DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 15 de xaneiro de 2024 Páx. 3082

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

EXTRACTO da Orde do 18 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras da subvención a entidades locais de Galicia para a programación de actividades de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas e/ou axencias de lectura de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento CT236A).

BDNS (Identif.): 739087.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Obxecto

Establecer as bases reguladoras das subvencións dirixidas ás entidades locais de Galicia para a realización de actividades de dinamización de lectura nas bibliotecas públicas e/ou axencias de lectura de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas de Galicia, e proceder á súa convocatoria para o ano 2024, no marco do programa Ler conta moito (código de procedemento CT236A).

Segundo. Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias desta subvención as entidades locais de Galicia que sexan titulares de bibliotecas ou axencias de lectura pública integradas na Rede de bibliotecas de Galicia, estean ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, e teñan cumprido o establecido no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Tamén poderán ser beneficiarias as agrupacións de concellos para a prestación de servizos bibliotecarios comúns, cuxos integrantes cumpran individualmente os requisitos establecidos na orde.

Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles que estean nalgún dos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As bibliotecas e axencias de lectura municipais para as que se solicita a subvención deberán estar integradas na Rede de bibliotecas de Galicia antes da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, ter un horario de apertura ao público dun mínimo de 15 horas semanais, ter cuberta e remitida ao Servizo do Sistema de Bibliotecas a estatística de bibliotecas do ano 2022 (agás as que fosen creadas ou que reactivasen os seus servizos durante 2023 ou 2024, antes do remate do prazo de presentación de solicitudes) e ter informatizada a súa xestión.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 18 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras da subvención a entidades locais de Galicia para a programación de actividades de dinamización da lectura nas bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento CT236A).

Cuarto. Importe

Destinarase un crédito total de 195.000,00 euros con cargo á aplicación orzamentaria 10.04.432A.760.3 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes desde o día seguinte ao da publicación deste extracto no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación, Formación Profesional e Universidades