DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 5 de febreiro de 2024 Páx. 10958

VI. Anuncios

b) Administración local

Deputación Provincial da Coruña

ANUNCIO da aprobación das bases para a xestión por delegación da recadación executiva das sancións de tráfico do Concello de Santiago de Compostela e a aceptación da devandita delegación.

A Deputación Provincial da Coruña, na sesión plenaria ordinaria que tivo lugar o día 22 de decembro de 2023, adoptou o seguinte acordo:

«25. Aprobación das bases para a xestión por delegación da recadación executiva das sancións de tráfico do Concello de Santiago de Compostela e a aceptación da devandita delegación.

1º. Aprobar as bases que regulan a delegación que o Concello de Santiago de Compostela realiza na Deputación das facultades en materia de recadación executiva das sancións municipais por infraccións que se deduzan da Lei sobre tráfico, circulación de vehículos de motor e seguridade viaria, as ordenanzas municipais sobre tráfico viario, sobre ordenación e regulación de aparcamento e aparcamento de residentes e demais normativa vixente de aplicación, que sexan instruídas polos órganos competentes do Concello.

Bases para a xestión por delegación da recadación executiva das sancións de tráfico do Concello de Santiago de Compostela

Primeira. Obxecto da delegación

A Deputación Provincial da Coruña asume, por delegación expresa do Concello de Santiago de Compostela, as competencias en materia de recadación executiva das sancións municipais por infraccións que se deduzan da Lei sobre tráfico, circulación de vehículos de motor e seguridade viaria, as ordenanzas municipais sobre tráfico viario, sobre ordenación e regulación de aparcamento e aparcamento de residentes e demais normativa vixente de aplicación, que sexan instruídas polos órganos competentes do Concello.

Segunda. Alcance do exercicio das competencias delegadas

A delegación de competencias suporá que a Deputación asumirá a totalidade das funcións e atribucións necesarias para levar a cabo o exercicio das competencias da recadación executiva das sancións municipais especificadas na base primeira.

A actuación da Deputación comezará coa notificación das providencias de prema previamente ditadas polo tesoureiro do Concello de Santiago de Compostela e remitidas por este ao Servizo de Recadación da Deputación. Para estes efectos deberá enviarse á Deputación a documentación e o ficheiro informático que se acorde polas dúas administracións, que conteña a información necesaria para que poida levarse a efecto a xestión obxecto de delegación.

A Deputación da Coruña levará a cabo o desenvolvemento do procedemento de prema en todas as súas fases, de conformidade co previsto na Lei xeral tributaria e no Regulamento xeral de recadación, sen prexuízo das especialidades que afecten a normativa específica de tráfico e seguridade viaria.

En particular, será competencia da Deputación:

a) A tramitación, concesión e posterior seguimento de aprazamentos e/ou fraccionamentos de pago.

b) A declaración de insolvencia e créditos incobrables.

c) A suspensión, nos supostos previstos na normativa de aplicación, do procedemento de constrinximento.

d) O desenvolvemento e execución do expediente de prema desde o seu inicio –coa notificación da providencia de prema– ata a súa terminación, sexa esta por cobramento, insolvencia ou calquera outro dos motivos legalmente establecidos.

e) A práctica de embargos.

Corresponderá á Tesouraría do Concello de Santiago de Compostela:

a) Ditar e emitir a providencia de prema.

b) Resolver os recursos que se presenten contra a providencia de prema.

Terceira. Información da xestión da Deputación ao Concello

O Concello de Santiago de Compostela terá acceso, en tempo real, a través dos usuarios que se determinen, tanto ao seguimento e control da xestión global realizada por delegación súa, como aos seus expedientes individuais. Disporá para estes efectos de todas as posibilidades de consulta que permita a aplicación de xestión da Deputación, dentro do marco establecido pola lexislación xeral sobre protección de datos e a normativa específica que para o seu cumprimento teña aprobada a propia deputación.

Adicionalmente e con carácter anual, dentro do mes natural seguinte á finalización de cada exercicio, a Deputación renderá estado demostrativo da xestión realizada no ano con indicación de: cargos recibidos; pendente de cobramentro do ano anterior; rectificacións de cargo, cobramentos e datas; devolucións de ingreso, e pendente de cobramento para o ano seguinte.

Cuarta. Tratamento dos datos de carácter persoal

Tanto o Concello de Santiago de Compostela como a Deputación da Coruña tratarán os datos de carácter persoal incluídos nos expedientes tramitados en execución da presente delegación, de acordo co Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016 (en diante, RXPD), e coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais (en diante, LOPDGDD).

O Concello de Santiago de Compostela ten, en relación cos datos de carácter persoal incluídos nos expedientes tramitados en execución da presente delegación, a consideración de responsable do tratamento para os efectos do Regulamento xeral de protección de datos.

A Deputación Provincial da Coruña ten a consideración de encargada do tratamento para os efectos do Regulamento xeral de protección de datos, tal e como sinala a súa política de privacidade aprobada pola Resolución 38303/2018 (modificada pola Resolución 27803/2019), ao tratarse dun tratamento de datos que son facilitados polo Concello de Santiago de Compostela para o exercicio de actividades de asistencia e asesoramento en desenvolvemento das facultades delegadas en materia de recadación executiva das sancións municipais de tráfico.

De conformidade cos artigos 28 e 33 da LOPDGDD, considéranse medidas técnicas e organizativas axeitadas para garantir e acreditar que o tratamento que realizará a Deputación Provincial da Coruña como encargada do tratamento é conforme co antedito RXPD, coa LOPDGDD e demais normativa de aplicación, o cumprimento por esta da súa política de seguridade da información e as normas técnicas de seguridade e de uso que a desenvolven, así como a súa política de privacidade, e serán suficientes para combater os maiores riscos que puidesen producirse ao tratarse dun tratamento masivo que implica un gran número de afectados e implica a recollida e tratamento dunha gran cantidade de datos persoais.

A Deputación da Coruña, como encargada do tratamento asumirá, mediante a aceptación da delegación, todas as obrigas establecidas no artigo 28.3 do RXPD.

Quinta. Taxa por prestación de servizos delegados

A taxa que aboará o Concello de Santiago de Compostela pola xestión realizada obxecto de delegación nestas bases será o equivalente á totalidade do recargo do período executivo que corresponda (1 ou 20 %) relativa ás sancións que fosen efectivamente recadadas.

Sexta. Liquidación ao Concello dos ingresos recadados

A recadación líquida obtida a favor do Concello de Santiago de Compostela liquidarase por trimestres. A de cada trimestre será entregada dentro do trimestre inmediatamente seguinte. Na dita liquidación descontarase a taxa pola prestación do servizo que corresponda, de conformidade co previsto na base anterior.

Sétima. Vixencia da delegación

O prazo de vixencia da delegación de competencias regulada nestas bases será de dez anos contados a partir da súa entrada en vigor.

Non obstante, poderase dar fin á dita delegación en calquera momento, por mutuo acordo das partes.

Oitava. Acordos de delegación e aceptación

O procedemento para formalizar a delegación na Deputación das competencias e funcións que se detallan nas presentes bases será o seguinte:

1º. Acordo de delegación de competencias e aprobación destas bases adoptado polo Pleno do Concello de Santiago de Compostela.

2º. Publicación do acordo anterior no Boletín Oficial da provincia e traslado del á Deputación, mediante certificación expedida polo secretario xeral do Concello de Santiago de Compostela.

3º. Acordo adoptado polo Pleno da Deputación, onde se aproban as bases e se acepta a delegación nos seus termos.

4º. Publicación do acordo no Boletín Oficial da provincia e no Diario Oficial de Galicia, para xeral coñecemento.

Novena. Entrada en vigor

A entrada en vigor da delegación producirase con efectos do primeiro día do mes seguinte á última publicación das previstas na base anterior. A delegación poderá afectar a xestión executiva daquelas sancións anteriores á data de entrada en vigor que estando en vía executiva na data en que se entreguen á Deputación o prazo para a prescrición non sexa inferior a seis meses.

Décima. Normativa de desenvolvemento

Habilítase a Presidencia da Deputación para ditar as normas necesarias para o adecuado desenvolvemento das presentes bases e para unha mellor execución das competencias obxecto de delegación.

2º. Aceptar a delegación acordada polo Concello de Santiago de Compostela nas condicións establecidas no devandito acordo e nestas bases para a delegación.

3º. Publicar estes acordos no Boletín Oficial da provincia e no Diario Oficial de Galicia para xeral coñecemento».

O que se fai público para xeral coñecemento.

A Coruña, 4 de xaneiro de 2024

O presidente da Deputación da Coruña
Por delegación de sinatura (Resolución do 29.8.2023)
José Ramón Rioboo Castro
Deputado provincial

Miguel Iglesias Martínez
Secretario accidental