A consellería con competencias en materia de política social e xuventude convocou para o ano 2023, a través da Orde do 27 de abril de 2023, as subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Voluntariado sénior (Diario Oficial de Galicia número 89, do 10 de maio).
Mediante a Resolución do 29 de agosto de 2023, da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, publicouse a Resolución do 28 de agosto de 2023 de concesión das subvencións presentadas ao abeiro da dita Orde do 27 de abril de 2023 (Diario Oficial de Galicia número 171, do 8 de setembro).
O artigo 17 da orde de convocatoria establece o prazo e a forma de presentación da xustificación das axudas concedidas. A data límite para a presentación da xustificación estableceuse para o día 8 de novembro de 2023.
Así mesmo, nos números 2 e 3 do dito artigo 17 da orde determínase a documentación necesaria para a xustificación da axuda concedida en relación coas entidades de acción voluntaria e as entidades locais beneficiarias, respectivamente.
Unha vez revisadas as xustificacións presentadas ao abeiro da dita orde de convocatoria polo órgano encargado da instrución, identificáronse aquelas que non reúnen a documentación necesaria, ben por non tela presentado, ben por conter erros ou por non ser suficiente para a determinación do cumprimento das condicións impostas e da consecución dos obxectivos previstos no acto da concesión da subvención.
O artigo 17.5 da dita orde establece que, transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado esta ante o órgano administrativo competente, este requirirá a entidade beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación no dito prazo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e as demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no dito prazo adicional non eximirá a entidade beneficiaria das sancións que, conforme a lei, correspondan.
Así mesmo, o artigo 15 da orde establece que se publicarán no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os actos administrativos e a correspondente resolución deste procedemento e que esta publicación producirá os efectos de notificación.
Por todo o exposto,
RESOLVO:
1. Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do acto de requirimento da documentación xustificativa da axuda concedida, ditado polo órgano instrutor do procedemento o 2 de febreiro de 2024, no cal se relacionan as entidades que deben emendar as xustificacións e/ou completar a documentación preceptiva exixida segundo o establecido nas bases reguladoras, e que figura como anexo desta resolución.
2. Facer indicación expresa ás entidades beneficiarias que se relacionan no requirimento recollido no anexo para que, no prazo de dez (10) días, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos conforme se establece na orde de convocatoria. Non o facer, de conformidade co artigo 17.5 da orde, co artigo 28.10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e co artigo 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e as demais responsabilidades que correspondan.
3. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de emenda da documentación das xustificacións, poderán dirixirse á Consellería de Política Social e Xuventude a través dos teléfonos 981 95 79 15 ou 881 99 65 30.
Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2024
Cristina Pichel Toimil
Directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado
ANEXO
Requirimento de emenda da documentación
xustificativa das axudas concedidas
Convocatoria: Orde do 27 de abril de 2023 pola que se regulan as bases que rexerán as subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Voluntariado sénior e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento BS508C).
Acto administrativo: requirimento de emenda da documentación xustificativa das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 27 de abril de 2023.
Data do acto: 2 de febreiro de 2024.
Órgano competente: Servizo de Voluntariado e Participación.
Efectos: as entidades beneficiarias que a seguir se relacionan terán un prazo máximo de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación do acto no Diario Oficial de Galicia, para emendar a falta ou achegar os documentos preceptivos. Non o facer comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e as demais responsabilidades que correspondan de conformidade co artigo 17.5 da orde, co artigo 28.10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e co artigo 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Relación de expedientes:
Nº de expediente |
Solicitante |
NIF da entidade |
Documentación requirida |
BS508C 2023/021 |
Concello de Mos |
P3603300I |
Xustificación da axuda concedida (art. 17.3) |
BS508C 2023/023 |
Asociación Cultural O Castro |
G36116879 |
Xustificación da axuda concedida (art. 17.2) |