DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 9 de xaneiro de 2024 Páx. 1626

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

EXTRACTO da Orde do 20 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos custos derivados da contratación de persoas coidadoras do gando en gandarías, como medida de prevención dos danos que poida ocasionar o lobo, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento MT809G).

BDNS (Identif.): 737529.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderanse acoller a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras do tipo de gando bovino, ovino, cabrún e equino que figuren incluídas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega) de Galicia.

Segundo. Obxecto

Establecer as bases reguladoras para conceder axudas para a contratación de persoas coidadoras de gando en explotacións gandeiras, para pastoreo e manexo do gando como medida preventiva dos danos que poida ocasionar o lobo, e realizar a súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento MT809G).

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 20 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos custos derivados da contratación de persoas coidadoras do gando en gandarías, como medida de prevención dos danos que poida ocasionar o lobo, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento MT809G).

Cuarto. Contía

As axudas concedidas ao abeiro desta orde serán financiadas pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda cun importe total de catrocentos mil con cincuenta céntimos de euro (400.000,50 €), con cargo á aplicación orzamentaria 06.03.541.B.770.1, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co seguinte:

a) Liña para os contratos en vigor a partir do 1 de xaneiro do 2024 ata o 30 de novembro de 2024: comprenderá ata un importe de douscentos cincuenta mil euros con cincuenta céntimos de euro (250.000,50 €).

b) Liña para o mantemento ata o 30 de novembro de 2024 do posto de traballo indefinido creado ao abeiro das liñas de axudas concedidas aos custos derivados da contratación de persoas coidadoras do gando en gandarías, como medida de prevención dos danos que poida ocasionar o lobo no ano 2023: comprenderá ata un importe de cento cincuenta mil euros (150.000 €).

Subvencionarase:

1. Será actividade subvencionable o investimento para a contratación de persoas coidadoras de gando en explotacións gandeiras, como elemento preventivo dos danos que poida ocasionar o lobo, que cumpra os seguintes requisitos:

a) O pastoreo exercerase sobre as reses da explotación gandeira e nos terreos destinados ao pastoreo do gando da persoa beneficiaria.

b) Poderán acollerse a estas axudas:

1º. Liña para os contratos en vigor a partir do 1 de xaneiro de 2024 ata o 30 de novembro de 2024.

2º. Liña para o mantemento, desde o 1 de xullo de 2024 ata o 30 de novembro de 2024, do posto de traballo indefinido creado ao abeiro das liñas de axudas concedidas aos custos derivados da contratación de persoas coidadoras do gando en gandarías, como medida de prevención dos danos que poida ocasionar o lobo no ano 2023.

c) Será obxecto de axuda a actividade de pastoreo que se realice a xornada completa (40 horas semanais), con redución proporcional no caso de xornadas inferiores.

Ao comezar ou ao finalizar o contrato, de non se alcanzar un mes completo, ratearase a subvención segundo os días de actividade de pastoreo e manexo do gando efectiva.

d) Deberanse indicar en todos os casos os terreos onde se van desenvolver as actividades de pastoreo para as cales se solicita a subvención.

2. A axuda poderá acadar o 100 % dos gastos subvencionables e fíxase un importe máximo de 18.000 euros de axuda por persoa beneficiaria.

3. Sen superar a porcentaxe anterior, a axuda máxima será de 1.500 euros por persoa e mes de pastoreo a xornada completa. Nos casos dunha duración inferior ao mes ou dunha dedicación inferior á xornada completa, o importe reducirase de forma proporcional á duración do contrato e á dedicación, cun límite de 9 €/hora efectivamente traballada.

4. Subvencionarase o investimento na contratación dunha persoa coidadora do gando. O número de contratacións por solicitante será dunha persoa coidadora de gando.

5. Se por causa xustificada o importe final dos gastos for menor do que se considerou subvencionable, o pagamento será minorado na porcentaxe que corresponda.

6. Non será causa de incremento da axuda que o importe final dos gastos sexa superior ao tomado en consideración para a súa concesión.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes de axuda será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da orde no DOG.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2023

Ángeles Vázquez Mejuto
Vicepresidenta segunda e conselleira
de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda