DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 31 de xaneiro de 2024 Páx. 9817

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 11 de xaneiro de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 11 de xaneiro de 2024 relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Comunal de Monteveloso, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Monteveloso, no concello de Castrelo do Val.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Comunal de Monteveloso, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Monteveloso, no concello de Castrelo do Val, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 27.9.2022 a CMVMC de Monteveloso presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2372365) de revisión de esbozo do MVMC Comunal de Monteveloso, no concello de Castrelo do Val.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da asemblea xeral do 18.9.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 5 de abril de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe o perímetro lindeiro con particulares. Non se modifican os límites cos montes veciñais estremeiros.

A superficie do MVMC Comunal de Monteveloso, unha vez revisado o esbozo, resulta de 127,13 ha fronte ás 46 ha clasificadas. Este aumento vén provocado polos deslindamentos cos outros montes veciñais do ano 2020, e non se detectan diferenzas substanciais (senón mínimas), provocadas polos límites revisados con particulares na presente revisión de esbozo.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Comunal de Monteveloso.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con esta, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que esixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 5 de abril de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 11 de decembro de 2023:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Comunal de Monteveloso, pertencente á CMVMC de Monteveloso, no concello de Castrelo do Val.

Ourense, 11 de xaneiro de 2024

O presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
P.S. (Resolución do 12.7.2022)
José Antonio García Rodríguez
Xefe do Servizo Xurídico-Administrativo