DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 12 de xaneiro de 2024 Páx. 2810

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

ANUNCIO do 12 de decembro de 2023, do Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galicia Centro, de apertura do trámite de competencia de proxectos do expediente de solicitude dunha concesión de augas para o accionamento dun muíño fariñeiro no regato do Pazo, concello de Trazo, A Coruña (expediente DH.A15.89981).

O ente público empresarial Augas de Galicia, mediante o presente anuncio, somete á competencia de proxectos a seguinte instancia presentada relativa á solicitude de concesión de augas, conforme os artigos 104 e seguintes do Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do Dominio Público Hidráulico (en diante, RDPH).

Peticionario: Manuel Varela Fraga.

Destino do aproveitamento: accionamento dun muíño fariñeiro.

Caudal de auga solicitado: 4,24 m3/s.

Corrente de onde derivarán as augas: Regato do Pazo.

Termos municipais onde radican as obras: Trazo (A Coruña).

A dita petición tramitarase de conformidade co disposto no artigo 105 do RDPH; deste modo, ábrese o trámite de competencia de proxectos para que, no prazo dun (1) mes contado desde a publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, o peticionario presente instancia en que concrete a correspondente petición e demais aspectos previstos no dito artigo 105 e achegue con ela o proxecto e a demais documentación prescrita no artigo 106 do regulamento; durante este prazo, tamén se admitirán outras peticións que teñan o mesmo obxecto que aquela ou sexan incompatibles con ela, e xunto con estas poderanse presentar proxectos en competencia.

Denegarase a tramitación posterior de toda petición que supoña unha utilización de caudal superior ao dobre do que figura máis enriba como petición base do concurso, de acordo co artigo 105 do RDPH, sen prexuízo de que o peticionario que o pretenda poida, dentro do prazo fixado neste anuncio para a admisión de peticións, acollerse á tramitación indicada no parágrafo 3 do dito artigo 105 do RDPH, remitindo a súa petición na forma prevista no seu artigo 104 e solicitando a paralización do trámite da solicitude publicada inicialmente. Neste caso, coa petición achegará xustificante acreditativo do ingreso na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda e Administración Pública dunha fianza pola cantidade de tres mil (3.000) euros por cada m3/s de caudal solicitado, para responder da presentación do documento técnico correspondente á súa petición.

O desprecintado dos documentos técnicos realizarase na forma sinalada no artigo 107 do RDPH e terá lugar, transcorridos quince días desde a conclusión do prazo de presentación de peticións, nas dependencias do edificio administrativo de Augas de Galicia, sitas na rúa Tomiño, 16 baixo, 15781 Santiago de Compostela.

As peticións presentaranse na sede electrónica da Xunta de Galicia, utilizando o modelo xenérico de presentación de escritos (https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=PR004A) indicando no destino a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, Augas de Galicia, Zona Hidrográfica de Galicia-Centro, e facendo referencia á clave do expediente que figura no encabezamento deste anuncio. Os documentos técnicos presentaranse en sobre debidamente precintado e lacrado (catro exemplares: un en formato papel e tres en formato dixital), na forma indicada para a presentación de arquivos que superen os 50 MB, de xeito que se presentarán presencialmente nalgunha das oficinas de rexistro. No exterior deste sobre indicarase tamén como destino a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, Augas de Galicia, Zona Hidrográfica de Galicia-Centro, e farase referencia á clave do expediente que figura no encabezamento deste anuncio.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2023

Jesús Antonio Manrique Merino
Xefe do Servizo Territorial da Zona Hidrográfica Galicia Centro