DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 19 de febreiro de 2024 Páx. 14148

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 2 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para o programa Cultura no Camiño, de cara ao fomento das artes escénicas e musicais nos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia polos cales discorren os diferentes Camiños de Santiago, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento CT302B).

BDNS (Identif.): 743737.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia polos cales discorren os diferentes Camiños de Santiago, recoñecidos pola Lei 5/2016, do 4 de maio, de patrimonio cultural, e delimitados polo correspondente decreto, así como aqueles sobre os cales se ditou acordo de inicio para súa tramitación.

2. As entidades locais galegas poderán presentar a súa solicitude individual ou conxuntamente como agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou outra fórmula similar. Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberá acreditarse que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.

Segundo. Finalidade

A finalidade da resolución é o establecemento das bases reguladoras das subvencións destinadas a cofinanciar programacións culturais realizadas por entidades locais polas cales discorren os diferentes Camiños de Santiago para contribuír á promoción das artes escénicas e musicais, e aprobar a súa convocatoria para o ano 2024.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 2 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para o programa Cultura no Camiño, de cara ao fomento das artes escénicas e musicais nos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia polos cales discorren os diferentes Camiños de Santiago, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento CT302B).

Cuarto. Importe

O financiamento destas axudas realizarase, en todo caso, en función das dispoñibilidades orzamentarias. Destinarase un crédito global de 250.000 euros da aplicación orzamentaria 10.A1.432B.760.0 do código de proxecto 2015-00003.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2023

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega
das Industrias Culturais