DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 14 de febreiro de 2024 Páx. 13214

III. Outras disposicións

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 2024 pola que se acorda publicar a creación do Centro de Posgrao e Formación Permanente.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O artigo 7 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece que as universidades públicas estarán integradas por escolas, facultades, institutos universitarios de investigación, escolas de doutoramento e por aqueloutros centros ou estruturas necesarios para o desempeño das súas funcións, e o artigo 5 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, recolle a estrutura das universidades, da cal forman parte as escolas e facultades na súa condición de centros e unidades docentes.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, sinala no seu artigo 17 que a creación de centros docentes na Comunidade Autónoma de Galicia será aprobada pola Xunta de Galicia, logo do informe do Consello Galego de Universidades, sexa por propia iniciativa, co acordo do Consello de Goberno da universidade, sexa por iniciativa da universidade, mediante proposta do Consello de Goberno, en ambos os casos co informe previo favorable do Consello Social.

O Decreto 259/1994, do 29 de xullo, establece, con carácter xeral, o procedemento para a creación e o recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Os estatutos da Universidade de Vigo sinalan no seu artigo 16.h) que lle corresponde ao Consello de Goberno tramitar e propoñerlle á Xunta de Galicia a creación, modificación ou supresión de centros e de unidades docentes e de I+D+i, segundo o informe preceptivo do Claustro.

Coa entrada en vigor da Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do Sistema universitario (LOSU), e segundo o seu artigo 41, a creación, modificación e supresión de facultades e escolas serán acordadas pola Comunidade Autónoma, mentres que lle corresponde á universidade a creación, modificación e supresión de departamentos, institutos escolas de doutoramento e outros centros ou estruturas.

A Universidade de Vigo, na sesión ordinaria do Consello de Goberno do 28 de abril de 2023, aprobou a transformación da Escola Aberta de Formación Permanente no Centro de Posgrao e Formación Permanente (en adiante, CPFP), e o Pleno do Consello Social da citada universidade, reunido o 7 de xuño de 2023, emitiu informe favorable sobre a transformación.

O obxectivo primordial do CPFP é a planificación dunha oferta de ensinanzas de posgrao e formación permanente vinculadas ás necesidades e ás demandas da sociedade, así como da súa promoción, administración, supervisión e control de calidade, co fin último de xerar novas oportunidades profesionais e persoais.

O CPFP contribuirá a canalizar as sinerxías axeitadas para a coordinación dunha estratexia de titulacións de másteres oficiais, coa participación das escolas/facultades da Universidade de Vigo. Por outra banda, no referente á oferta de titulacións propias, establecerá uns criterios mínimos para poder optar ao rexistro destes títulos no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT), como poden ser os másteres de formación permanente.

De acordo co establecido no artigo 13.1 do Real decreto 1509/2008, do 18 de setembro, polo que se regula o RUCT, e no artigo 18.4 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, unha vez acordada a creación do centro, a Universidade de Vigo deu traslado ao Ministerio de Universidades para os efectos da súa inscrición no RUCT.

En uso das competencias conferidas no artigo 50 da Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, e no artigo 29 dos estatutos da Universidade de Vigo, aprobados polo Decreto 13/2019, do 24 de xaneiro, e publicados no DOG núm. 38, do 22 de febreiro, esta reitoría

ACORDA:

A publicación, no Diario Oficial de Galicia, da creación do Centro de Posgrao e Formación Permanente (CPFP) da Universidade de Vigo, inscrito no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades do Goberno de España co código 36020829, con data de entrada en vigor do 7 de xuño de 2023.

Vigo, 2 de febreiro de 2024

Manuel Joaquín Reigosa Roger
Reitor da Universidade de Vigo