DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 13 de febreiro de 2024 Páx. 12780

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 12 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa das axudas para a adquisición de vivenda na Comunidade Autónoma de Galicia e se procede a súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento VI501A).

BDNS (Identif.): 743453.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras do Programa de axudas para a adquisición de vivenda na Comunidade Autónoma de Galicia, que comprende as tres modalidades que se describen a continuación, as cales se tramitarán co código de procedemento VI501A:

– Modalidade A: adquisición de vivendas localizadas nun municipio pertencente ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia cunha poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes.

– Modalidade B: adquisición de vivendas situadas no ámbito dun centro histórico.

– Modalidade C: adquisición de vivendas cualificadas definitivamente como vivenda protexida de protección autonómica de réxime xeral ou especial.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para a anualidade 2024.

3. A concesión das axudas recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na correspondente convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas contempladas neste programa as persoas físicas maiores de idade que reúnan os seguintes requisitos:

a) Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que lle sexa de aplicación. No caso de estranxeiros non comunitarios, deberán contar con autorización de estancia ou residencia en España.

b) Ter subscrito con posterioridade á data fixada na correspondente convocatoria un contrato privado ou, de ser o caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda que cumpra os requisitos establecidos nestas bases. No caso da modalidade C, o contrato privado deberá estar visado pola área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda ou, de ser o caso, a escritura pública deberá conter as cláusulas obrigatorias derivadas da cualificación definitiva da vivenda.

c) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean empadroadas na vivenda adquirida no momento de presentación da correspondente solicitude, para o caso de dispoñer de escritura pública formalizada con anterioridade á referida data. Non obstante, no caso da modalidade B, o requisito do empadroamento só será exixible no momento da finalización das obras, para o suposto de que fora necesaria a súa rehabilitación.

d) Que os ingresos anuais das persoas que compoñen a unidade de convivencia cumpran os seguintes requisitos:

1º) No suposto da modalidade A, que os ditos ingresos sexan iguais ou inferiores a a 3 veces o IPREM.

Este límite será de 4 veces o IPREM se na unidade de convivencia existen persoas cunha discapacidade distinta das sinaladas a continuación, e de 5 veces o IPREM cando na composición da unidade de convivencia existan persoas con algunha das seguintes discapacidades:

– Persoas con parálise cerebral, persoas con enfermidade mental, persoas con discapacidade intelectual ou persoas con discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

– Persoas con discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

2º) No suposto da modalidade B, que os citados ingresos sexan iguais ou inferiores a 6,5 veces o IPREM.

3º) Na modalidade C, ter cumprido o requisito de ingresos no momento que determine a correspondente normativa reguladora.

e) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia se atopen ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Na modalidade A é preciso, ademais, que non se lles teña revogado, ou fosen obxecto dunha resolución de reintegro dunha axuda prevista no actual ou no anterior plan estatal de vivenda, por incumprimento ou causa imputable a aquelas.

g) Que nin a persoa solicitante nin ningunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en territorio español. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por herdanza ou transmisión mortis causa sen testamento. Exceptuaranse deste requisito aquelas persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten non ter a súa dispoñibilidade por causa de separación ou divorcio, non poidan habitala por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa solicitante ou de calquera membro da súa unidade de convivencia.

2. Ademais dos requisitos sinalados no punto anterior, é necesario:

– Na modalidade A, ter menos de 36 anos no momento de solicitar a axuda ou no momento da subscrición do contrato privado ou da formalización da escritura pública de compravenda, cando esta se realice antes da publicación da correspondente convocatoria.

– Na modalidade C, ser adquirente ou adxudicataria, en primeira transmisión, e ter acreditado no correspondente expediente o cumprimento dos requisitos de acceso a unha vivenda protexida exixidos pola normativa reguladora destas vivendas.

3. No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, cada unha das persoas propietarias deberá cumprir os requisitos sinalados neste ordinal para poder ser beneficiaria da axuda.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras que rexerán a concesión das axudas para a adquisición de vivendas na Comunidade Autónoma de Galicia están contidas na resolución de convocatoria.

Cuarto. Contías das axudas

1. A contía máxima da axuda determinarase en función da modalidade da axuda que se solicite e terá o límite do 20 % do prezo de adquisición da vivenda, sen incluír os gastos e tributos inherentes a esa adquisición:

a) No suposto da modalidade A, a contía máxima da axuda será de ata 10.800 euros por vivenda.

b) No suposto da modalidade B, a contía máxima da axuda será a seguinte:

1ª) Ata 12.800 euros por vivenda, no suposto de vivendas adquiridas por persoas menores de 36 anos.

2ª) Ata 10.800 euros, no caso de vivendas adquiridas por persoas con idade igual ou maior de 36 anos.

3ª) No suposto de vivendas situadas nun ámbito declarado Área Rexurbe, a contía da axuda será de 15.000 euros por vivenda.

c) No suposto da modalidade C, a contía máxima da axuda será a seguinte:

1º) No caso de vivendas situadas en municipios de prezo máximo superior, ata 20.000 euros por vivenda, no suposto de vivendas adquiridas por persoas menores de 36 anos, e ata 16.000 euros, no caso de vivendas adquiridas por persoas con idade igual ou maior de 36 anos.

2º) No caso de vivendas situadas nos restantes municipios de Galicia, ata 16.000 euros, no suposto de vivendas adquiridas por persoas menores de 36 anos, e ata 12.000 euros, no caso de vivendas adquiridas por persoas con idade igual ou maior de 36 anos.

2. No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, o importe da axuda que puidese recibir a persoa beneficiaria que adquira unha parte dela determinarase aplicando a porcentaxe de cota adquirida ao importe da axuda que lle correspondería, para o caso de ter adquirido o 100 % da vivenda.

Quinto. Crédito orzamentario

As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas por un importe total de 3.450.000 euros, distribuídos entre as tres modalidades da seguinte forma:

a) Para a modalidade A, correspóndelle un importe de 1.900.000 euros, con cargo a aplicación 06.81.451B.780.0.

b) Para a modalidade B correspóndelle un importe de 500.000 euros, con cargo a aplicación 06.81.451B.780.2.

c) Para a modalidade C correspóndelle un importe de 1.050.000 euros, con cargo a aplicación 06.81.451B.780.4.

2. O financiamento desta convocatoria farase nos seguintes termos:

– Na modalidade A, con cargo aos fondos finalistas do Estado asignados á anualidade 2024 do programa de axuda ás persoas mozas e para contribuír ao reto demográfico do Plan Estatal para o acceso á vivenda 2022-2025.

– Nas modalidades B e C, con cargo aos fondos propios da Comunidade Autónoma.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o primeiro día hábil seguinte ao sa publicación da resolución no DOG e rematará o 31 de outubro de 2024 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, o que será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2024

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo