DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 12 de febreiro de 2024 Páx. 12392

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 5 de febreiro de 2024 pola que se modifica o prazo de xustificación das axudas previsto na Orde do 30 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para o fomento de plantacións de castiñeiro para froito e para a rexeneración e/ou mellora de soutos tradicionais de castiñeiros, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR670D).

A Orde do 30 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para o fomento de plantacións de castiñeiro para froito e para a rexeneración e/ou mellora de soutos tradicionais de castiñeiros, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR670D) (DOG núm. 24, do 3 de febreiro), establece no artigo 21.1 que o prazo para executar e xustificar as axudas concedidas remata o 30 de xuño de 2024.

De acordo co establecido no artigo 18.8 da Orde do 30 de decembro de 2022, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo para a presentación de solicitudes.

Debido á alta carga de traballo polo gran número de subvencións que se tramitaron na Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal durante o ano 2023, non foi posible aprobar as axudas desta orde ata o día 22 de novembro de 2023, o que se notificou ás persoas interesadas mediante publicación no DOG o día 18 de decembro de 2023. En consecuencia, o prazo de xustificación establecido na orde de axudas redúcese considerablemente, pasando a ser un prazo demasiado curto para a realización e xustificación dos investimentos subvencionados.

Por todo o exposto, é necesario unha modificación da Orde do 30 de decembro de 2022 para ampliar o prazo establecido para a xustificación das axudas.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das competencias atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 30 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para o fomento de plantacións de castiñeiro para froito e para a rexeneración e/ou mellora de soutos tradicionais de castiñeiros, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR670D)

Modifícase o número 1 do artigo 21 da referida orde, que queda redactado como segue:

«1. O prazo para executar e xustificar as axudas concedidas nesta orde remata o 30 de novembro de 2024».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2024

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural