DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Venres, 5 de xaneiro de 2024 Páx. 706

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 27 de decembro de 2023 pola que se suprimen as oficinas do Rexistro Auxiliar do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) en Santiago de Compostela e dos rexistros auxiliares que este organismo ten na Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no seu artigo 26.5 que o Sistema único de rexistro dependerá da consellería competente en materia de administracións públicas e no artigo 33.3 que as oficinas da Rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro se crearán, se modificarán e se suprimirán mediante unha orde da persoa titular da consellería competente en materia de administracións públicas.

O Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 196, do 13 de outubro), dispón no seu artigo 8.2 que a creación, modificación ou supresión das oficinas de rexistro auxiliares se fará mediante orde da consellería competente en materia de administracións públicas, por proposta da consellería ou entidade correspondente, logo de informe da Oficina de Rexistro Xeral.

No anexo I do citado Decreto 191/2011, do 22 de setembro, figuran os rexistros auxiliares do Igape, sinalados no encabezamento desta orde. Non obstante, as oficinas de rexistro do Igape non están integradas na aplicación Aires da Xunta de Galicia, a través da cal se articula a actividade de entrada e saída de documentación.

Con data do 3 de novembro de 2023, a xerente do Igape remitiu escrito á Secretaría Xeral Técnica desta vicepresidencia primeira, onde solicita a supresión das oficinas auxiliares de rexistro do Edificio Administrativo do Igape en Santiago de Compostela e dos rexistros auxiliares existentes nas oficinas do Igape nas localidades da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

Tendo en conta que as persoas que se relacionan co Igape, pola materia da cal é competente, están obrigadas a relacionarse por medios electrónicos, segundo o establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o que provoca que a presentación presencial de documentación sexa moi escasa.

Esta supresión faise tendo sempre en conta os principios de eficacia e economía que deben inspirar a actuación e a organización administrativa.

Polo exposto e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Suprímense as oficinas auxiliares de rexistro do Edificio Administrativo do Igape en Santiago de Compostela e dos rexistros auxiliares existentes nas oficinas do Igape nas localidades da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

Disposición derradeira primeira

O establecido nesta orde non suporá incremento de gasto.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Nesa mesma data, actualizarase para a cidadanía a relación de oficinas de rexistro auxiliar existente na páxina web institucional.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e Conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes