DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Xoves, 18 de xaneiro de 2024 Páx. 4376

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

EXTRACTO da Orde do 27 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas para o sector editorial galego, relativas a gastos de edición, distribución e comercialización das publicacións editoriais no ano 2024, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento CT238A).

BDNS (Identif.): 739326.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a condición de editoras de acordo co establecido na presente orde, para o que deberán estar dadas de alta antes do 1 de xaneiro de 2024, na epígrafe 476.1 edición de libros, do imposto de actividades económicas e que conten, tamén antes da citada data, cun departamento de edición en Galicia.

Non poden beneficiarse das axudas recollidas nesta orde aqueles solicitantes que se atopen nos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión de subvención, a aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a condición de editoras de acordo co establecido na presente orde.

As axudas van dirixidas á apoiar o sector editorial galego, no que se refire aos gastos derivados da edición (produción), distribución e comercialización das súas publicacións, nos idiomas cooficiais en Galicia ou noutros idiomas, editadas e distribuídas entre o 1.11.2023 e o 30.9.2024.

Para os efectos da presente orde, considéranse gastos de edición, os de autoría, corrección, revisión, maquetación, custos de preimpresión e de impresión, dixitalización, ou calquera outro gasto de similar natureza.

Distribución: transporte e calquera actuación que permita a chegada da obra aos canles de difusión, sexan físicos ou dixitais.

Comercialización: campañas de márketing e/ou publicidade en diferentes medios ou canles.

Polo menos a maquetación, impresión e distribución deberá estar realizada no período indicado no parágrafo segundo deste artigo.

2. Así mesmo, ten por obxecto convocar a dita subvención para o ano 2024.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 27 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas para o sector editorial galego, relativas a gastos de edición, distribución e comercialización das publicacións editoriais no ano 2024, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento CT238A).

Cuarto. Importe

1. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.04.432A.770.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, por un importe de 250.000,00 €.

2. O importe inicial da convocatoria pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2023

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades