DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 2 de febreiro de 2024 Páx. 10533

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

CÉDULA do 17 de xaneiro de 2024 pola que se fai pública resolución de procedemento para a declaración de abandono da embarcación BI ARRI varada no porto de Foz (Lugo).

De conformidade co disposto nos artigos 44 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, por resultar descoñecido o domicilio da propietaria actual, Esther Elisabeth Van Ginkel, de nacionalidade holandesa, segundo os únicos datos dos que se dispón facilitados polo anterior propietario, faise público mediante a publicación no Boletín Oficial del Estado, a resolución de inicio do procedemento para a declaración de abandono do barco de nome BI ARRI, con matrícula 7ª-BA-390-95.

Así mesmo, este anuncio publicarase no Diario Oficial de Galicia, ben que a eficacia do acto notificado quedará supeditada á súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

A embarcación en cuestión atopábase atracada no peirao de Portochico, no porto de Foz, en estado de abandono e con perigo de afundimento desde o día 13 de abril de 2023, o que fixo necesario a súa posta en seco o día 17 de outubro de 2023.

Desde a dita data a embarcación atópase na zona de varada do porto de Foz sen actividade e en estado de abandono, e sen que ningunha persoa física ou xurídica manifestase interese por ela.

A presente resolución emítese con base no establecido no artigo 128 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, unha vez que no Boletín Oficial del Estado número 311, do 29 de decembro de 2023, se fai público o acordo de iniciación, e dentro do prazo concedido no trámite de audiencia nin o suposto propietario nin ningunha outra persoa física ou xurídica que acreditara dereitos e/ou intereses lexítimos sobre a embarcación formulara alegacións ou se persoase no procedemento.

De acordo coa normativa que se cita, e a través dos medios previstos na Lei 5/2011, (DOG núm. 203, do 24 de outubro), do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, Portos de Galicia vai proceder á venda do buque, e de resultar esta falida, ao seu despezamento e traslado a vertedoiro autorizado.

Todos os custos de tramitación ou que xeren as actuacións que se van realizar sobre o buque en función do que resulte do exame sobre o seu estado e da súa peritación, serán por conta do propietario.

Esta resolución emítese polo presidente de Portos de Galicia en virtude das competencias conferidas polo artigo 12.3, alíneas a) e l), da Lei 6/2017, de portos de Galicia.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa e é executiva, poderase interpor recurso contencioso-administrativo nun prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela que corresponda.

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2024

José Antonio Álvarez Vidal
Presidente de Portos de Galicia