DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 30 de xaneiro de 2024 Páx. 8888

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 29 de xaneiro de 2024 pola que se levanta a medida específica de obriga de uso de máscara en centros sanitarios asistenciais recollida na Orde do 11 de xaneiro de 2024 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da onda epidémica estacional de virus respiratorios na Comunidade Autónoma de Galicia.

I

Mediante a Orde comunicada da Ministra de Sanidade, do 10 de xaneiro de 2024, aprobáronse diversas actuacións coordinadas en saúde pública, conforme o establecido no artigo 65.1 da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde, que establece que «a declaración de actuacións coordinadas en saúde pública corresponderá ao Ministerio de Sanidade, logo de acordo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, con audiencia das comunidades directamente afectadas, salvo en situacións de urxente necesidade, caso en que se tomarán as medidas que sexan estritamente necesarias e informarase de maneira urxente das medidas adoptadas».

O artigo 65.2 deste texto legal prevé que «a declaración de actuacións coordinadas obriga todas as partes incluídas nela». Así, segundo o disposto no punto segundo da orde comunicada, esta obriga todas as comunidades autónomas e cidades con estatuto de autonomía e produce efectos desde a súa notificación a estas e ata que a ministra de Sanidade aprobe a finalización da súa vixencia, logo de acordo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, con audiencia de todas as comunidades e cidades con estatuto de autonomía.

As actuacións coordinadas en saúde pública son, así mesmo, as que se recollen no anexo I da citada orde comunicada, en que se establecen medidas relacionadas co uso da máscara (recolle a obriga do seu uso universal en centros sanitarios e asistenciais e unha serie de recomendacións xerais para a poboación e para os centros residenciais de persoas vulnerables e farmacias), actuacións de fomento das medidas hixiénicas e de ventilación de espazos interiores e medidas orientadas a incrementar as taxas de vacinación antigripal e fronte ao SARS-CoV-2 na poboación con indicación vacinal.

De conformidade co anterior, con data do 12 de xaneiro de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 11 de xaneiro de 2024 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da onda epidémica estacional de virus respiratorios na Comunidade Autónoma de Galicia, a cal tivo por obxecto establecer medidas de prevención específicas relacionadas co uso obrigatorio da máscara nos centros sanitarios asistenciais de Galicia.

O punto terceiro da orde tamén sinalaba, en canto á súa eficacia, que a obriga contida no número 1 do anexo respecto do uso de máscaras nos centros asistenciais sanitarios mantería a súa eficacia ata a aprobación, pola ministra de Sanidade, da finalización da vixencia da Orde comunicada da ministra, do 10 de xaneiro de 2024, mediante a cal se aproba a declaración de actuacións coordinadas en saúde pública, ou ata a súa modificación ou levantamento, no caso de que se presenten datos de descenso da incidencia acumulada de infeccións respiratorias agudas segundo os datos reportados ao Ministerio de Sanidade por medio da Rede de vixilancia, durante dúas semanas consecutivas, e a situación epidemiolóxica o permita, caso en que a medida poderá pasar a unha situación de recomendación do seu uso.

Prevé tamén ese mesmo punto que, «en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nesta orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade».

II

En canto á situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma no que se refire ás infeccións respiratorias agudas, segundo os datos consolidados da semana epidemiolóxica 3 (do 15 ao 21 de xaneiro) facilitados pola Dirección Xeral de Saúde Pública no seu informe do 29 de xaneiro de 2024, é a que se describe a continuación:

No que se refire á infección por VRS, apréciase unha tendencia descendente da taxa de consultas en atención primaria en menores de 2 anos de idade por bronquiolite desde a semana 47 (do 20 ao 26 de novembro) coa flutuación intersemanal característica. Na semana 3 esta taxa é de 220,3 consultas por 100.000 habitantes. Esta mesma tendencia apréciase na porcentaxe de positividade que na semana 3 é do 6,8 %, inferior á das semanas previas.

En relación cos ingresos hospitalarios con infección por VRS confirmada, estudados nos menores de 2 anos e nas persoas de 80 ou máis anos, apréciase no primeiro caso un descenso da taxa de hospitalización desde a semana 48 (do 27 de novembro ao 3 de decembro) coa flutuación intersemanal observada tamén nas consultas de atención primaria. A taxa de hospitalización na semana 3 neste grupo de idade é de 6,8 ingresos por 100.000 habitantes.

Con respecto ás persoas de 80 ou máis anos, a taxa de hospitalización con infección por VRS confirmada xa descende desde a semana 51 (do 18 ao 24 de decembro). Na semana 3 a taxa de hospitalización neste grupo de idade é de 6,3 ingresos por 100.000 habitantes.

No que se refire á COVID-19, na semana epidemiolóxica 3, a taxa de consultas en atención primaria é de 39,1 consultas por 100.000 habitantes, valor inferior ao observado nas últimas 4 semanas. A porcentaxe de positividade presenta certa estabilidade desde hai 3 semanas arredor do 10 %. A taxa de hospitalización con COVID-19 confirmada presenta unha tendencia descendente ata a semana 44 (do 6 ao 12 de novembro). A partir desta semana a tendencia vólvese lixeiramente ascendente ata a semana 1, en que volve cambiar de sentido. Na semana 3 a taxa de hospitalización con COVID-19 confirmada é de 3,6 ingresos por 100.000 habitantes, inferior á observada hai 2 semanas.

En relación coa gripe, e para a semana 3, a vixilancia baseada nos rexistros de gripe codificados na atención primaria do Sergas mostra unha taxa de consultas por gripe de 67,3 consultas por 100.000 habitantes, a porcentaxe de positividade dos virus da gripe é de 11,4 %, e a taxa de ingresos con gripe confirmada é de 6,3 ingresos por 100.000 habitantes. Todos estes indicadores presentan valores inferiores aos observados nas últimas 3 semanas.

Á vista do anterior, o informe citado conclúe que, segundo os datos epidemiolóxicos descritos, pódese afirmar que en Galicia se consolida o descenso das infeccións respiratorias agudas. As infeccións respiratorias por VRS xa viñan presentando unha tendencia descendente nos indicadores epidemiolóxicos desde o mes de decembro, salvo a taxa de ingreso en persoas de 80 ou máis anos, que comezou a descender na primeira semana de xaneiro. No caso da COVID-19 non se produciu onda epidémica e en relación coa gripe estaríamos xa na terceira semana de descenso dos tres indicadores analizados.

III

A Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública, conforma, xunto coa Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, a Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde, e a Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, o corpo normativo fundamental da acción de tutela da saúde pública a nivel estatal, ao cal se debe unir a lexislación autonómica reguladora da protección da saúde pública no marco de competencias autonómico, como é o caso, na Comunidade Autónoma galega, da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia. En efecto, recóllense na dita normativa medidas que as autoridades sanitarias poderán acordar para tutelar a saúde pública en situacións de risco, co fin de cumprir o mandato contido no artigo 43 da Constitución española, que, despois de proclamar o dereito á protección da saúde, dispón que lles compete aos poderes públicos organizaren e tutelaren a saúde pública a través de medidas preventivas e das prestacións e servizos necesarios e que a lei establecerá os dereitos e deberes de todos ao respecto. O dito marco normativo débese completar, atendida a posible afectación que tales medidas poden ter sobre os dereitos fundamentais, coa necesidade de intervención xudicial.

Así mesmo, a Lei de saúde autonómica foi modificada pola Lei 8/2021, do 25 de febreiro, no exercicio da competencia autonómica en materia de sanidade interior, recollida no artigo 33 do Estatuto de autonomía de Galicia, para introducir na lei as modificacións necesarias co fin de facer fronte á necesidade de contar cun marco normativo claro na materia que ofreza a necesaria seguridade xurídica, tanto para quen debe intervir na adopción das medidas e na súa inspección, vixilancia, control e sanción como para as persoas destinatarias destas. En particular, unha das principais finalidades desta lei é, así, concretar as medidas que, tendo en conta o disposto na lexislación sanitaria estatal, de rango orgánico e ordinario, poden ser adoptadas polas autoridades sanitarias galegas para a protección da saúde pública, así como regular os requisitos que se deben cumprir para a súa correcta adopción, con especial atención ás exixencias de motivación e de proporcionalidade.

En efecto, o artigo 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, prevé que, co obxecto de protexer a saúde pública, as autoridades sanitarias autonómicas e locais, dentro do ámbito das súas competencias, poderán adoptar medidas preventivas de obrigado cumprimento cando exista ou se sospeite razoablemente da existencia dun risco inminente e grave para a saúde da poboación.

IV

Consonte co anterior, tendo en conta a evolución da situación epidemiolóxica na nosa Comunidade Autónoma no período do 15 ao 21 de xaneiro, constatada no informe emitido pola Dirección Xeral de Saúde Pública o 29 de xaneiro de 2024, cómpre modificar e levantar a medida sobre a obrigatoriedade de uso de máscara contida no anexo da Orde do 11 de xaneiro de 2024, así como establecer, con carácter de recomendación, o uso daquela en contextos en que resulte necesario para a protección da poboación máis vulnerable, e para a prevención e control da transmisión de enfermidades.

Nese sentido, a Dirección Xeral de Saúde Pública elaborou no seu día un documento de medidas preventivas en centros sanitarios de Galicia tras a publicación da Orde SND/726/2023, do 4 de xullo, en que se recollían medidas de protección, prevención e control no ámbito sanitario, de xeito que se protexa a poboación máis vulnerable, reducindo a posible transmisión de microorganismos.

O dito documento é público e está dispoñible tanto na web específica da Dirección Xeral de Saúde Pública (https://www.sergas.gal/Saude-publica/Medidas-preventivascentros-sanitarios) coma na páxina específica de información sobre o coronavirus (https://coronavirus.sergas.es/Contidos/medidas-preventivas-centros-sanitarios-galicia).

Así mesmo, como consecuencia do documento citado, o Servizo Galego de Saúde publicou tamén documentos específicos para o ámbito hospitalario (https://coronavirus.sergas.gal/Contidos/MEDIDAS_PREVENTIVAS_NOS_HOSPITAIS_POSTCOVID-19) e para atención primaria (https://coronavirus.sergas.gal/Contidos/Medidas-organizativas-nos-centros-AP-tras-a-finalizacion-situaci%C3%B3n), en que se inclúen tamén estas mesmas medidas de saúde pública e prevención da enfermidade.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da actual situación epidemiolóxica existente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, así como tamén para modificalas ou levantalas, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Na súa virtude, na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Obxecto

1. O obxecto desta orde é a aprobación do levantamento da medida sobre a obriga do uso de máscara en centros sanitarios asistenciais (hospitais e atención primaria) e consultas de ámbito privado recollida no número 1 do anexo da Orde do 11 de xaneiro de 2024 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da onda epidémica estacional de virus respiratorios na Comunidade Autónoma de Galicia, e substituíla por unha recomendación do seu uso.

2. Así mesmo, mantéñense as recomendacións do uso da máscara recollidas no número 2 do anexo da Orde do 11 de xaneiro de 2024 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da onda epidémica estacional de virus respiratorios na Comunidade Autónoma de Galicia, así coma as demais medidas preventivas nos centros sanitarios de Galicia tras a publicación da Orde SND/726/2023, do 4 de xullo, pola que se declara a finalización da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

Segundo. Alcance

As citadas medidas serán de aplicación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro. Eficacia

As medidas previstas nesta orde terán efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2024

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade