DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 24 de xaneiro de 2024 Páx. 6843

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Santiago de Compostela

ANUNCIO de información pública sobre o estudo de detalle para a accesibilidade de vivendas situadas na travesía da Choupana, números 3 e 4.

A Xunta de Goberno Local do Concello de Santiago de Compostela, na sesión que tivo lugar o 15 de xaneiro de 2024, adoptou o seguinte acordo:

a) Aprobar inicialmente o estudo de detalle para a accesibilidade de dous edificios de vivendas situados na travesía da Choupana, números 3 e 4, elaborado polo arquitecto Jesús Carrillo Pena (Carquitec, S.L.P.) por iniciativa da Comunidade de Propietarios do edificio núm. 4, segundo o proxecto presentado o 9 de novembro de 2023.

O estudo de detalle contén a delimitación espacial do ámbito da actuación, para os efectos do disposto polos artigos 24 do Real decreto lexislativo 7/2015 e 13.2 da Lei 1/2019, de rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas de Galicia, que habilitan a ocupación do dominio público e das superficies comúns de uso privativo para a instalación de ascensores ou outros elementos que aseguren a accesibilidade universal, así como para a realización de obras ou instalacións que reduzan a demanda enerxética.

Ao abeiro do disposto polo artigo 13.5 da dita Lei 1/2019, acórdase que as actuacións dirixidas á mellora das condicións de accesibilidade e da eficiencia enerxética previstas no estudo de detalle non computarán para os efectos de edificabilidade, volume máximo edificable e ocupación de parcela, nin de distancias mínimas a lindeiras, outras edificacións, espazos públicos e vías públicas, ou cumprimento de aliñacións.

b) En aplicación do procedemento regulado polos artigos 80.2 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, e 194 do seu regulamento, o estudo de detalle inicialmente aprobado someterase a información pública durante o prazo dun mes, mediante anuncios que para o efecto se publicarán no Diario Oficial de Galicia e nun xornal dos de maior circulación na provincia. Simultaneamente, efectuarase notificación individual aos titulares catastrais das parcelas afectadas.

Durante o trámite de información pública solicitarase o informe da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

O que se publica co fin de que, durante o prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio, os interesados poidan consultar o expediente e formular as alegacións que xulguen oportunas. A documentación sometida a exposición pública estará ao dispor dos interesados no Servizo de Planeamento e Xestión Urbanística do Concello de Santiago de Compostela (Pazo de Raxoi, 2º andar), de luns a venres, das 9.00 ás 14.00 horas, e na páxina web do Concello:

http://transparencia.santiagodecompostela.gal/E.D-accesibilidade-edificios-travesa-da-Choupana/gl

As alegacións poderán presentarse na sede electrónica do Concello de Santiago de Compostela, na epígrafe «Catálogo de trámites», a través do trámite «Presentación de documentación e alegacións» e da opción «Achega libre». Deberase introducir o dato 2023/00045193W no campo «Referencia» e incorporar o documento das alegacións.

As alegacións tamén se poderán presentar por calquera dos outros medios relacionados no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2024

A alcaldesa
P.D. (DEC/2023/8135, do 17 de xuño de 2023)
Iago Lestegás Tizón
Concelleiro delegado de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica