DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 26 de xaneiro de 2024 Páx. 7607

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

RESOLUCIÓN do 12 de xaneiro de 2024 pola que se publica a convocatoria, mediante procedemento de asignación de concerto social, da execución do programa Espazos de preservación familiar, cofinanciado pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 para os anos 2024 a 2028 (código de procedemento BS213M).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no artigo 27.23, atribúe á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, de modificación parcial do Código civil e da Lei de axuizamento civil, establece no seu artigo 11.2.c) a integración familiar e social como un dos principios reitores da acción administrativa.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Xuventude, ten a obriga de prestar servizos que conduzan á preservación familiar dos nenos, nenas e adolescentes en situación de risco nun ámbito social e familiar normalizado, encadrándose neste marco o obxecto do presente concerto social. O obxectivo principal desta actuación consiste en reducir o número de medidas de protección que a entidade pública debe adoptar, toda vez que, coa actuación preventiva, estas non resultan necesarias.

A intervención familiar está prevista no Decreto 192/2015, do 29 de outubro, polo que se define a Carteira de servizos sociais de familia, infancia e adolescencia. En concreto, o punto 2.4.3 do anexo desta norma refírese ao «servizo de intervención e atención integral de menores e as súas familias» conxunto de intervencións técnico-profesionais destinado á redución daqueles factores de risco que poñen en perigo ou impiden a convivencia do neno, nena ou adolescente coa súa familia. O obxectivo xeral do servizo é xerar cambios nas circunstancias das nenas, nenos e adolescentes e da súa familia, promovendo e optimizando todos os recursos protectores da familia e da comunidade en que viven aquelas, de xeito que se garanta o desenvolvemento integral de nenos/nenas e adolescentes, e a cobertura das súas necesidades básicas por parte das súas persoas proxenitoras.

A habilitación do réxime de concertos sociais na Comunidade Autónoma de Galicia a través do Decreto 229/2020, do 17 de decembro, abre a posibilidade de aplicar esta figura a programas e servizos desenvolvidos pola entidade pública de protección á infancia e á adolescencia de Galicia.

Este proxecto será cofinanciado pola Unión Europea nunha porcentaxe do 60 % no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 e pola Consellería de Política Social e Xuventude no 40 % restante.

O procedemento tramitarase como expediente anticipado de gasto conforme a Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, reguladora da tramitación anticipada de gasto, na aplicación orzamentaria 11.02.312B.228 que figura no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024 e que foi aprobado polo Consello da Xunta na reunión do 18 de outubro de 2023. Todos os actos ditados no desenvolvemento deste concerto social entenderanse condicionados a que, unha vez aprobados os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2024, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes e quedan condicionados á existencia de crédito axeitado e suficiente nos devanditos orzamentos xerais.

Cumpridos os requisitos do artigo 10 e de conformidade co artigo 11 do dito Decreto 229/2020, a resolución do procedemento BS213M do presente concerto social, logo da fiscalización da proposta, correspóndelle á persoa titular da Consellería de Política Social e Xuventude. As resolucións publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

Polo exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Autorizar o inicio e convocatoria, mediante procedemento de asignación de concerto social, da execución do programa Espazos de preservación familiar, cofinanciado pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 (código de procedemento BS213M) que se xunta á presente resolución no anexo I e ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia desta resolución de inicio.

Segundo. Esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interporse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2024

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude

ANEXO I

A) Necesidade administrativa que se pretende satisfacer.

A Constitución española dispón no artigo 39, entre os principios reitores da política económica e social, o apoio dos poderes públicos para asegurar a protección social, económica e xurídica da familia, sinalando, igualmente, que nenos, nenas e adolescentes deberán gozar da protección prevista nos acordos internacionais, entre os que deben incluírse os dereitos recoñecidos á infancia pola Convención sobre os Dereitos do Neno, aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 20 de novembro de 1989 e en vigor en España desde o 5 de xaneiro de 1991.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencias exclusivas en materia de asistencia social, de conformidade co disposto no artigo 27.23 do Estatuto de autonomía de Galicia, Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, e nos reais decretos de transferencia 2411/1982, do 24 de xullo, e 534/1984, do 25 de xaneiro e, en virtude da dita competencia aprobáronse a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, e a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia.

A Consellería de Política Social e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, ten asumido entre as súas competencias, segundo o artigo 14.1.b) do Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude, a protección e a tutela das persoas menores en situación de risco ou desamparo nos termos establecidos no Código civil, na Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do/da menor, de modificación parcial do Código civil e da Lei de axuizamento civil, e no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia; o Decreto 42/2000, do 7 de xaneiro, polo que se refunde a normativa reguladora vixente en materia de familia, infancia e adolescencia, modificado polo Decreto 406/2003, do 29 de outubro; na Lei orgánica 8/2015, do 22 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e adolescencia; na Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia, e na Lei orgánica 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral á infancia fronte á violencia.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Xuventude, considera prioritario promover e potenciar a atención axeitada dos nenos/as nas súas familias. A dita atención forma parte do presente programa Espazos de preservación familiar nas comarcas do Salnés, O Barbanza e Ferrol, e que terá como obxectivo a atención e tratamento a nenos/as e familias nas que se dean situacións de risco. A finalidade do programa será reconducir a dinámica familiar para evitar a adopción dunha medida de protección por parte dos servizos sociais especializados da entidade pública de protección á infancia e á adolescencia da Comunidade Autónoma galega. En todo caso, contarase coa colaboración da entidade local competente na prestación de servizos comunitarios básicos, que derivará ao programa e seguirá a evolución da familia.

O artigo 2 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de concertos sociais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, determina que este tipo de relación xurídica se pode establecer entre a Administración xeral autonómica e aquelas entidades que ofrezan servizos sociais previstos nas carteiras de servizos vixentes que se determinen.

A intervención familiar está prevista no Decreto 192/2015, do 29 de outubro, polo que se define a Carteira de servizos sociais de familia, infancia e adolescencia. En concreto, o punto 2.4.3 do anexo desta norma refírese ao «servizo de intervención e atención integral de menores e as súas familias» conxunto de intervencións técnico-profesionais destinado á redución daqueles factores de risco que poñen en perigo ou impiden a convivencia do neno, nena ou adolescente coa súa familia. O obxectivo xeral do servizo é xerar cambios nas circunstancias das persoas menores e da súa familia, promovendo e optimizando todos os recursos protectores da familia e da comunidade en que vive a persoa menor, de xeito que se garanta o desenvolvemento integral de nenos, nenas e adolescentes, e a cobertura das súas necesidades básicas por parte das súas persoas proxenitoras.

B) Obxecto do concerto social.

O obxecto deste concerto social é o desenvolvemento do programa Espazos de preservación familiar, cofinanciado pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, nas comarcas do Salnés, O Barbanza e Ferrol da Comunidade Autónoma de Galicia durante os anos 2024 (estimación para 10 meses) a 2028 (2 meses) e con posibilidade de prórrogas ata o 31.12.2029.

Poderán acceder ao programa aquelas persoas en que se confirmase, por parte dos servizos sociais comunitarios, a existencia dunha situación de desprotección infantil de carácter leve ou moderado, cando se trate de menores de idade residentes en calquera concello das comarcas nas que se desenvolve o programa, así como os proxenitores ou outros membros do grupo de irmás/ns que convivan, cando así se determine.

– Nenos, nenas e adolescentes (NNA) e familias en situación de vulnerabilidade ou risco de desprotección, é dicir, aquelas situacións en que os/as NNA, tendo as súas necesidades básicas satisfeitas e non encontrándose os pais, nais ou persoas de referencia, incapacitadas ou imposibilitadas para exercer os deberes de protección, viven e se desenvolven en contextos familiares ou sociais en que as condicións poden provocar un dano a curto, medio ou longo prazo, no seu benestar e desenvolvemento. É dicir:

– Familias en que o/a NNA aínda non sufriu dano significativo, pero podería sufrilo no futuro se non hai intervención e se valora que o apoio que poida facerse desde os servizos sociais de base non é suficiente para evitar a dita situación, precisando da intervención de profesionais especializados cun contacto intensivo coa familia.

– Contornas familiares en que haxa pautas de trato e coidado inadecuado cara o neno, nena ou adolescente, sen que se cheguen a dar situacións de desprotección que requiran a intervención do sistema de protección á infancia e á adolescencia, mais que puidesen desembocar en situacións de risco de desprotección no caso de agravarse a situación, sendo o espazo de preservación familiar un apoio no proceso de normalización familiar.

Os obxectivos e actuacións que se desenvolverán:

O obxectivo xeral coas familias participantes no programa consiste en potenciar os recursos e corrixir os déficits existentes nestas, de xeito que se garanta o desenvolvemento integral dos nenos e nenas e a cobertura das necesidades básicas por parte dos pais e nais.

Son obxectivos específicos:

– Contribuír, a nivel teórico, á adquisición dun coñecemento máis preciso das situacións socio-familiares dos NNA en situación de desprotección leve e/ou moderada e das estratexias de prevención máis axeitadas para cada caso.

– Traballar na procura da mellora do sistema de protección á infancia con dificultades sociais.

– Mitigar os factores de risco, para evitar a separación do/da NNA e da súa familia.

– Capacitar a familia para dar unha correcta atención aos seus/súas fillos/as evitando calquera conduta neglixente ou de maltrato, garantindo a súa seguridade e a súa integridade básica.

– Conseguir que a familia funcione de maneira autónoma e adecuada, e os/as NNA teñan unha atención e coidados acordes ás súas necesidades.

– Proporcionar ás familias as habilidades e/ou recursos técnicos necesarios para superar a situación de crise que deu lugar á medida protectora.

– Mellorar a calidade das relaciones familiares: relación conxugal, paterno-filial e fraternal.

– Reforzar a capacidade da familia para enfrontarse, de maneira eficaz, aos problemas e ao manexo das situacións de estrés.

– Reforzar na familia e, especificamente, nos/nas pais/nais, titores/as, referentes, a súa capacidade de cambio.

– Implicar os/as pais/nais, referentes, o/a NNA, outros membros da familia (cando se valore coma necesario), e as redes/servizos/profesionais relacionados co caso, no deseño e o desenvolvemento do plan de intervención.

– Favorecer e potenciar a autonomía nos/nas NNA, mediante o desenvolvemento de competencias que favorecerán a súa futura emancipación.

– Dinamizar, coordinar e reforzar os sistemas formais e informais de apoio que a familia dispón ou dos cales pode dispoñer na súa contorna.

– Identificar e facer conscientes os/as pais/nais, referentes dos factores que motivaron a aparición da situación de risco ou desprotección.

– Axudar a familia a reducir o impacto da crise e/ou estabilizar a súa situación. Reducir o nivel de estrés familiar de xeito adecuado e reducir o impacto e número dos factores estresores que os afectan.

– Promover a intervención e resolución de dificultades relacionais entre os pais/nais, referentes que lles dificultan ou impiden exercer adecuadamente o seu rol parental.

– Reforzar o «escudo» comunitario, evitando cronicidade das situacións, e a entrada no sistema de protección.

Para lograr os ditos obxectivos, intervirase nas seguintes áreas:

– Intervención psicosocial.

– Orientación vocacional para a inserción social e laboral.

– Asesoramento para a promoción de hábitos de vida saudables.

– Educación familiar.

– Intervención terapéutica.

– Asesoramento técnico aos servizos sociais comunitarios na atención aos nenos, nenas e adolescentes e ás súas familias.

C) Modalidade de concertación.

A modalidade de concertación é o procedemento de asignación de concertos, regulado no artigo 9 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de concertos sociais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. O concerto será asignado a unha única entidade.

D) Réxime económico do acordo.

D.1. Orzamento e crédito orzamentario a que se imputa o gasto:

A Consellería de Política Social e Xuventude financiará o custo derivado da execución do presente concerto cunha contía máxima de 4.350.861,57 € no período 2024 (estimación para 10 meses) ata o ano 2028 (estimación 2 meses). Este importe será cofinanciado nunha porcentaxe do 60 %, pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, dentro do obxectivo político 4 «Unha Europa máis social e inclusiva por medio da aplicación do piar europeo de dereitos sociais», prioridade 7 «Garantía infantil», obxectivo específico ESO4.11. «Mellorar a igualdade e a oportunidade do acceso a uns servizos de calidade, sustentables e alcanzables, incluídos os servizos que propicien o acceso á vivenda e uns coidados centrados nas persoas, especialmente a sanidade; modernizar os sistemas de protección social, especialmente o fomento do acceso á protección social, cunha atención particular aos nenos e aos colectivos desfavorecidos; mellorar a accesibilidade, tamén para persoas con discapacidade, a efectividade e a resiliencia dos sistemas de asistencia sanitaria e de dependencia e medida 7.K.02 «Programa de integración e preservación familiar», e con cargo á aplicación orzamentaria 11.02.312B.228 que figura no proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, aprobado polo Consello da Xunta na súa reunión do 18 de outubro de 2023. Todos os actos ditados no desenvolvemento desde concerto social entenderanse condicionados a que, unha vez aprobados os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2024, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes e quedan condicionados á existencia de crédito axeitado e suficiente nos devanditos orzamentos xerais. De ser o caso, para o incremento do crédito e logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda, é necesario o informe previo favorable do organismo intermedio do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 (actualmente, a Dirección Xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos).

Este concerto deberá someterse ás disposicións do Tratado da Unión Europea e aos actos fixados na súa virtude, e será coherente coas actividades, políticas e prioridades comunitarias en prol dun desenvolvemento sustentable e mellora do ambiente, debendo promover o crecemento, a competitividade, o emprego e a inclusión social, así como a igualdade entre homes e mulleres, de conformidade co disposto no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e Política de Visados.

Quedará suxeito á normativa comunitaria, nacional e autonómica que resulte aplicable ás operacións cofinanciadas co Fondo Social Europeo Plus. En particular, será de aplicación a seguinte normativa específica: o Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e Política de Visados; o Regulamento (UE) 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) nº 1296/2013, así coma as normas de subvencionabilidade ditadas pola autoridade de xestión para o período 2021-2027.

D.2. Distribución en anualidades:

Distribución de anualidades

2024 (10 meses)

2025

2026

FSE+

FP

Total

FSE+

FP

Total

FSE+

FP

Total

525.080,06 €

350.053,37 €

875.133,43 €

658.559,02 €

439.039,34 €

1.097.598,36 €

658.559,02 €

439.039,34 €

1.097.598,36 €

2027

2028 (incluída posible prórroga)

2029 (posible prórroga)

FSE+

FP

Total

FSE+

FP

Total

FSE+

FP

Total

658.559,02 €

439.039,34 €

1.097.598,36 €

658.559,02 €

439.039,34 €

1.097.598,36 €

658.559,02 €

439.039,34 €

1.097.598,36 €

Posibles modificacións

2024 (10 meses)

2025

2026

FSE+

FP

Total

FSE+

FP

Total

FSE+

FP

Total

262.540,03 €

175.026,69 €

437.566,72 €

329.279,51 €

219.519,67 €

548.799,18 €

329.279,51 €

219.519,67 €

548.799,18 €

2027

2028 (incluída posible prórroga)

2029 (posible prórroga)

FSE+

FP

Total

FSE+

FP

Total

FSE+

FP

Total

329.279,51 €

219.519,67 €

548.799,18 €

329.279,51 €

219.519,67 €

548.799,18 €

329.279,51 €

219.519,67 €

548.799,18 €

Total anualidades concerto inicial 2024 (10 meses)-2028 (2 meses)

Valor estimado: total anualidades + posibles prórrogas + posibles modificacións

Total FSE+
(concerto inicial)

Total FP
(concerto inicial)

Total FSE+ / FP
(concerto inicial)

Total FSE+

Total FP

Total FSE+ / FP

2.610.516,94 €

1.740.344,63 €

4.350.861,57 €

5.726.812,71 €

3.817.875,14 €

9.544.687,85 €

D.3. Prezo.

A Consellería de Política Social e Xuventude aboará pola prestación do servizo obxecto deste concerto un importe mensual, que reflicte en cada ano os incrementos salariais que se desprenden do IV Convenio colectivo estatal de reforma xuvenil e protección de menores (BOE núm. 42, do 18 de febreiro de 2021), e que se consideran na distribución por anualidades recollida no punto anterior.

De acordo coa dita distribución, a contía para percibir pola execución do servizo en cada mensualidade sería a seguinte:

Anualidade/s

Contía mensual que facturará a entidade adxudicataria

2024 (10 meses)

87.513,34 €

2025-2028 (e posibles prórrogas 2028 e 2029)

91.466,53 €

A devandita cantidade destinarase a soportar os gastos que aparecen desagregados no estudo de custos que consta no expediente administrativo deste concerto social, exixido polo artigo 10.2.d) do Decreto 229/2020, do 17 de decembro.

E) Duración do concerto social e posibilidade de renovacións.

Este concerto social, cofinanciado pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 (código de procedemento BS213M), terá unha vixencia desde a data de formalización do concerto ata 29.2.2028, coa previsión de que entre en funcionamento o 1.3.2024 e con posibilidade de prórrogas ata o 31.12.2029, en caso de existir crédito adecuado e suficiente.

De acordo co artigo 8 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro, coa finalidade de garantir a estabilidade na súa provisión, despois da resolución deste concerto social, o programa poderá continuar tras a convocatoria dun novo concerto financiado con fondos propios ou da UE, sempre e cando exista crédito adecuado e suficiente.

F) Requisitos que deben cumprir as entidades para poder presentarse ao procedemento de concertación:

Para poderen acollerse ao réxime de concerto social, as entidades que presten servizos sociais deberán cumprir os requisitos seguintes:

a) Estar debidamente inscritas no Rexistro único de entidades prestadoras de servizos sociais da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Contar coa solvencia suficiente segundo os seguintes indicadores:

b.1) Solvencia económica e financeira. Acreditarase por un dos seguintes medios:

b.1.1) Volume anual de negocios, referido aos tres últimos exercicios concluídos dispoñibles en función da data de creación ou inicio das actividades da entidade. Reputarase solvente a entidade licitadora que acredite ter un volume de negocios no ámbito da atención á infancia e á adolescencia, referido ao ano de maior volume de negocios dos últimos tres concluídos, por un importe igual ou superior a 700.000,00 euros.

b.1.2) Un seguro de indemnización de responsabilidade civil por riscos profesionais, vixente ata o fin do prazo de presentación de ofertas, por un importe igual ou superior aos seguintes valores anuais: 700.000,00 €.

A súa acreditación efectuarase por medio:

1. Dunha declaración responsable asinada polo representante legal do licitador en que se exprese o importe asegurado e a súa vixencia, que deberá ser igual ou superior aos valores anuais indicados.

2. Unha vez adxudicado o concerto, a entidade que resulte adxudicataria estará en condicións de achegar de ser requirida, un certificado expedido pola aseguradora, en que consten os importes e riscos asegurados e data de vencemento do seguro, así como un documento de compromiso vinculante de subscrición, prórroga ou renovación do seguro, no caso en que proceda para garantir o mantemento da súa cobertura durante a execución do concerto.

b.2) Solvencia técnica e profesional:

Reputarase solvente a entidade concertante que acredite, cando menos, un dos seguintes requisitos:

– Ter un ou varios servizos de natureza análoga ao obxecto deste concerto, que se prestasen a algunha Administración pública ou entidade privada (contabilizados ata o fin do prazo de presentación de proposicións) cuxos importes acumulados no ano de maior execución sexa igual ou superior 700.000 euros.

– Polo menos a persoa que exerza de coordinador/a e outros dous membros do equipo técnico conten, respectivamente, en postos de características asimilables, cunha experiencia mínima de dous anos, dentro dos últimos tres, nalgunha empresa ou entidade que, pola súa vez, prestase servizos para unha Administración pública ou entidade privada, sempre que tanto o servizo prestado como as tarefas desempeñadas polo persoal teñan natureza análoga ao obxecto do concerto.

c) Contar cunha experiencia mínima de atención á infancia e á adolescencia de 2 anos.

d) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social impostas pola lexislación vixente.

e) Estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Estar en condicións de poder presentar, de resultar adxudicataria, os seguros que se detallan no punto K.3 desta resolución (póliza de seguros dos locais e de responsabilidade civil).

g) Estar en condicións de acreditar o cumprimento da normativa que, con carácter xeral ou específico, lle sexa aplicable, tanto pola natureza xurídica da entidade como polo tipo de servizo obxecto do concerto social.

G) Prazo e lugar de presentación de solicitudes.

G.1. As solicitudes de participación na convocatoria de concerto social deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (código de procedemento BS213M).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). A presentación da solicitude supón a aceptación incondicionada da persoa solicitante da totalidade do contido da convocatoria, sen excepción ou reserva ningunha.

G.2. O prazo para presentar as solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

H) Documentación complementaria.

H.1. As entidades interesadas deberán achegar, coa solicitude, a seguinte documentación:

a) Unha relación de todos os documentos que se presentan.

b) Declaración responsable ou certificación que acredite que conta coa solvencia económica e financeira e técnica ou profesional, segundo se indica na cláusula F desta convocatoria, no caso de optar por acreditala neste momento.

c) Documentación que acredite que a entidade conta cunha experiencia mínima de 2 anos na atención á infancia e á adolescencia, como se indica na cláusula F desta convocatoria, no caso de optar por acreditala neste momento. No caso de que esta experiencia derive de instrumentos xurídicos asinados coa Xunta de Galicia, acreditarase de oficio. A entidade presentará, de ser o caso, unha relación dos servizos prestados á Xunta de Galicia.

d) Relación do persoal adscrito ao servizo segundo o anexo V da resolución da convocatoria. O persoal poderase contratar ou asignar a este programa tras a adxudicación do concerto. Neste caso, indicarase neste momento «pendente de contratación».

e) Documentación que acredite os criterios de selección e preferencia (cláusula O) da resolución da convocatoria:

e.1) Proxecto técnico, diferenciado nos seguintes apartados:

– Proxecto de intervención coas familias e nenos, nenas e adolescentes.

– Organización e funcionamento dos espazos de preservación familiar.

– Sistema de avaliación dos resultados da intervención.

e.2) Descrición das instalacións en que se levará a cabo o servizo: para cada unha das instalacións ofertadas achegaranse as informacións e documentos seguintes:

– Situación xeográfica, coa súa localización en plano.

– Descrición clara das súas condicións físicas e arquitectónicas, acompañando planos de planta e fotografías, tanto do exterior como dos espazos interiores, e sinalando para cada un destes o número de metros cadrados útiles e os usos correspondentes.

– Descrición do equipamento e recursos materiais con que conta.

e.3) Documentación que acredite a posesión da Marca galega de excelencia en igualdade, do certificado de empresa familiarmente responsable e/ou do recoñecemento á promoción da parentalidade positiva, outorgado polo Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social xunto coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), ou documentos equivalentes.

e.4) Declaración sobre a experiencia do persoal asignado ao proxecto e documentación que a acredite (contratos laborais e certificados de ter prestado servizos en programas relacionados coa preservación e reintegración familiar), de acordo co establecido na cláusula O.

e.5) Declaración sobre a formación do persoal asignado ao proxecto e documentación que a acredite, de acordo co establecido na cláusula O.

e.6) Documentación que acredite a experiencia da entidade no ámbito da protección á infancia e adolescencia. En caso de que a experiencia da entidade se refira a programas efectuados no ámbito da Xunta de Galicia, será suficiente cunha declaración responsable que comprobará, de oficio, a Comisión de Valoración.

f) Certificado de estar en condicións de poder presentar, de resultar adxudicataria, os seguros que se mencionan no punto K.3 desta resolución do concerto (póliza de seguros dos locais e de responsabilidade civil).

g) Certificado de estar en condicións de acreditar o cumprimento da normativa que, con carácter xeral ou específico, lle sexa aplicable, tanto pola natureza xurídica da entidade como polo tipo de servizo obxecto do concerto social.

H.2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

H.3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

I) Comprobación de datos.

I.1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Inscrición no Rexistro único de entidades prestadoras de servizos sociais da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Estar ao día no pagamento coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

e) Estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Estar ao día no pagamento coa Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Inexistencia de antecedentes penais do persoal que se designe para a prestación do servizo.

h) Inexistencia de antecedentes penais por delitos de natureza sexual do persoal que se designe para a prestación do servizo.

i) Titulación do persoal da entidade adxudicataria, segundo os puntos 2 e 5 do prego de prescricións técnicas (títulos oficiais non universitarios e títulos oficiais universitarios).

I.2. No caso de que a entidade interesada se opoña á consulta, deberá indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

I.3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

J) Órganos competentes para a tramitación e resolución do procedemento.

A tramitación deste procedemento de concerto social correspóndelle á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social e Xuventude.

A resolución correspóndelle, de acordo coa posibilidade de delegación que se recolle no artigo 16 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro, á persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social e Xuventude.

K) Procedemento do concerto social.

K.1. Instrución.

K.1.1. Este concerto realizarase mediante o procedemento de asignación seleccionando á entidade prestadora do servizo segundo as prestacións ou programas que desenvolverá durante o concerto social, de acordo cos criterios de selección e preferencia desta convocatoria.

K.1.2. Correspóndelle á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica a instrución do procedemento que verificará que as solicitudes das entidades reúnen os requisitos exixidos e achegaron a documentación preceptiva.

K.2. Informe da Comisión de Valoración.

K.2.1. A Comisión de Valoración fará público o resultado das súas deliberacións a través do portal web da Consellería de Política Social e Xuventude.

K.2.2. A Comisión de Valoración determinará aquelas entidades que cumpran os requisitos para concertar e elaborará un informe en que figurará unha listaxe ordenada, de acordo coas puntuacións obtidas. Proporá para a execución do concerto á entidade que reúna maior puntuación.

K.3. Documentación que debe presentar a entidade adxudicataria.

Unha vez aceptada pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica a proposta da Comisión de Valoración, a entidade seleccionada deberá presentar a seguinte documentación:

– Anexo III.

– Relación de persoal adscrito ao servizo, detallando os datos que non se achegaron coa solicitude (anexo V e anexo VI).

– Documentación que acredite a formación e experiencia do persoal asignado ao proxecto (contratos laborais e certificados de ter prestados servizos en programas relacionados coa preservación e reintegración familiar), en caso de non tela presentado coa solicitude.

– Documentación que acredite a solvencia económica e financeira e técnica ou profesional, de acordo coas fórmulas escollidas na declaración responsable presentada coa solicitude, de ser o caso.

– Documentación que acredite a subscrición dos seguros que se mencionan a seguir:

A entidade adxudicataria virá obrigada á constitución dunha póliza de seguros para a cobertura dos seguintes riscos:

1. Póliza de seguros que cubra os danos e sinistros que se produzan nos locais, bens, aparellos e materiais afectos ao servizo.

2. De responsabilidade civil que cubra:

– Os danos que puidese sufrir calquera persoa, en si mesma ou nos seus bens, e que deriven do funcionamento dos locais da entidade adxudicataria con que conta o programa.

– Os danos que puidesen ser causados ás persoas e aos bens de terceiros, polos profesionais e, en xeral, calquera persoa dependente da entidade adxudicataria, incluídos os actos derivados de actividades realizadas relacionadas coa prestación do servizo.

A suma asegurada deberá ser dun mínimo de 150.000,00 € por sinistro e 500.000,00 € por anualidade.

A xustificación da póliza subscrita e do pagamento da prima deberá realizarse no momento da formalización, e cada vez que se renove a póliza.

– Xustificante de presentación na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia (na sede de Santiago de Compostela da Consellería de Facenda e Administración Pública ou nas delegacións provinciais da Axencia Tributaria de Galicia-Atriga) da garantía que se exixe no punto S.2 desta resolución.

K.4. Formalización do concerto.

K.4.1. Este concerto social formalizarase mediante un documento administrativo, co contido establecido no artigo 19 do Decreto 229/220, do 17 de decembro, dentro dos 30 días seguintes ao da publicación da resolución de concertación.

K.4.2. O documento de formalización será subscrito, en representación da Administración, pola persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

K.4.3. O concerto perfeccionarase coa súa formalización e non se poderá iniciar a súa execución sen terse efectuado esta previamente.

K.4.4. Efectuada a formalización, a entidade concertada estará obrigada a prestar ás persoas usuarias os servizos sociais nas condicións establecidas na normativa sectorial aplicable, nesta resolución de convocatoria do concerto social e nos criterios de preferencia e selección da entidade.

K.4.5. Cando, por causas imputables á entidade concertada, non se formalizase o concerto social, a Administración acordará a súa resolución e a incautación da garantía no caso de terse constituído.

K.4.6. Se as causas da non formalización fosen imputables á Administración, indemnizarase a entidade polos danos e perdas que a demora lle puidese ocasionar.

L) Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

M) Prazo de resolución, notificación e publicación.

M.1. Dado que o programa Espazos de preservación familiar está cofinanciado polo FSE+, deberá notificarse ao beneficiario un documento en que se establezan as condicións da axuda. Nesta resolución constará a información sobre o cofinanciamento polo Programa FSE+ Galicia 2021-2027 e correspondente porcentaxe, con indicación do obxectivo político, prioridade e obxectivo específico. Así mesmo, figurará a identificación do adxudicatario, o prezo que recibirá e obrigas que lle correspondan, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deben entregarse ou prestarse, o plan de financiamento, o prazo de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA). Tamén se lle informará de que a adxudicación do concerto poderá implicar a súa aparición na lista de operacións que se publicará nos termos establecidos no artigo 49.3 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.

M.2. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

M.3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

M.4. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

M.5. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

M.6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

M.7. A resolución de concertación será publicada no Diario Oficial de Galicia e a publicación terá os efectos da notificación, consonte o artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería de Política Social e Xuventude.

M.8. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución de concertación será de tres meses contado desde a publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Este prazo poderá ser ampliado, de acordo coa normativa sobre o procedemento administrativo, por un prazo máximo doutros tres meses.

M.9. Transcorrido o prazo establecido sen se ditar e notificar resolución, as entidades poderán entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.

N) Recursos contra a resolución.

Este concerto terá carácter administrativo e rexerase, nos seus efectos, polo establecido nas súas cláusulas, polo disposto no artigo 18 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro, pola Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, así como pola Lei 8/2016, do 8 de xullo, pola que se modifica a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia. Na súa falta, para resolver as lagoas e dúbidas que poidan presentarse, rexerase polo establecido na Lei 9/2017, do 8 de novembro, así como pola Lei 40/2015, do 1 de outubro.

As cuestións litixiosas xurdidas acerca da interpretación, modificación e resolución serán resoltas pola Consellería de Política Social e Xuventude, e os seus acordos porán fin á vía administrativa. Contra elas cabe recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, segundo o previsto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no prazo dun mes se a resolución for expresa. Se o acto non for expreso, poderase interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou poderase interpor directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte á notificación do acto que poña fin á vía administrativa, se este for expreso. Se non o for, o prazo será de seis meses e contarase, para o solicitante e outros posibles interesados, a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O) Criterios de selección e preferencia.

O.1. Para a formalización deste concerto, de acordo co artigo 33 quinquies.5 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, darase prioridade ás entidades sen ánimo de lucro, cando existan análogas condicións de efectividade, calidade e rendibilidade social, sempre que, en todo caso, se garanta a libre concorrencia e se respecten os principios de igualdade de trato, de non discriminación e de transparencia.

Deste xeito, a consideración de entidade sen ánimo de lucro inclúese entre os criterios de desempate.

O.2. Neste procedemento de asignación de concerto establécense os seguintes criterios para a selección da entidade adxudicataria, coa finalidade de acadar unha valoración que sirva para establecer unha orde de prelación para concertar:

a) Calidade do proxecto técnico (40 puntos), baremado de acordo cos seguintes criterios:

a.1) Proxecto de intervención coas familias e neno, nenas e adolescentes, ata 25 puntos, tendo en conta a coherencia entre as distintas problemáticas e necesidades atendidas e os obxectivos, contidos, metodoloxía e actividades propostos, segundo os seguintes criterios:

– Descrición das necesidades e características das familias e nenos, nenas e adolescentes, beneficiarias deste programa-ata 3 puntos.

– Definición da estrutura e fases da intervención-fases de derivación (incluirase un protocolo que describa a inclusión de persoas usuarias no programa), elaboración do plan de preservación familiar, intervención, seguimento e finalización-ata 7 puntos.

– Desenvolvemento da intervención que se aplicará en función das características e necesidades das nenas, nenos, adolescentes e as súas familias e persoas coidadoras-ata 7 puntos.

– Grao de participación dos/das NNA e as súas familias, na elaboración do Plan de preservación familiar-ata 3 puntos.

– Sustento teórico, estratexias e ferramentas a través das cales se articulará o programa-ata 5 puntos.

a.2) Organización e funcionamento dos espazos de preservación familiar, ata 10 puntos, tendo en conta a coherencia entre a organización, composición, funcionamento e coordinación cos principios e criterios contidos no modelo de intervención adoptado, no programa de preservación familiar:

– Modelos de coordinación cos servizos sociais comunitarios e co resto de axentes sociais e entidades que interveñan no caso-ata 3 puntos.

– Estrutura organizativa: organización dos espazos de preservación familiar, composición, perfil profesional, xornada, funcións-ata 3 puntos.

– Formación continua do persoal: adecuación de contidos, metodoloxía, recursos empregados respecto aos obxectivos pretendidos e metodoloxía da avaliación da formación ofrecida ao persoal-ata 4 puntos.

a.3) Calidade do sistema de avaliación dos resultados da intervención coas familias e nenos, nenas e adolescentes proposto. Valorarase a implantación de certificacións de calidade como UNE 0070:2022 ou equivalente: ata 5 puntos.

b) Instalacións en que se levará a cabo o servizo: ata 10 puntos, de acordo cos seguintes criterios:

b.1) Dimensións, distribución e grao de adecuación dos espazos, así como grao de adecuación dos equipamentos ás actividades que se vaian realizar, incluída a situación xeográfica. Ata 5 puntos.

b.2) Grao de conservación, calidade e confortabilidade dos espazos e equipamentos, incluída a accesibilidade. Ata 5 puntos.

c) Medidas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral e corresponsabilidade, ata 10 puntos:

De acordo co establecido no artigo 57 da Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, valorarase a existencia na empresa de políticas en materia de conciliación da vida persoal, familiar e laboral e corresponsabilidade que se apliquen na execución deste concerto do seguinte xeito:

c.1) Estar en posesión da Marca galega de excelencia en igualdade, ou equivalente (4 puntos).

c.2) Estar en posesión do Certificado de empresa familiarmente responsable, ou equivalente (4 puntos).

c.3) Estar en posesión do recoñecemento á promoción da parentalidade positiva, outorgado polo Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social xunto coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), ou equivalente (2 puntos).

d) Experiencia do persoal asignado ao proxecto, ata 15 puntos. Computarase un punto por cada ano de experiencia do persoal asignado ao proxecto, en materia de preservación e reintegración familiar. Terase en conta tanto a experiencia laboral como persoal técnico en programas ou servizos relacionados directamente co obxecto deste concerto, incluídos os prestados no ámbito dos servizos sociais comunitarios.

En caso de que a entidade acredite a súa solvencia técnica ou profesional (liña b.2 da cláusula F desta resolución) a través da experiencia de dous anos da persoa que exerza de coordinadora e outros dous membros do equipo técnico, este período non se terá en conta para o cómputo neste criterio.

e) Formación do persoal asignado ao proxecto, ata 15 puntos. Valorarase cun punto cada dez horas de formación do persoal en materia de protección á infancia. Neste sentido, terase en conta a participación en congresos ou xornadas, sempre que as certificacións de asistencia se refiran aos dez últimos anos. Para que sexan baremadas, as actividades formativas terán que corresponder a formación regrada e homologada ou ter sido organizadas por entidades autorizadas pola Administración a prestar servizos sociais (inscrición no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, ou equivalente).

f) Por cada ano de servizo acreditado pola entidade no ámbito da protección á infancia e á adolescencia, ata 10 puntos. Computarase un punto por cada ano por encima do requisito mínimo para optar ao concerto establecido na letra c) da cláusula F desta resolución (dous anos).

Empregarase como criterio de desempate un número de integrantes do cadro de persoal superior ao 2 % nos termos do artigo 147.1.a) e o Acordo do Consello da Xunta do 8.4.2010, así como o previsto no Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social. No caso de que varias empresas se atopen nestas circunstancias, terá preferencia na adxudicación do concerto o licitador que acredite maior porcentaxe de persoal fixo con discapacidade no seu cadro de persoal.

P) Composición e funcionamento da Comisión de Valoración.

P.1. A Comisión de Valoración está composta polo persoal funcionario que a continuación se relaciona:

Titular

Suplente

Presidencia

Subdirección Xeral de Política Familiar, Infancia e Adolescencia

Subdirección Xeral de Demografía e Conciliación

Vogalías

Xefatura do Servizo de Protección de Menores

Xefatura do Servizo de Xustiza Penal Xuvenil

Psicólogo/a (Servizo de Protección de Menores)

Pedagogo/a (Servizo de Protección de Menores)

Pedagogo/a (Servizo de Protección de Menores)

Psicólogo/a (Servizo de Protección de Menores)

Traballador/a social (Servizo de Protección de Menores)

Pedagogo/a (Servizo de Protección de Menores)

Secretaría

Xefatura da Sección de Tramitación Administrativa

Xefatura da Sección de Contratación

P.2. Na organización e funcionamento da Comisión de Valoración aplicarase o disposto, en materia de órganos colexiados, na Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

P.3. O órgano instrutor, a través da Comisión de Valoración, poderá solicitarlles aos interesados cantas aclaracións e ampliacións de información e documentos sexan precisos para a adecuada resolución do procedemento, e, en xeral, realizar cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos, en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución, entre os que se incluirá, en todo caso, un prazo de corrección de solicitudes, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

P.4. Así mesmo, a Comisión de Valoración poderá solicitar os informes técnicos que precise nos seus labores de instrución.

Q) Condicións técnicas e materiais da prestación obxecto do concerto social.

Q.1. Definición do servizo.

O obxecto deste concerto consiste en desenvolver o programa Espazos de preservación familiar nas comarcas do Barbanza, O Salnés e Ferrol; en dúas das catro provincias da Comunidade Autónoma de Galicia, A Coruña e Pontevedra; para o período de vixencia que abrangue desde a data de formalización do concerto ata o 29.2.2028, coa previsión de que entre en funcionamento o 1.3.2024 e con posibilidade de prórrogas ata o 31.12.2029, sempre que exista crédito adecuado e suficiente tanto propio da Comunidade Autónoma como derivado do programa operativo do FSE+.

A preservación familiar está dirixida a cubrir as necesidades básicas dos nenos, nenas e adolescentes e mellorar a súa contorna familiar, educativa, hixiénico-sanitaria, nunhas condicións que permitan o seu desenvolvemento integral, mantendo o neno, nena ou adolescente na súa propia familia. Comprende todas aquelas accións que se deben levar a cabo para manter os nenos, nenas e adolescentes no fogar cando os responsables do seu coidado, atención e educación, por diversas circunstancias, fan abandono das súas funcións parentais ou fan un uso inadecuado delas, comprometendo ou prexudicando o desenvolvemento persoal e social do neno, pero sen alcanzar a gravidade que xustifique unha medida de separación do neno, nena ou adolescente da súa familia. Iso implica abrir un espazo de prevención e de segunda oportunidade para que as familias, con apoios adecuados, poidan seguir cumprindo coas súas funcións e asumindo as súas responsabilidades no coidado dos nenos, nenas e adolescentes.

A finalidade do programa é apoiar ao/á NNA no seu núcleo familiar. A súa relevancia deriva do feito de tratarse dun programa de intervención que permite actuar de xeito temperá, nas primeiras fases das situacións que poidan ocasionar dificultade ou risco para os/as NNA. Isto significa que nun gran número de casos se poida evitar a separación dos/das NNA do seu grupo familiar e contorna social de orixe.

Este programa desenvolverase intentando potenciar os recursos e corrixir os déficits existentes nas familias biolóxicas, de xeito que se garanta o desenvolvemento integral dos nenos e nenas e a cobertura das necesidades básicas por parte dos pais e nais.

Son obxectivos específicos:

– Contribuír, a nivel teórico, á adquisición dun coñecemento máis preciso das situacións socio-familiares dos NNA en situación de desprotección leve e/ou moderada e das estratexias de prevención máis axeitadas para cada caso.

– Traballar na procura da mellora do sistema de protección á infancia con dificultades sociais.

– Mitigar os factores de risco, para evitar a separación do/da NNA e da súa familia.

– Capacitar a familia para dar unha correcta atención aos seus/súas fillos/as evitando calquera conduta neglixente ou de maltrato, garantindo a súa seguridade e a súa integridade básica.

– Conseguir que a familia funcione de maneira autónoma e adecuada, e os/as NNA teñan unha atención e coidados acordes ás súas necesidades.

– Proporcionar ás familias as habilidades e/ou recursos técnicos necesarios para superar a situación de crise que deu lugar á medida protectora.

– Mellorar a calidade das relaciones familiares: relación conxugal, paterno-filial e fraternal.

– Reforzar a capacidade da familia para enfrontarse, de maneira eficaz, aos problemas e ao manexo das situacións de estrés.

– Reforzar na familia, e especificamente nos/nas pais/nais, titores/as, referentes, a súa capacidade de cambio.

– Implicar os/as pais/nais, referentes, o/a NNA, outros membros da familia (cando se valore coma necesario), e as redes/servizos/profesionais relacionados co caso, no deseño e o desenvolvemento do plan de intervención.

– Favorecer e potenciar a autonomía nos/nas NNA, mediante o desenvolvemento de competencias que favorecerán a súa futura emancipación.

– Dinamizar, coordinar e reforzar os sistemas formais e informais de apoio que a familia dispón ou dos que pode dispoñer na súa contorna.

– Identificar e facer conscientes aos/ás pais/nais, referentes dos factores que motivaron a aparición da situación de risco ou desprotección.

– Axudar á familia a reducir o impacto da crise e/ou estabilizar a súa situación. Reducir o nivel de estrés familiar de xeito adecuado e reducir o impacto e número dos factores estresores que os afectan.

– Promover a intervención e resolución de dificultades relacionais entre os pais/nais, referentes que lles dificultan ou impiden exercer adecuadamente o seu rol parental.

– Reforzar o «escudo» comunitario, evitando cronicidade das situacións, e a entrada no sistema de protección.

Para lograr os ditos obxectivos, intervirase nas seguintes áreas:

– Intervención psicosocial.

– Orientación vocacional para a inserción social e laboral.

– Asesoramento para a promoción de hábitos de vida saudables.

– Educación familiar.

– Intervención terapéutica.

– Asesoramento técnico aos servizos sociais comunitarios na atención aos nenos, nenas e adolescentes e ás súas familias.

As obrigas da/das entidade/s en relación co desenvolvemento do programa son as seguintes:

– Poñer á disposición do programa os locais necesarios para levar a cabo as distintas actividades e intervencións propias do programa.

– Seguir a metodoloxía e procedemento de intervención do proxecto técnico que presente, de acordo cos labores de coordinación establecidos pola Consellería de Política Social e Xuventude.

– Desenvolver as actividades necesarias para a formación do persoal encargado da execución do programa.

– Subministrar á Consellería de Política Social e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de conformidade co disposto no artigo 4 da dita lei.

– Asegurarse do mantemento do control de calidade en todas as fases de execución do programa.

Os principios que guiarán as actividades e intervencións do programa serán os seguintes:

– Superior interese do neno, nena ou adolescente. Como todas as medidas de protección e intervención coa infancia e adolescencia, no programa Espazos de preservación familiar deberá estar sempre xustificado por ser a actuación que mellor atende os intereses concretos de cada NNA en cada momento. Iso implica a protección e garantía dos seus dereitos fundamentais como persoa, consagrados na Convención de Dereitos do Neno e recollidos na lexislación estatal e autonómica española.

– Atención ás necesidades dos NNA como eixe prioritario. O programa Espazos de preservación familiar, así como os procedementos que se establezan para o seu desenvolvemento, deberán basearse, fundamentalmente, na súa capacidade para cubrir adecuadamente as necesidades dos NNA.

– Atención integral, individualizada, proactiva e rehabilitadora. A atención do programa aos NNA deberá estar baseada na educación integral do NNA, con especial atención ás súas necesidades intelectuais, afectivas e de relación co seu contorno social. No caso de que se detecten problemas particulares, o programa obrígase a prestarlle a intervención especializada que precise.

Resulta preciso que os profesionais do programa realicen unha detección temperá de calquera dificultade que poida obstaculizar o adecuado desenvolvemento das intervencións futuras, así como propor aqueles recursos necesarios para a consideración dos servizos sociais comunitarios.

– O equipo de intervención tratará de que o NNA estea o máis confortable posible coas actuacións que se lle promovan, á vez que se lle garante un bo trato e reparación da súa confianza nos adultos, e se lle potenciará o seu desenvolvemento persoal e a súa integración social.

– Participación dos/das NNA nas decisións que os afecten. Como subliña a Convención de Dereitos do Neno, o NNA ten dereito a participar nas decisións que o afecten. Por isto, é preciso que se conte coa súa opinión ou perspectiva en calquera proceso en que estea implicado dentro do programa, dada a transcendencia que teñen estas decisións para o seu futuro. No desenvolvemento do programa Espazos de preservación familiar, a participación dos/das NNA debe ser un eixe prioritario do traballo dos profesionais e persoas implicadas, xa que, ademais, do seu dereito, é tamén un obxectivo educativo en si mesmo, xa que con el se lle están a xerar experiencias de carácter persoal e fomentando o desenvolvemento das súas habilidades necesarias para o seu exercicio, á vez que se incrementa o seu nivel de participación nas tarefas e xestións dentro do seu fogar.

– Normalización e especialización. Estes dous conceptos complementarios farán que os/as NNA poidan gozar dunha vida o máis parecida á do resto dos/das NNA que viven coas súas familias, tanto no deseño do ambiente físico como nas rutinas cotiás e no acceso aos recursos da comunidade. Pero tamén adquirir aqueles coñecementos e destrezas con que poidan por en marcha os recursos diferenciados, capaces de cubrir as súas necesidades específicas que, doutro xeito, quedarían desatendidas. Precísase ofrecer á familia de orixe aqueles referentes positivos que lle poidan servir como apoio aos procesos de aprendizaxe, e que favorezan o desenvolvemento natural e potencien os factores de protección fronte aos de risco. Así mesmo, potenciarase a creación de redes sociais que constitúan alternativas referenciais diferentes e externas ao contexto do fogar, proporcionando espazos de vida normalizados e, de ser o caso, apoios sociais personalizados.

– Transparencia, eficacia e eficiencia. O programa Espazos de preservación familiar contará cunha metodoloxía deseñada a partir dun proxecto educativo que o contextualice e cunha xustificación e unhas estratexias de afrontamento e abordaxe coherentes e que poidan ofrecer resultados positivos. A entidade concertada incorporará os sistemas de rexistro que se precisen para o control das principais actividades e incidencias que se desenvolvan, secuenciando e monitorizando a evolución dos/das NNA mediante unha avaliación continua.

– Proporcionalidade e intervención mínima: as actuacións basearanse no interese superior do/da NNA e axustaranse ás súas necesidades, polo que as intervencións terán que someterse aos principios de legalidade, necesidade, proporcionalidade e intervención na súa vida escolar, familiar e social, á vez que se asegura a ausencia de praxes e intervencións especializadas sen unha adecuada fundamentación, e que estas non exceden nin o tempo nin a intensidade que require cada caso.

Q.2. Poboación atendida polo servizo.

O desenvolvemento do programa realizarase nas comarcas do Salnés, O Barbanza e Ferrol. Prevese que as persoas beneficiarias ascendan a 150 familias (50 en cada comarca) e 240 NNA (80 en cada comarca) entre 0 e 18 anos en situación de risco e/ou desprotección leve e moderada.

Poderán acceder ao programa aquelas persoas en que se confirmase, por parte dos servizos sociais comunitarios, a existencia dunha situación de desprotección infantil de carácter leve ou moderado, cando se trate de nenas, nenos ou adolescentes residentes en calquera concello das comarcas do Salnés, O Barbanza e Ferrol, así como os proxenitores ou outros membros do grupo de irmás/ns que convivan, cando así se determine.

– NNA e familias en situación de vulnerabilidade ou risco de desprotección, é dicir, aquelas situacións en que os/as NNA, tendo as súas necesidades básicas satisfeitas e non encontrándose os pais, nais ou persoas de referencia, incapacitadas ou imposibilitadas para exercer os deberes de protección, viven e se desenvolven en contextos familiares ou sociais en que as condicións poden provocar un dano a curto, medio ou longo prazo, no seu benestar e desenvolvemento. É dicir:

– Familias en que o/a NNA aínda non sufriu dano significativo, pero podería sufrilo no futuro se non hai intervención e se valora que o apoio que poida facerse desde os servizos sociais de base non é suficiente para evitar a dita situación, precisando da intervención de profesionais especializados cun contacto intensivo coa familia.

– Contornas familiares en que haxa pautas de trato e coidado inadecuado cara ao neno, nena ou adolescente, sen que se cheguen a dar situacións de desprotección que requiran a intervención do sistema de protección á infancia e á adolescencia, mais que puidesen desembocar en situacións de risco de desprotección no caso de agravarse a situación, sendo o espazo de preservación familiar un apoio no proceso de normalización familiar.

O programa pretende atender a NNA, cunha idade comprendida entre os 0 e os 18 anos, así como as súas familias de orixe, nos casos en que os equipos técnicos dos servizos sociais comunitarios consideran que un conxunto de intervencións técnico-profesionais poden contribuír a reducir aqueles factores de risco que impiden ou poñen en perigo a convivencia daqueles coas súas familias.

Deste xeito, a poboación atendida presenta as características seguintes:

– Presentan dificultades importantes (individuais, familiares ou sociais) en diferentes etapas do ciclo vital da familia que supoñen a acumulación de factores de risco para a correcta atención das necesidades dos/das NNA.

– Carecen de apoio social para facer fronte a cargas familiares excesivas.

– Son familias multiproblemáticas que, ademais de ter prácticas parentais inadecuadas, teñen outros problemas asociados.

– Os problemas que presentan adoitan estar cronificados, froito dunha evolución en que se vai aumentando progresivamente a gravidade.

– Polo xeral, previamente tentouse solucionar os seus problemas desde distintos servizos comunitarios, sen éxito. Precisa dunha intervención máis específica e especializada.

En moitos casos, existe una dependencia dos servizos sociais nos cales buscan a solución aos seus problemas, en lugar de procurar una forma de funcionamento autosuficiente.

– Os pais e nais non adoitan ter consciencia clara da súa problemática nin asumen a súa responsabilidade no abuso ou maltrato, desconsiderando as repercusións negativas que terán nos seus/súas fillos/as estas situacións.

– Na maioría dos casos a motivación para participar no tratamento obedece a presións externas.

– Unha das características máis significativas nestas familias é a dificultade dos pais e nais para asumir as súas responsabilidades, tanto nos coidados dos seus/súas fillos/as como noutras áreas: laboral, económica, etc.

– Acostuman presentar limitacións ou peculiaridades que poden determinar o tipo de estratexias ou técnicas de tratamento que se vai utilizar. A intervención pode verse condicionada pola situación sociocultural, as dificultades económicas ou as limitacións intelectuais.

Q.3. Contidos do programa Espazos de preservación familiar.

Cada espazo de preservación familiar ten capacidade para atender, de xeito simultáneo, a 100 nenos, nenas ou adolescentes integrados en 60 familias usuarias.

As fases en que se desenvolverá o programa son as seguintes:

– Primeira: fase de detección dunha situación de risco polos servizos sociais.

– Segunda: fase de derivación. A entidade adxudicataria recibirá a derivación que efectúen desde os servizos sociais comunitarios.

É fundamental que os servizos derivantes fagan unha investigación e avaliación da situación de risco e desprotección infantil, que determine o grao de risco (leve ou moderado) e derivar o programa ás familias coa aceptación por parte desta.

Xunto coa derivación, remitirase a información necesaria e oportuna sobre o caso derivado (composición do núcleo familiar, motivo do expediente, situación actual do caso, área de intervención...).

– Terceira: alta no programa, recepción das familias: o equipo de integración da entidade deberá presentarse á familia, designar o persoal técnico responsable do caso e documentar o consentimento para o tratamento de datos persoais da familia.

– Cuarta: fase de análise: análise minuciosa da situación, considerando a conxunción de factores de risco, de protección, vulnerabilidade e resiliencia, e todo iso a través de instrumentos axeitados.

– Quinta: elaboración e aplicación do Plan de preservación familiar: en función da avaliación específica, da problemática de cada familia, elabórase un plan de preservación familiar que incidirá en diferentes aspectos en función das debilidades, fortalezas, vulnerabilidades e resiliencia da familia, pero que, en todo caso, sempre terá os seguintes compoñentes:

1. Capacidades e competencias parentais.

2. Competencias persoais.

3. Resiliencia parental.

4. Resiliencia familiar.

5. Intervención comunitaria con outros sistemas implicados (escola, servizos sanitarios, sociais...).

O plan establecerá a estratexia de intervención que seguirá o equipo da entidade, os obxectivos, áreas de intervención, resultados esperados e procedementos e prazos de revisión dos obxectivos e do propio plan de actuación. Este plan será consensuado coa familia para garantir a máxima colaboración e proactividade.

– Sexta: fase de intervención. A intervención terá como finalidade aplicar as estratexias e técnicas necesarias para mellorar o funcionamento familiar e persoal, xerando cambios en toda a estrutura e dinámica familiar, de xeito que se consiga unha contorna familiar protectora para os/as fillos/as, conforme os obxectivos fixados.

Os tipos de intervención que se aplicarán son os seguintes:

• Intervención psicosocial: ten por obxecto achegar estratexias que melloren o funcionamento persoal, familiar e social.

• Atención infantil: ten por obxecto garantir a convivencia familiar dos nenos e nenas en condicións de seguridade, estabilidade e afecto.

• Educación familiar: ten por obxecto a adquisición por parte das familias de habilidades e hábitos imprescindibles para cubrir as necesidades dos nenos e nenas.

• Terapia familiar: ten por obxecto axudar a solucionar problemas psicolóxicos, relacionais e condutuais das persoas participantes no programa.

• Apoio familiar: ten por obxecto proporcionar reforzo suplementario ás familias a través de acción de reforzo personalizado segundo as necesidades, a modo de apoio escolar ou respiro familiar, prestado por persoal voluntario da Fundación Meniños.

Sétima: seguimento de actuacións. Unha vez posta en marcha a intervención, establecerase un procedemento de vixilancia e seguimento do Plan de preservación familiar para garantir que se cumpran os obxectivos sinalados e que todas as intervencións se axustan aos obxectivos propostos.

O seguimento sobre o Plan de preservación familiar (PPF) deberá ser, como mínimo, trimestral. Coa periodicidade que se fixe, a persoa responsable do equipo de traballo revisará o grao de cumprimento dos obxectivos recollidos e as actuacións que se levaron a cabo para acadalos, establecendo os mecanismos de corrección e fixación de novos obxectivos, de ser necesario. Este seguimento quedará reflectido nos formularios e rexistros correspondentes, que se remitirán ao correspondente equipo dos servizos sociais comunitarios.

A entidade adxudicataria do concerto elaborará unha memoria técnica anual, segundo o modelo establecido no anexo VII da resolución de convocatoria do concerto social polo que se regula este servizo, que se remitirá ao Servizo de Protección de Menores da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica. Ademais, o equipo do programa Espazos de preservación familiar elaborará e remitirá os informes puntuais que lle soliciten os equipos dos servizos sociais comunitarios.

Oitava: informe final. Rematada a intervención, elabórase o informe final que conterá a síntese do traballo realizado no PPF: valoración da consecución dos obxectivos establecidos, cumprimento co plan de traballo, situación familiar actual e grao de protección en que se atopan os/as NNA e valoración global emitida pola persoa responsable do caso. Este informe enviarase ao correspondente equipo dos servizos sociais comunitarios.

O período de intervención máximo con cada familia é de 2 anos. Excepcionalmente, pódese prolongar a intervención con familias que, superado este prazo, están próximas a un funcionamento autónomo ou con apoios normalizados.

Q.4. Medios para a prestación do servizo.

Q.4.1. Locais e equipamento:

A entidade adxudicataria facilitará a totalidade dos medios e materiais necesarios para facilitar unha atención adaptada ás condicións do servizo, entre os que se atopan o/os local/locais, material informático, telefónico... adecuados para o desenvolvemento das súas funcións.

Os locais destinados ao Espazo de preservación familiar contarán con diferentes espazos que se adapten ás necesidades dos nenos, nenas e adolescentes, salas de estudo/ludoteca, espazos adaptados ás reunións coas familias, aos obradoiros e ás intervencións individuais e grupais. Ademais, contará con baños e unha zona destinada a despacho do equipo educativo.

Por outra banda, co fin de facilitar as tarefa dos profesionais que interveñen no espazo de preservación familiar, traballarase con bases de datos informatizadas centralizando, deste xeito, a documentación, coa finalidade de axilizar a xestión documental cumprindo coa Lei de protección de datos.

Os espazos deberán ser accesibles co fin de que poidan ter acceso familias e NNA con diversidade funcional.

Q.4.2. Desprazamentos e axudas de custo:

Todos os gastos derivados de desprazamentos e axudas de custo serán a cargo da entidade adxudicataria.

Q.4.3. Marco de actuación:

A entidade adxudicataria deberá garantir o cumprimento dos procedementos establecidos pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, así como a normativa que afecte o servizo.

Q.4.4. Medios humanos:

Os medios persoais necesarios para o funcionamento do servizo serán de contribución da entidade adxudicataria, que deberá poñer á disposición do servizo o persoal necesario e coa adecuada preparación técnica, de acordo coas indicacións contidas neste prego, para a atención dos e das NNA e as súas familias de orixe, que son obxecto deste concerto.

A Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica poderá exercer en calquera momento a comprobación do cumprimento das ratios de persoal da entidade vinculada ao contrato, mediante o requirimento dos documentos de relación nominal de traballadores, ou ben mediante a comprobación sobre o terreo a través dos seus servizos de inspección.

A entidade adxudicataria deberá atender debidamente as necesarias substitucións de persoal do equipo técnico en caso de baixa, vacacións, licenzas, etc.

O persoal que forme parte do equipo técnico deberá, de acordo co artigo 57 da Lei orgánica 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral á infancia e a adolescencia fronte a violencia, ter certificación negativa do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais e de Trata de Seres Humanos.

Crearanse tres espazos de preservación familiar. Cada espazo contará, como mínimo, co seguinte equipo interdisciplinar:

– 1 profesional responsable de coordinación.

– 2 profesionais con titulación en Psicoloxía.

– 4 profesionais graduados en Educación social.

– 1 profesional técnico de integración social (TIS).

– 1 profesional con titulación de grao universitario en maxisterio de educación primaria.

– 1 Profesional con titulación de grao universitario co máster universitario en formación do profesorado para secundaria, ou equivalente.

A dedicación do equipo será a xornada completa, a excepción daqueles profesionais en maxisterio de educación primaria e máster en formación de profesorado de secundaria, que terán unha dedicación de media xornada, e a persoa responsable de coordinación, que será unha única persoa para os tres espazos.

A. Coordinador/a: ten, baixo a súa responsabilidade, a supervisión e xestión directa do persoal adscrito ao programa. É o/a encargado/a de coordinar o equipo de traballadores/as e constitúe a persoa interlocutora cos servizos da Administración. Contará cunha titulación adecuada do ámbito social, entre as que se contan as de Psicoloxía, Educación Social, Pedagoxía ou Traballo Social.

As súas funcións, entre outras, serán as de:

• Cumprir as instrucións, directrices e resolucións que a entidade pública dite ao respecto.

• Dirixir e coordinar os servizos prestados pola entidade en relación a este programa e supervisar as tarefas do persoal vinculado ao servizo, de xeito que se garanta a interdisciplinariedade e a calidade da intervención.

• Planificar e supervisar a intervención educativa.

• Controlar que as instalacións e materiais para a realización do traballo do programa sexan os adecuados e que estean en bo estado para o desenvolvemento das actividades.

• Asegurar que os profesionais e equipos de traballo do programa cumpran coa normativa vixente, as directrices e instrucións das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social e Xuventude e da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, así como coas normas de funcionamento interno do servizo.

• Responsable da supervisión da evolución do traballo no espazo de preservación familiar e do acompañamento ao equipo psico-socio-educativo co fin de manter un adecuado clima laboral que redunde na mellora das funcións de cada persoa e fomento da formación continua do equipo humano do proxecto.

• Velar polo cumprimento dos dereitos das persoas usuarias e dos seus proxectos educativos individuais.

• Garantir o proceso e tratamento adecuado das queixas, reclamacións ou suxestións de mellora formuladas polas persoas usuarias do servizo.

• Coordinar o persoal e os equipos do programa co equipo servizos sociais comunitarios e, se for o caso, cos equipos e profesionais doutros programas en que participe a nena, neno ou adolescente, para garantir e mellorar a eficacia da intervención.

• Asistir ás reunións, entrevistas ou actos procesuais a que sexa convocada pola Administración.

• Responsable da elaboración da documentación xeral do proxecto (protocolos de funcionamento e procedementos do proxecto, memorias, informes trimestrais, incidencias, propostas de mellora) e da xestión do equipo humano (cargas de traballo, quendas, cuadrantes horarios, imprevistos...).

• Velar polo cumprimento da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos, e o Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), así como o Regulamento (UE) 2018/1725 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro de 2018, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais polas institucións, órganos e organismos da Unión, e á libre circulación de eses datos, e polo que se derrogan o Regulamento (CE) nº 45/2001 e a Decisión nº 1247/2002/CE, e demais disposicións vixentes sobre a materia.

• Calquera outra que veña establecida na normativa aplicable.

• Debe ter experiencia e coñecemento actualizado en intervención familiar e intervención psico-socio-educativa con persoas en situación de vulnerabilidade social, e dispoñer de experiencia en coordinación de equipos de traballo.

B. Área administrativa: o persoal adscrito á área administrativa realizará funcións de apoio administrativo, contable e fiscal no ámbito do programa, e xestionará e arquivará a documentación del que sexa responsable.

C. Espazo de preservación familiar: terá carácter multidisciplinar e estará formado por psicólogos/as, educadores/as sociais, traballadores/as sociais, persoal técnico de integración social, maestro de educación primaria, profesor de educación secundaria e/ou pedagogos/as.

Intervirá na supervisión dos casos; será o encargado de deseñar e supervisar as intervencións en cada caso, segundo o Plan de preservación familiar. As súas serán funcións de apoio técnico e supervisión das actuacións postas en marcha con cada NNA e as súas familias.

Este equipo técnico interdisciplinar e multidisciplinar será o encargado de realizar intervencións individuais, grupais e terapéuticas que perseguen:

• Intervir coa familia de orixe, baixo as indicacións dos técnicos dos servizos sociais comunitarios, facilitándolle o apoio psicolóxico, emocional, familiar, social e as capacidades e habilidades parentais que precise.

• Seguimento do proceso e da evolución.

• Poñer en contacto as familias participantes no programa cos distintos recursos sociais e económicos do seu ámbito coa finalidade de que poidan cubrir as súas necesidades específicas, e que, doutro xeito, quedarían desatendidas.

• Ofrecer á familia de orixe aqueles referentes positivos que lle poidan servir como apoio aos procesos de aprendizaxe, e que favorezan o desenvolvemento natural e potencien os factores de protección fronte aos de risco.

• Potenciar nas familias a creación de redes sociais que constitúan alternativas referenciais diferentes e externas ao contexto do fogar, de forma que lles proporcionen espazos de vida normalizados e apoios sociais personalizados.

• Seguir unha metodoloxía deseñada a partir da contextualización e das estratexias de afrontamento e abordaxe coherentes para que as familias poidan obter resultados positivos.

• Incorporar todas as actividades e intervencións que desenvolvan coas familias aos sistemas de rexistro que se precisen para o control e seguimento das súas actuacións e para toma de decisións futuras.

• En calquera caso, a proporcionalidade das súas intervencións serán as mínimas e tendo en conta o interese superior do NNA e o axuste ás necesidades deste e da súa familia.

• Todas as intervencións realizadas polo equipo someteranse aos principios de legalidade, necesidade de intervención na súa vida escolar, familiar e social, á vez que se lles asegura as familias a ausencia de praxes e intervencións especializadas sen unha adecuada fundamentación, e que estas non excederán, en ningún momento, a intensidade que require cada caso.

• Axudar a facer fronte ás complicacións.

• Ofrecer orientacións sobre habilidades de coidado e comprensión do significado dos comportamentos.

• Pór en marcha actividades de capacitación parental.

As función específicas de cada categoría profesional integrada no equipo interdisciplinar serán as seguintes:

Funcións do psicólogo/a:

• Desenvolvemento das intervencións terapéuticas e de apoio psicolóxico cos nenos, nenas, adolescentes e as súas familias, propias do espazo de preservación: intervención terapéutica individual, familiar e grupal.

• Realización da avaliación psicosocial, familiar e individual para establecer un plan de preservación familiar interdisciplinar cos obxectivos e estratexia de intervención, segundo o caso.

• Elaboración, execución e seguimento do Plan de preservación familiar de cada neno, nena, adolescente e familia, coa colaboración do resto de profesionais.

• Elaboración dos informes, rexistros e documentación derivados da intervención e seguimento desta.

• Orientación e asesoramento especializado ao resto de profesionais que forman o equipo multidisciplinar dos espazos de preservación familiar.

• Traballo coordinado co resto do equipo.

• Coordinación co resto de axentes e servizos sociais, educativos, de saúde e comunitarios arredor das familias.

• Elaboración e execución de programas psicolóxicos, tanto individuais como grupais cos/coas NNA.

• Elaboración de informes psicolóxicos que faciliten información sobre as actuacións que van desenvolver os outros técnicos do equipo na súa aplicación do programa individualizado.

• Achegar a perspectiva psicolóxica a aqueles profesionais ou integrantes de equipos externos que deban facer algún tipo de intervención co NNA.

• Todas aquelas que así se establezan de acordo coa actividade laboral da súa especialidade.

Funcións do pedagogo/a:

• Valoración da situación educativa de cada neno, nena ou adolescente de forma individualizada.

• Valoración da situación socioeducativa dos compoñentes habituais das familias.

• Elaboración e emisión de informes técnicos sobre os nenos, nenas e adolescentes e os compoñentes habituais das súas familias relativos ao seu traballo.

• Participación e asesoramento na realización das adaptacións curriculares e o apoio aos docentes dos nenos, nenas ou adolescentes.

• Responsabilización do proceso de ensino-aprendizaxe desde o recurso de vida cotidiana.

• Conveniencia e utilización dos materiais educativos na intervención.

• Asesoramento e apoio á toma de decisións do resto dos compoñentes do equipo técnico e do seu coordinador.

• Orientación e supervisión dos proxenitores no desenvolvemento nos roles parentais de forma positiva desde o punto de vista educativo.

• Favorecer a asunción de responsabilidades e competencias sociofamiliares dos NNA para mellorar a súa adaptación e a súa reintegración familiar.

• Elaboración e execución de programas educativos, tanto individual como grupal, cos nenos, nenas ou adolescentes.

• Elaboración de informes pedagóxicos que faciliten información sobre as actuacións que van desenvolver os outros técnicos do equipo na súa aplicación do programa individualizado.

• Coordinación con outros especialistas externos, como o mestre ou educador social, no proceso de avaliación e intervención cos nenos, nenas ou adolescentes que así se requiran.

• Achegar a perspectiva pedagóxica a aqueles profesionais ou integrantes de equipos externos que deban facer algún tipo de intervención co NNA.

• Todas aquelas que así se establezan de acordo coa actividade laboral da súa especialidade.

Funcións dos/das educadores/as sociais:

• Desenvolvemento das intervencións socioeducativas cos nenos, nenas, adolescentes e as súas familias propias do espazo de preservación familiar: acompañamento e apoio educativo, orientación familiar e persoal, de xeito grupal e individual.

• Realización da avaliación socioeducativa familiar e individual para establecer un plan de preservación familiar interdisciplinar cos obxectivos e estratexia de intervención segundo o caso.

• Elaboración, execución e seguimento do plan de preservación familiar de cada neno, nena, adolescente e familia, coa colaboración do resto de profesionais.

• Elaboración dos informes e rexistros e documentación derivados da intervención e seguimento desta.

• Colaboración na elaboración de proxectos e programas de intervención educativa específicos en función das necesidades dos nenos, nenas, adolescentes e familias.

• Traballo coordinado co resto do equipo.

• Coordinación co resto de axentes e servizos sociais, educativos, de saúde e comunitarios arredor das familias.

• Xeración de redes sociais, contextos, procesos e recursos educativos e sociais para os proxenitores e os seus fillos/as.

• Mediación social, cultural e educativa entre a familia e o su contexto social.

• Participación nas reunións de coordinación co resto de equipo técnico e directivo.

• Participación na realización das avaliacións individuais, programacións individuais, seguimentos mensuais e avaliacións finais.

• Realización de informes sociais por pedimento doutras entidades ou institucións.

• Solicitude de subvencións e axudas.

• Todas aquelas que así se establezan de acordo coa actividade laboral da súa especialidade.

Funcións dos/das traballadores/as sociais:

• Tramitación e seguimento das prestacións individuais, como apoio nos procesos de desenvolvemento das capacidades persoais e de inserción social no medio.

• Entrevistas cos nenos, nenas e adolescentes e as súas familias para observar a evolución dos distintos casos.

• Detección e prevención de situacións de risco ou de exclusión social da familia e os seus fillos.

• Recepción e análise das demandas e necesidades da familia e dos seus fillos.

• Relación da familia e os seus fillos con entidades, institucións e outros servizos da súa contorna que lles xeren a súa integración social.

• Elaboración, seguimento e avaliación do plan conxunto de traballo do equipo técnico.

• Información, orientación e asesoramento, das prestacións e os recursos sociais do territorio que poden facilitar a acción socioeducativa.

• Tramitación de propostas de derivación a outros profesionais, servizos municipais ou servizos especializados, de acordo cos membros do equipo técnico.

• Elaboración dos informes sociofamiliares das súas intervencións.

• Xestionar a documentación social.

• Participación nas reunións de coordinación co resto de equipo técnico e directivo.

• Participación na realización das avaliacións individuais, programacións individuais, seguimentos mensuais e avaliacións finais.

• Realización de informes sociais por pedimento doutras entidades ou institucións.

• Solicitude de subvencións e axudas.

• Todas aquelas que así se establezan de acordo coa actividade laboral da súa especialidade.

Persoal técnico de integración social:

• Deseño, desenvolvemento e seguimento dos procesos de inserción sociolaboral e ocupacional, busca de formación… tanto do público adolescente como das persoas adultas das familias usuarias do recurso.

• Colaboración na execución do Plan de preservación familiar, en coordinación co resto dos profesionais que conforman o equipo multidisciplinar do espazo de preservación familiar, realizando tarefas auxiliares, complementarias e de apoio ao labor destes.

• Elaboración dos informes e rexistros e documentación derivados da intervención e seguimento desta.

• Traballo coordinado co resto do equipo.

• Coordinación co resto de axentes e servizos sociais, educativos, de saúde e comunitarios arredor das familias.

Grao universitario en maxisterio de educación primaria e grao universitario correspondente, co máster universitario en formación de profesorado, ou titulación equivalente, para educación secundaria.

• Apoio educativo e seguimento da evolución escolar dos nenos, nenas e adolescentes do espazo de preservación familiar: creación e adaptación de recursos pedagóxicos, organización e desenvolvemento do apoio educativo.

• O persoal docente con grao universitario en maxisterio de educación primaria dedicará a súa intervención a nenos e nenas menores de 12 anos ou que estean cursando ata 6ª de primaria. O persoal docente con grao universitario e máster en formación de profesorado intervirá con rapaces maiores de 12 anos ou que estean escolarizados en centros de educación secundaria.

• Colaboración na execución do Plan de preservación familiar, en coordinación co resto dos profesionais que conforman o equipo multidisciplinar do espazo de preservación familiar, realizando tarefas auxiliares, complementarias e de apoio ao labor destes.

• Elaboración dos informes e rexistros e documentación derivados da súa intervención e seguimento desta.

• Traballo coordinado co resto do equipo.

• Coordinación cos axentes educativos externos onde cursen estudos os rapaces e rapazas.

Q.5. Relacións entre a Administración e a entidade adxudicataria.

Coordinación con servizos sociais comunitarios:

Reunións con achega de documentación entre a persoa coordinadora do espazo de preservación e a responsable dos servizos sociais comunitarios do territorio onde opera o programa, para o seguimento das actuacións:

• Mensualmente: reunión de coordinación con achega de información de todas as familias do programa.

• Trimestralmente: informe trimestral de familias atendidas, e familias en activo con datos sociais e demográficos para seguimento da evolución do programa.

• Anualmente: achega da memoria da evolución do servizo durante o mes de xaneiro posterior ao ano de que se trate, en que se realizará unha análise de proceso e de resultados da intervención ao longo do ano.

• Puntualmente: cando se xulgue necesario, coordinación presencial, telefónica ou vía correo electrónico para resolver calquera cuestión relacionada co desenvolvemento do programa, así como asesoramento técnico na atención aos nenos, nenas, adolescentes e ás súas familias.

Coordinación co SPM:

O obxectivo xeral deste programa é evitar, na medida do posible, a entrada de nenos e nenas no sistema de protección actuando a nivel preventivo cando os servizos comunitarios detecten un risco baixo ou moderado. Deberase manter unha canle fluída de información que permita ao SPM coñecer a evolución do programa:

• Trimestralmente: informe trimestral de familias atendidas, e familias en activo con datos sociais e demográficos para seguimento da evolución do programa.

• Anualmente: achega da memoria da evolución do servizo durante o mes de xaneiro posterior ao ano de que se trate, en que se realizará unha análise de proceso e de resultados da intervención ao longo do ano.

Q.6. Avaliación.

Ao longo da intervención nos espazos de preservación familiar, recadarase de forma sistemática datos avaliativos, tanto das familias como dos/das NNA atendidos/as, como dos recursos utilizados e das actividades.

Elaborarase unha análise de perfil das familias atendidas, que recollerá, entre outros: estrutura familiar, idades das persoas proxenitoras e dos nenos e nenas, número de fillos/as, tipoloxía de familias, problemática, nivel de estudos, nivel formativo, nivel de ingresos, situación laboral, situación de vivenda, ocupación, etc.

R) Subrogación.

O persoal susceptible de subrogación, así como a información precisa para coñecer unha exacta avaliación dos custos laborais que implicará esta medida, imposta pola normativa laboral, exprésanse no anexo VIII.

De acordo co establecido no artigo 34 do IV Convenio colectivo estatal de reforma xuvenil e protección de menores, será persoal susceptible de subrogación aquel cunha antigüidade mínima de catro meses na data da adxudicación do concerto. En consecuencia, esta relación é susceptible de sufrir modificacións, que se publicarán en canto se teña coñecemento.

S) Aspectos relativos á execución do concerto social.

S.1. Dereitos e obrigas das partes.

S.1.1. Obrigas da entidade concertada.

A entidade concertada está obrigada a:

a) Organizar e prestar o servizo con estrita suxeición ao réxime xurídico de aplicación, de acordo coas características establecidas nesta resolución e no prego técnico do concerto e coa continuidade e calidade convida.

b) Admitir na utilización do servizo a toda persoa usuaria remitida pola Administración concertante e garantir a súa prestación nas condicións que foron establecidas, de acordo cos principios de igualdade e non discriminación.

c) Prestar ás persoas usuarias de forma gratuíta os servizos establecidos no concerto social.

d) Respectar os dereitos das persoas usuarias recollidos no ordenamento xurídico e no réxime xurídico do servizo.

e) Indemnizar polos danos que se causen a terceiras persoas como consecuencia das operacións que requiran o desenvolvemento do concerto social, excepto cando o dano se produza por causas imputables á Administración. Para estes efectos, a entidade estará obrigada a subscribir un seguro de responsabilidade civil para cubrir as continxencias que se poidan producir pola prestación do servizo, segundo se indica na cláusula F e K.3.

f) Manter o servizo público conforme o que, en cada momento e segundo o progreso da ciencia, dispoña a normativa técnica, ambiental, de accesibilidade e eliminación de barreiras e de seguridade das persoas usuarias que resulte de aplicación.

g) Dar a coñecer a condición de entidade concertada mediante a difusión na documentación e publicidade das actuacións obxecto deste concerto social. A entidade concertada deberá incorporar en todo o material e documentación xerada polo programa o logotipo da identificación corporativa da Xunta de Galicia e Consellería de Política Social e Xuventude. A entidade disporá tamén dun rótulo, no lugar ou centro onde se presten os servizos, en que se identifique que o servizo está concertado coa Xunta de Galicia co seu respectivo logotipo.

h) Dar adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do concerto. En particular, cumprir coas medidas de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021. En particular, de conformidade co disposto nos artigos 47 e 50 do devandito regulamento, nos espazos en que se desenvolvan as actuacións contarán co emblema da Unión Europea xunto coa declaración «Cofinanciado pola Unión Europea». Igualmente, nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 ou unha pantalla electrónica equivalente con información sobre a operación nun lugar ben visible para o público. Tamén se fará unha breve descrición da actuación na páxina web e nas contas nos medios sociais, no caso de dispoñer delas, mencionando os obxectivos e resultados, e destacando a axuda financeira da Unión Europea. Ademais, en todos os documentos e materiais de comunicación relacionados coa execución da actuación, destinados ao público ou ás persoas participantes, proporcionarase unha declaración que saliente a axuda da Unión Europea de xeito visible.

i) Informar, se é o caso, as persoas destinatarias de que as actuacións en que participan están financiadas pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, así como dos obxectivos dos fondos, figurando os emblemas de ambos organismos en toda documentación xerada polo programa e, como mínimo, nos seguintes documentos, de ser o caso:

• Partes de asistencia e/ou de participación.

• Relacións e follas de seguimento.

• Enquisas de avaliación.

• Certificados de asistencia.

• Memorias periódicas, etc.

j) Realizar as actuacións precisas para recoller a información suficiente relativa ao desenvolvemento da prestación que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de realización e de resultados previstos no artigo 17 do Regulamento (UE) 2021/1057.

k) Os indicadores de realización relativos a cada persoa participante refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do/da dito/a participante coa actuación cofinanciada, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior á finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes, no período de xustificación. Así mesmo, a Administración poderá requirir, en calquera momento, novos datos relativos á data en que se cumpran os seis meses desde que finalice a vinculación do participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento.

l) Para estes efectos, facilitarase á entidade beneficiaria o acceso á aplicación Participa2127 (https://participa2127.conselleriadefacenda.gal/Participa2127) e os oportunos cuestionarios, que terán que respectar o principio de integridade dos datos.

m) Facilitar toda a información requirida pola Administración, polos órganos verificadores que se establezan en aplicación Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

n) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Administración, así como a calquera outra actuación de control que poidan realizar os órganos competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. En especial, por tratarse de axudas cofinanciadas con Fondo Social Europeo Plus (FSE+), a entidade beneficiaria quedará sometida ás actuacións de control, comprobación e inspección que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, nos termos establecidos no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello do 24 de xuño de 2021, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo; ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma; ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas; ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

o) Comunicar á Administración calquera cambio ou variación que se produza na prestación dos servizos, así como calquera subvención, axuda ou achega privada recibida relacionada coa prestación dos servizos concertados.

p) Facilitar os labores de control e inspección do cumprimento do concerto social, en particular, poñendo á disposición da Administración toda a información económica, fiscal, laboral, técnica e asistencial ou de calquera outra clase que sexa precisa para este fin, con suxeición á lexislación en materia de protección de datos e á restante normativa aplicable.

q) Cumprir coas disposicións vixentes en materia laboral, de seguridade social, de seguridade e saúde laboral e igualdade de xénero. Ademais, deberá proporcionarlles aos seus traballadores e traballadoras un traballo de calidade e estable, protexelos fronte aos accidentes e riscos laborais e promover condicións de conciliación familiar e laboral e de igualdade de xénero.

r) Cumprir as disposicións vixentes en materia fiscal, de integración social de persoas con discapacidade, de prevención de riscos laborais e de protección do ambiente que estableza a normativa vixente, os convenios colectivos que sexan de aplicación e as recollidas nesta convocatoria.

s) Cumprir o establecido na Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, de modificación parcial do Código civil e da Lei de axuizamento civil, en particular, o establecido en relación coa comprobación de antecedentes de delitos sexuais e trata de seres humanos na Lei orgánica 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral á infancia e adolescencia fronte á violencia.

t) O persoal asignado á prestación do concerto social dependerá exclusivamente da entidade concertada, a cal terá todos os dereitos e obrigas inherentes á súa calidade de empregador respecto del, e a Administración concertante será de todo allea ás referidas relacións laborais. En ningún caso poderá alegar ningún dereito o referido persoal en relación coa Administración concertante, nin exixirse a esta responsabilidades de calquera clase como consecuencia das obrigas existentes entre a entidade concertada e os seus empregados.

u) Subministrar á Consellería de Política Social e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

v) A entidade concertada facilitará que as persoas usuarias poidan formular suxestións e queixas sobre a prestación do servizo concertado, que se poderán presentar ante a Administración ou ben ante a propia entidade concertada. Para estes efectos, existirá un libro de reclamacións no que as persoas usuarias e quen as represente legalmente poderán facer constar as queixas que coiden pertinentes. A entidade concertada deberá remitir as suxestións e queixas recibidas á Administración.

w) Calquera outra prevista na normativa que, con carácter xeral ou específico, sexa de aplicación, no réxime xurídico do servizo.

x) Manter rexistros contables independentes ou empregar códigos de contabilidade apropiados para todas as transaccións relacionadas coa operación, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados con fondos do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.

y) Conservar todos os documentos xustificativos relacionados coa operación que reciba axuda do FSE+ durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que a autoridade de xestión do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 efectúe o último pagamento, nos termos establecidos no artigo 82 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.

S.1.2. Obrigas da Administración concertante.

S.1.2.1. A Consellería de Política Social e Xuventude está obrigada a aboar á entidade concertada o prezo estipulado dentro dos trinta días seguintes á data de aprobación dos documentos que acrediten a conformidade cos servizos prestados, de acordo coa forma de pagamento recollida neste mesmo punto da convocatoria do concerto.

S.1.2.2. A Consellería de Política Social e Xuventude deberá ter informada á entidade concertada de calquera circunstancia da que teña coñecemento e que afecte, de xeito relevante, o concerto social formalizado, especialmente nos casos en que esta poida ter incidencia na futura configuración dos termos e condicións do concerto.

S.1.3. Incumprimento das obrigas por parte da entidade concertada.

O incumprimento das obrigas por parte da entidade concertada será sancionado de acordo co disposto no título IX da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

S.1.4. Incumprimento das obrigas por parte da Administración.

Se a Consellería de Política Social e Xuventude se demora no pagamento e incumpre o prazo de 30 días seguintes á data de aprobación dos documentos que acrediten a conformidade cos servizos prestados, deberá aboar á entidade concertada, a partir do cumprimento do dito prazo, os xuros de demora e a indemnización por custos de cobramento, nos termos previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

S.2. Constitución de garantía.

A entidade adxudicataria ten que constituír una garantía de 217.543,08 euros e debe depositarse ante a Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia (na sede de Santiago de Compostela da Consellería de Facenda e Administración Pública ou nas delegacións provinciais da Axencia tributaria de Galicia-Atriga).

S.2.1 . A garantía poderá prestarse nalgunha ou algunhas das seguintes formas:

a) En efectivo ou en valores, que en todo caso serán de débeda pública, con suxeición, en cada caso, ás condicións establecidas nas normas de desenvolvemento desta resolución. O efectivo e os certificados de inmobilización dos valores anotados depositaranse na Caixa Xeral de Depósitos ou nas súas sucursais encadradas nas delegacións de Facenda, ou nas caixas ou establecementos públicos equivalentes das comunidades autónomas ou entidades locais contratantes ante as que deban fornecer efectos, na forma e coas condicións que as normas de desenvolvemento desta lei establezan, sen prexuízo do disposto para os contratos que se subscriban no estranxeiro.

b) Mediante aval, prestado na forma e condicións que establezan as normas de desenvolvemento desta resolución, por algún dos bancos, caixas de aforros, cooperativas de crédito, establecementos financeiros de crédito e sociedades de garantía recíproca autorizados para operar en España, que deberá depositarse nos establecementos sinalados na letra a) anterior.

c) Mediante contrato de seguro de caución, celebrado na forma e condicións que as normas de desenvolvemento desta resolución establezan, cunha entidade aseguradora autorizada para operar no ramo. O certificado do seguro deberá entregarse nos establecementos sinalados na letra a) anterior.

S.2.2. A acreditación da constitución da garantía definitiva deberá realizarse mediante medios electrónicos.

S.2.3. Cumpridas polo concertante as obrigas derivadas do concerto, se non resulten responsabilidades que se deban exercer sobre a garantía definitiva, e transcorrido o período de garantía dun ano, se for o caso, ditarase acordo de devolución ou cancelación daquela, logo de informe favorable do responsable do concerto ou de quen exerza a dirección deste.

S.3. Réxime de pagamentos.

S.3.1. O pagamento do prezo que corresponda a cada mes segundo os importes establecidos na cláusula D.3 desta convocatoria realizarase logo da conformidade do Servizo de Protección de Menores.

S.3.2. Para o aboamento do servizo, a entidade adxudicataria presentará, dentro dos cinco días seguintes ao mes en que se realizou efectivamente a prestación, os seguintes documentos:

– Factura pola prestación do servizo. As facturas electrónicas emitidas presentaranse no sistema electrónico de facturación da Xunta de Galicia (SEF). O SEF proporcionará ao presentador un xustificante de recepción electrónica no cal constarán, como mínimo, a data e a hora de presentación, o órgano xestor destinatario e o número de asento rexistral da factura. Así mesmo, incluirá un código seguro de verificación que permitirá, en calquera momento, validar ante o sistema a exactitude do documento.

O Rexistro Contable de Facturas está integrado co SEF. A anotación no rexistro contable de facturas é requisito previo necesario para a tramitación do recoñecemento da obriga.

A información sobre este será a través das seguintes URL: http://conselleriadefacenda.es/factura ou http://www.conselleriadefacenda.es/sicon

– Relación de casos atendidos, asinada pola persoa responsable do servizo, segundo modelo establecido no anexo IV. Os indicadores de realización e resultado dos ditos casos deben ser rexistrados na aplicación Participa 2127 de forma adecuada con periodicidade mensual, de acordo co establecido na cláusula S.1.1.j).

– Certificado da entidade onde conste o persoal adscrito á execución deste servizo, segundo o modelo establecido no anexo V ordenado por grupo profesional e posto de traballo, especificando nome e apelidos, número de afiliación á Seguridade Social, tipo de contrato, titulación e dedicación horaria. No caso de que a relación de persoal non sufra variacións respecto do período anterior, este documento poderá substituírse por unha declaración en tal sentido.

S.3.3. Sen prexuízo das competencias de inspección en materia de servizos sociais da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia, a entidade concertada estará sometida ás actuacións de control e vixilancia que leve a cabo a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para a debida xustificación dos fondos e do cumprimento dos fins do programa do presente concerto, así como as de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, coa finalidade de asegurar o correcto cumprimento do concerto social subscrito.

S.3.4. A percepción indebida de cantidades por parte da entidade concertada comportará a obriga de reintegralas á Administración. Cando o reintegro se efectúe por requirimento da Administración, daráselle audiencia á entidade e seguirase o procedemento que corresponda, sen prexuízo das posibles sancións e resolución do concerto social.

S.3.5. As entidades concertadas que teñan dereitos de cobramento fronte á Administración poderán cedelos conforme a dereito. Para a cesión dos dereitos de cobramento seguirase o mesmo procedemento e exixiranse os mesmos requisitos que os recollidos no artigo 200 da Lei 9/2017, do 8 de novembro.

S.4. Limitacións, subcontratación e cesión de servizos concertados.

S.4.1. Queda prohibida a subcontratación das prestacións obxecto deste concerto.

S.4.2. Queda prohibida a cesión, total ou parcial, dos servizos obxecto deste concerto, excepto cando a entidade concertada sexa declarada en concurso de acredores e non quede garantida a continuidade da atención das persoas usuarias, con autorización expresa e previa da Consellería de Política Social e Xuventude, que adoptará as medidas precisas para garantir a continuidade e calidade do servizo.

S.5. Sucesión da entidade concertada.

S.5.1. O cambio da titularidade do servizo concertado, xa sexa por sucesión da entidade concertada ou pola cesión do concerto formalizado, terá a consideración de modificación do concerto social.

S.5.2. Poderase producir a sucesión da entidade concertada cando a primeira se fusione ou transforme noutra. Neste caso, o concerto continuará vixente coa entidade que a suceda, sempre que esta continúe reunindo os requisitos exixidos para formalizar o concerto social.

A entidade sucesora subrogarase nos dereitos e obrigas derivados do concerto social que estivesen vixentes no momento da sucesión.

S.5.3. Se non for posible concertar coa entidade sucesora por non cumprir esta cos requisitos exixidos no concerto social, considerarase, para todos os efectos, un suposto de resolución do concerto por culpa da entidade concertada.

S.5.4. Para os efectos anteriores, a entidade concertada deberá comunicar á Consellería de Política Social e Xuventude a circunstancia que se producise.

T) Modificacións.

T.1. Modificación do acordo de concertación.

T.1.1. Unha vez formalizado o concerto social, poderanse introducir modificacións só cando estas obedezan a razóns de interese público como consecuencia de circunstancias sobrevidas, debidamente xustificadas e derivadas das necesidades de atención ás persoas usuarias.

As modificacións deste concerto non poderán alterar as condicións esenciais da concertación e deben ser as estritamente indispensables para responder ás causas obxectivas que as fagan necesarias.

As modificacións só serán posibles cando non afecten os requisitos legais para a prestación dos servizos, non supoñan unha mingua na calidade do servizo e, de implicar un custo, exista crédito adecuado e suficiente para poder asumilo.

As modificacións non poderán incluír o establecemento de novos espazos, e deberán vir motivadas nas necesidades específicas que se deban atender.

De acordo co artigo 28 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro, poderase variar a contía dos servizos contratados, sen que o incremento poida superar o 50 %.

T.1.2. O procedemento de modificación poderase iniciar de oficio, con audiencia á parte interesada, ou por instancia de parte mediante proposta da entidade concertada. Estes aspectos deberán quedar documentados, xunto co informe da Asesoría Xurídica e os demais informes que procedan, en particular o da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, con carácter previo á formalización da modificación.

T.1.3. O órgano competente para autorizar a modificación será a persoa titular da Consellería de Política Social e Xuventude.

T.2. Modificación das condicións técnicas.

T.2.1. As condicións recollidas nos pregos técnicos do concerto social poderán ser modificadas como consecuencia de cambios normativos que as afecten ou da súa revisión por parte da Consellería de Política Social e Xuventude.

T.2.2. No expediente de modificación deberá constar unha memoria económica en que se avalíe o impacto no cambio das condicións técnicas nos módulos económicos. De ter incidencia nestes últimos, deberase proceder ao seu reaxuste.

T.2.3. Se é a Consellería de Política Social e Xuventude a que decide revisar as condicións técnicas do concerto social, os cambios deberán estar motivados na mellor ou máis axeitada prestación dos servizos mediante informe dos técnicos da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica. Deberáselles dar audiencia ás entidades concertadas afectadas para que poidan formular propostas e alegacións á revisión proposta.

T.3. Revisión dos prezos.

T.3.1. Os prezos fixados nesta convocatoria poderán ser revisados:

a) Cando se realice unha modificación do concerto social, segundo o establecido no artigo 27 do Decreto 209/2020, que teña incidencia nos custos do servizo.

b) Cando se produza unha variación substancial nos custos do servizo respecto das condicións económicas do concerto social.

T.3.2. A revisión de prezos precisará dun informe da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica sobre os custos económicos do concerto social en que se evidencie a necesidade da revisión.

Para o cálculo das revisións deberanse ter en conta as previsións recollidas na normativa en materia de desindexación. Nas actualizacións de prezos o carácter diferenciado da acción concertada excluirá a consideración do período de recuperación dos investimentos aplicable á modalidade contractual.

No concerto obxecto desta convocatoria, dado o carácter significativo do cadro de persoal na configuración do prezo, pódese referenciar a actualización desta compoñente dos custos ás variacións económicas dos convenios colectivos sectoriais, nacionais, autonómicos e provinciais aplicables ao lugar de prestación dos servizos, coas limitacións que a normativa vixente estableza.

T.3.3. A revisión dos prezos efectuarase, segundo proceda, no acordo de modificación ou mediante resolución ditada para o efecto pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

U) Resolución e extinción do concerto social.

U.1. Causas de extinción do concerto social.

Este concerto social extinguirase polas seguintes causas:

a) Cumprimento do concerto social.

b) Resolución do concerto social.

U.2. Cumprimento do concerto.

O concerto social entenderase cumprido pola entidade concertada cando este se realizase, de acordo cos seus termos, na totalidade da prestación e finalizase o seu período de vixencia.

U.3. Extinción do concerto por resolución.

U.3.1. Serán causas de resolución do concerto social as seguintes:

a) O mutuo acordo entre a Consellería de Política Social e Xuventude e a entidade concertada.

b) A non formalización do concerto social ou da súa renovación no prazo establecido.

c) A extinción da personalidade xurídica da entidade concertada.

d) A declaración de concurso de acredores da entidade concertada ou a declaración de insolvencia en calquera procedemento.

e) O cesamento voluntario, coa autorización previa da Consellería de Política Social e Xuventude, da entidade concertada na prestación do servizo.

f) A inviabilidade económica da entidade titular do concerto social, constatada por informes de auditoría externa, cando lle sexan solicitados pola Consellería de Política Social e Xuventude.

g) A revogación da acreditación, homologación ou autorización administrativa da entidade concertada que a habilitaba para a prestación do servizo concertado.

h) O incumprimento das obrigas cualificadas como esenciais no concerto social ou o incumprimento dos estándares e parámetros de calidade exixidos nel, sempre que o incumprimento sexa imputable á entidade concertada.

i) A comisión dunha infracción grave ou moi grave das tipificadas nos artigos 81 e 82 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, cando comporte unha das sancións accesorias previstas no artigo 83.2 da dita norma.

j) O incumprimento grave da lexislación en materia fiscal, laboral, de Seguridade Social e da integración social de persoas con discapacidade e prevención de riscos laborais.

k) Negarse a atender as persoas usuarias derivadas pola Administración concertante.

l) Prestar servizos como se fosen concertados coa Administración, cando isto non sexa así.

m) O incumprimento da prohibición da subcontratación e cesión de servizos concertados recollidos na cláusula S.4).

n) A ausencia de demanda para a cobertura do servizo prestado de xeito relevante e prolongado, xa sexa para a totalidade dos servizos ou para un número significativo que faga inviable economicamente o mantemento do servizo.

ñ) A imposibilidade de continuar prestando o concerto social nos termos inicialmente acordados ou facelo sen ocasionar un prexuízo ao interese público, cando non sexa posible a modificación do concerto.

o) A demora no cumprimento das obrigas económicas por parte da Consellería de Política Social e Xuventude por prazo superior a catro meses.

p) A suspensión por causa imputable a Consellería de Política Social e Xuventude da iniciación do concerto social por prazo superior a seis meses desde a data sinalada para o comezo.

q) A desistencia ou suspensión do concerto social por prazo superior a seis meses acordado pola Consellería de Política Social e Xuventude.

r) O resto de causas establecidas na normativa sectorial de aplicación ao concerto.

U.3.2. A resolución dos concertos sociais por mutuo acordo das partes só poderá ter lugar cando medien razóns de interese público que fagan innecesaria ou inconveniente a continuación do concerto social, e non concorra outra causa de resolución que sexa imputable á entidade concertada.

U.3.3. A entidade concertada poderá solicitar a resolución do concerto social cando considere que a Consellería de Política Social e Xuventude incorreu nalgunha das causas imputables a esta. Se a Consellería de Política Social e Xuventude se nega á resolución do concerto social, a entidade estará obrigada a continuar prestando os servizos mentres existan persoas usuarias que deban ser atendidas, sen prexuízo dos recursos que procedan.

U.3.4. Se a Consellería de Política Social e Xuventude considera que se produciu un incumprimento da entidade concertada que poida ser causa de resolución do concerto social, iniciará un procedemento administrativo, de acordo co establecido no título IX da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia. Se procede a resolución do concerto social, a Consellería de Política Social e Xuventude deberá establecer a data en que terá efectos a dita resolución para garantir a continuidade do servizo ás persoas usuarias.

U.4. Efectos da resolución.

U.4.1. Cando a resolución se produza por mutuo acordo, os dereitos das partes acomodaranse ao validamente estipulado por elas.

U.4.2. A resolución motivada por un incumprimento da Consellería de Política Social e Xuventude determinará o pagamento dos danos e perdas causados á entidade, tendo en conta os prezos ou módulos económicos vixentes no momento da resolución.

U.4.3. Cando a resolución do concerto social teña lugar por incumprimento culpable da entidade concertada, a entidade deberá indemnizar a Consellería de Política Social e Xuventude polos danos e perdas causados.

V) Protección de datos persoais.

V.1. Tratamento de datos persoais dos representantes das entidades solicitantes do concerto.

Os datos persoais recollidos nestes procedementos serán tratados na súa condición de responsable do tratamento pola Consellería de Política Social e Xuventude, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión destes procedementos, verificar os datos e documentos que a persoa interesada achegue na súa solicitude para comprobar a exactitude destes, informar sobre o estado de tramitación e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

A lexitimación para o tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos derivada dunha competencia legalmente atribuída ao responsable do tratamento, así como o cumprimento de obrigas legais impostas ao dito responsable segundo o disposto na Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do/da menor, de modificación parcial do Código civil e da Lei de axuizamento civil, e no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia; o Decreto 42/2000, do 7 de xaneiro, polo que se refunde a normativa reguladora vixente en materia de familia, infancia e adolescencia, modificado polo Decreto 406/2003, do 29 de outubro; na Lei orgánica 8/2015, do 22 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e adolescencia, e a Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia, e na Lei orgánica 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral á infancia fronte á violencia.

Os datos poderán ser comunicados ás administracións públicas do ámbito autonómico, estatal e comunitario para o exercicio das súas competencias na materia coa finalidade de levar a cabo as actuacións de control previstas.

As persoas interesadas poderán solicitar ante o responsable do tratamento o acceso, rectificación, limitación, portabilidade e supresión dos seus datos, así como opoñerse ao seu tratamento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se recolle en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos. Contacto co delegado/a de protección de datos e información adicional en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

V.2. Tratamento de datos persoais no marco das actuacións de verificacións recollidas na resolución.

As bases lexitimadoras para o tratamento dos datos persoais que poidan ser facilitados para o adecuado seguimento desta resolución e a xustificación dos correspondentes gastos relativos ás actuacións que constitúen o seu obxecto son o cumprimento dunha misión de interese público ou o exercicio de poderes públicos conferidos ao responsable do tratamento e o cumprimento dunha obriga legal, fundamentadas ambas no disposto no Regulamento (UE) 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) nº 1296/2013, e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

As persoas interesadas poderán solicitar ante o responsable do tratamento o acceso, rectificación e supresión dos seus datos, así como opoñerse ao seu tratamento segundo se explicita en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Contacto Delegado/a de Protección de Datos e información adicional en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

As entidades concertadas obríganse a informar, pola súa vez, o persoal ao seu servizo e as persoas usuarias, con carácter previo a que se faciliten os seus datos á Consellería de Política Social e Xuventude, dos aspectos establecidos nos parágrafos anteriores.

V.3. Tratamento de datos persoais das persoas usuarias.

Os datos persoais necesarios para levar a cabo as actividades realizadas ao abeiro desta resolución serán tratados na súa condición de responsable do tratamento pola Consellería de Política Social e Xuventude. A lexitimación para o tratamento dos datos será o cumprimento dunha misión realizada en interese público e o exercicio de poderes públicos conferidos ao responsable fundamentada á súa vez na na Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do/da menor, de modificación parcial do Código civil e da Lei de axuizamento civil e, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia; o Decreto 42/2000, do 7 de xaneiro, polo que se refunde a normativa reguladora vixente en materia de familia, infancia e adolescencia, modificado polo Decreto 406/2003, do 29 de outubro; na Lei orgánica 8/2015, do 22 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e adolescencia, e a Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia, e na Lei orgánica 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral á infancia fronte á violencia.

Os datos persoais que sexan xestionados polas entidades concertadas para a xestión das devanditas accións derivadas da execución do programa, na súa condición de encargadas do tratamento, poderán ser tamén comunicados, cando sexa estritamente necesario, ás entidades acreditativas da formación, ás administracións públicas no exercicio das súas respectivas competencias e outros órganos encargados da xestión e control financeira de fondos europeos.

As persoas usuarias poderán solicitar ante o responsable do tratamento o acceso, rectificación, limitación, portabilidade e supresión dos seus datos, así como opoñerse ao seu tratamento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se recolle en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos. Contacto co delegado/a de protección de datos e información adicional en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

V.4. Obriga de confidencialidade.

As entidades concertadas deberán respectar o segredo profesional e, en consecuencia, manter absoluta confidencialidade e reserva sobre a totalidade dos documentos, datos e informacións que lles sexan confiados para a formalización e desenvolvemento das accións recollidas na presente resolución. Así mesmo, quedan expresamente obrigadas:

– A utilizar a devandita información exclusivamente no ámbito desta orde e para as finalidades previstas nela.

– A non comunicala, nin total nin parcialmente, a ningún terceiro sen autorización expresa do emisor, salvo nos casos expresamente previstos na lei, exixindo idéntico compromiso ao persoal que empregue ou que con el colabore na execución da resolución.

– A facilitar o acceso á información unicamente ao persoal que a necesite para o desenvolvemento da devandita relación, a quen se comunicará a obriga de tratar a información a que se lles dá acceso con carácter estritamente confidencial.

– A aplicar medidas de cautela e protección e destruír en calquera momento a documentación escrita recibida, se así o solicita a parte que a forneceu.

Considerarase información confidencial aquela á cal as entidades beneficiarias accedan en virtude da presente resolución, especialmente a de tipo técnico ou tecnolóxico, administrativo, ou económico-financeiro, sempre que non teña carácter público ou notorio. Este deber manterase aínda despois de finalizada a relación.

V.5. Encarga do tratamento.

Respecto do tratamento de datos persoais, as entidades concertadas terán a condición de encargadas do tratamento en relación con aquelas tarefas de coordinación administrativa, posta en marcha, desenvolvemento e seguimento das accións obxecto desta resolución, que impliquen a recollida de datos das persoas usuarias.

V.5.1. Identificación da información afectada.

Como encargadas do tratamento as entidades beneficiarias das axudas xestionarán os datos persoais das persoas usuarias necesarios para a execución das obrigas contidas nesta resolución.

V.5.2. Obrigas das entidades concertadas como encargadas do tratamento.

As entidades concertadas como encargadas do tratamento deberán cumprir coas obrigas recollidas a continuación, exixindo o mesmo compromiso do persoal ao seu servizo:

V.5.2.a) Tratar por conta do responsable os datos persoais necesarios para levar a cabo adecuadamente a prestación do servizo obxecto do concerto.

V.5.2.b) Utilizar os datos persoais obxecto de tratamento só para os efectos desta resolución. En ningún caso poderá utilizar os datos para os seus fins, sendo considerado, neste caso, como responsable do tratamento.

V.5.2.c) Tratar os datos de acordo coas instrucións do responsable do tratamento. Se o encargado do tratamento considera que algunha das instrucións infrinxe o RXPD, a LOPDGDD ou calquera outra disposición vixente en materia de protección de datos, porao inmediatamente en coñecemento do responsable.

V.5.2.d) Levar por escrito, se é o caso, segundo o artigo 30 do RXPD, un rexistro das actividades de tratamento realizadas por conta do responsable, incluíndo o contido previsto no dito artigo.

V.5.2.e) Non comunicar os datos a terceiros, salvo que se conte coa autorización expresa do responsable do tratamento, ou nos supostos legalmente admisibles. O encargado poderá comunicar os datos a outros encargados do tratamento do mesmo responsable, de acordo coas instrucións deste.

V.5.2.f) O encargado do tratamento non poderá subcontratar ningún dos servizos que formen parte do obxecto do concerto e que impliquen o tratamento de datos persoais, salvo os traballos auxiliares necesarios para o normal funcionamento dos seus servizos.

V.5.2.g) Sen prexuízo do anterior, no caso de que o encargado do tratamento necesite subcontratar parte dos servizos en que interveña o tratamento de datos persoais, deberá comunicalo previamente por escrito ao responsable do tratamento, indicando os tratamentos que están implicados e pretende subcontratar, identificando de forma clara e inequívoca a empresa subcontratista e os seus datos de contacto. A subcontratación poderá realizarse unha vez autorizada polo responsable do tratamento.

Neste último caso, o subencargado do tratamento, que tamén terá a condición de encargado do tratamento, estará tamén obrigado ao cumprimento das obrigas establecidas neste concerto para o encargado do tratamento inicial e das instrucións ditadas polo responsable. Correspóndelle ao encargado do tratamento inicial, polo tanto, regular a nova relación para que o novo encargado estea sometido ás mesmas condicións (instrucións, obrigas, medidas de seguridade...), co mesmo réxime de responsabilidade e con os mesmos requisitos formais que o encargado inicial no que se refire ao bo tratamento dos datos persoais e á garantía dos dereitos das persoas afectadas. No caso de incumprimento por parte do subencargado, o encargado inicial seguirá sendo plenamente responsable ante o responsable do cumprimento das obrigas.

V.5.2.h) O encargado do tratamento tamén estará obrigado a comunicarlle calquera modificación ao responsable do tratamento na incorporación ou substitución doutros subencargados, dándolle así á persoa responsable a posibilidade de opoñerse aos ditos cambios.

V.5.2.i) Manter o deber de segredo sobre os datos persoais a que teña acceso en virtude do presente contrato, aínda que finalice o seu obxecto.

V.5.2.j) Garantir que as persoas autorizadas para o tratamento dos datos persoais comprometen, expresamente e por escrito, a respectar a confidencialidade e a cumprir as medidas de seguridade correspondentes, das cales serán informadas oportunamente. O encargado manterá á disposición do responsable a documentación acreditativa do cumprimento desta obriga.

V.5.2.k) Garantir a formación necesaria en materia de protección de datos persoais das persoas autorizadas para tratar este tipo de información.

V.5.2.l) Asistir o responsable do tratamento na resposta ao exercicio dos dereitos recoñecidos pola lexislación vixente en materia de protección de datos de carácter persoal, mediante as medidas técnicas e organizativas oportunas, para que poida cumprir coa súa obriga de atender as citadas solicitudes das persoas interesadas no prazo previsto pola normativa vixente. Para iso, o encargado facilitaralle ao responsable, por petición deste, e coa maior brevidade posible, canta información sexa necesaria ou relevante para estes efectos. No caso de que as persoas afectadas soliciten o exercicio dos seus dereitos ante o encargado do tratamento, esta informaralles, por calquera medio fidedigno, de que poderán acceder ao procedemento previsto para iso en https://www.xunta.gal/exercicio-dos-dereitos

V.5.2.m) Comunicarlle ao responsable do tratamento, de forma inmediata e aplicando as medidas de seguridade necesarias, as violacións da seguridade dos datos persoais ao seu cargo das cales teña coñecemento, xunto con toda a información pertinente para a documentación e comunicación da incidencia, se é o caso, á Axencia Española de Protección de Datos (en diante, AEPD), de conformidade co disposto no artigo 33 do RXPD.

V.5.2.n) Apoiar o responsable do tratamento na realización de avaliacións de impacto relacionadas coa protección de datos e na realización de consultas previas á autoridade de control, cando proceda.

V.5.2.o) Aplicar, se é o caso, as disposicións contidas no R.D. 311/2022, do 3 de maio, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade (ENS). En todo caso, implantará as medidas de seguridade necesarias para:

• Garantir a confidencialidade, integridade, dispoñibilidade e resiliencia permanente dos sistemas e servizos de tratamento.

• Restaurar a dispoñibilidade e o acceso aos datos persoais rapidamente, en caso de incidencia física ou técnica.

• Verificar, avaliar e valorar, de forma periódica, a eficacia das medidas técnicas e organizativas postas en marcha para garantir a seguridade do tratamento.

• Pseudonimizar e cifrar os datos persoais, se é necesario.

V.5.2.p) Poñer á disposición do responsable toda a información necesaria para acreditar o cumprimento das súas obrigas, en particular, certificados de cumprimento da normativa expedidos polas entidades acreditadas ou, de non existir, facilitando a realización das auditorías ou inspeccións que faga o responsable ou outro auditor autorizado.

V.5.2.q) Designar un delegado de protección de datos, se é o caso, segundo o previsto no artigo 37 do RXPD e no artigo 34 da LOPDGDD, e comunicarlle a súa identidade e datos de contacto ao responsable, sen prexuízo da preceptiva inscrición na AEPD.

V.5.2.r) Devolverlle ao responsable, unha vez cumpridos os servizos obxecto do presente concerto, os datos persoais e, se é o caso, os soportes onde figuren. A devolución suporá a total supresión dos datos existentes, se é o caso, nos equipamentos informáticos utilizados polo encargado. Non obstante, este poderá conservar unha copia dos datos estritamente necesarios, debidamente bloqueados, mentres se poidan derivar responsabilidades da execución do servizo.

W) Fraude, corrupción e conflito de intereses.

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade, en relación con actuacións financiadas total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco deste concerto, poderá poñer os ditos feitos en coñecemento a través da web de Transparencia e Goberno Aberto da Xunta de Galicia, así como do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral do Estado, por medios electrónicos a través das canles habilitadas para o efecto:

– https://transparencia.xunta.gal/canle-de-denuncias

– https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx, nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 6 de abril, do citado servizo.

– En canto non se habilite outra canle específica para o Programa FSE+ Galicia 2021-2027, os devanditos feitos poderán poñerse en coñecemento a través da seguinte ligazón: https://www.conselleriadefacenda.gal/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

Así mesmo, serán de aplicación ás actuacións deste concerto as medidas recollidas no Plan específico de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social e Xuventude, que foi asinado o 12 de xaneiro de 2022.

X) Incompatibilidade coa percepción doutros ingresos.

Segundo o artigo 38 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro, este concerto será incompatible coas subvencións para o financiamento do servizo ou prestacións obxecto deste.

Y) Resolución de conflitos.

As cuestións litixiosas xurdidas acerca da interpretación, modificación e resolución serán resoltas pola Consellería de Política Social e Xuventude poñendo os seus acordos fin á vía administrativa. Contra elas cabe recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, segundo o previsto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no prazo dun mes, se a resolución for expresa. Se o acto non for expreso, poderá interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou poderá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte á notificación do acto que poña fin á vía administrativa, se este for expreso. Se non o for, o prazo será de seis meses e contarase, para o concertante e outros posibles interesados, a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Para tales efectos, o tribunal competente será o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO VII

Memoria xustificativa

BS213M-Execución do programa Espazos de preservación familiar, cofinanciado pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027

1. Período a que se refire a xustificación.

2. Resumo de funcionamento do programa e incidencias no período.

3. Datos relativos ao período.

3.1. Casos en curso familias.

3.2. Casos en curso nenos e nenas.

3.3. Familias novas.

3.4. Nenos e nenas novos/as.

3.5. Total familias atendidas no período.

3.6. Total nenos e nenas atendidos/as.

3.7. Resultados obtidos.

3.7.1. Familias dadas de baixa.

3.7.2. Nenos e nenas dados de baixa.

3.7.3. Familias en espera.

3.7.4. Nenos e nenas en espera.

4. Análise de resultados por provincias.

5. Valoración global.

Todos os datos se desagregarán por provincia.

ANEXO VIII

Datos sobre o persoal que se vai subrogar

(anexo informativo)

BS213M-Execución do programa Espazos de preservación familiar, cofinanciado pola Unión Europea
no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027

Nº orde

Categoría
profesional

Contrato

% xornada imputada ao programa

Quenda

Antigüidade

Custo bruto anual 2023 (salario + Seg. Social Empr.)

1

Coordinadora proxectos

Indefinido. Xornada completa

100 %

Variable, maioritariamente de mañá

24.1.2022

32.205,26 €

2

Psicóloga

Indefinido. Xornada completa

100 %

Variable, combinando xornadas de mañá, tarde e partidas

21.2.2022

29.861,88 €

3

Psicólogo

Indefinido. Xornada completa

100 %

Variable, combinando xornadas de mañá, tarde e partidas

21.2.2022

29.861,88 €

4

Educadora social

Indefinido. 30 h/s

100 %

De luns a venres, 2 días de 10.00 a 14.00 h e de 15.00 a 19.15 h; e 3 días de 10.00 a 14.30 h. Cada 2 semanas cambia 1 quenda de mañá por unha de tarde de 15.00 a 19.30 h

21.2.2022

21.521,04 €

5

Educador social

Indefinido. Xornada completa

100 %

Variable, combinando xornadas de mañá, tarde e partidas

21.2.2022

27.591,12 €

6

Educadora social

Indefinido. Xornada completa

100 %

Variable, combinando xornadas de mañá, tarde e partidas

12.4.2007

29.051,54 €

7

Educadora social

Indefinido. Xornada completa

100 %

Variable, combinando xornadas de mañá, tarde e partidas

21.2.2022

27.591,12 €

8

Técnico en Integración Social

Infefinido. Xornada completa

100 %

Variable, combinando xornadas de mañá, tarde e partidas

21.2.2022

21.534,84 €

9

Mestra

Indefinido. 19,25 h/s

100 %

Luns de 16.15 a 19.30 h. De martes a venres de 15.30 a 19.30 h

4.4.2022

13.795,56 €

10

Mestra

Indefinido. 19,25 h/s

100 %

Luns de 16.15 a 19.30 h. De martes a venres de 15.30 a 19.30 h

4.4.2022

13.795,56 €

11

Persoal técnico. Psicoloxía

Indefinido a tempo completo

100 %

Variable, combinando xornadas continuas de mañá e de tarde

21.2.2022

29.861,88 €

12

Persoal técnico. Psicoloxía

Indefinido a tempo completo

100 %

Variable, combinando xornadas continuas de mañá e de tarde

21.2.2022

29.861,88 €

13

Persoal técnico. Pedagoxía

Indefinido a tempo completo

100 %

Variable, combinando xornadas continuas de mañá e de tarde

21.2.2022

29.861,88 €

14

Persoal técnico. Traballo Social

Indefinido a tempo parcial (78 %)

100 %

De luns a venres 3 días de 9.00 a 15.00 h e 2 días de 14.00 a 20.00 h. Cada 2 semanas cambia 1 quenda de mañá por unha de tarde de 14.00 a 20.00 h

21.2.2022

21.521,04 €

15

Persoal técnico. Educación Social

Indefinido a tempo completo

100 %

Variable, combinando xornadas continuas de mañá e de tarde

21.2.2022

27.591,12 €

16

Persoal técnico. Educación Social

Indefinido a tempo completo

100 %

Variable, combinando xornadas continuas de mañá e de tarde

21.2.2022

27.591,12 €

17

Persoal técnico. Integración Social

Indefinido a tempo completo

100 %

Variable, combinando xornadas continuas de mañá e de tarde

21.2.2022

21.534,84 €

18

Persoal técnico. Maxisterio Primaria

Indefinido a tempo parcial (50 %)

100 %

Luns de 16.00 a 20.00 h, martes e mércores de 16.00 a 19.00 h, xoves de 12.15 a 19.30 h e venres de 16.00 a 18.00 h

4.4.2022

13.795,56 €

19

Persoal técnico. Maxisterio Primaria

Indefinido a tempo parcial (50 %)

100 %

Luns de 16.00 a 20.00 h, martes e mércores de 16.00 a 19.00 h, xoves de 12.15 a 19.30 h e venres de 16.00 a 18.00 h

4.4.2022

13.795,56 €