DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 25 de xaneiro de 2024 Páx. 6959

III. Outras disposicións

Presidencia da Xunta de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 5 de xaneiro de 2024, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan e se convocan as subvencións do programa de axudas económicas individuais para persoas residentes no exterior para o ano 2024 (código de procedemento PR925A).

BDNS (Identif.): 740632.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. As persoas emigrantes galegas e os/as seus/súas fillos/as con dezaoito (18) anos feitos (coa excepción prevista para o caso das axudas por violencia de xénero) que posúan a condición de persoas galegas residentes no exterior, de acordo co establecido no parágrafo seguinte deste punto, e que o acrediten segundo o establecido no artigo 9.

Para os efectos da presente convocatoria, terán a condición de persoas galegas residentes no exterior aquelas persoas emigrantes que nacesen en Galicia ou ben acrediten ter residido en Galicia de forma continuada durante dez anos con nacionalidade española, así como tamén os/as seus/súas fillos/as con dezaoito (18) anos feitos que teñan nacionalidade española e que se encontren vinculados/as a calquera concello galego no padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE).

2. Os/as netos/as de persoas emigrantes galegas, con dezaoito (18) anos feitos, que teñan a condición de persoas galegas residentes no exterior, con nacionalidade española, que se encontren vinculados/as a calquera concello galego no PERE e que acrediten un ano de residencia continuada en Galicia.

3. Para o caso de falecemento das persoas arriba indicadas, poderán ser, por unha vez, persoas beneficiarias as seguintes:

a) O/a seu/súa cónxuxe viúvo/a ou parella de feito ou relación análoga de afectividade ou os/as fillos/as da persoa falecida beneficiaria nalgunha das dúas últimas convocatorias deste programa, sempre e cando non transcorresen máis de quince meses desde o seu pasamento, o que acreditarán segundo o disposto no artigo 9.2.

b) Un dos membros maior de idade da unidade familiar do/da solicitante de axuda do artigo 4 se aquel/a falece despois da finalización do prazo para a presentación das solicitudes e antes da proposta de resolución do programa, sempre que dentro dese período de tempo presente un escrito dirixido á Secretaría Xeral da Emigración no cal solicite poder cobrar a axuda asinada polo/a seu/súa familiar falecido/a e declare expresamente cumprir as condicións e deberes dispostos nesta convocatoria para as persoas beneficiarias.

Segundo. Obxecto

O obxecto desta resolución é establecer as bases dun programa de axudas económicas individuais e de carácter extraordinario, non periódico e social, para o ano 2024, en réxime de concorrencia non competitiva, dirixido ás persoas emigrantes de nacionalidade española e de orixe galega, e a determinados familiares, residentes nos países do estranxeiro en que o Estado español teña fixada unha base de cálculo para a prestación por razón de necesidade no ano anterior ao da convocatoria, e que se encontren en situación de precariedade económica. Están destinadas a acadar recursos económicos que contribúan a satisfacer as necesidades básicas de subsistencia e atención sociosanitaria.

Así mesmo, é obxecto desta resolución convocar as devanditas axudas para o ano 2024 (código de procedemento PR925A).

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 5 de xaneiro de 2024, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan e se convocan as subvencións do programa de axudas económicas individuais para persoas residentes no exterior para o ano 2024 (código de procedemento PR925A).

Cuarto. Importe

O crédito inicialmente outorgado para estas axudas finalidade é de tres millóns novecentos corenta e seis mil seiscentos trinta euros (3.946.630,00 €) e concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.480.0 (accións de políticas migratorias) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2024. Os créditos iniciais poderán ser ampliados en función do previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Quinto. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2024

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración