DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 8 de febreiro de 2024 Páx. 11573

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 31 de xaneiro de 2024 pola que se acredita o Campus Auga como campus de especialización do Sistema universitario de Galicia, de acordo co procedemento establecido na Orde do 10 de setembro de 2019 que regula o procedemento.

A Orde do 10 de setembro de 2019 regula o procedemento para a acreditación dos campus de especialización do Sistema universitario de Galicia (DOG núm. 177, do 18 de setembro).

Con data do 16 de febreiro de 2022, a Universidade de Vigo presenta unha solicitude, e a documentación complementaria, para a acreditación do Campus Auga como campus de especialización do Sistema universitario de Galicia (en diante, SUG).

A instrución do procedemento para obter a acreditación como campus de especialización (en diante, CE) correspóndelle á Secretaría Xeral de Universidades, segundo establece o artigo 5.2 e 10 da citada orde.

O artigo 12 da dita orde establece o procedemento de avaliación das propostas presentadas, que se baseará na realización dunha avaliación a cargo dun panel de persoas expertas externas ao SUG (Comité de Avaliación). Este comité, nomeado pola Secretaría Xeral de Universidades, é o encargado de analizar a documentación remitida pola universidade, manter unha reunión cos representantes do CE e elaborar os informes de avaliación.

Atendendo ao procedemento de avaliación establecido, trasladóuselle ao Comité de Avaliación a documentación presentada para a súa análise e revisión.

Do 6 ao 8 de febreiro de 2023 realízase a visita presencial ao campus por parte do Comité de Avaliación acompañado do persoal da Secretaría Xeral de Universidades. Esta visita inclúe reunións do comité cos diferentes axentes do Campus Auga (representantes institucionais, representantes externos, estudantes, PAS, representantes das liñas estratéxicas, predoutorais e posdoutorais e o comité executivo), así como visitas presenciais a diferentes centros (planta piloto, CACTI-Centro de apoio Científico-Tecnolóxico– e instalacións do Grupo Coren).

Con data do 5 de abril de 2023, tras a análise da documentación e a visita realizada, o Comité de Avaliación remite á Secretaría Xeral de Universidades, o Informe preliminar de avaliación sobre o Campus Auga, no que se establecen unha serie de recomendacións que deberán ser abordadas para a mellora do proxecto de CE cara á obtención da súa acreditación.

A Secretaría Xeral de Universidades comunica á Universidade de Vigo o resultado da avaliación preliminar e á vista deste resultado a Universidade de Vigo reformulou a súa proposta facendo unha nova achega de documentación en varias fases en diferentes datas, 19 de xullo, 27 de xullo e, finalmente, 28 de novembro de 2023, nas que van recollendo as recomendacións feitas polo Comité de Avaliación nos diferentes documentos presentados.

Esta documentación trasládase novamente ao comité para a súa análise e revisión.

Con data do 22 de decembro de 2023 o Comité de Avaliación remite á Secretaría Xeral de Universidades o Informe final de avaliación do Campus Auga.

O informe do órgano instrutor do procedemento e a súa proposta de resolución do 30 de xaneiro de 2024 asumen e fan súas as determinacións recollidas no informe final do Comité de Avaliación.

Á vista do anteriormente exposto,

RESOLVO:

1. Acreditar como campus de especialización do SUG o Campus Auga da Universidade de Vigo.

2. A acreditación estenderase por un período de tres anos desde a súa concesión e a súa vixencia e efectos estarán suxeitos ao seguimento das seguintes condicións, de acordo co sinalado no informe final do Comité de Avaliación, nas áreas que figuran a continuación. Para cada dimensión, asignouse un peso e especifícase o nivel de relevancia para o cumprimento da estratexia e a obtención dos resultados estratéxicos do Campus Auga:

2.1. Aspectos xerais.

O campus debe enfocarse en continuar o camiño na senda da especialización que lle permita acadar unha mellora substantiva nos diferentes ámbitos implementado progresivamente as accións da proposta presentada e facendo especial fincapé no que se refire tanto á organización e planificación das actividades docentes como de investigación e transferencia de resultados ao sector produtivo.

2.2. Gobernanza (peso global: 5 %).

– Elaboración do novo Plan estratéxico Campus Auga. Esta é unha acción imprescindible e deberá ser abordada antes da conclusión do terceiro ano do período de acreditación, de xeito que se poidan avaliar os resultados do período e os plans de futuro. Recoméndase a reflexión da estratexia internamente e coa axuda dos diferentes comités consultivo ou expertos de recoñecido prestixio sen recorrer a consultoras xeneralistas. Resulta moi aconsellable neste punto a configuración dun think tank interno de reflexión estratéxica.

– Procesos regulares de avaliación de desempeño, informes sistemas de seguimento e de valoración. Destácase a importancia e utilidade da avaliación do desempeño de diferentes estruturas do Campus de cara a melloralas en pro da especialización que se persegue, utilizando métricas adecuadas para medir o impacto das distintas actuacións dos órganos de goberno e das actuacións recollidas no plan estratéxico. Resulta tamén relevante avaliar a percepción do Campus para o sector produtivo agroalimentario e termal en dúas ocasións: a primeira, ao inicio do período, antes de poñer en marcha o Plan estratéxico e o kit de comunicación, e a segunda, ao rematar o período de acreditación. Deste xeito, poderá valorarse o efecto das accións e o seu impacto.

– Fortalecer todos os elementos que forman a estrutura de goberno.

– Kit de comunicación que permita mellorar aqueles aspectos da comunicación que lles faciliten aos futuros estudantes o coñecemento das posibilidades de formación que brinda o Campus, así como as vantaxes de desenvolver nel unha carreira académica.

2.3. Docencia (peso global: 40 %).

Esta dimensión é unha das máis importantes que precisa dunha reconfiguración de cara ao enfoque cara á especialización. Inclúense nela varias accións que, pola súa vez, integran varias actuacións:

– Potenciar a oferta formativa do Campus Auga arredor das tres liñas de especialización. Esta é a acción máis relevante nesta dimensión e inclúe catro actuacións importantes:

• Posta en marcha de dobres graos: Enxeñaría Agraria/Ciencia e Tecnoloxía de Alimentos; Enxeñaría Agraria/Ciencias Ambientais; ou Enxeñaría Agraria/Sensórica, sendo esta de especial interese polo feito de ser unha titulación única na contorna e de gran futuro potencial.

• Máster en Viticultura e Enoloxía, dado o impacto do sector na provincia de Ourense e, en xeral, a nivel nacional.

• Másteres de Hidroloxía/Termalismo e de Economía circular do proxecto Galicia 2030. O feito de facelo interuniversitario supón un valor engadido dada a necesidade de colaboración entre as universidades do SUG.

• Posta en marcha de titulacións sobre «Sensórica» e a transformación tecnolóxica nos sectores agrícola e alimentario. Considérase importante que o Campus avance nesta liña.

• Programa de formación continua, que debe ser implementado de xeito que axude a contorna e poña en valor o esforzo do Campus cara aos sectores produtivos relacionados.

– Fortalecer a viabilidade dos títulos do Campus Auga mediante a captación de talento para promover a visibilidade do Campus e as súas titulacións. Inclúense nesta acción dúas actuacións:

• Programas de visitas e días de portas abertas; fortalecemento das Xornadas «Coñece o Campus Auga», Programa de visitas a centros de FP e Bacharelato (debe ser esta unha liña prioritaria de cara a dar a coñecer o Campus aos seus estudantes potenciais).

• Potenciar o programa «Bolsas Ourense Rural».

– Potencia a empregabilidade dos/as egresados/as. O máis importante neste punto é a aliñación óptima das titulacións do Campus coas necesidades do sector produtivo e considérase de grande impacto para o Campus a actuación de potenciar as prácticas curriculares e extracurriculares en empresas con axudas á subvención das empresas.

– Promover a internacionalización das titulacións. Inclúense nesta accións tres actuacións que poden ter un impacto positivo na especialización do Campus:

• O programa «English-friendly».

• «Promover acordos de cooperación interinstitucional con universidades estranxeiras» e «Estimular a mobilidade estudiantil e do profesorado mediante programas de intercambio. Neste punto é importante premiar a diversidade entre rexións.

– Programa de actualización dos recursos materiais e inmateriais docentes. Aínda que non é esta unha acción de especial relevancia para a especialización do Campus, considérase que é necesario levala a cabo con actuacións tales como:

• Potenciar o programa de visitas a industrias.

• Programas de formación continua do profesorado en novas tecnoloxías e metodoloxías de ensino/aprendizaxe, tendo en conta os novos retos do Campus coas titulacións novas que se pretende incorporar.

– Incidir nos órganos de goberno da Universidade de Vigo. A Universidade de Vigo deberá atender, na medida do posible, as necesidades de persoal que teña o Campus para poñer en marcha o Plan estratéxico aprobado.

– As medidas e indicadores recollidos na dimensión de Docencia, dentro do Plan estratéxico do Campus, deberán apoiarse nos plans de mellora das titulacións.

2.4. Investigación (peso global: 40 %).

A investigación, xunto coa docencia, é outra das dimensións que resulta esencial para asegurar un bo percorrido cara á especialización do Campus Auga.

É esta unha asignatura pendente no Campus que é preciso atender. Priorízanse as seguintes accións e as conseguintes actuacións:

– Implementación de programas de formación e captación de talento. Inclúense nesta acción as seguintes actuacións:

• Convocatoria de programas propios competitivos de contratos de investigación, tanto predoutorais como posdoutorais, para investigadores destacados en áreas de interese estratéxico vinculados ás liñas de investigación de especialización do Campus Auga. Na selección deste persoal contarase coa participación do Comité Consultivo de Persoas Expertas.

• Posta en marcha dun programa de captación de talento con financiamento adicional nos salarios dos contratos e fondos para investigación para a captación de investigadores Juan de la Cierva, Ramón y Cajal, Beatriz Galindo… Na selección deste persoal contarase coa participación do Comité Consultivo de Persoas Expertas.

• Promoción da mobilidade dos investigadores mediante estadías de investigación e programas de intercambio cunha duración mínima dun mes.

• Axudas para a visita de persoal investigador no Campus Auga, actuación complementaria á anterior e, neste caso, sen duración mínima.

– Programa de fortalecemento de infraestruturas de investigación:

• Adquisición de novas infraestruturas de investigación, establecendo a pertinente prioridade con base nas necesidades e dispoñibilidade orzamentaria para o que se contará coa participación do Comité Consultivo de Persoas Expertas.

Engádense neste punto as seguintes actuación, que terán, en todo caso, unha prioridade baixa:

– Desenvolvemento das seguintes liñas de investigación nas que se focaliza o Campus Auga:

• Alimentación funcional.

• Agricultura e Ambiente.

• Xestión da Auga Termal.

Estas liñas apóianse, pola súa vez, en tres áreas de soporte: Intelixencia artificial, Economía circular e lexislación agroalimentaria e ambiental.

Calquera modificación destas liñas de investigación deberá contar coa autorización previa da Secretaría Xeral de Universidades.

– Reformulación do Programa Proxectos de investigación coa finalidade de buscar un interese xeral e non puramente local.

– Potenciación da internacionalización mediante colaboracións interinstitucionais. Inclúe dúas actuacións:

• Fomentar a participación en plataformas tecnolóxicas e redes de investigación.

• Potenciar a creación do «Laboratorio Ibérico de Alimentos» xunto co Instituto Politécnico de Bragança. Aínda que este proxecto está á marxe das competencias do campus, é conveniente participar na súa creación considerando o impacto sobre o campus na súa senda cara á especialización.

