a feiras ou a outros eventos expositivos con carácter internacional (artigos 2.6, 2.7 e 2.8).

Gastos subvencionables (no caso de participación como expositor en feira ou outro evento expositivo presencial, ou participación en misión comercial directa ou en visita conxunta):

1º. Gastos de viaxe ao destino de celebración da feira ou evento expositivo ou da misión comercial.

Só son subvencionables os gastos de viaxe correspondentes a billetes de avión, tren e/ou autobús, taxas, seguros de viaxe e comisión da axencia de viaxe.

Os límites destes gastos son os indicados no anexo III.

Terase en conta o límite correspondente ao traxecto máis longo entre orixe e destino indicados nos xustificantes de gastos de avión, tren ou autobús realizados polas persoas que viaxen.

No caso de accións sectoriais: límite 3 traxectos de I/V por cada acción.

No caso de accións grupais: límite 41 traxectos de I/V por cada acción.

2º. Aloxamento en destino final, en réxime de aloxamento e almorzo, na cidade de celebración da feira ou evento expositivo ou da misión comercial, ou nos seus arredores, cun máximo de 5 pernoitas. Polo menos, unha das noitadas debe coincidir coas datas de celebración da feira ou evento en que se participa.

No caso de accións en máis dun país poderanse engadir un máximo de 2 pernoitas máis por país cun máximo total de 10 pernoitas.

Os límites destes gastos son os indicados no anexo III.

Terase en conta a coherencia cos límites de viaxe.

Non son subvencionables os gastos de viaxe e aloxamento para feiras comerciais e eventos expositivos que teñan lugar na Comunidade Autónoma de Galicia.

Non se admiten noitadas in itinere durante as escalas da viaxe.

3º. Gastos de alugamento de espazos e/ou stand, e servizos relacionados coa participación na feira ou evento, por exemplo: entradas, dereitos de inscrición, montaxe e desmonte de stand, alugamento de mobiliario e equipamento, alugamento de equipamentos audiovisuais, participación en actividades paralelas organizadas no marco da feira; contratación de intérpretes, modelos ou de persoal de apoio.

Admítense como máximo 20 entradas por evento, con un importe máximo por entrada de 1.500 €.

Para ser elixibles, estes servizos deben estar facturados polo organizador da feira ou evento expositivo, ou polas súas empresas provedoras ou colaboradoras. Exceptúanse os gastos de montaxe e desmonte de stand, que poderán ser facturados directamente por unha empresa provedora independente.

4º. Gastos de asistencia externa para a detección de oportunidades, a realización de axendas, seguimento de contactos ou clientes iniciais ou existentes. Inclúense as axendas virtuais. Límite: 2.000 € por acción.

Gastos subvencionables (no caso de participación como expositor en feira ou evento virtual):

Subvencionaranse os gastos de alugamento de stand virtual e dos servizos relacionados co alugamento; gastos de intérpretes, e as cotas de participación en feiras e eventos expositivos virtuais (ata 4 persoas por empresa).

O límite máximo deste gasto: 1.500 € por evento».

Artigo 2. Apertura de novo prazo de presentación de solicitudes

1. Procederá a apertura dun novo prazo de presentación das solicitudes, que será dun mes desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 14.00 horas do día en que se cumpra o devandito prazo dun mes. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

2. Os organismos intermedios que teñan presentada unha solicitude e desexen incluír nos seus proxectos gastos de reserva previos ao 1 de xaneiro de 2024, deberán presentar unha nova solicitude. De acordo ao disposto no artigo 6.6 das bases reguladoras da axuda, no caso de presentar máis dunha solicitude, entenderase implícita a desistencia ou renuncia da anterior.

Artigo 3. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2024

Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica