DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 1 de febreiro de 2024 Páx. 10035

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 24 de xaneiro de 2024 pola que se amplia o prazo para a resolución do concurso convocado pola Resolución do 30 de novembro de 2023 (Diario Oficial de Galicia do 13 de decembro).

Pola Resolución do 30 de novembro de 2023 (DOG do 13 de decembro) convócase concurso público para a provisión de prazas de profesor axudante doutor. Na norma 1.5 do citado concurso establécese que o prazo máximo para a resolución do concurso será de 3 meses contados a partir da data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, prazo que remata o 14 de marzo de 2024.

Ademais das novidades que presenta o Regulamento de selección de profesorado da USC respecto dos membros que poden actuar nas comisións de selección, este concurso coincide temporalmente coa convocatoria publicada pola resolución da mesma data de prazas de profesorado asociado, e todas elas precisan, con carácter previo á actuación das comisións de selección, dun traballo administrativo de preparación das solicitudes e de revisión da documentación acreditativa dos méritos alegados polos aspirantes, o que require unha forte dedicación de recursos e tempo.

Á vista do estado actual dos traballos administrativos previos á actuación das comisións de selección, e tendo en conta que estas deben dispoñer dun tempo axeitado para desenvolver as súas actuacións, considérase necesario ampliar o prazo máximo previsto para a resolución completa da convocatoria.

Por esta razón, esta reitoría

RESOLVE:

Único. Ampliar ata o día 14 de maio de 2024 o prazo máximo para a resolución dos concursos convocados pola Resolución do 30 de novembro de 2023 (DOG do 13 de decembro) pola que se convoca concurso público para a provisión de prazas de profesor axudante doutor.

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2024

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela
P.D. (Resolución reitoral do 21.4.2022; DOG do 26 de abril)
Ernesto González Seoane
Vicerreitor de Profesorado