DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 25 de xaneiro de 2024 Páx. 6964

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 28 de decembro de 2023 pola que se regula o réxime de axudas a centros privados concertados para a contratación de auxiliares de conversa durante o curso 2023/24 coa finalidade de mellorar a competencia lingüística do alumnado en linguas estranxeiras (código de procedemento ED504E).

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, recolle os obxectivos formulados pola Unión Europea para que as linguas sexan un medio para a construción da cidadanía europea, co fin de favorecer a mobilidade entre as persoas e o intercambio cultural e lingüístico.

O preámbulo da Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, recoñece, segundo o establecido na Axenda 2030, a importancia de incardinar nos plans e programas educativos a educación para a cidadanía mundial, incluíndo a comprensión internacional e a educación intercultural, e de dar resposta á necesidade dun sistema educativo moderno, máis aberto, menos ríxido, multilingüe e cosmopolita.

Os decretos polos que se establecen os currículos das distintas etapas de educación infantil, primaria e secundaria obrigatoria outórganlle especial importancia ao desenvolvemento da competencia en comunicación lingüística e da competencia plurilingüe.

Os centros plurilingües regúlanse pola Orde do 12 de maio de 2011 pola que se regulan os centros plurilingües na Comunidade Autónoma de Galicia e se establece o procedemento de incorporación de novos centros á Rede de centros plurilingües de Galicia.

As seccións bilingües regúlanse pola Orde do 12 de maio de 2011 pola que se regulan as seccións bilingües en centros sostidos con fondos públicos de ensino non universitario.

A Estratexia galega de linguas estranxeiras 2030 –Edulingüe 2030– concrétase arredor de dous eixes: mellorar a competencia comunicativa e metodoloxía no proceso de ensino-aprendizaxe de linguas e estender e afianzar a internacionalización do sistema educativo para favorecer a cidadanía global. Pretende, entre outros obxectivos, ofrecer un novo impulso cualitativo e cuantitativo ao ensino en linguas estranxeiras para que o alumnado poida rematar os seus estudos tendo un dominio completo, polo menos, dunha primeira lingua estranxeira con aprendizaxe integral e dominio extensivo. En concordancia coa liña de impacto 5, Dinámicas de alta especialización de apoio lingüístico, da Estratexia galega de linguas estranxeiras –Edulingüe 2030–, continuadora do Plan de potenciación de linguas estranxeiras e dentro do marco das liñas de actuacións que está a desenvolver a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para o fomento do plurilingüismo nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia, unha das liñas prioritarias é a dotación de persoas auxiliares de conversa aos centros plurilingües e a aqueles que dispoñen de seccións bilingües.

En consecuencia, de conformidade co exposto e por proposta da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, como conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades,

ACORDO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

O obxecto desta orde é regular o procedemento de solicitude e concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a centros privados concertados de educación primaria e/ou de educación secundaria para a contratación de auxiliares de conversa durante o curso 2023/24 coa finalidade de mellorar a competencia lingüística do alumnado en linguas estranxeiras.

Esta convocatoria, para os efectos da súa identificación e acceso polas persoas interesadas, na sede electrónica da Xunta de Galicia, aos formularios de inicio, denomínase Axudas a centros privados concertados para a contratación de auxiliares de conversa para mellorar a competencia lingüística do alumnado en linguas estranxeiras, código de procedemento ED504E.

Artigo 2. Financiamento e contía das axudas

1. O financiamento das axudas previstas nesta orde efectuarase con cargo á partida orzamentaria 10.06.423A.482.0, por un importe máximo de 500.000 €, con cargo ao orzamento de 2024.

2. Esta convocatoria tramítase como expediente de tramitación anticipada de gasto, condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, conforme o proxecto de Lei de orzamentos para o exercicio 2024, que foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o día 18 de outubro de 2023, e ao abeiro do establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, xunto co artigo 25 do Decreto 11/2009, de 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Todos os actos de trámite ditados no expediente de gasto se entenderán condicionados a que, no momento de se ditar a resolución de concesión, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron os ditos actos.

3. Dado que esta convocatoria abrangue a actividade da persoa auxiliar de conversa durante o curso 2023/24, o orzamento desta convocatoria pode cubrir os gastos orixinados entre setembro de 2023 e xuño de 2024.

4. A contía da axuda para cada centro determinarase en función da puntuación obtida no proxecto presentado de acordo cos criterios de valoración establecidos nos artigos 9 e 10 desta orde.

CAPÍTULO II

Finalidade das axudas e requisitos para poder solicitalas

Artigo 3. Finalidade das axudas

As axudas reguladas nesta orde poderán utilizarse para:

1. A contratación de persoas auxiliares de conversa, que realizarán funcións de apoio á docencia da lingua estranxeira no centro docente.

2. A adquisición do material específico que sexa necesario para o desenvolvemento das clases de conversa, de carácter ordinario e non inventariable. Para a adquisición de material non poderá superarse o 10 % da axuda concedida.

Artigo 4. Requisitos do centro e da persoa auxiliar

Os centros privados concertados que desexen optar a estas axudas deberán cumprir os seguintes requisitos:

1. Ter en funcionamento seccións bilingües ou ser centros plurilingües.

2. Dispoñer dunha persoa auxiliar de conversa que teña como lingua materna a lingua vehicular estranxeira que se imparte na aula e que posúa unha diplomatura, licenciatura, unha titulación de grao ou equivalentes. Tamén poderán desenvolver esta función as persoas estudantes que, tendo como lingua materna a lingua vehicular estranxeira que se imparte na aula, estean a cursar o último curso académico dos seus estudos universitarios de grao ou equivalentes.

3. Formalizar un contrato coa persoa auxiliar de conversa, cunha duración non inferior a sete meses, de natureza laboral ou mercantil. No caso de persoas que desenvolvan esta función no marco de programas de formación vinculados a acordos con entidades ou organismos públicos e privados dos amparados polo Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participan en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social, deberán acreditar a existencia do acordo en que se encadra a actuación da persoa auxiliar e os termos do desenvolvemento das prácticas. Do mesmo xeito, aquelas persoas auxiliares que accedan cun visado de estudos deberán cumprir co artigo 38 do Real decreto 557/2011, do 20 de abril, polo que se aproba o Regulamento da Lei orgánica 4/2000, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, tras a súa reforma pola Lei orgánica 2/2009. Igualmente, será preciso que todas as persoas auxiliares de conversa e os centros educativos cumpran coa lexislación vixente.

4. Non poderán ter a condición de beneficiarios das axudas previstas nesta orde os centros privados concertados en que se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Comprobación de datos

5.1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoñan á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

5.2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

5.3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos datos citados poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

CAPÍTULO III

Solicitude e prazos

Artigo 6. Forma e prazo de presentación

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houbera día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo remata o último do mes.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. Os centros docentes deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación: un proxecto explicativo en que conste, como mínimo, a seguinte información:

a) Razóns que motivan a contratación.

b) Actividade/s que desenvolve/desenvolverá a persoa auxiliar de conversa.

c) Número total de horas semanais de apoio da persoa auxiliar.

d) Número de alumnos e alumnas, por curso e nivel educativo e total, con apoio da persoa auxiliar de conversa.

e) Programa(s) de plurilingüísmo autorizado(s) no centro solicitante.

f) Número de seccións bilingües en funcionamento no centro solicitante.

g) Número de alumnos e alumnas pertencentes a todas as seccións bilingües e/ou aulas plurilingües do centro.

h) Datas de inicio e finalización do contrato da persoa auxiliar de conversa ou das prácticas no caso de programas de formación. En todo caso, o período de inicio e finalización estará comprendido entre o 1 de setembro de 2023 e o 30 de xuño de 2024.

i) Horario semanal da persoa auxiliar no centro docente.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

CAPÍTULO IV

Procedemento para a adxudicación das axudas

Artigo 9. Criterios de valoración

1. Para a baremación do proxecto presentado teranse en conta os seguintes criterios:

a) Número total de horas semanais de apoio da persoa auxiliar (máximo 6 puntos):

1º. Ata 12 horas: 2 puntos.

2º. Máis de 12 horas e ata 24 horas: 4 puntos.

3º. Máis de 24 horas: 6 puntos.

b) Número de alumnos/as con apoio da persoa auxiliar (máximo 5 puntos):

1º. Ata 25 alumnos/as: 1 punto.

2º. De 26 a 50 alumnos/as: 2 puntos.

3º. De 51 a 100 alumnos/as: 3 puntos.

4º. Máis de 100 alumnos/as: 5 puntos.

c) Contar con programas de plurilingüismo: (máximo 16 puntos).

1º. Ser centro plurilingüe en primaria e/ou secundaria: 10 puntos.

2º. Desenvolver o programa PlurInfantil: 2 puntos.

3º. Desenvolver o programa PluriBach: 2 puntos.

4º. Desenvolver o programa PluriFP: 2 puntos.

d) Contar con seccións bilingües no centro (máximo 3 puntos):

1º. 1 ou 2 seccións: 1 punto.

2º. De 3 a 5 seccións: 2 puntos.

3º. Máis de 5 seccións: 3 puntos.

e) Número de alumnos e alumnas pertencentes a todas as seccións bilingües e/ou aulas plurilingües do centro (máximo 3 puntos):

1º. De 10 a 30 alumnos/as: 1 punto.

2º. De 31 a 180 alumnos/as: 2 puntos.

3º. Máis de 180 alumnos/as: 3 puntos.

2. En caso de empate, os desempates resolveranse aplicando sucesivamente os seguintes criterios:

a) Alínea a): maior número de horas semanais de apoio.

b) Alínea e): maior número de alumnos e alumnas pertencentes a todas as seccións bilingües e/ou aulas plurilingües do centro.

Artigo 10. Dotación económica por puntuación

1. Segundo a puntuación acadada polo proxecto conforme os criterios de baremación establecidos no artigo 9, concederanse as seguintes subvencións:

a) Proxectos cunha valoración de 14 ou máis puntos: 6.000 €.

b) Proxectos cunha valoración de 13 puntos: 5.500 €.

c) Proxectos cunha valoración de 12 puntos: 5.000 €.

d) Proxectos cunha valoración de 11 puntos: 4.500 €.

e) Proxectos cunha valoración de 10 puntos: 4.000 €.

f) Proxectos cunha valoración de 9 puntos: 3.500 €.

g) Proxectos cunha valoración de 8 puntos: 3.000 €.

2. Os centros con proxectos que non acaden unha puntuación mínima de 8 puntos quedan excluídos.

3. Dadas as limitacións orzamentarias establecidas no artigo 2 desta orde, poden non recibir subvención centros docentes que alcancen unha puntuación superior á mínima.

4. O máximo da axuda para a contratación ou contraprestación económica dunha persoa auxiliar de conversa non superará os 6.000 € por centro docente.

5. Nunca se concederá axuda para a contratación ou contraprestación económica de máis dunha persoa auxiliar de conversa por centro docente.

Artigo 11. Instrución e Comisión de Valoración

1. O procedemento de concesión das subvencións será o de concorrencia competitiva.

2. O órgano instrutor do procedemento será a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

3. Durante a instrución do procedemento, constituirase como órgano colexiado unha Comisión de Valoración que, de acordo cos criterios establecidos no artigo 9, avaliará as solicitudes e emitirá o correspondente informe coa valoración acadada.

4. A valoración das solicitudes realizaraa unha Comisión integrada polos seguintes membros:

a) Presidente/a: a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa ou persoa en quen delegue.

b) Vogais:

– A persoa titular da Subdirección Xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo ou persoa en quen delegue.

– A persoa titular do Servizo de Apoio Económico ou persoa en quen delegue.

– A persoa titular do Servizo de Innovación e Programas Educativos ou persoa en quen delegue.

c) Unha persoa funcionaria da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, que actuará como secretario/a, con voz e sen voto.

5. A percepción de asistencias desta comisión de selección atenderá á categoría correspondente segundo o disposto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razóns do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

6. Unha vez avaliadas as solicitudes e emitido o informe da Comisión de Valoración, esta comunicarallo ao órgano instrutor, que formulará as resolucións provisionais que correspondan.

7. Por último, tras o informe final da Comisión de Valoración, esta comunicarallo ao órgano instrutor, que formulará a proposta de resolución definitiva e a elevará ao conselleiro para resolver.

CAPÍTULO V

Resolución

Artigo 12. Resolución provisional

Valoradas as solicitudes, o órgano instrutor fará pública a resolución provisional co importe asignado a cada centro, que se difundirá no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia http://www.edu.xunta.gal. A exposición abrirá un prazo de dez días hábiles para efectuar reclamacións ou renuncias á concesión das axudas ante a persoa que exerza a presidencia da Comisión.

Artigo 13. Resolución definitiva

1. Transcorrido este prazo, unha vez estudadas e, se é o caso, atendidas as mencionadas reclamacións e renuncias, o órgano instrutor elevará ao conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a proposta definitiva, na cal se sinalará a concesión ou a denegación das axudas, así como, se é o caso, a exclusión daqueles centros docentes que non reúnan algún dos requisitos da convocatoria.

2. A resolución definitiva será ditada polo conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e publicarase no portal educativo (http://www.edu.xunta.gal) e no Diario Oficial de Galicia, no prazo máximo de tres meses contado desde o remate do prazo de solicitude.

3. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou, directamente, recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, conforme os artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

4. Se transcorre o prazo máximo que se sinala no parágrafo segundo deste artigo sen que se publique a resolución definitiva, os centros solicitantes poderán entender desestimadas, por silencio administrativo, as súas solicitudes, para os efectos de interpoñer os recursos que procedan.

Artigo 14. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 14 bis. Comunicación á Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicaranse á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria e a información requirida pola base.

Artigo 15. Compatibilidades

Estas axudas serán compatibles con outras que o centro poida percibir para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, tendo en conta o disposto nos artigos 11.d) e 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Renuncias

1. Os centros docentes poderán renunciar á axuda nos dez días hábiles seguintes ao da publicación da resolución provisional.

2. Se un centro renuncia á axuda despois deste prazo, non poderá concorrer á concesión desta nos dous cursos seguintes ao correspondente a esta convocatoria.

Artigo 17. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

CAPÍTULO VI

Pagamentos

Artigo 18. Pagamento

1. O pagamento da axuda farase ao remate do mes de outubro de 2024.

2. O pagamento das axudas concedidas farase de conformidade co disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, polo que se desenvolve o procedemento de aprobación do gasto e pagamento de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Documentación

1. Para o pagamento, o centro docente concertado terá que presentar:

a) Facturas a nome do centro.

b) Nóminas e outros documentos acreditativos dos gastos derivados da execución das actividades subvencionadas no ano 2023 e no 2024.

c) Xustificación bancaria de que o pagamento do seu importe foi efectuado á persoa auxiliar de conversa.

d) Anexo II, declaración doutras axudas, cuberto e asinado dixitalmente.

e) Anexo III, relación de gastos mensuais e a suma total que se xustifica para o pagamento.

2. Os documentos acreditativos dos gastos deberán reunir todos os requisitos exixidos pola normativa vixente. Se a xustificación está incompleta ou é incorrecta, pagarase unicamente a cantidade da axuda concedida correctamente xustificada.

3. Para o pagamento o centro presentará, xunto cos documentos citados no punto 1 deste artigo e antes do 8 de setembro de 2024, a seguinte documentación:

a) Un documento acreditativo conforme a persoa auxiliar de conversa ten como lingua materna a lingua vehicular estranxeira da aula.

b) Un documento acreditativo dos estudos universitarios da persoa auxiliar de conversa.

c) Unha memoria das actividades realizadas, asinada pola persoa representante legal do centro, conforme o proxecto explicativo presentado coa solicitude, que permita asegurar a relación directa dela cos xustificantes de gasto que se acheguen.

4. Para os efectos do artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, deberá presentar a declaración responsable recollida no artigo 6 desta orde prevista no anexo I e no anexo II asinado dixitalmente, no momento da solicitude e do pagamento.

Artigo 20. Seguimento da actividade da persoa auxiliar de conversa

A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa realizará o seguimento do proxecto subvencionado a través dos servizos provinciais da Inspección Educativa. Para facer ese seguimento a Inspección Educativa realizará, como mínimo, unha visita no ano 2024, na medida en que sexa posible. Nas visitas comprobarase que o desenvolvemento das actividades se axusta á programación subvencionada e, unha vez finalizado o seguimento, elaborarase un informe, que servirá para a posterior avaliación do aproveitamento da subvención.

Artigo 21. Fiscalización e control

1. Os centros beneficiarios quedarán obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e de control do destino das axudas.

2. Así mesmo, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades poderá realizar, en calquera momento e ata transcorridos tres anos a partir da resolución de concesión das axudas, as comprobacións e avaliacións que considere oportunas sobre as actuacións realizadas e a súa xustificación.

3. Os centros beneficiarios darán a axeitada publicidade do carácter público do financiamento das actividades que foron obxecto de subvención.

Artigo 22. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, conforme o artigo 17.4 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Perda do dereito ao cobramento da axuda

1. O centro docente perderá o dereito ao cobramento da axuda polas seguintes causas:

a) Xustificación de forma incompleta ou fóra de prazo.

b) Incumprimento dos fins ou obxectivos para os cales se concedeu.

c) Perda da capacidade xurídica ou de obrar, ou inhabilitación para ser beneficiario de subvencións e axudas públicas, nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De concedérselle outra subvención para esta mesma finalidade no prazo de vixencia desta convocatoria, a entidade terá que comunicalo á Administración, segundo dispón o artigo 11.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, para que, en aplicación do seu artigo 17.3, o importe da subvención se minore, co fin de que, illadamente ou en concorrencia coas subvencións concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, non supere o 100 % do investimento.

3. No caso de que se revogue a axuda, o centro docente terá que reintegrar as cantidades percibidas e mais os xuros de mora xerados desde o momento do seu pagamento, nos termos que figuran nos artigos 33 a 38 da referida Lei 9/2007, do 13 de xuño.

CAPÍTULO VII

Disposicións derradeiras

Disposición derradeira primeira. Recursos

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición derradeira segunda. Competencias

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para adoptar todas as actuacións e medidas que sexan necesarias para a execución e o desenvolvemento do previsto nesta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022; DOG núm. 151, do 9 de agosto)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación, Formación Profesional e Universidades

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file