DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Xoves, 4 de xaneiro de 2024 Páx. 646

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 23 de novembro de 2023, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Miño (expediente IN407A 2023/356-1).

Expediente: IN407A 2023/356-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación do proxecto: CT, RBT, lugar Ansimonde, s/n.

Concello: Miño.

Feitos:

1. O día 6.11.2023, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da dita instalación de distribución eléctrica co obxecto de atender unha petición de subministración para unha vivenda de 5,75 kW (baremo).

Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, achegan o proxecto, que inclúe memoria, planos e orzamento, e que abrangue os seguintes documentos:

1. Proxecto de execución denominado CT, RBT, lugar Ansimonde, s/n, asinado o día 11.4.2023 por Abel Fernández Bermúdez, enxeñeiro técnico industrial graduado en enxeñaría eléctrica, co número de colexiado 4.793 de Vigo (COITIVigo) e co número de visado 22300853 do 11.4.2023.

2. Resposta ao requirimento, asinado o día 24.10.2023 por Abel Fernández Bermúdez.

3. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

4. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, trasladóuselles unha separata do proxecto ás entidades afectadas, na parte en que a instalación puider afectar bens e dereitos ao seu cargo. A separata contén as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente. Así, solicitouse o informe preceptivo ao Concello de Miño.

No día desta resolución, non consta no expediente resposta do concello á solicitude de informe.

5. O día 13.11.2023 emitiuse o informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; o artigo 41 do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), modificado polo Decreto 49/2023, do 19 de maio (DOG núm. 98, do 25 de maio), consonte a disposición transitoria primeira do Decreto do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 119, do 23 de xuño de 2023).

Segunda. Lexislación de aplicación.

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

Terceira. Características técnicas:

• As instalacións de alta tensión obxecto deste expediente están situadas no lugar de Padrín no concello de Miño e as súas características técnicas son as seguintes:

• Ampliación de potencia do CT Padrín (expediente 333/97 matrícula 15AHA5) de 160 a 250 kVA, con relación de transformación de 15/0,4 kV, e alimentado pola liña PED-710, procedente da subestación de Pedrido. O aumento da potencia fai necesarias as seguintes actuacións:

• Desmantelamento do actual CT Padrín de tipo intemperie.

• Instalación dun novo CT compacto, prefabricado, telecontrolado, con envolvente de formigón e manobra exterior, de 250 kVA, configuración 2L+1P e relación de transformación de 15/04 kV nas inmediacións do CT existente.

• Liña de media tensión soterrada para a conexión do novo CT, a 15 kV, de 21 m, condutor RHZ1-2OL 12/20 kV 240 mm Al, coa orixe e final no apoio existente da liña PED-710 despois de facer entrada e saída no novo CT proxectado.

Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial, no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.

A Coruña, 23 de novembro de 2023

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña