DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Mércores, 17 de xaneiro de 2024 Páx. 3969

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

EXTRACTO da Orde do 19 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento MT809D).

BDNS (Identif.): 739247.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Liña para a prevención de danos ocasionados polo lobo e o oso:

Poderanse acoller a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras do tipo de gando bovino, ovino, cabrún, porcino da raza celta, equino e apícola que figuren incluídas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega) de Galicia.

2. Liña para prevención de danos ocasionados polo xabaril.

Poderanse acoller a estas axudas:

a) As persoas físicas ou xurídicas que exercen a actividade agraria e estean inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga).

b) As explotacións agrarias destinadas ao autoconsumo.

Segundo. Obxecto

Establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas a favor das persoas titulares de explotacións agrícolas e/ou gandeiras afectadas polos ataques de especies de fauna silvestre (lobo, oso e xabaril), coa finalidade de fomentar a aplicación de medidas de protección, para o que se incentivará a adquisición de elementos preventivos dos danos que poidan ocasionar estas especies, e proceder á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento MT809D).

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 19 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento MT809D).

Cuarto. Contía

a) Liña de prevención de danos ocasionados polo lobo: comprenderá ata un importe dun millón de euros (1.000.000 €), que se destinarán á adquisición e mantemento de cans protectores e defensores do gando, pastores eléctricos e cerrumes móbiles de malla electrificada.

b) Liña de prevención de danos ocasionados polo oso: comprenderá ata un importe de vinte mil euros (20.000 €) que se destinarán á adquisición de pastores eléctricos.

c) Liña de prevención de danos ocasionados polo xabaril: comprenderá ata un importe de catrocentos noventa mil euros (490.000 €) que se destinarán á adquisición de pastores eléctricos.

A repartición anterior aplicarase sen prexuízo de que, unha vez atendidas todas as solicitudes para cada liña de actuación, poida utilizarse o posible orzamento sobrante nunha delas para atender solicitudes na outra.

Subvencionarase a adquisición de:

1. Cans para a protección e defensa do gando: para súa adquisición, ata un importe máximo de 300 € por can; para os gastos de mantemento, ata 200 € por can.

2. Adquisición de pastores eléctricos. A contía máxima da axuda por explotación é de 600 €.

3. Adquisición de cerrumes móbiles de malla electrificada. A contía máxima da axuda será de 100 € por malla de 50 m, ata un máximo de 8 mallas por explotación.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes de axuda será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da orde no DOG.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2023

Ángeles Vázquez Mejuto
Vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente,
Territorio e Vivenda