Mediante a Resolución do 26 de decembro de 2023 (DOG núm. 11, do 16 de xaneiro de 2024) reguláronse e convocáronse as subvencións correspondentes a programas de actuación en favor das entidades galegas no exterior para o exercicio 2024.
No artigo 7 da devandita resolución establécese un prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, para a presentación de solicitudes, prazo que remata o vindeiro día 16 de febreiro.
As especiais circunstancias socio-políticas e económicas concorrentes actualmente nos países onde se localizan a maioría das entidades galegas no exterior, están provocando grandes dificultades ás mesmas para poder reunir a documentación necesaria para a presentación das súas solicitudes.
Xa que logo, tendo en conta esas circunstancias, resulta aconsellable ampliar o prazo de presentación de solicitudes, o cal non prexudica dereitos de terceiras persoas.
Con carácter xeral, o artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), prevé a posibilidade de que a Administración poida conceder unha ampliación dos prazos establecidos se as circunstancias o aconsellan e con iso non se prexudican dereitos de terceiras persoas, por un período que non exceda a metade destes. Os acordos sobre ampliación non serán susceptibles de recurso.
Por todo o cal, de conformidade co disposto no artigo 32 da LPACAP e o resto da normativa aplicable,
RESOLVO:
Artigo único. Ampliación do prazo de presentación de solicitudes
Amplíase o prazo de presentación de solicitudes previsto no artigo 7 da Resolución do 26 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as subvencións correspondentes a programas de actuación en favor das entidades galegas no exterior para o exercicio 2024, ata o 2 de marzo de 2024, inclusive.
Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2024
O/a secretario/a xeral da Emigración
P.S. (Decreto 108/2022, do 16 de xuño; DOG núm. 117, do 20 de xuño)
María Lorena Antelo Romero
Subdirectora xeral de Coordinación Administrativa,
Económica e de Programas Sociais