DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Xoves, 4 de xaneiro de 2024 Páx. 590

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 24 de novembro de 2023 pola que se establecen as bases que regulan a concesión das axudas para o fomento das razas autóctonas galegas e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento MR536A).

BDNS (Identif.): 735706.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderanse acoller ás axudas descritas nesta orde as organizacións ou asociacións de criadores das razas autóctonas galegas, recoñecidas pola Comunidade Autónoma, que cumpran os requisitos seguintes:

a) Estar oficialmente recoñecidas para a xestión do libro ou libros xenealóxicos da raza ou razas autóctonas españolas pola Comunidade Autónoma galega.

b) Cumprir os requisitos exixidos polos artigos 13.2 e 13.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e, se for o caso, o recollido nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Cumprir co establecido no Regulamento (UE) nº 2016/1012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 8 de xuño de 2016, relativo ás condicións zootécnicas e xenealóxicas para a cría, o comercio e a entrada na Unión de animais reprodutores de raza pura, porcinos reprodutores híbridos e o seu material reprodutivo, e polo que se modifican o Regulamento (UE) nº 652/2014 e as directivas 89/608/CEE e 90/425/CEE do Consello e se derrogan determinados actos no ámbito da cría animal (Regulamento sobre cría animal) e no Real decreto 45/2019, do 8 de febreiro, polo que se establecen as normas zootécnicas aplicables aos animais reprodutores de raza pura, porcinos reprodutores híbridos e o seu material reprodutivo, se actualiza o Programa nacional de conservación, mellora e fomento das razas gandeiras e se modifica o Real decreto 558/2001, do 25 de maio; o Real decreto 1316/1992, do 30 de outubro; o Real decreto 1438/1992, do 27 de novembro; e o Real decreto 1625/2011, do 14 de novembro.

d) Ter a condición de peme de acordo co establecido no anexo I do Regulamento (UE) nº 2022/2472 da Comisión do 14 de decembro de 2022. Esta definición inclúese no anexo II da orde.

e) Non ter a consideración de empresa en crise, de acordo co artigo 2.59 do Regulamento (UE) número 2022/2472 da Comisión, do 24 de decembro de 2022.

f) Non estar suxeitos a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.

Segundo establece o artigo 10 do Real decreto 45/2019, do 8 de febreiro, as asociacións de criadores de animais de razas gandeiras poderán constituír federacións, confederacións ou agrupacións que integren a varias asociacións que existan recoñecidas oficialmente para diferentes ou as mesmas razas, designándose xenericamente como asociacións de segundo grao, para os efectos de interlocución e representatividade ante as administracións públicas e para establecer os mecanismos que faciliten a homoxénea xestión de tales razas para o seu fomento, conservación e mellora.

Así mesmo, os requisitos previstos nas letras b), d), e) e f) tamén deberán ser cumpridos polas explotacións gandeiras en que se realicen as actividades subvencionables.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión de axudas da Consellería do Medio Rural destinadas ás organizacións ou asociacións de gandeiros recoñecidas pola Comunidade Autónoma de Galicia, para o fomento das razas autóctonas galegas, e proceder á súa convocatoria para o ano 2024.

Terceiro. Bases reguladoras

Estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto na Orde do 24 de novembro de 2023 pola que se establecen as bases que regulan a concesión das axudas para o fomento das razas autóctonas galegas e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento MR536A).

Cuarto. Importe

A contía global destas axudas será, para o ano 2024, de douscentos vinte mil euros (220.000 €), con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, os importes dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia con que se financiarán estas axudas poderanse incrementar con fondos estatais ou autonómicos achegados para o efecto, na mesma ou noutras aplicacións orzamentarias, de acordo con artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Quinto. Solicitudes e prazo de presentación destas

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que figura como anexo I dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2023

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural