DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 25 de xaneiro de 2024 Páx. 7336

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 17 de xaneiro de 2024 pola que se fai pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 2 do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia, aprobada mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 21 de decembro de 2023.

En cumprimento do disposto na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 2 do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia, mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 21 de decembro de 2023, que literalmente di:

«Aprobar definitivamente a modificación 2 do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia, sometida a información pública mediante o Anuncio do 22 de agosto de 2022 (DOG núm. 177, do venres 16 de setembro) e nos boletíns das catro provincias galegas e sometida a addenda 04 a información pública mediante o Anuncio do 14 de setembro de 2023 (DOG núm. 183, do martes 26 de setembro) e nos boletíns das catro provincias galegas, para os efectos establecidos pola Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.

Autorizar, en aplicación do artigo 59 da Lei 7/2012, de montes de Galicia, o cambio de uso forestal a uso empresarial ou terciario para todas as áreas empresariais delimitadas na modificación 2 do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia que foron afectadas, ou que poidan resultar afectadas no futuro, por algún incendio forestal, co obxectivo de garantir a ordenación sostible do territorio e fundamentando a dita autorización no interese público que implica a planificación e desenvolvemento destas áreas empresariais dentro da Comunidade Autónoma».

De conformidade co previsto no artigo 60 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, faise pública a normativa da modificación puntual número 2 do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia, para a súa entrada en vigor.

7. Determinacións de carácter xeral.

7.1. Determinacións de aplicación directa en relación aos ámbitos que se modifican.

Os ámbitos industriais que se alteran na presente modificación do PSOAEG por mor da súa eliminación, reaxuste ou nova delimitación ex novo ou pola súa relocalización son os que expresan as seguintes táboas:

Ámbitos que se eliminan do PSOAEG

Concello

Nome da área

Código

Superficie (m2)

Cerceda

P.I. Lago de Meirama

15024031

1.416.257

Valadouro

P.E. do Valadouro

27063011

118.375

Barco de Valdeorras, O

P.E. O Barco de Valdeorras, fase IV

32009013

52.678

P.E. O Barco de Valdeorras, fase V

32009015

66.188

Mondariz

P.E. Chan de Cairón

36030011

698.476

Vigo

P.E. Matamá-Valadares

36057021

1.069.144

P.E. na Área de Vigo. Chan de Labrador

36057061

67.518

3.488.636

Ámbitos reaxustados na súa delimitación

Concello

Nome da área

Código

Superficie
inicial (m2)

Superficie

modificada (m2)

Cabana de Bergantiños

ACITEC Costa da Morte

15014011

890.545

270.883

Corgo, O

P.E. do Corgo (ampliación)

27014012

268.945

201.703

Palas de Rei

P.E. de Palas de Rei, fase III

27040013

42.280

39.927

Estrada, A

P.E. Cidade do Moble

36017021

382.357

157.643

Pontecesures

P.E. de Pontecesures

36044011

304.000

327.058

Valga

P.E. de Valga

36056011

718.751

P.E. de Valga, fase I

36056012

37.639

P.E. de Valga, fase II

36056013

93.741

P.E. de Valga, fase III

36056014

89.797

Vigo

P.T.L. de Valadares (ampliación restante)

36057012

44.649

38.890

Parque Empresarial Ameal

36057051

241.527

199.745

Polígono Industrial A Garrida

36057071

195.092

185.811

3.088.146

1.497.032

Ámbitos delimitados ex novo ou relocalizados

Concello

Nome da área

Código

Superficie

(m2)

Cerceda

P.E. Meirama (relocalización)

15024051

575.740

Laracha, A

P.E. da Laracha (ampliación)

15041012

332.836

Pontes de García Rodríguez, As

AIL O Tesouro-Portorroibo

15070061

847.682

Valadouro, O

P.E. do Valadouro (relocalización)

27063021

83.623

Barco de Valdeorras, O

P.E.O Barco de Valdeorras (relocalización)

32009016

206.839

Carballiño, O-Maside

P.E. do Carballiño (ampliación)

32019013

1.220.914

Pereiro de Aguiar, O

P.E. do Pereiro de Aguiar (ampliación)

32058014

234.465

Estrada, A

P.E. da Estrada-Toedo (2ª ampliación)

36017013

161.721

Mondariz

P.E. de Mondariz (relocalización)

36030031

144.545

Mos

P.E. de Louredo

36033051

479.464

Neves, As

PLISAN (ampliación)

36050012

1.072.773

Vigo

P.I. de Balaídos (ampliación)

36057042

235.664

5.596.266

7.2. Determinacións de aplicación directa e vinculantes sobre o réxime de clasificación do solo e o desenvolvemento dos solos.

7.2.1. Determinacións vinculantes ao planeamento municipal.

• Os plans xerais de ordenación municipal que se aproben con posterioridade á aprobación do PSOAEG deberán clasificar o solo dos ámbitos empresariais previstos como urbanizable.

En todo caso, nas revisións do planeamento municipal, os concellos adaptarán o seu planeamento ao contido desta modificación, clasificando como solo urbanizable o solo incluído na delimitación das áreas empresariais previstas.

7.2.2. Determinacións vinculantes sobre os instrumentos de desenvolvemento do PSOAEG.

• Os documentos de ordenación pormenorizada que desenvolvan os ámbitos delimitados na presente modificación do PSOAEG clasificarán o solo como urbanizable. Porén, cando no interior dunha área delimitada exista solo clasificado de urbano, manterase o dito réxime se o documento de ordenación pormenorizada confirma que se cumpren os requisitos legais de clasificación consonte o establecido pola lexislación do solo.

• No momento da súa formulación xustificarase na Memoria do instrumento de ordenación pormenorizada a conveniencia e oportunidade do desenvolvemento urbanístico, con especial consideración aos motivos de demanda e necesidade de solo empresarial na área de influencia do enclave previsto.

7.2.3. Determinacións de aplicación directa.

• Aos terreos que antes estaban incluídos en ámbitos de áreas empresariais previstos no PSOAEG e que, coa modificación, quedan eliminados, aplicaráselles o réxime previsto nos seus respectivos planeamentos municipais en congruencia co réxime previsto na disposición transitoria primeira da Lei 2/2016, do solo de Galicia, mais, no caso do solo rústico, aplicarase a categoría correspondente derivada das afeccións sectoriais reflectidas no Plan básico autonómico. En caso de revisión do planeamento municipal, outorgarase a clasificación que corresponda.

• Todos os ámbitos previstos no PSOAEG serán ordenados:

– Mediante proxectos de interese autonómico (PIA) segundo o alcance, contido e documentación que establece a LOTG e a lexislación urbanística.

– Ben mediante plans estruturantes de ordenación do solo empresarial (PEOSE), nos casos de promoción pública, segundo o alcance, contido e documentación que establece a Lei 3/2022, de áreas empresariais de Galicia.

– Ou ben mediante instrumentos de planeamento urbanístico recollidos na Lei 2/2016 do solo de Galicia, no suposto previsto na DT 2ª, número 1, letra b), da Lei 3/2022, de áreas empresariais de Galicia.

7.3. Determinacións de aplicación directa sobre a cualificación como zona verde e espazo libre.

Desde a presente modificación do PSOAEG establécese a cualificación de sistema de zonas verdes e espazos libres para determinadas zonas dos ámbitos de desenvolvemento industrial previsto. O establecemento destas áreas debe entenderse como unha medida necesaria tras o estudo e caracterización dos ámbitos realizada no presente documento, tendo en conta tanto os valores naturais ou culturais detectados como os espazos fluviais afectados pola dinámica hídrica ou susceptibles de inundación. As delimitacións propostas no presente documento de modificación entenderase que responden ao nivel de detalle e precisión propio dun plan sectorial. Serán os correspondentes PIA ou PEOSE os instrumentos que, dado o seu alcance concreto e detallado sobre a área de territorio en cuestión, concreten a presente determinación, axustándoa en coherencia coa ordenación pormenorizada e zonificación propostas, compatibilizándoa coa funcionalidade da área empresarial e mesmo permitindo a súa integración cos sistemas de comunicación viaria.

7.4. Determinacións que vinculan aos instrumentos de ordenación pormenorizada das áreas previstas, derivadas do cumprimento da lexislación sectorial, dos criterios de boas prácticas de ordenación en materia sectorial e dos informes das administracións públicas afectadas.

7.4.1. Xeneralidades.

As presentes determinacións entenderanse complementarias ás xa reproducidas no documento orixinal do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia ou, de ser o caso, substitutorias cando as referencias legais en materia sectorial queden desfasadas.

7.4.2. Determinacións sobre o dominio público hidráulico e o recurso auga.

7.4.2.1. Protección do dominio público hidráulico e zonas con risco de inundación.

O presente documento de modificación do PSOAEG incorpora, entre a súa documentación, un estudo específico sobre o dominio público hidráulico e inundabilidade naqueles ámbitos onde existe risco de inundación, segundo a información dispoñible da Administración sectorial.

O dito estudio foi realizado tomando como referencia a escala territorial do presente Plan sectorial e sendo consciente de que os ámbitos previstos van ser desenvolvidos por proxectos de interese autonómico (PIA) ou por plans estruturantes de ordenación de solo empresarial (PEOSE) cun contido e alcance máis detallados. Observarase, polo tanto, o que determine o organismo de bacía en relación coa necesidade ou non de afondar na cuestión mediante a incorporación aos PIA ou PEOSE de novos estudos máis detallados.

O estudo de inundabilidade aquí presentado serve de base para confirmar como viables as propostas de delimitación de novas áreas empresariais, logo do análise das alternativas posibles e tras determinar en cada caso as medidas correctoras o protectoras, mesmo a corrección da delimitación respecto á proposta inicial.

Como determinación xeral establécese –non pode ser doutro xeito– o recordatorio de que os PIA ou PEOSE dean cumprimento á lexislación en materia de augas, ríos e ambiente. Neste sentido, os PIA ou PEOSE terán en consideración as seguintes determinacións, que dimanan da lexislación sectorial, TRLA e RDPH:

• Dentro do dominio público hidráulico: de acordo co disposto no número 2 do artigo 126.ter. Criterios de deseño e conservación para obras de protección, modificacións nas canles e obras de paso do Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico (en diante, RDPH): «Como criterio xeral non será autorizable a realización de cubrimentos dos canles nin a alteración do seu trazado, sen prexuízo da aplicación do establecido nos números 3, 4 y 5. Nos casos excepcionais debidamente xustificados en que se planee a autorización de cubrimentos, a sección será, no posible, visitable e disporá dos elementos necesarios para seu mantemento correcto e, en calquera caso, deberá permitir o desaugamento do caudal de aluvión de 500 anos de período de retorno».

• Dentro da zona de servidume resultaría de aplicación o artigo 7 do citado RDPH, en particular o punto 3: «Con carácter xeral, non se poderá realizar ningún tipo de construción nesta zona, salvo que resulte conveniente ou necesaria para o uso do dominio público hidráulico ou para súa conservación e restauración. Só poderán autorizarse edificacións na zona de servidume en casos moi xustificados», coa finalidade de protexer o ecosistema fluvial e o dominio público hidráulico.

• Dentro da zona de policía resultaría de aplicación o artigo 9 do RDPH, en particular, o punto 4: «A execución de calquera obra ou traballo na zona de policía de canles precisará a autorización administrativa previa do organismo de bacía, sen prexuízo dos supostos especiais regulados neste regulamento. A dita autorización será independente de calquera outra que deba ser outorgada polos distintos órganos das administracións públicas».

• Dentro da zona de fluxo preferente e en función da clasificación da parcela como solo rural ou o solo urbanizado, resultaría de aplicación o artigo 9.bis. Limitacións aos usos na zona de fluxo preferente en solo rural, ou ben o artigo 9.ter. Obras e construcións en zona de fluxo preferente en solos en situación básica de solo urbanizado, respectivamente, do RDPH.

• Dentro de zona inundable, resultarían de aplicación os artigos 14 e 14.bis. Limitacións aos usos do solo na zona inundable do mencionado RDPH. Ademais, sería de aplicación o artigo 48. Limitacións aos usos na zona de policía inundable, da sección IV do capítulo VII do anexo III. Disposicións normativas do Plan hidrolóxico da parte española da demarcación hidrográfica do Miño-Sil, do Real decreto 1/2016, en particular, o número 8: «En zona inundable dentro da zona de policía, pero fóra da zona de fluxo preferente e salvo que se obteña autorización, quedan prohibidos, con carácter xeral, entre outros, os aprovisionamentos de materiais ou residuos de todo tipo, máxime cando poidan ocasionar una redución significativa da sección de desaugamento, provocar a contaminación ou degradación do dominio público hidráulico e flotar ou ser arrastrados e provocar a obstrución de obras de drenaxe e pontes».

missing image file

En relación cos ámbitos previstos situados dentro da área xeográfica da bacía Miño-Sil, os PIA ou PEOSE terán en conta o artigo 49 do Plan hidrolóxico Miño-Sil:

• Analizarán as condicións de drenaxe superficial do territorio, tanto das augas caídas no seu ámbito de actuación como das bacías vertentes que lles afecten. Para iso, como mínimo reflectirán na súa parte informativa:

– O dominio público hidráulico e as súas zonas de servidume e policía.

– As zonas de risco de inundación conforme os criterios establecidos no artigo 48 do Plan hidrolóxico.

Cos resultados anteriores darase cumprimento ao disposto, segundo o caso, nos artigos 9, 9.bis, 9.ter e 9.quárter, e no 14 e 14 bis do vixente Regulamento do dominio público hidráulico, así como ao especificado na sección IV. Medidas para a protección contra as inundacións e as secas, do Plan hidrolóxico Miño-Sil.

Así, deberá presentarse unha proposta cartográfica polo menos cos elementos do dominio público hidráulico (canles e lagoas), a zona de fluxo preferente (ZFP) e a zona inundable para o aluvión de período de retorno de 500 anos (Q500), que deberá ser aprobada por este organismo de bacía. A esta cartografía deberíase engadir, para todas as cabeceiras das canles das zonas afectadas, como os parques empresariais de Louredo (Mos), O Carballiño-Maside e Mondariz, que afectan cabeceiras de canles, un estudo das posibles surxencias naturais de auga afectadas e un estudo da vexetación real afectada. Engadirase á cartografía a localización destas posibles surxencias de auga, así como a identificación das superficies e especies de vexetación afectada, tanto de porte arbóreo como arbustivo, poñendo especial atención aos que permiten a boa conservación dos tramos de cabeceira e o mantemento da cadea trófica. Por tanto, deberanse excluír da zona de actuación as posibles surxencias naturais e estudiarase a inclusión de medidas correctoras de revexetación con especies autóctonas da zona e que pretendan a conservación do bo estado ecolóxico dos tramos de cabeceira dos ríos, co obxecto de que non se rompa a cadea trófica. Deberase deseñar un plan de actuación nestas zonas de afección, con cartografía a escala adecuada.

A este respecto, tomaranse como referencia os datos achegados polo organismo de bacia, os datos derivados de traballos de campo levados a cabo polo promotor para detallar elementos do dominio público hidráulico non representados na cartografía polo nivel de escala e datos que figuren nos visores cartográficos indicados a seguir:

– Visor cartográfico Iberpix do Instituto Xeográfico Nacional do Ministerio de Fomento.

– Visor cartográfico do Sistema de información ambiental Miño-Sil (SIAMS) da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente.

– Visor cartográfico do Sistema nacional de cartografía de zonas inundables (SNCZI), do Ministerio do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Esta cartografía, coa súa memoria descritiva, definirá as medidas protectoras e correctoras que se deberán adoptar para minimizar o impacto sobre o medio hídrico, observando o disposto no artigo 47 do anexo III do Real decreto 1/2016, e deberá terse en conta para a análise de alternativas da localización do plan, e xustificar debidamente a alternativa elixida. Mesmo, as delimitacións do dominio público hidráulico, a zona de fluxo preferente e a zona inundable sobre as cales se emita informe favorable deberán de ser incluídas na cartografía derivada desta planificación, con carácter vinculante.

• Segundo o artigo 48.11 do PHMS: «A falta de estudos específicos, a cartografía de referencia sobre os distintos tipos de zonas inundables será a ofrecida polo Sistema nacional de cartografía de zonas inundables, conforme o establecido no artigo 10 do Real decreto 903/2010, do 9 de xullo», ben que, para aqueles tramos fluviais non incluídos no Sistema nacional de cartografía de zonas inundables (SNCZI), se deben elaborar estudos de inundabilidade específicos segundo o caso, co fin de xustificar a non incidencia no réxime de correntes. A este respecto, dentro do marco dos plans de xestión do risco de inundación (PXRI), teranse en conta as guías, estudos e recomendacións sobre redución da vulnerabilidade dos edificios fronte ás inundacións, sobre resiliencia de núcleos urbanos, sobre recomendacións para a construción e rehabilitación en zonas inundables ou sobre sistemas urbanos de drenaxe sustentable.

• Segundo o artigo 99.bis, punto 5, do Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas, «Os instrumentos de ordenación urbanística conterán as previsións adecuadas para garantir a non afección dos recursos hídricos das zonas incluídas nas letras a), b) e d) do número 2 e os perímetros de protección que, para o efecto estableza pola Administración hidráulica». Con base no anterior, deberase ter en conta o disposto no artigo 21. Perímetros de protección do capítulo V, Zonas protexidas. Réxime de protección do anexo III. Disposicións normativas do Plan hidrolóxico da parte española da demarcación hidrográfica do Miño-Sil, do Real decreto 1/2016, como consecuencia da posible influencia das distintas planificacións sobre zonas e perímetros de protección de captacións de abastecemento de auga destinadas a consumo humano, incluídas no rexistro de zonas protexidas, e que se recollen no capítulo 5 da memoria do citado plan hidrolóxico.

• Para todo aquilo que fose de aplicación como consecuencia do disposto no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas, considerarase que calquera tipo de obra, traballo ou afección fixa ou temporal que poida afectar os canles ou as súas zonas de protección (zona de servidume e policía), así como calquera aproveitamento de augas públicas, superficiais ou subterráneas, ou calquera vertedura, directa ou indirecta, que poida afectar estas precisará da autorización previa e/o concesión da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

• Os PIA ou PEOSE valorarán adecuadamente os posibles efectos ambientais previsibles sobre as augas, indicando as conseguintes medidas preventivas, correctoras e de seguimento ambiental que procedan.

• Por último, o apéndice 10 do anexo III da revisión do Plan hidrolóxico Miño-Sil, aprobado polo Real decreto 1/2016, fixa os obxectivos ambientais para as masas de auga da demarcación hidrográfica do Miño-Sil e, en aplicación do disposto no artigo 23.2 deste anexo III do Plan hidrolóxico Miño-Sil, sen prexuízo do disposto no artigo 25 do anexo III do Plan hidrolóxico Miño-Sil, será de aplicación o principio de non deterioración.

En relación aos ámbitos previstos situados dentro da área xeográfica Galicia-Costa, os PIA ou PEOSE terán en conta o Plan hidróloxico da demarcación hidrográfica Galicia-Costa e o Plan de xestión de riscos de inundación.

• Rede fluvial: os proxectos ou plans que ordenen os desenvolvementos industriais previstos na modificación puntual e que, en aplicación da lexislación vixente, teñan que ser sometidos a informe de Augas de Galicia, deberán recoller nun plano específico a rede fluvial identificada por Augas de Galicia coa súa codificación (campo CODRIO) e as súas zonas de protección: policía e servidume, con análise sobre a ordenación detallada do ámbito, nese momento procedemental, das posibles afeccións dos desenvolvementos industriais previstos sobre a rede fluvial.

En todo caso, deberase ter en conta que, segundo o establecido no artigo 43.1.b) da normativa do Plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, na zona de dominio público hidráulico non se autorizarán obras nin edificacións permanentes que obstrúan o normal fluxo das augas ou incrementen o tempo de permanencia das inundacións e que, segundo o establecido no artigo 126.ter do Regulamento de dominio público hidráulico como criterio xeral, non será autorizable a realización de cubricións dos leitos nin a alteración do seu trazado. Amais, tamén se deberá ter en conta que, segundo o establecido no artigo 7.3 do Regulamento de dominio público hidráulico, na zona de servidume de leitos, con carácter xeral, non se poderá realizar ningún tipo de construción nesta zona, salvo que resulte conveniente ou necesaria para o uso do dominio público hidráulico ou para a súa conservación e restauración.

Amais do anterior, dada a especial transcendencia que para a conservación do medio hídrico supón a existencia nas beiras das canles de zonas de ribeira funcional que actúen como filtro natural ante as posibles achegas de sedimentos e que aseguren a súa protección xeomorfolóxica, considerase de especial importancia que naquelas zonas de influencia fluvial as obras que se vaian realizar respecten a vexetación de ribeira existente, e non se realizara, na medida en que sexa posible ningún tipo de actuación nelas para preservar tanto a vexetación como a fauna asociada a ela.

• Zonas protexidas: os proxectos e plans que ordenen os desenvolvementos industriais previstos na modificación puntual e que, en aplicación da lexislación vixente, teñan que ser sometidos a informe de Augas de Galicia, deberán recoller nun plano específico e na documentación as zonas protexidas incluídas no Catálogo de zonas protexidas do Plan hidrolóxico Galicia Costa vixente e, de ser o caso, atender ás limitacións de usos establecidos para cada unha destas zonas no PHGC, de cara a preservar o bo estado das masas de auga e do medio hídrico.

• Zonas inundables: os proxectos ou plans que ordenen os desenvolvementos industriais previstos na modificación puntual e que, en aplicación da lexislación vixente, teñan que ser sometidos a informe de Augas de Galicia deberán conter a seguinte información:

– Planos onde se reflicta, sobre a ordenación proposta, o dominio público hidráulico e as súas zonas de servidume e de policía.

– Planos onde se reflictan, sobre a ordenación proposta, as zonas inundables.

– Planos onde se reflictan, sobre a ordenación proposta, as zonas de fluxo preferente, analizaranse sobre a ordenación detallada do ámbito, nese momento procedemental, as posibles afeccións dos desenrolos industriais previstos sobre as zonas inundables.

Para os efectos do dito nos parágrafos anteriores, para elaborar os planos de zonas inundables e de zonas de fluxo preferente referidas, tomaranse de referencia os mapas de risco e de perigo publicados por Augas de Galicia. Calquera modificación con respecto aos mapas publicados, xuntarase cos estudos hidráulicos xustificativos correspondentes. Nas áreas onde non existan mapas publicados, os planos de zonas inundables e de fluxo preferente xuntaranse estudos que xustifiquen a delimitación proposta.

Cando o instrumento de planificación de carácter territorial ou urbanístico que teña que ser sometido a informe de Augas de Galicia afecte un tramo de río que non estea definido como ARPSI, pero no que exista información cartográfica de inundabilidade publicada por Augas de Galicia, a dita información tamén se incorporará aos devanditos instrumentos, co contido establecido anteriormente.

A representación das zonas inundables e de fluxo preferente realizarase sobre a situación de inundabilidade actual. Se como resultado de actuacións estruturais de prevención de inundacións, previstas en calquera instrumento de planificación de carácter territorial ou urbanístico, se produce unha modificación significativa da zona inundable ou da zona de fluxo preferente ou unha diminución do risco de inundación, poderanse aplicar na representación as condicións que resulten unha vez executadas esas obras. Neses casos, esas actuacións deberán ser autorizadas expresamente por Augas de Galicia. Ata o momento en que estas actuacións non estean totalmente executadas, non se poderá desenvolver na zona afectada o contido deses instrumentos de planificación.

7.4.2.2. Garantía do recurso auga.

• O presente documento de modificación do PSOAEG incorpora un estudo sobre a suficiencia e protección do recurso auga co alcance e nivel de detalle axustado á escala do plan sectorial. A documentación achegada, as hipóteses de demanda e as solucións propostas para o abastecemento e o saneamento serven de base para garantir a viabilidade das propostas de delimitación de áreas industriais, e os PIA ou PEOSE que desenvolvan o plan deberán afondar e precisar a cuestión mediante unha análise polo miúdo.

• Abastecemento de auga: os PIA ou PEOSE, no momento da súa formulación, deberán reflectir de maneira precisa (memoria e cartografía) a orixe do auga para abastecemento do ámbito de actuación, e reflectirán as concesións de aproveitamento de augas outorgadas para o abastecemento do dito ámbito, con indicación do número de expediente de concesión, caudal concedido e caudal realmente consumido, conforme o disposto na Orde ARM/1312/2009, do 20 de maio, pola que se regulan os sistemas para realizar o control efectivo dos volumes de auga utilizados polos aproveitamentos de auga do dominio público hidráulico, dos retornos ao citado dominio público hidráulico e das verteduras a el, deberanse legalizar estas captacións no caso de non dispor da oportuna concesión.

Deberase reflectir a previsión ou estimación para atender as necesidades da proposta, tendo en conta as dotacións establecidas de consumo para os distintos usos conforme o disposto nos plans hidrolóxicos de demarcación, e, amais, o modo de abastecemento (municipal ou outro) do desenvolvemento industrial previsto.

Avaliarase a suficiencia do caudal outorgado no título concesional para atender a nova demanda. En caso de que as captacións actuais non teñan capacidade suficiente para o desenvolvemento da actuación urbanizadora, poderán propoñerse novas captacións. Estas deberán axustarse á previsión de consumo achegada no punto anterior. As captacións propostas ou a modificación das existentes serán obxecto de informe por parte dos organismos de bacía co fin de comprobar a súa viabilidade.

Todos os novos desenvolvementos industriais deberán dispor dun sistema de abastecemento que conte coa correspondente autorización de aproveitamento de augas do organismo de bacía para a obtención da correspondente licenza de obra, e indicarase o título (ou títulos) concesional (concesionais) que ampara o caudal estimado. Non obstante, se a conexión é a redes de abastecemento preexistentes xa autorizadas e con capacidade suficiente de recurso, será o órgano titular do dito abastecemento o encargado de outorgar a dita autorización. En caso de que non exista viabilidade de subministración, acreditarase a dita circunstancia mediante certificado do concello da imposibilidade de abastecemento desde a rede pública municipal.

Recórdase, en todo caso, que calquera aproveitamento de augas requirirá a súa inscrición no Libro de rexistro de augas como uso privativo por disposición legal ou concesión administrativa, segundo o establecido nos artigos 54 e 59 do TRA.

Así mesmo, nos proxectos de urbanización correspondentes estableceranse todas as determinacións e condicións de cálculo en canto ao abastecemento de auga. Salvo mellor criterio, empregarase para o dimensionamento das redes o establecido nas instrucións técnicas para obras hidráulicas de Galicia (ITOHG), que se poden consultar na páxina web de Augas de Galicia.

• Saneamento e depuración das augas residuais: os PIA ou PEOSE, no momento da súa formulación, deberán xustificar que as instalacións de depuración previstas en cada un dos novos desenvolvementos poderán, ademais de admitir con garantías as augas residuais, cumprir as normas de calidade das augas do medio receptor co obxecto de dar cumprimento ás condicións impostas polos artigos 245 e seguintes do Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico, que desenvolve os títulos preliminar, IV, V, VI e VII da Lei 29/1985, do 2 de agosto, de augas (en adiante, RDPH).

En principio, os PIA ou PEOSE adoptarán os sistemas de evacuación e depuración propostos na presente modificación do PSOAEG, baseado no estudo que se anexa, e que se describen nas correspondentes determinacións específicas para cada ámbito previsto. Porén, os PIA ou PEOSE deberán confirmar este aspecto logo dun estudo máis detallado e axustado á realidade do momento da súa formulación.

Estes instrumentos de ordenación detallada deberán incluír, entre o seu contido e documentación, a seguinte información:

– Modo de recollida e tratamento das augas residuais (municipal ou outro) do desenvolvemento industrial previsto, con indicación do sistema de depuración proposto como destino final das augas recollidas previamente á súa vertedura.

– Estimacións dos caudais e tipificación das cargas e concentracións previstas, tendo en conta a metodoloxía recomendada nas Instrucións técnicas para obras hidráulicas en Galicia (ITOHG).

– Indicación da autorización de vertedura do sistema de depuración previo á súa vertedura, emitida polo organismo de bacía competente.

– Comprobación da suficiencia dos sistemas de saneamento e depuración para satisfacer as demandas calculadas.

No caso de verteduras de augas residuais que, polas súas características e localización, poidan ser aceptadas polas instalacións dun sistema de saneamento xestionado por administracións autonómicas ou locais, ou por entidades dependentes delas, deberán conectarse á rede de colectores no punto indicado polo xestor como opción preferente, logo de autorización do titular da rede. En caso de que non exista viabilidade de conexión, acreditarase a dita circunstancia mediante certificado do titular da rede de saneamento da imposibilidade de conexión á rede.

En caso de que a rede de saneamento ou as instalacións de depuración existentes non teñan capacidade suficiente, os PIA ou PEOSE deberán achegar a documentación necesaria para definir as futuras instalacións de depuración e deberanse axustar á previsión do caudal de augas residuais xerado polo desenvolvemento urbanístico. Definirase o tipo de evacuación da vertedura, que será sempre separativa e definirase o punto de vertedura das augas depuradas en coordenadas (X, Y).

As novas verteduras deberán obter a autorización correspondente para a obtención da licenza de obra. Non obstante, se a conexión fose a redes de saneamento preexistentes xa autorizadas e con capacidade suficiente de recurso, será o órgano titular da dita vertedura o encargado de outorgar esta autorización.

• Recollida e evacuación das augas de choiva: executarase un sistema de recollida e evacuación de augas pluviais independente (sistema separativo) con control de cantidade de auga vertida e nivel de contaminación desta.

De acordo co disposto no artigo 126.ter.7 do RDPH: «As novas urbanizacións, polígonos industriais e desenvolvementos urbanísticos, en xeral, deberán introducir sistemas de drenaxe sustentable, tales como superficies e acabados permeables, de forma que o eventual incremento do risco de inundación se mitigue. Para tal efecto, o expediente do desenvolvemento urbanístico deberá incluír un estudo hidrolóxico-hidráulico que o xustifique». Teranse en conta as determinacións expostas nos artigos 37 e 38 do PHGC.

Para tal efecto, nas novas urbanizacións reducirase ao mínimo posible a selaxe do solo, mediante a utilización de pavimentos filtrantes e a interposición de espazos verdes ou sen pavimentar.

Os proxectos ou plans de desenvolvemento incluirán os seguintes criterios de deseño da drenaxe:

– Os novos desenvolvementos industriais que poidan producir alteracións na drenaxe da bacía ou bacías interceptadas deberán introducir sistemas de drenaxe sostible (uso de pavimentos permeables, tanques ou dispositivos de tormenta, etc.) que garantan que o eventual aumento de escoamentos respecto do valor correspondente á situación preexistente pode ser compensado ou é irrelevante.

Ademais, cando se considere necesario, dadas as características da bacía, na fase de redacción do proxecto ou plan de ordenación pormenorizada poderá exixirse a realización dun estudo hidrolóxico-hidráulico que xustifique que o eventual aumento dos escoamentos producido pola impermeabilización-urbanización dunha superficie non resulta significativo. Este estudo será exixible, en calquera caso, cando a superficie da nova actuación supoña polo menos o 25 % da superficie total da bacía.

Canto ao control da cantidade de auga que se vai verter, deberán preverse sistemas de retención ou alivio dos fluxos de auga e carga sólida transportada durante os eventos de precipitación para evitar xerar impactos negativos na restitución destas augas ás canles naturais. De ser necesario, proxectaranse tanques de tormenta, estanques de retención ou calquera outra infraestrutura encamiñada a mitigar os efectos negativos da restitución dos escoamentos. Respecto ao control da contaminación, nos proxectos de desenvolvemento dos parques empresariais deberase prever a instalación de sistemas de tratamento adecuados para as augas de escoamento pluvial cando se prevexa que estas poden presentar niveis de contaminación significativos.

7.4.2.3. Documentación e validación. Concesións administrativas.

• Os proxectos que levan a efecto os desenvolvementos industriais previstos na modificación puntual que, en aplicación da lexislación vixente, teñan que ser sometidos a informe do organismo de bacía, deberán acompañarse dunha addenda específica para este organismo. Nesta addenda deberá extraerse da documentación a información indicada en todas as epígrafes anteriores, e farase referencia á epígrafe da documentación onde se recolleu.

• O carácter favorable, de ser este procedente, dos informes emitidos polo organismo de bacía quedará condicionado, en todo caso, á existencia de resolución favorable das preceptivas autorizacións e/ou concesións (ou modificación destas), de abastecemento ou de vertedura, que outorgará o organismo de bacía.

• No caso en que a subministración de auga para o abastecemento dunha área industrial sexa a través dunha infraestrutura de aproveitamento existente (captación, pozo, encoro, etc.) que non conte coa correspondente concesión administrativa do organismo de bacía, no caso en que a subministración de auga para o abastecemento dunha área industrial supoña superar o caudal de aproveitamento outorgado mediante concesión ou, no caso en que a subministración de auga para o abastecemento supoña realizar unha nova infraestrutura de aproveitamento, deberase solicitar e obter por parte do organismo de bacía a correspondente concesión de aproveitamento ou ampliación da existente, nos termos establecidos na lexislación de augas. A aprobación definitiva dos instrumentos de desenvolvemento das áreas empresariais quedará supeditada á solicitude por parte do promotor ante o organismo de bacía da correspondente concesión de aproveitamento, de ser necesaria. Mentres a dita concesión non sexa outorgada, non será posible o inicio da urbanización.

• O establecido no parágrafo anterior será de aplicación, mesmo, para o caso das autorizacións de vertedura das augas residuais depuradas ou de choiva procedentes das novas áreas de desenvolvemento industrial.

7.4.3. Protección do dominio público, niveis de servizo e protección fronte ao ruído das estradas. Mobilidade.

• Protección do dominio público das estradas:

Observarase o disposto na lexislación sectorial autonómica e estatal de estradas en relación coas limitacións ao uso e defensa das estradas. Os PIA ou PEOSE incorporarán, na súa memoria xustificativa, o cumprimento da lexislación sectorial de estradas.

Na cartografía e planos de ordenación dos instrumentos que ordenen pormenorizadamente as áreas empresariais, grafaranse as liñas de afección, servidume, dominio público da estrada e liña límite de edificación.

Como regra xeral e salvo indicación contraria nas fichas de ordenación, os terreos comprendidos entre o bordo exterior do dominio público da estrada e a liña límite de edificación serán cualificados de sistema xeral de comunicación viaria polo correspondente instrumento de ordenación pormenorizada.

• Niveis de servizo e seguridade das estradas:

Os PIA ou PEOSE incorporarán un estudo de tráfico, capacidade e mobilidade que garanta a calidade técnica dos accesos aos ámbitos industriais e os adecuados niveis de servizo e seguridade das estradas. O alcance do dito estudo abranguerá ata as infraestruturas exteriores e os tráficos doutras zonas que puideren verse afectados polo aumento dos tráficos xerados no novo desenvolvemento empresarial previsto.

Dado que a presente modificación do PSOAEG comporta un cambio de uso nos terreos onde se prevé o desenvolvemento industrial, en canto que afectan a zona de influencia da Rede de estradas do Estado, darase cumprimento ao artigo 36.9 da Lei 37/2015, de estradas: «A solicitude de accesos ou cambio de usos dos existentes para servir a actividades que, pola súa natureza, poidan xerar un volume de utilización que poida afectar negativamente, de forma cualitativa o cuantitativa, a correcta explotación da estrada deberá acompañarse dun estudo de tráfico e, no caso dunha afección significativa, dunha proposta das medidas de acondicionamento necesarias para manter inalterado o nivel de servizo e de seguridade viaria das estradas afectadas. No caso contrario, a solicitude de acceso deberá ser denegada».

En canto que os ámbitos industriais previstos afecten as estradas de titularidade autonómica ou provincial, a previsión de accesos contida nos PIA ou PEOSE terán en conta os artigos 127 a 132 do Regulamento xeral de estradas de Galicia e mesmo a Orde do 23 de maio de 2019, pola que se regulan os accesos nas estradas de Galicia e nas súas vías de servizo.

Os estudos de tráfico e capacidade serán proporcionais ao alcance e contido do PIA ou PEOSE, en función do grao de xeralidade ou particularidade que o caracterice, e subseguintemente do nivel de escala e detalles propios, acordes coa etapa de planeamento en que se encontrae, xa que do esquema de accesos e solucións de acondicionamento propostos para manter inalterado o nivel de servizo e de seguridade viaria das estradas afectadas se determinarán as oportunas reservas de solo en que deban materializarse, coa correspondente adscrición aos distintos desenvolvementos, con súas correspondentes limitacións á propiedade. Conseguintemente, deberá estar recollido todo iso na figura de planeamento suxeita a informe e que, conforme o artigo 18.1.c) do Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de solo e rehabilitación urbana, o promotor da actuación está obrigado a «custear e, de ser o caso, executar todas as obras de urbanización previstas na actuación correspondente, así como as infraestruturas de conexión coas redes xerais de servizos e as de ampliación e reforzamento das existentes fóra da actuación que esta demande pola súa dimensión e características específicas...».

O acceso ás estradas quedará en todo caso condicionado á obtención do informe favorable ao instrumento de desenvolvemento correspondente por parte da Administración titular da estrada en relación cos accesos, e iso poderá supoñer a necesidade de cambiar calquera elemento do deseño proposto, das súas dimensións, da súa configuración ou tipoloxía e, incluso, que se poida determinar a incompatibilidade do acceso proposto coa normativa vixente, o que podería supoñer a inviabilidade do ámbito na configuración proposta.

• Protección fronte ao ruído:

Os PIA ou PEOSE darán cumprimento á lexislación sectorial sobre ruído, en especial o artigo 20 da Lei 37/2003, do ruído, que di:

«1. Non poderán concederse novas licenzas de construción de edificacións destinadas a vivendas, usos hospitalarios, educativos ou culturais se os índices de inmisión medidos ou calculados incumpren os obxectivos de calidade acústica que sexan de aplicación ás correspondentes áreas acústicas, excepto nas zonas de protección acústica especial e nas zonas de situación acústica especial, nas cales unicamente se exixirá o cumprimento dos obxectivos de calidade acústica no espazo interior que lles sexan aplicables.

2. Os concellos, por razóns excepcionais de interese público debidamente motivadas, poderán conceder licenzas de construción das edificacións aludidas no número anterior aínda cando se incumpran os obxectivos de calidade acústica nel mencionados, sempre que se satisfagan os obxectivos establecidos para o espazo interior».

Para iso, os PIA ou PEOSE incorporarán entre a súa documentación os mapas de ruído das estradas elaborados pola Administración.

Na normativa dos PIA ou PEOSE incluirase a seguinte determinación: «Para a execución de obras e instalacións no contorno das estradas autonómicas, establécese como requisito previo ao outorgamento da licenza municipal a realización dos estudos necesarios para determinar niveis sonoros esperables, así como para establecer as limitacións á edificabilidade ou a obrigatoriedade de dispor dos medios de protección acústica necesarios, en caso de se superaren os limiares recomendados, segundo o establecido na normativa básica estatal en materia de ruído ou na correspondente normativa autonómica de desenvolvemento».

• Mobilidade alternativa:

Os PIA ou PEOSE incorporarán nos seus correspondentes estudos de tráfico e avaliación da mobilidade unha análise da repercusión que a futura implantación empresarial puider ter no tráfico en xeral e no transporte público, no caso de existir, na área territorial de influencia do parque empresarial, e mesmo as determinacións precisas para o fomento do transporte público e dos desprazamentos non motorizados.

Analizarase a estrutura de comunicación a pé e a potencialidade da bicicleta e determinaranse os percorridos e as infraestruturas necesarias en consonancia coas exixencias da lexislación urbanística e de accesibilidade universal e os plans de mobilidade alternativa.

En relación co transporte público, calquera proposta xurdida dun estudo de avaliación da mobilidade dun instrumento de ordenación pormenorizada que implique afectar as liñas de transporte público, como podería ser un aumento do número de viaxeiros, a necesidade de implantación de novas liñas de transporte público, o reforzo das existentes ou cambios de paraxes, precisará do informe da Administración competente (local ou autonómica) en materia de mobilidade en que se manifeste a viabilidade.

7.4.4. Protección da paisaxe.

As decisións sobre ordenación inherentes na redacción dos PIA ou PEOSE deberán ter en conta a paisaxe como argumento que garanta a calidade do ambiente e a mellora da calidade de vida das persoas. Neste sentido, teranse en conta as referencias legais en materia de paisaxe no momento da súa redacción.

Segundo o artigo 35 do Regulamento da Lei 7/2008, de protección da paisaxe de Galicia, os PIA ou PEOSE incorporarán na súa documentación os correspondentes estudos da paisaxe e de integración paisaxística co alcance e contido que se regula, e proporcionado ao contexto territorial e ao alcance e incidencia da actuación.

As ordenacións pormenorizadas que inclúan os PIA ou PEOSE deberán axustarse ás Directrices da paisaxe de Galicia, con especial significado sobre as determinacións específicas para os ámbitos de desenvolvemento urbanístico de uso industrial e empresarial (directrices DX.10 e DX.18).

Os aspectos e parámetros que definen o modo de implantación dos desenvolvementos industriais establecidos nos PIA ou PEOSE, como poden ser a edificabilidade, a ocupación, a escala e volume do edificado, as separacións entre edificacións, as condicións de acabado dos edificios e da urbanización ou acomodo na topografía terán en conta o analizado nos estudos da paisaxe, con especial coidado en se adaptar aos contextos territoriais de implantación, xa sexan naturais, rurais ou urbanos baixo criterios de integración.

7.4.5. Contaminación dos solos.

Os PIA ou PEOSE incorporarán na súa documentación de avaliación ambiental un estudo ou inventario de posibles solos contaminados. Dado que no interior ou na contorna dalgúns ámbitos previstos de desenvolvemento industrial existen antecedentes doutros usos industriais que poderían dar lugar á existencia de solos contaminados, deberase considerar as referencias legais sobre residuos e contaminación dos solos, declaración de solos contaminados e prevención e control.

Neste sentido os PIA ou PEOSE valorarán, de ser o caso, a existencia de solos contaminados declarados, de interpoñer as limitacións aos novos usos e aproveitamentos con base no establecido no artigo 62.4 da Lei 6/2021, de residuos e solos contaminados de Galicia.

7.4.6. Patrimonio natural e biodiversidade.

Os PIA ou PEOSE farán referencia ao contexto legal en materia de natureza, figuras de conservación de espazos protexidos e plans de conservación ou recuperación de especies, existentes ou en vigor no momento da súa formulación.

Os PIA ou PEOSE incorporarán na súa documentación de avaliación ambiental unha análise e caracterización do medio físico e biótico do contexto bioxeográfico de cada actuación, información que será detallada no interior de cada ámbito e contorna inmediata susceptible de se afectar, coa finalidade de acadar un criterio de ordenación urbanística que afecte o mínimo posible o patrimonio natural e a biodiversidade.

Logo da análise polo miúdo e no caso de que se detecten afeccións a especies ameazadas ou se afecten hábitats de interese, os PIA ou PEOSE responderán cunha ordenación do seu ámbito que estableza as medidas e cautelas para a protección dos valores naturais. Todo iso, sen prexuízo das advertencias e medidas que, desde o presente documento, se establecen para cada ámbito e que deben ser confirmadas nos correspondentes PIA ou PEOSE.

7.4.7. Patrimonio histórico e cultural.

Os instrumentos de ordenación pormenorizada que desenvolvan as áreas previstas na presente modificación do PSOAEG: PIA ou PEOSE, farán referencia ao contexto ou marco legal en materia de protección do patrimonio histórico e cultural no momento da súa formulación.

Incorporarán na súa documentación de avaliación ambiental un estudo e prospección, que deberá identificar todos os bens do patrimonio cultural existentes, calquera que sexa a súa natureza, isto é, bens do patrimonio arqueolóxico, arquitectónico, artístico, etnolóxico, industrial, científico e técnico e documental e bibliográfico, tal e como recolle a LPCG, do ámbito de actuación e da súa contorna, co obxectivo de recoñecer os vestixios e elementos do territorio susceptibles de ter valores históricos e/ou culturais que sexa preciso protexer ou poñer en valor.

No caso da existencia de elementos de valor, os PIA ou PEOSE responderán cunha ordenación que teña en conta e salvagarde os ditos valores. Con base no establecido tanto na lexislación sectorial de patrimonio como na lexislación urbanística e na de ordenación do territorio, os instrumentos de ordenación pormenorizada deberán identificar nos planos de información e ordenación os elementos do patrimonio e as súas áreas de protección situados tanto no interior do ámbito de desenvolvemento como os situados na contorna próxima ao ámbito.

Os PIA ou PEOSE incluirán un catálogo que recolla todos os bens do patrimonio cultural existentes dentro do seu ámbito territorial, tanto os xa recoñecidos polos planeamentos existentes como aqueles que se identifiquen como resultado da prospección realizada. Para todos eles redactaranse as correspondentes fichas, adaptadas á lexislación vixente.

O contido mínimo do catálogo vén establecido nos artigos 196 a 198 do Regulamento da LSG e conterá as medidas necesarias para a protección, conservación, recuperación e aproveitamento social e cultural dos referidos elementos. O catálogo conterá unha ficha individualizada de cada elemento catalogado, na cal se recollerán, como mínimo, os seus datos identificativos, localización e delimitación do seu ámbito de protección, descrición gráfica das súas características construtivas, estado de conservación e determinacións para a súa conservación, rehabilitación, mellora ou recuperación.

O contido das fichas do catálogo deberá atender ás exixencias da normativa vixente:

– Incluirase a clasificación de cada un dos bens, segundo o establecido no artigo 8 da LPCG.

– Conterán a información mínima exixida polo artigo 81.3 da LSG e os artigos 196 e 197 do RLSG.

– Engadirase en cada ficha a categoría do ben inmoble, conforme o artigo 10 da LPCG.

– Asignarase a cada ben protexido o nivel de protección axeitado, segundo a clasificación do artigo 41 da LPCG, así como as actuacións autorizables relacionadas no artigo 42 da mesma lei, de acordo con ese nivel de protección.

– En aplicación do capítulo V do título I da Lei 1/2019, de rehabilitación e de rexeneración urbanas de Galicia, describiranse os valores culturais que xustifican a súa catalogación e o nivel de protección asignado, así como os materiais, sistemas construtivos, elementos e características singulares especificamente protexidos e que, polo tanto, deben ser de obrigada conservación.

A delimitación dos bens do patrimonio cultural deberá ter en conta que estes están constituídos tanto polo propio ben como por aqueles elementos sen os que o ben quedaría descontextualizado (predios murados anexos ás construcións, airas, camiños ou espazos en que están os hórreos, canles e depósitos de auga, socalcos, valados, muros, peches, etc.), polo que, con carácter xeral, deberá recollerse e protexerse tamén a parcela que os contén e os elementos que lle sexan propios. Unha vez delimitado o ben, deberase definir o seu contorno de protección, que abranguerá os espazos e construcións próximas cuxa alteración incida na percepción e comprensión dos valores culturais dos bens no seu contexto ou poida afectar a súa integridade, apreciación ou estudo. Esta delimitación deberá establecerse con base no estudo do contorno do ben, seguindo as pegadas físicas existentes no territorio próximo, como límites de parcelas, camiños, muros ou cómaros.

No caso de áreas afectadas pola traza do Camiño de Santiago Francés, terase en conta o Decreto 227/2011, do 2 de decembro, polo que se aproba a delimitación da ruta principal do Camiño de Santiago, Camiño Francés. Os PIA ou PEOSE deberán recoller todas as afeccións relacionadas co territorio histórico, tal e como recolle o dito decreto (trazado do camiño, delimitación BIC, zona de respecto).

En relación coas normativas de protección dos bens do patrimonio, no caso de ser procedentes con motivo da existencia de bens no interior dos ámbitos, estas deberán incluír o réxime de autorizacións das intervencións nos bens do patrimonio cultural e no seu contorno de protección (artigos 39 e 96 da LPCG), o réxime de intervencións no contorno de protección (artigo 45 da LPCG) e os criterios específicos de intervención nos contornos de protección (artigo 46 da LPCG).

No caso das áreas afectadas pola traza do Camiño de Santiago, as normativas recollerán determinacións baseadas nos criterios e pautas expresados na Guía de boas prácticas para as actuacións nos Camiños de Santiago, da Xunta de Galicia.

O artigo 34.1 da LPCG exixe que todos os plans, programas e proxectos relativos a ámbitos como a paisaxe, o desenvolvemento rural ou as infraestruturas ou calquera outro que poida supoñer unha afección ao patrimonio cultural de Galicia pola súa incidencia sobre o territorio deberán ser sometidos ao informe da consellaría competente en materia de patrimonio cultural.

7.4.8. Protección do dominio público da rede ferroviaria. Mobilidade ferroviaria.

A lexislación sectorial de referencia en materia de infraestruturas ferroviarias é a seguinte:

• Lei 38/2015, do 29 de setembro, do sector ferroviario.

• Real decreto 2387/2004, do 30 de decembro, polo que se aproba o Regulamento do sector ferroviario.

En relación co cumprimento da lexislación sectorial, os instrumentos de ordenación pormenorizada (PIA ou PEOSE) que desenvolvan os ámbitos delimitados na presente modificación do PSOAEG deberán recoller dentro das súas determinacións os seguintes aspectos relacionados coa infraestrutura ferroviaria:

• Na súa tramitación, a obriga de remitir, antes da súa aprobación inicial, o contido do instrumento de ordenación ao correspondente ministerio competente en materia de infraestrutura ferroviaria para a emisión de informe de carácter vinculante.

• Determinación de cualificar como sistema xeral de infraestrutura de comunicación, de titularidade pública, os terreos ocupados por infraestruturas ferroviarias da Rede ferroviaria de interese xeral ou aqueles que deban ocuparse para tal finalidade segundo estudos informativos. Estes documentos de ordenación non incluirán determinacións que impidan ou perturben o exercicio das competencias atribuídas ao administrador das infraestruturas ferroviarias.

• Sinalar graficamente a zona de dominio público da infraestrutura, a zona de protección e a liña límite de edificación, segundo as definicións vixentes na lexislación de referencia.

• Definir as limitacións ao uso da propiedade nos terreos afectados polas ditas zonas e non vulnerar o réxime para as ditas zonas a través da ordenación proposta na infraestrutura pertencente á Rede ferroviaria de interese xeral (RFIG).

En relación coa zona de dominio público, zona de protección e liña límite de edificación, e conforme as definicións da Lei 38/2015, do sector ferroviario, os instrumentos de ordenación pormenorizada terán en conta as seguintes:

• No caso xeral:

– Zona de dominio público: 8 metros a cada lado da plataforma, medidos desde a aresta exterior da explanación. A LSF define a dita aresta como a liña de intersección entre o noiro (de desmonte ou terraplén) e o muro de sostemento lindeiro co terreo natural.

– Zona de protección: 70 metros, medidos desde a aresta exterior da explanación.

– Liña límite de edificación: 50 metros, medidos desde a aresta exterior máis próxima da plataforma. Considerase como plataforma a superficie superior da explanación, sobre a que se apoian as capas de asento que sustentan, pola súa vez, a vía e os elementos destinados ao funcionamento dos trens. Cabe destacar que a liña límite de edificación non se aplica en túneles e tramos soterrados.

missing image file

• No solo clasificado polo planeamento urbanístico como urbano ou urbanizable, e sempre que este conte co planeamento máis preciso que requira a lexislación urbanística aplicable para iniciar a súa execución:

– Zona de dominio público: 5 metros, medidos desde a aresta exterior da explanación.

– Zona de protección: 8 metros, medidos desde a aresta exterior da explanación.

• En zona urbana:

– Liña límite de edificación: 20 metros, medidos desde a aresta exterior máis próxima da plataforma.

As limitacións á propiedade que son de aplicación nas zonas de afección anteriormente referidas (dominio público, protección e liña límite de edificación) son as seguintes:

• Na zona de dominio público só poderán realizarse obras ou instalacións, logo de autorización do administrador de infraestruturas ferroviarias, cando sexan necesarias para a prestación dun servizo ferroviario ou ben cando a prestación dun servizo de interese xeral así o requira. Excepcionalmente e por causas debidamente xustificadas, poderá autorizarse o cruzamento da zona de dominio público, tanto aéreo como subterráneo, por obras e instalacións de interese privado.

• Dentro da zona de protección non poderán realizarse obras nin se permitirán máis usos que aqueles que sexan compatibles coa seguridade do tráfico ferroviario, logo de autorización, en calquera caso, do administrador de infraestruturas ferroviarias.

• Tanto na zona de dominio público como de protección da infraestrutura ferroviaria, para executar calquera tipo de obras ou instalacións fixas ou provisionais, cambiar o seu destino ou o tipo de actividade que se poida realizar nelas e plantar ou cortar árbores, requirirase a autorización previa do administrador de infraestruturas ferroviarias.

• Desde a liña límite de edificación ata a liña ferroviaria queda prohibido calquera tipo de obra de construción, reconstrución ou ampliación, con excepción das que resulten imprescindibles para a conservación e mantemento das existentes. Igualmente, queda prohibido o establecemento de novas liñas eléctricas de alta tensión dentro da superficie afectada pola liña límite de edificación.

Os instrumentos de ordenación pormenorizada (PIA ou PEOSE) que desenvolvan os ámbitos de Meirama e O Carballiño analizarán a posibilidade de conexión da respectiva área industrial coa rede ferroviaria. No caso de establecer a determinación da conexión coa RFIG e da previsión dunha nova infraestrutura ferroviaria dentro do ámbito, terase en consideración o réxime establecido polo artigo 40 da Lei 38/2015 para as liñas ferroviarias de titularidade privada, e polo artigo 41 en relación coas conexións, ademais dos concordantes co Regulamento do sector ferroviario.

7.4.9. Protección e defensa do monte.

A lexislación sectorial de referencia en materia de montes e defensa contra incendios é a seguinte:

– Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

– Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

• Cambio de uso forestal en zonas que sufriron un incendio.

Terase en consideración que varios ámbitos dos previstos na presente modificación inclúen terreos que sufriron incendios forestais. Amais, cabe a posibilidade de que, tras a entrada en vigor da presente modificación do PSOAEG e antes da aprobación dos correspondentes instrumentos de ordenación detallada (PIA ou PEOSE), se produzan incendios forestais en calquera dos ámbitos de desenvolvemento. Neste senso, será de aplicación o disposto no artigo 59.4 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, que establece a excepcionalidade para o cambio de uso forestal. Esta excepcionalidade aplicarase na tramitación da presente modificación do PSOAEG.

Os documentos de ordenación pormenorizada (PIA ou PEOSE) dos ámbitos incluídos na presente modificación do PSOAEG son os documentos que determinan o cambio de clasificación a urbanizable. É por iso que, na tramitación dos citados instrumentos e no caso de que sexa novamente necesario polo feito de producirse novos incendios tras a aprobación definitiva desta modificación do plan, se someterá ao Consello da Xunta a correspondente autorización dos cambios de uso forestal con base no carácter estratéxico e o interese público das determinacións contidas no plan sectorial.

• Protección fronte a incendios forestais.

En relación coa normativa de incendios, os PIA ou PEOSE terán en conta a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, que di:

«Nos espazos previamente definidos como redes secundarias de faixas de xestión de biomasa nos plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais, será obrigatorio para as persoas que resulten responsables, conforme o artigo 21.ter, xestionar a biomasa vexetal, de acordo cos criterios estipulados nesta lei e na súa normativa de desenvolvemento, nunha franxa de 50 metros:

a) Perimetral ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable, sen prexuízo do disposto na disposición transitoria quinta.

b) Ao redor das edificacións destinadas ás persoas, vivendas illadas, urbanizacións, vertedoiros, cámpings, gasolineiras e parques e instalacións industriais situados a menos de 400 metros do monte.

c) Ao redor das edificacións illadas destinadas ás persoas en solo rústico situadas a máis de 400 metros do monte.

2. Con carácter xeral, na mesma franxa de 50 metros mencionada no número anterior non poderá haber árbores das especies sinaladas na disposición adicional terceira.

3. As distancias mencionadas neste artigo mediranse, segundo os casos:

a) Desde o límite do solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

b) Desde os paramentos exteriores das edificacións, vivendas illadas e urbanizacións, ou os límites das súas instalacións anexas.

c) Desde o límite das instalacións no caso dos depósitos de lixo, gasolineiras e parques e instalacións industriais.

d) Desde o peche perimetral no caso dos cámpings».

No artigo 23 da Lei 3/2007 faise referencia a: «Novas edificacións en terreos forestais e zonas de influencia forestal e medidas de prevención de incendios forestais nas novas urbanizacións.

1. Os instrumentos de planeamento urbanístico deberán ter en conta a avaliación de risco de incendio forestal, no que respecta á zonificación do territorio e ás zonas de alto risco de incendio que constan nos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito.

2. As novas instalacións que se constrúan, así como as novas urbanizacións e edificacións para uso residencial, comercial, industrial ou de servizos resultantes da execución de plans de ordenación urbanística que afecten zonas de monte ou de influencia forestal, e que non teñan continuidade inmediata coa trama urbana, e que resulten lindeiras con monte ou con zonas de influencia forestal, terán que cumprir o disposto no artigo 21.

3. A responsabilidade da xestión da biomasa vexetal corresponderalle á persoa propietaria dos terreos edificados, que disporá dunha servidume de paso forzosa para acceder á faixa establecida.

(...)

4. En caso de urbanizacións e edificacións para uso industrial, deberán dispoñer de forma perimetral dunha rede de hidrantes homologados para a extinción de incendios ou, na súa falta, de tomas de auga, de acordo co que se estableza regulamentariamente na normativa específica para a construción».

• Expropiación dos montes veciñais.

Terase en consideración o artigo 6 do Decreto 260/1992 no caso da necesidade de expropiación de terreos afectos a montes veciñais.

7.4.10. Redes de electricidade.

Canto ás liñas ou tendidos aéreos, deberanse respectar as servidumes establecidas, e a lexislación sectorial de referencia será a seguinte:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (sección 3ª do capítulo V do título VII).

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

As liñas de alta tensión poderán descorrer polos ámbitos de desenvolvemento empresarial mediante tendido aéreo ou soterradas.

No caso de soterramento, estas terán que ser legalizadas pola Administración competente da Xunta de Galicia.

Nos casos en que na fase de ordenación pormenorizada dalgunha das áreas previstas se alterase a traza dun tendido dunha liña existente, darase audiencia á entidade titular da liña, co obxecto de que formule as alegacións pertinentes sobre os aspectos técnicos, económicos e de calquera outro tipo respecto da variación que se proxecte (Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica).

7.4.11. Servidumes aeronáuticas. Limitacións ao uso do solo e alturas das instalacións.

7.4.11.1. Referencias legais.

En materia de aeronáutica e aviación civil, deberanse respectar as servidumes establecidas e a lexislación sectorial de referencia será a seguinte:

– Lei 48/1960, do 21 de xullo (BOE nº 176, do 23 de xullo), sobre navegación aérea.

– Decreto 584/1972, do 24 de febreiro (BOE nº 69, do 21 de marzo), de servidumes aeronáuticas.

– Real decreto 374/1996, do 23 de febreiro, polo que se modifican as servidumes aeronáuticas establecidas no aeroporto da Coruña (BOE nº 64, do 14 de marzo).

– Proposta de servidumes aeronáuticas contidas no Plan director do aeroporto da Coruña, revisado pola Orde TMA/975/2022 do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, do 22 de setembro de 2022 (BOE nº 249, do 22 de setembro), que substitúe a Orde do ministro de Fomento do 31 de xullo de 2001, pola que se aprobou o Plan director do aeroporto da Coruña, definidas con base no Decreto de servidumes aeronáuticas e os criterios vixentes da Organización de Aviación Civil Internacional (OACI).

– Real decreto 2278/1986, do 25 de setembro, polo que se establecen as novas servidumes aeronáuticas do aeroporto de Vigo (BOE nº 261, do 31 de outubro, con corrección de erratas no BOE nº 288, do 2 de decembro).

– Plan director do aeroporto de Vigo. Orde do Ministerio de Fomento do 30 de xuño de 2010 (BOE nº 223, do 14 de setembro).

– Proposta de servidumes aeronáuticas contidas no Plan director do aeroporto de Vigo, aprobado pola Orde FOM/2385/2010 do Ministerio de Fomento, do 30 de xullo de 2010, (BOE nº 223, do 14 de setembro), definidas con base no Decreto de servidumes aeronáuticas, e os criterios vixentes da Organización de Aviación Civil Internacional (OACI.).

– Real decreto 763/2017, do 21 de xullo, polo que se modifican as servidumes aeronáuticas do aeroporto de Santiago (BOE nº 216, do 8 de setembro).

– Plan director do aeroporto de Santiago. Orde do Ministerio de Fomento do 29 de novembro de 2010 (BOE nº 2, do 3 de xaneiro de 2011).

– Proposta de servidumes aeronáuticas contidas no Plan director do aeroporto de Santiago, aprobado pola Orde FOM/3416/2010 do Ministerio de Fomento do 29 de novembro de 2010 (BOE nº 2, do 3 de xaneiro de 2011), definidas con base no Decreto de servidumes aeronáuticas e os criterios vixentes da Organización de Aviación Civil Internacional (OACI).

– Real decreto 617/2019, do 25 de outubro, polo que se modifican as servidumes aeronáuticas do radar das Pontes e se establecen as correspondentes ao centro de emisores e centro de receptores das Pontes (BOE nº 279, do 20 de novembro).

7.4.11.2. Consideracións legais.

Parte do ámbito da modificación puntual está incluído nas zonas de servidumes aeronáuticas correspondentes aos aeroportos da Coruña, Santiago-Rosalía de Castro e Vigo. Nos planos de información, así como nas fichas de ordenación das áreas empresariais represéntanse as liñas de nivel das superficies limitadoras das servidumes aeronáuticas dos aeroportos da Coruña, Santiago-Rosalía de Castro e Vigo, que afectan o dito ámbito, as cales determinan as alturas (respecto ao nivel do mar) que non debe superar ningunha construción nin instalación (incluídos todos os seus elementos como antenas, pararraios, chemineas, equipos de aire acondicionado, caixas de ascensores, carteis, remates decorativos, etc.), modificacións do terreo ou obxecto fixo (postes, antenas, aeroxeneradores, incluídas as súas pas, carteis, etc.), así como o gálibo de viario ou vía férrea, agás que quede acreditado, a xuízo da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), que non se compromete a seguridade nin queda afectada de modo significativo a regularidade das operacións das aeronaves, de acordo coas excepcións recollidas no Decreto 584/1972, na súa actual redacción. Nos planos que inclúan áreas empresariais do contorno do aeroporto de Vigo represéntanse, mediante un tramado, as zonas en que o propio terreo vulnera as servidumes aeronáuticas deste aeroporto. Todo iso, segundo a información gráfica facilitada pola Subdirección Xeral de Aeroportos e Navegación Aérea.

En particular, a área Parque empresarial de Meirama (15024051) está afectada polas servidumes aeronáuticas correspondentes aos aeroportos da Coruña e Santiago-Rosalía de Castro, a área Parque empresarial Cidade do Moble (36017021) encóntrase afectada polas servidumes aeronáuticas correspondentes ao aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro, e as áreas Parque empresarial de Louredo (36033051), Parque tecnolóxico e loxístico de Valadares (ampliación) (36057012), Polígono industrial de Balaídos (ampliación) (36057042), Parque empresarial de Ameal (36057051) e Polígono industrial A Garrida (36057071) están afectadas polas servidumes aeronáuticas correspondentes ao aeroporto de Vigo.

Tendo en conta as cotas do terreo, segundo a cartografía dispoñible, e as cotas das servidumes aeronáuticas, e dado que a marxe mínima entre ambas é superior a 80 metros, e aínda non existindo referencia ás alturas das construcións e instalacións que poidan permitirse na documentación recibida, hai cota, en principio, suficiente para que as servidumes aeronáuticas non sexan superadas polas ditas construcións e instalacións nas áreas Parque empresarial Cidade do Moble (36017021), Parque empresarial de Louredo (36033051), Parque tecnolóxico e loxístico de Valadares (ampliación) (36057012), Polígono industrial de Balaídos (ampliación) (36057042) e Polígono industrial A Garrida (36057071), as cales, en calquera caso, deberán quedar por debaixo das ditas servidumes, incluídos todos os seus elementos (como antenas, pararraios, chemineas, equipos de aire acondicionado, caixas de ascensores, carteis, remates decorativos, etc.), incluídos os guindastres de construción e similares.

Segundo o artigo 10 do Decreto 584/1972, de servidumes aeronáuticas, na súa actual redacción, a superficie comprendida dentro da proxección ortogonal sobre o terreo da área de servidumes aeronáuticas dos aeroportos da Coruña, Santiago-Rosalía de Castro e Vigo queda suxeita a unha servidume de limitación de actividades, en cuxa virtude a Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) poderá prohibir, limitar ou condicionar actividades que se sitúen dentro dela e poidan supoñer un perigo para as operacións aéreas o para o correcto funcionamento das instalacións radioeléctricas. Esta posibilidade estenderase aos usos do solo que faculten a implantación ou exercicio das ditas actividades, e abranguerá, entre outras:

a) As actividades que supoñan ou leven aparellada a construción de obstáculos de tal índole que poidan inducir turbulencias.

b) O uso de luces, incluídos proxectores ou emisores láser que poidan crear perigos ou inducir a confusión ou erro.

c) As actividades que impliquen uso de superficies grandes e moi reflectantes que poidan dar lugar a cegamento.

d) As actuacións que poidan estimular a actividade da fauna no contorno da zona de movementos do aeródromo.

e) As actividades que dean lugar á implantación ou funcionamento de fontes de radiación non visible ou á presenza de obxectos fixos ou móbiles que poidan interferir no funcionamento dos sistemas de comunicación, navegación e vixilancia aeronáuticas ou afectalos negativamente.

f) As actividades que faciliten ou leven aparellada a implantación ou funcionamento de instalacións que produzan fume, néboas ou calquera outro fenómeno que supoña un risco para as aeronaves.

g) O uso de medios de propulsión ou sustentación aéreos para realizar actividades deportivas ou de calquera outra índole.

Nas fichas de ordenación das áreas empresariais establécense as determinacións precisas en relación coas servidumes que afectan os ámbitos de Cerceda-Meirama e Vigo-Ameal, por ser estas as que presumiblemente poidan comprometer a seguridade.

7.4.11.3. Normativa sobre autorizacións en materia de servidumes aeronáuticas.

Ao encontrarse unha parte do ámbito do plan incluída nas zonas e espazos afectados por servidumes aeronáuticas, a execución de calquera construción, instalación (postes, antenas, aeroxeneradores –incluídas as pas–, medios necesarios para a construción (incluídos os guindastres de construción e similares) ou plantación nesta parte afectada requirirá acordo favorable previo da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), conforme os artigos 30 e 31 do Decreto 584/1972 na súa actual redacción, circunstancia que debe recollerse nos documentos de ordenación pormenorizada PIA ou PEOSE.

Excepcionalmente, conforme o artigo 33 do Decreto 584/1972, na súa actual redacción, poderán ser autorizadas as construcións, edificacións ou instalacións cando, aínda superándose os límites establecidos polas servidumes aeronáuticas, quede acreditado, a xuízo da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), que non se compromete a seguridade nin queda afectada de modo significativo a regularidade das operacións das aeronaves ou que se trata dun suposto de apantallamento. Para tales efectos, os promotores de instrumentos de ordenación pormenorizada poderán presentar un estudo aeronáutico de seguridade.

Mesmo naquelas zonas do ámbito da presente modificación puntual que non estean situadas baixo as servidumes aeronáuticas, a execución de calquera construción ou estrutura (postes, antenas, aeroxeneradores –incluídas as pas–, etc.) e a instalación dos medios necesarios para a súa construción (incluídos os guindastres de construción e similares), que se eleve a unha altura superior aos 100 metros sobre o terreo, ou sobre o nivel do mar dentro de augas xurisdicionais, requirirá pronunciamento previo da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) en relación coa súa incidencia na seguridade das operacións aéreas, conforme o disposto no artigo 8 do Decreto 584/1972, na súa actual redacción.

7.4.12. Referencias á lexislación de hidrocarburos.

Considerando a existencia de infraestruturas gasistas e petrolíferas no ámbito da presente modificación do PSOAEG, deberá terse en conta a Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, mesmo a súa normativa de desenvolvemento, onde cabe destacar o seguinte (reprodúcese o contido literal do informe emitido pola Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas):

1. «O artigo 2 da Lei do sector de hidrocarburos, establece que as actividades destinadas á subministración de produtos petrolíferos e de gas por canalización aos consumidores demandantes dentro do territorio nacional terán a consideración de actividades de interese económico xeral.

2. Se se producisen afeccións en instalacións gasistas ou petrolíferas competencia dla Administración xeral do Estado, estas deberán estar suxeitas á normativa sectorial sobre coordinación con plans urbanísticos e de infraestruturas viarias, en especial ao disposto nos artigos 5 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, e 68 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministracións e procedementos de autorización de instalacións de gas natural:

• A planificación das instalacións de transporte e distribución de gas natural e instalacións auxiliares, cando estas se sitúen ou discorran en solo non urbanizable, deberá terse en conta no correspondente instrumento de ordenación do territorio. Así mesmo, e na medida en que as ditas instalacións se sitúen en calquera das categorías de solo cualificado como urbano ou urbanizable, a dita planificación deberá ser recollida no correspondente instrumento de ordenación urbanística, precisando as posibles instalacións, cualificando adecuadamente os terreos e establecendo, en ambos os casos, as reservas de solo necesarias para a ubicación das novas instalacións e a protección das existentes.

• Nos casos en que non se tivese en conta a planificación gasista nos instrumentos de ordenación descritos no punto anterior, ou cando as razóns xustificadas de urxencia ou excepcional interese para a subministración de combustibles gasosos aconsellen o establecemento de instalacións de transporte ou distribución, e sempre que, en virtude do establecido noutras leis, resultase preceptivo un instrumento de ordenación do territorio ou urbanístico segundo a clase de solo afectado, observarase o disposto na disposición adicional décima do texto refundido da Lei do solo, aprobado polo Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, ou texto autonómico que corresponda. Para os ditos efectos considerarase a instalación como de interese xeral.

É necesario destacar que a Lei 13/2003, do 23 de maio, reguladora do contrato de concesión de obras públicas, establece na súa disposición adicional décimo primeira que será de aplicación ás instalacións da rede básica de transporte de gas natural reguladas no artigo 59 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, cuxas autorizacións sexan competencia da Administración xeral do Estado, o disposto nas disposicións adicionais segunda e terceira desta lei».

7.5. Determinacións vinculantes derivadas das medidas correctoras e compensatorias xurdidas do proceso da AAE.

As medidas correctoras e compensatorias establecidas no estudo ambiental estratéxico e o seu anexo de estudo da paisaxe constitúense como determinacións vinculantes para os PIA ou PEOSE e os proxectos de urbanización dos novos ámbitos de desenvolvemento industrial.

8. Determinacións específicas para cada ámbito.

As determinacións vinculantes que deben incorporar os PIA ou PEOSE ou o planeamento urbanístico municipal, ou mesmo as determinacións orientativas que desde o presente PSOAEG se establecen para cada ámbito de desenvolvemento industrial previsto, reprodúcense nas correspondentes fichas resumo da colección de planos de ordenación PORD_01FICHAS.

Estas fichas pódense consultar na seguinte ligazón:

https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia

Tamén se poden consultar na páxina web do IGVS:

https://igvs.xunta.gal/areas/solo-empresarial/plans-e-proxectos-de-parques-empresariais/plans-e-proxectos-aprobados?content=/.content/tema/solo-empresarial/plans-e-proxectos/fase-4/ps_areas_empresariais_Galicia_M_N2.xml

A declaración ambiental estratéxica da modificación puntual número 2 do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia foi publicada no DOG núm. 238, do 18 de decembro de 2023, mediante o Anuncio do 14 de decembro de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático.

O contido íntegro da modificación puntual aprobada, incluído o extracto ambiental, pódese consultar na seguinte ligazón:

https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia

Tamén se pode consultar na páxina web do IGVS:

https://igvs.xunta.gal/areas/solo-empresarial/plans-e-proxectos-de-parques-empresariais/plans-e-proxectos-aprobados?content=/.content/tema/solo-empresarial/plans-e-proxectos/fase-4/ps_areas_empresariais_Galicia_M_N2.xml

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2024

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo