DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 8 de xaneiro de 2024 Páx. 1027

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 158/2023, do 21 de decembro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello do Carballiño da estrada OU-172 e dos treitos antigos OU-171 e OU-173, xunto co seu dominio público viario (DPV).

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos destas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra banda, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello do Carballiño solicítalle á Axencia Galega de Infraestruturas a cesión da titularidade da estrada autonómica OU-172 e dos treitos antigos da estrada OU-902, denominados OU-171 e OU-173.

Os treitos antigos da OU-902 non teñen a consideración de estradas, xa que non aparecen recollidos no Catálogo de estradas da Rede autonómica de estradas de Galicia, en adiante RAEG, senón de elementos funcionais da estrada OU-902, conforme a letra c) do artigo 6.1 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia.

A estrada OU-172 ten unha lonxitude de 780 metros e discorre entre a N-541 e o p.q. 27+670 da estrada OU-902. Está categorizada funcionalmente polo Catálogo da RAEG como pertencente á rede local e tamén constitúe un treito antigo da estrada OU-902, sen funcionalidade dentro da rede autonómica.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo cos informes emitidos polos servizos competentes, formula a proposta favorable á transferencia de titularidade da estrada OU-172 e dos treitos antigos da estrada OU-902, denominados OU-171 e OU-173, que se definen no artigo 1.

Os nós de conexión da OU-172 e dos treitos antigos OU-171 e OU-173 coa estrada
OU-902 seguirán sendo de titularidade autonómica.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e un de decembro de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello do Carballiño da estrada OU-172 e dos treitos antigos OU-171 e OU-173, xunto co seu dominio público viario:

Clave

Denominación

p.q.i

Coordenadas UTM (ETRS89 fuso 29)

p.q.f

Coordenadas UTM (ETRS89 fuso 29)

Lonx. (m)

Superficie DPV m2

OU-171

Treito antigo da OU-902 de Esgueva

0+035

x= 574.437

y = 4.701.443

1+130

x = 574.005

y = 4.702.236

1.057

13.597

OU-172

O Carballiño (N-541)-O Carballiño
(OU-902)

0+000

x = 575.768

y = 4.698.604

0+740

x = 575.672

y = 4.699.178

734

11.025

OU-173

Treito antigo da OU-902 da Veiga

0+030

X = 575.324

y = 4.699.398

0+720

x = 574.997

y = 4.699.957

682

8.823

Modificar, en aplicación do artigo 10.6.a) da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Catálogo da rede autonómica de estradas de Galicia, aprobado polo Decreto 100/2021, do 24 de xuño, no sentido de reflectir este cambio de titularidade, eliminando do catálogo a estrada OU-172.

O documento do catálogo e as súas modificacións posteriores poderanse consultarse na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade:

https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Esta acta de entrega e os seus planos poderán consultarse na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade:

https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega

Artigo 3

Correspóndenlle ao Concello do Carballiño, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que lle poida corresponder como nova Administración titular.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de decembro de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade