DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 9 de febreiro de 2024 Páx. 12175

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 24 de xaneiro de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 24 de xaneiro de 2024, relativa á solicitude de deslindamento formulada polos representantes dos montes veciñais en man común de Torneiros e de Sabariz, no concello de Lobeira (Ourense).

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) de Torneiros, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Torneiros e de Sabariz, pertencente á CMVMC de Sabariz, no concello de Lobeira, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 30.9.2022, a CMVMC de Torneiros presentou un escrito (Rexel 2022/2407099) en que solicita a aprobación dun deslindamento coa CMVMC de Sabariz.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Acta de deslindamento.

– Certificacións dos acordos das respectivas da asembleas xerais.

– Memoria e planos.

– Escrito de conciliación presentado no Xulgado de Paz de Lobeira.

Segundo. Posteriormente, o 6.10.2022, a mesma comunidade presentou un escrito de mellora (Rexel núm. 2022/2464214) co que achegou a acta de conciliación levantada o 6.10.2022 no Xulgado de Paz de Lobeira.

Terceiro. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense, do 19 de abril de 2023, fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC de Torneiros, pertencente á CMVMC de Torneiros, e o MVMC de Sabariz, pertencente á CMVMC de Sabariz, desde o vértice 1 (o situado máis ao O) ata o vértice 10 (o situado máis ao E).

Logo de analizar toda a documentación achegada, obsérvase que, na maioría dos vértices, a estrema non é unha liña recta entre os puntos acordados senón que, tal como se describe na acta do deslindamento, vén definida por varios elementos ou referencias lineais e, máis concretamente, por unha levada de auga (tramo dos vértices 2 ao 3 ou tramo 2-3), pola pista de subida ao Leboreiro (marxe N no tramo 3-4, e marxe S no tramo 7-8) e máis por dúas devasas (marxe E no tramo 5-6, e marxe S no tramo 8-9).

Porén, cómpre sinalar que o tramo 6-7 non se atopa descrito coa suficiente precisión, xa que a liña que une ambos os puntos sofre 2 cambios de dirección, o primeiro dos cales se debe ao axuste cartográfico da liña á marxe N da pista do Leboreiro nunha zona moi puntual na cal, ademais, non se fai constar (na acta) que a liña transcorra pola dita marxe; mentres que o segundo se debe ao cruzamento da dita pista nun punto de elección arbitraria. Logo, tendo en conta que, segundo a descrición do tramo que consta na acta, a conclusión máis lóxica sería que se trata dun pequeno tramo recto, existiría unha incoherencia co trazado dese tramo que figura na cartografía achegada. En consecuencia, e co obxecto de evitar equívocos e de ter unha descrición dese tramo o suficientemente coherente coa súa representación cartográfica, considérase preciso facer constar as coordenadas dos ditos cambios de dirección do tramo 6-7, e que serían: 576.293,92-4.645.552,48; 576.304,20-4.645.544,97.

Por outra banda, compróbase que, tal como se indica na acta do deslindamento, o vértice 1 marca a confluencia dos montes obxecto do deslindamento e máis do MVMC Serra de Leboreiro e Cabreira, pertencente ás parroquias de Fraga, Parada e San Xes de Vilariño. Porén, dado que esta última comunidade non participa da avinza, considérase que o deslindamento en si comeza no punto 2, tendo o vértice 1 a consideración de punto auxiliar que permite definir a dirección da liña no tramo anterior ao punto 2.

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación entre os puntos 2 e 10 indicados na acta de conciliación, tendo o vértice 1 a consideración de punto auxiliar, que permite definir a dirección da liña no tramo inicial, e facendo constar, entre os vértices 6 e 7, dous pequenos cambios de dirección definidos polos seguintes pares de coordenadas: 576.293,92-4.645.552,48; 576.304,20-4.645.544,97.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segunda. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se deberá seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, dite resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 19 de abril de 2023, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 11 de decembro de 2023:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC de Torneiros, pertencente á CMVMC de Torneiros, e o MVMC de Sabariz, pertencente á CMVMC de Sabariz, no concello de Lobeira.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 24 de xaneiro de 2024

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense