DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 25 de xaneiro de 2024 Páx. 7410

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2023, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Porto do Son (expediente IN407A 2023/198-1).

Expediente: IN407A 2023/198-1

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación do proxecto: LMT, CT e RBT Seráns.

Concello: Porto do Son.

Feitos:

1. O día 12.4.2023, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da dita instalación de distribución eléctrica. Co obxecto de tender un peche de apoio á derivada da liña de distribución de media tensión LMT PMR814, procedente da subestación Palmeira, na contorna do lugar de Seráns, concello de Porto do Son, proxéctase a repotenciación e reforma do centro de transformación CT Seráns (15CZ53, expediente 25.307) de 35 kVA de potencia. Instálanse unha nova máquina de 250 kVA, unha liña soterrada de media tensión que o conectará co centro de transformación CT Espiñeirido Seráns (15CHSB) e dúas novas saídas en baixa tensión que o conectarán coa rede de baixa tensión existente na zona.

Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, achegan memoria, planos e orzamento co proxecto de execución denominado LMT, CT e RBT Seráns, asinado o día 7.3.2023 por Victoriano Gónzalez Lemos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico, co número de colexiado 2.980 de Vigo.

2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, trasladóuselles unha separata do proxecto ás entidades afectadas, na parte en que a instalación puider afectar bens e dereitos ao seu cargo. A separata contén as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente. Así, solicitouse o informe preceptivo ao Concello de Porto do Son, a Augas de Galicia, á Deputación Provincial da Coruña, e aos servizos de Patrimonio Cultural, Infraestruturas Agrarias e Urbanismo das xefaturas territoriais da Coruña das consellerías de Cultura, Medio Rural e Medio Ambiente, respectivamente.

A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos informes emitidos no prazo outorgado para ese efecto.

4. O día 21.12.2023 emitiuse o informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; o artigo 41 do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), modificado polo Decreto 49/2023, do 19 de maio (DOG núm. 98, do 25 de maio) consonte coa disposición transitoria primeira do Decreto do 22 de xuño polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 119, do 23 de xuño).

Segunda. Lexislación de aplicación:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

Terceira. Características técnicas:

As instalacións de alta tensión obxecto deste expediente están situadas no lugar de Seráns, concello de Porto do Son, e as súas características técnicas son as seguintes:

– LMTS a 20 kV, de 1.336 m, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 3×(1×240) mm2 Al, coaorixe no CT Espiñeirido Seráns (15CHSB) existente e remate no CT Seráns que se vai reformar.

– Repotenciación do CT Seráns (15CZ53, expediente 25.307) de 35 kVA con relación de transformación de 20.000/400-230 V instalado en local de envolvente de obra civil, alimentado pola LMT PMR814, procedente da subestación Palmeira:

• Instalación dun centro de transformación sen envolvente, compacto de manobra exterior 2L+1P telecontrolado de 250 kVA/20 kV no edificio actual.

• Desmonte de transformador, CBT e GCT existentes do interior da caseta actual. Realízase reforma da acometida en media tensión. Substitúese o cable RHZ1-2OL 12/20 kV 3×(1×95) desde o apoio contiguo ao CT e instálase de forma subterránea un cable illado RHZ1-2OL 12/20 kV 3×(1×240) ata a conexión nas novas celas.

• Construción de bancada de obra civil para acometida de cables e foso para recollida de aceite debaixo do transformador.

• Reforma de escaleiras actuais para levar a cabo operacións de manobra desde o exterior.

• Substitución da porta de acceso de persoal por unha normalizada de persoal e maquinaria para este tipo de centros.

• Conexión e adecuación da PAT de ferraxes da instalación.

Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Para a posta en explotación da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial, no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.

A Coruña, 28 de decembro de 2023

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña