DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 8 de febreiro de 2024 Páx. 11541

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 22 de xaneiro de 2024 pola que se clasifica de interese social a Fundación Lingoreta.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Lingoreta con domicilio na rúa Pizarro, número 51, en Vigo (Pontevedra).

Feitos:

1. O 16 de novembro de 2023 presentouse solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Lingoreta constituírona a entidade Centro Lingoreta, S.A. e Diana Lameiro Aznar, mediante escritura pública outorgada o 10 de outubro de 2023, ante o notario de Vigo (Pontevedra) Miguel Lucas Sánchez, co número de protocolo 3.283.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto:

– Dar intervención sociosanitaria a colectivos en risco de exclusión social, discapacidade ou necesidades educativas especiais e ás súas familias.

– Ofrecer un servizo de orientación, sensibilización e asesoramento á contorna social acerca das diferentes necesidades que presentan as persoas máis vulnerables da sociedade.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Diana Lameiro Aznar, como presidenta; María del Carmen Rodríguez de Dios, como vicepresidenta; Carlos García Vilaboa, como secretario; e Eva López Barrio, como vogal.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese social da Fundación Lingoreta, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese social e a súa adscrición á Consellería de Política Social e Xuventude.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta vicepresidencia primeira e consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 26 de decembro de 2023,

DISPOÑO:

Clasificar de interese social a Fundación Lingoreta, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Política Social e Xuventude.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; podéndose interpoñer no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2024

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes