DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 14 de febreiro de 2024 Páx. 13038

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 5 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024. Programa I: subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional (código de procedemento TR341K).

BDNS (Identif.): 743256.

De conformidade co previsto nos artigos 18 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Objeto

O obxecto deste programa é subvencionar os custos salariais e de Seguridade Social por conta da empresa derivados da contratación indefinida das persoas traballadoras das unidades de apoio á actividade profesional, no marco dos servizos de axuste persoal e social dos CEE, previstas no artigo 43 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, como instrumentos de modernización destes servizos de axuste.

Segundo. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios das subvencións que se regulan neste programa os CEE da Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran, ademais dos requisitos sinalados no artigo 3, os seguintes:

a) Que formen parte do seu cadro de persoal as persoas traballadoras co tipo e grao de discapacidade establecido no artigo 5.2, letras a) e b), desta orde.

b) Que dispoñan de unidades de apoio á actividade profesional, que teñan a composición establecida no artigo 31 desta orde.

Terceiro. Persoal destinatario final do programa

1. O persoal destinatario final deste programa serán as traballadoras e os traballadores con discapacidade dos CEE que se encontren nalgún dos supostos que se describen no artigo 5.2, letras a) e b).

2. As unidades de apoio á actividade profesional poderán prestar servizo tamén ás persoas traballadoras con discapacidade do centro especial de emprego que non inclúa o punto anterior, sempre e cando a dedicación a este persoal traballador non menoscabe a atención do persoal incluído no punto anterior.

Cuarto. Contía e condicións da subvención

As subvencións establecidas neste programa destinaranse a financiar os custos salariais e da Seguridade e Social por conta da empresa derivados da contratación indefinida do persoal traballador das unidades de apoio á actividade profesional nos CEE.

A contía base será de 2.400 euros anuais por cada persoa traballadora apoiada, co tipo e grao de discapacidade indicados no punto terceiro, con contrato indefinido ou contrato temporal de duración igual ou superior a seis meses. Esta contía reducirase proporcionalmente en función da duración dos contratos e da xornada laboral.

Serán subvencionables os custos salariais, incluídos os da Seguridade Social correspondentes ás mensualidades que se indiquen en cada convocatoria de axudas. Nos CEE cualificados de iniciativa social, a porcentaxe máxima subvencionable será o 100 % dos custos indicados no punto precedente e, nos centros que non estean cualificados como tales, subvencionarase como máximo o 80 %.

Quinto. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 5 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2024 (códigos de procedemento TR341K, TR341E, TR341N e TR341M).

Sexto. Financiamento

Para a concesión destas axudas destínase un millón douscentos oitenta e sete mil quinientos euros (1.287.500 euros).

Sétimo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado como se indica no artigo 8.5 da orde.

Oitavo. Período subvencionable e xustificación da axuda

O período subvencionable comprende desde o 1 de decembro de 2023 ata o 30 de novembro de 2024.

A data máxima de xustificación será o 15 de decembro de 2024.

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2024

Elena Rivo López
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade