DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 29 de xaneiro de 2024 Páx. 8414

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 28 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento CT207A).

BDNS (Identif.): 741131.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas (autónomas) ou xurídicas, constituídas como produtoras audiovisuais independentes e dadas de alta na epígrafe IAE 961.1, que conten cunha antigüidade mínima e sen interrupcións dun ano en ambos os dous casos. Ademais, deberán ter unha sucursal ou oficina permanente de polo menos un ano previo a esta convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia.

Por produtora audiovisual independente enténdese, para os efectos desta convocatoria, toda persoa física (autónoma) ou xurídica privada, que teña a iniciativa e asuma a responsabilidade na produción audiovisual e non sexa obxecto de influencia dominante por parte dun prestador de servizo de comunicación/difusión audiovisual nin dun titular de canal televisivo privado nin, pola súa parte, exerza unha influencia dominante, tal e como establece a Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, artigo 4.n).

Cando a persoa xurídica sexa unha agrupación de interese económico (AIE), os requisitos citados deberán ser cumpridos, polo menos, por unha das empresas que a integran no momento da súa constitución. A agrupación non poderá disolverse ata que rematase o prazo de prescrición para o reintegro e as infraccións previsto polos artigos 35 e 63 da Lei de subvencións de Galicia.

Segundo. Finalidade

Estas bases teñen por obxecto determinar as condicións polas cales se regulará a concesión das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, da Axencia Galega das Industrias Culturais para a produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos convocadas para o 2024.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 28 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento CT207A).

Cuarto. Importe

1. O importe global máximo para o financiamento da presente convocatoria será de 2.500.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.0 do orzamento de gasto da Axencia Galega das Industrias Culturais, código de proxecto 2010 0005.

2. Esta convocatoria ten carácter plurianual, polo que os créditos deben asignarse por categoría e anualidades. Esta asignación reflíctese no cadro seguinte:

2024

2025

2026

2027

Total

Categoría A: longametraxe cinematográfica (ficción, animación, documental)

161.000 €

322.000 €

322.000 €

805.000 €

1.610.000 €

Categoría B: longametraxe en coprodución internacional con participación minoritaria (ficción, animación, documental)

30.000 €

90.000 €

180.000 €

300.000 €

Categoría C: curtametraxes (ficción, animación, documental)

9.000 €

81.000 €

90.000 €

Categoría D: obras audiovisuais para TV e plataformas (longametraxes e series de ficción, series de animación, series documentais)

50.000 €

150.000 €

300.000 €

500.000 €

Total

250.000 €

643.000 €

802.000 €

805.000 €

2.500.000 €

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2023

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega
das Industrias Culturais