DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 13 de febreiro de 2024 Páx. 12722

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

EXTRACTO da Resolución do 30 de xaneiro de 2024 pola que se procede á convocatoria para o ano 2024 das axudas para fomentar sinerxías e complementariedades co programa Horizonte Europa e outros programas ou iniciativas europeas de I+D+i a través de bonos para a preparación de propostas a convocatorias europeas de I+D+i (código de procedemento IN851B).

BDNS (Identif.): 743207.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas:

a) As pequenas e medianas empresas (pemes), conforme as definicións contidas no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

b) Os organismos de investigación galegos sempre que na proposta para a que soliciten o bono participe tamén unha peme. Esta peme deberá ter a súa sede social ou un centro de traballo en Galicia, onde desenvolvería a súa participación na proposta europea de obter esta financiamento.

Ao abeiro destas axudas, considéranse organismos de investigación galegos:

– Os centros tecnolóxicos e de apoio á innovación tecnolóxica de Galicia inscritos no Rexistro Estatal de Centros regulado polo Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro.

– As universidades do sistema universitario galego.

– Os centros en Galicia do Consello Superior de Investigacións Científicas.

– As fundacións de investigación sanitaria de Galicia.

– Outros organismos de investigación de Galicia que teñan definida nos seus estatutos a I+D como actividade principal.

As entidades beneficiarias deberán cumprir, ademais, os seguintes requisitos:

a) Estar validamente constituídas no momento da presentación da solicitude.

b) Ter o domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde desenvolverían as actuacións subvencionables.

c) Non concorrer nelas algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, estar suxeitos a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Segundo. Obxecto

A través desta resolución convócanse para 2024, en réxime de concorrencia non competitiva, as axudas da liña 1 para fomentar sinerxías e complementariedades co programa Horizonte Europa e outros programas ou iniciativas europeas de I+D+i a través de bonos para a preparación de propostas a convocatorias europeas de I+D+i (código de procedemento IN851B).

As axudas concedidas no marco da presente resolución axustaranse ao establecido nos seguintes regulamentos:

– Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 2023/2831, do 15 de decembro).

– Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño).

– Regulamento nº 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro), modificado polo Regulamento (UE) núm. 2019/316 da Comisión do 21 de febreiro de 2019 (DOUE L 51, do 22 de febreiro),

– Regulamento (UE) nº 2023/2391 da Comisión, do 4 de outubro de 2023, polo que se modifican os regulamentos (UE) núm. 717/2014, (UE) núm. 1407/2013, (UE) núm. 1408/2013 e (UE) núm. 360/2012, no que incumbe ás axudas de minimis para a transformación e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura e o Regulamento (UE) núm. 717/2014, no que respecta ao importe total das axudas de minimis concedidas a unha única empresa, o seu período de aplicación e outros asuntos.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 30 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para fomentar sinerxías e complementariedades co programa Horizonte Europa e outros programas ou iniciativas europeas de I+D+i a través de apoios para a preparación de propostas (bonos) e o financiamento de propostas excelentes que contan co Selo de excelencia da Comisión Europea (rescate de selos de excelencia) (códigos de procedemento IN851B e IN607H), publicada tamén no DOG (Diario Oficial de Galicia) do día de hoxe.

Cuarto. Importe

O importe total da convocatoria é de 500.000 euros, coa seguinte distribución por anos:

Aplicacións orzamentarias

2024

2025

Total

09.A2.561A.770.0

(CP: 2023-00007)

400.000

100.000

500.000

As solicitudes atenderanse por orde cronolóxica ata o esgotamento do crédito consignado, considerándose como data de presentación aquela en que unha solicitude reúna toda a documentación requirida, unha vez emendadas todas as posibles deficiencias.

Na xestión desta convocatoria poderán realizarse os axustes necesarios respecto a esta previsión inicial segundo a evolución da concesión de axudas á vista das solicitudes recibidas. Inicialmente estas axudas estarán preferentemente orientadas a pemes pero, no caso de recibir solicitudes de organismos de investigación que deban ser atendidas, procederase á incorporación de novas partidas orzamentarias tendo en conta a natureza xurídica das entidades beneficiarias, sempre sen incrementar o crédito total.

