DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 8 de xaneiro de 2024 Páx. 1284

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 27 de decembro de 2023 pola que se dá publicidade á Resolución do 26 de decembro de 2023 pola que se encomenda a Xestión do Solo de Galicia-Xestur, S.A. a realización de traballos técnicos. Clave: GA/24/009.09 (AT/029/2023).

De conformidade co disposto no artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, dáse publicidade á seguinte encomenda coas seguintes características:

Resolución do 26 de decembro de 2023, da Axencia Galega de Infraestruturas, pola que se encomenda ao medio propio Xestión do Solo de Galicia-Xestur, S.A. a realización de traballos técnicos.

– Actividade: traballos de apoio técnico á Axencia Galega de Infraestruturas no desenvolvemento daquelas tarefas en que a experiencia acumulada por Xestur na execución de obras permita complementar o traballo do persoal da Axencia. En concreto, estas tarefas focalizaranse nos seguintes ámbitos: determinación e programación das actuacións derivadas dos diferentes instrumentos de planificación da Axencia Galega de Infraestruturas; elaboración de estudos, informes, proxectos, inspección, execución de actuacións e dirección de contratos competencia da Axencia Galega de Infraestruturas.

– Natureza e alcance da xestión encomendada: encomenda de xestión a medio propio, ao ter a empresa Xestión do Solo de Galicia-Xestur, S.A. a consideración de medio propio e de servizo técnico da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ao abeiro do establecido nos artigos 10 e 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

– Prazo de vixencia: doce (12) meses contados a partir do día 1 de xaneiro de 2024, prorrogable por doce (12) meses máis.

– Modalidade de financiamento: esta encomenda tramítase como expediente anticipado de gasto con cargo aos orzamentos da Axencia Galega de Infraestruturas para o ano 2024, aplicación orzamentaria 08.A1.512B.640.1.

– Orzamento: 66.966,30 €.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2023

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas