DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 2 de febreiro de 2024 Páx. 10527

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Escola Galega de Administración Pública

ANUNCIO do 3 de xaneiro de 2024 polo que se fai pública a resolución do Premio Manuel Colmeiro na súa vixésimo sexta edición.

Mediante a Orde do conselleiro de Facenda e Administración Pública, do 26 de decembro de 2022 (DOG núm. 15, do 23 de xaneiro de 2023), aprobáronse as bases reguladoras e convocouse a XXVI edición do Premio Manuel Colmeiro, para traballos de investigación que teñan como obxecto a Administración pública de Galicia.

En cumprimento do establecido na base décimo primeira da dita Orde do 26 de decembro de 2022 a competencia para ditar resolución sobre a adxudicación do premio correspóndelle á directora da Escola Galega de Administración Pública.

De acordo co exposto, faise pública a Resolución do 29 de decembro de 2023 da concesión do premio Manuel Colmeiro na súa vixésimo sexta edición, que foi adoptada de acordo coa proposta do xurado e seguindo o procedemento regulado na referida Orde do 26 de decembro de 2022, e que literalmente di:

«En vista de todo o exposto, RESOLVO:

Adxudicar o premio a Diego Sande Veiga polo traballo titulado As políticas rexionais de innovación empresarial en Galiza. Análise de resultados no tecido produtivo a través do fondo tecnolóxico».

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Dirección da EGAP, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación nos termos dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación ou ben de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co establecido nos artigos 8.2.a) e 14 e 46, respectivamente, da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2023

A directora da Escola Galega de Administración Pública
P.D. (Resolución do 17.12.2007; DOG núm. 3, do 2.1.2008)
Beatriz Simón Cuesta
Secretaria da Escola Galega de Administración Pública