– Reformulación da colaboración co Campus Terra, da USC, coa finalidade de ampliar o alcance dos seus obxectivos.

– Vinculación do Programa de contratación de persoal técnico de I+D+i e profesionais de apoio á investigación a obxectivos concretos de captación de fondos.

– Outras actuacións de mantemento tales como reparación e actualización de equipamento investigador e Renovación de pequeno equipamento.

2.5. Transferencia e Innovación (peso global: 15 %).

Esta dimensión é a menos definida no plan estratéxico do Campus e a que precisa dunha reformulación máis integral para facela operativa. Inclúe varias accións:

– Creación do mapa de transferencia e carteira de servizos do Campus Auga. Recolle dúas actuacións:

• Creación do catálogo de servizos e capacidades dos grupos de investigación.

• Facilitación do acceso de empresas as instalacións e laboratorios do Campus para probas piloto, validación de tecnoloxías e desenvolvemento conxunto de proxectos.

– Formación para o emprendemento. Que se desenvolverá mediante dúas actuacións:

• Programas de formación e asesoramento específicos para emprendedores/as. Con carácter previo á súa posta en marcha e ao seu financiamento deberán definirse o seu formato e obxectivos concretos.

• Creación dun Venture Lab, un punto de encontro de emprendedores/as e stakeholders externos, con reunións mensuais para a posta en común das diferentes prespectivas, necesidades e ofertas potenciais que permita posicionar o Campus como un facilitador do emprendemento.

– Programa de protección de resultados de investigación e patentes.

– Programa de financiamento de transferencia de tecnoloxía. Esta acción supón un compoñente de investimento directo do Campus na transferibilidade dos seus resultados de investigación. Deberá centrarse na seguinte actuación:

• Programa de financiamento de proxectos de transferencia, que aproximen os resultados de investigación dos grupos á súa posible explotación comercial.

– Programa de contratación dun xestor técnico de I+D+i para a innovación e a transferencia de I+D+i, que dinamice o Campus no aspecto de transferencia e permita a súa evolución no camiño cara á especialización.

3. Para analizar o cumprimento destas condicións o comité de avaliación propón establecer un esquema de indicadores para cada unha das dimensións definidas no plan estratéxico, e establecer un peso determinado para cada dimensión e para cada indicador dentro da súa dimensión, en función do que se considera adecuado para a valoración do cumprimento da estratexia e obtención de rexultados estratéxicos do Campus Auga no seu conxunto.

4. Para obxectivar o cumprimento das condicións establecidas proponse definir unha serie de puntos de control e indicadores, que serán fixados nun protocolo para asinar entre a consellería e a Universidade de Vigo.

5. Coa finalidade de verificar o cumprimento dos obxectivos que se sinalen nos puntos de control que se fixen no protocolo é preciso establecer un sistema de monitorización permanente, que estará artellado da seguinte maneira:

5.1. Antes do 30 de novembro de cada ano de vixencia da acreditación, o persoal responsable do Campus Auga deberá presentar as evidencias de cumprimento das exixencias establecidas nos puntos de control recollidos no protocolo, xunto coa documentación xustificativa que dea soporte para verificar o grao de cumprimento.

5.2. Á vista desta documentación a consellería poderá manter a acreditación na forma na que foi concedida ou ben revogala se o cumprimento dos indicadores non fose o exixido. No caso de que circunstancias de contexto así o determinen poderanse modificar os puntos de control recollidos no protocolo graduando a intensidade ou temporalidade do seu cumprimento. Neste suposto, a consellería poderá solicitar os informes externos que considere necesarios.

5.3. A revogación da acreditación e/ou a modificación de indicadores dos puntos de control previstos no parágrafo anterior farase por resolución expresa do órgano que concedeu a acreditación.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade cos artigos 19 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2024

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29 de xullo de 2022)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación, Formación Profesional e Universidades