Poderán ampliarse os créditos dedicados a esta convocatoria previa declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Estas axudas serán susceptibles de cofinanciamento pola Unión Europea no marco do programa de Galicia Feder 2021-2027, Obxectivo político OP1 Unha Europa máis competitiva e intelixente, promovendo unha transformación económica innovadora e intelixente e unha conectividade rexional ás tecnoloxías da información e a comunicación.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes empezará o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e permanecerá aberto ata 15 de novembro de 2024, ou ata o esgotamento dos fondos asignados no caso de que se produza antes desta data.

Sexto. Actividades subvencionables

Os bonos poderán solicitarse para a preparación de propostas que se vaian presentar antes do 30 de novembro de 2024 a convocatorias europeas de I+D+i do programa Horizonte Europa ou doutros programas ou iniciativas europeas, a través da contratación dos servizos de entidades especializadas (entidades consultoras).

No caso de que estas propostas inicialmente apoiadas logren superar os limiares de avaliación da convocatoria europea de I+D+i á que se presenten, pero sen obter financiamento, poderán optar a ademais a unha axuda en forma de premio ou incentivo que complementa o bono inicial. O obxectivo deste complemento é premiar a calidade da proposta presentada e estimular a participación futura nestas iniciativas.

As propostas deberán cumprir os requisitos recollidos nos artigos 3.1, 3.3 das bases reguladoras (Resolución do 30 de xaneiro de 2024) e ser solicitados por unha peme ou un organismo de investigación, tal e como se recolle no artigo 4 das citadas bases.

Será preciso que a entidade especializada contratada pola peme cumpra os requisitos do artigo 5 das ditas bases.

Sétimo. Intensidade das axudas e concorrencia

As axudas concederanse en forma de subvención coma unha porcentaxe do investimento subvencionable.

As intensidades máximas serán as seguintes:

Intensidades básicas:

Intensidades máximas básicas-Táboa I.A

Bono inicial para a preparación da proposta europea

30 %

Incentivo/Premio no caso de que a proposta supere os limiares da convocatoria europea de I+D+i

20 %

Estas intensidades poderán incrementarse nos seguintes casos, tal e como se recolle na táboa I.B.

a) No caso de bonos solicitados por pemes, cando na proposta europea participe polo menos un organismo de investigación galego.

b) No caso de bonos solicitados por organismos de investigación galegos, cando na proposta europea participe máis dunha peme ou a proposta se presente a unha convocatoria europea de financiamento en fervenza. As pemes deberán ter a súa sede social ou un centro de traballo en Galicia onde desenvolverían a súa participación na proposta europea de obter esta financiamento.

Intensidades máximas-Táboa I.B

Bonos solicitados por pemes no caso en que no consorcio participe polo menos un organismo de investigación galego

Bono inicial para a preparación da proposta europea

35 %

Incentivo/Premio no caso de que a proposta supere os limiares da convocatoria europea de I+D+i

25 %

Bonos solicitados por organismos de investigación no caso en que no consorcio participe máis dunha peme ou a proposta se presente a unha convocatoria europea de financiamento en fervenza

Bono inicial para a preparación da proposta europea

35 %

Incentivo/Premio no caso de que a proposta supere os limiares da convocatoria europea de I+D+i

25 %

En todos os casos respectarase sempre os seguintes límites por bono:

Importes máximos do bono-Táboa II

Núm. socios do consorcio da proposta

Rol do solicitante na proposta

Socio

Coordinador ou solicitante único

≥ 5 socios

7.000 euros

17.000 euros

< 5 socios ou solicitante único

5.000 euros

10.000 euros

Estas axudas serán incompatibles coa percepción doutras axudas, ingresos ou recursos para os mesmos custos, procedentes de calquera Administración, ente público ou privado, nacional ou autonómico.

Octavo. Outros datos

Os pagamentos ao abeiro desta convocatoria faranse efectivos unha vez presentada e comprobada a correcta xustificación da actuación.

En cumprimento do artigo 9.4 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e á Política de Visados (en diante, RDC), as actuacións que se leven a cabo coas axudas financiadas ao abeiro destas bases reguladoras deben respectar o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (principio DNSH, polas súas siglas en inglés, Do no significant harm).

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2024

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación