DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 12 de xaneiro de 2024 Páx. 2503

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

EXTRACTO da Orde do 12 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para actuacións encamiñadas á protección dos animais domésticos de compañía abandonados en Galicia e se convocan axudas para o ano 2024 destinadas ás asociacións inscritas no Rexistro Galego de Ssociacións para a Protección e Defensa dos Animais de Compañía (código de procedemento MT811B).

BDNS (Identif.): 738386.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións sen ánimo de lucro legalmente constituídas e inscritas no Rexistro galego de asociacións para a protección e defensa dos animais de compañía con anterioridade á data de publicación desta orde.

Para poder seren beneficiarias das axudas para os gastos subvencionables recollidos na letras a) e c) do artigo 2.1 deberán ser titulares ou xestoras dun centro de recollida autorizado e inscrito no Rexistro de galego de núcleos zoolóxicos de Galicia.

Segundo. Obxecto

Establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas para actuacións encamiñadas á protección dos animais domésticos de compañía abandonados en Galicia relativas á atención e coidado dos animais domésticos de compañía que se atopen nos centros de recollida autorizados e/ou formen parten de colonias felinas reguladas no artigo 26 da Lei 4/2017, do 3 de outubro, á realización de campañas de concienciación para a tenza responsable e para a adopción de animais abandonados e a adquisición de material para a xestión e manexo dos animais aloxados nos centros de recollida autorizados, así como proceder á súa convocatoria para o ano 2024 destinadas ás asociacións inscritas no Rexistro galego de asociacións para a protección e defensa dos animais de compañía (código de procedemento MT811B).

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 12 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para actuacións encamiñadas á protección dos animais domésticos de compañía abandonados en Galicia e se convocan axudas para o ano 2024 destinadas ás asociacións inscritas no Rexistro Galego de Asociacións para a Protección e Defensa dos Animais de Compañía (código de procedemento MT811B).

Cuarto. Contía

O importe asignado é de douscentos vinte mil euros (220.000 €), sen prexuízo do incremento orzamentario que se poida realizar con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será desde o día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 13 de setembro de 2024.

Sexto. Outros datos

As axudas a que se refire esta orde comprenden os gastos subvencionables recollidos no artigo 2 que fosen efectivamente realizados no período comprendido entre o 1 de setembro de 2023 e o 31 de agosto de 2024.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2023

Ángeles Vázquez Mejuto
Vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente,
Territorio e Vivenda