As Brañas de Sada foron declaradas de xeito provisional Espazo Natural de Interese Local mediante a Orde do 27 de xaneiro de 2020 (DOG núm. 28, do 11 de febreiro). Esta orde condicionou a súa declaración definitiva á presentación, por parte do Concello, dun plan de conservación. O Concello formalizou a súa remisión o día 21 de xaneiro de 2022.
No momento de iniciar os trámites para a declaración deste espazo estaba en vigor a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza. Esta lei foi derrogada pola Lei 5/2019, do 2 de agosto, de patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia. Esta lei recolle na súa disposición transitoria sétima, punto 2, que os procedementos administrativos en tramitación á súa entrada en vigor seguirán a tramitarse pola normativa vixente ao iniciar a súa tramitación. Por tal motivo, este plan tramítase ao abeiro da Lei 9/2001, do 21 de agosto.
O día 7.12.2022 a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asinou o acordo de inicio para a elaboración e tramitación do proxecto de decreto polo que se aproba o plan de conservación deste espazo natural.
A Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente establece, no seu título III, o dereito a que o público poida expresar observacións e opinións cando están abertas todas as posibilidades, antes de que se adopten decisións sobre un plan, programa ou disposición de carácter xeral en relación a asuntos de carácter medioambiental.
Por outro lado, o artigo 133 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establece que, con carácter previo á elaboración dun proxecto ou anteproxecto de lei ou de regulamento, realizarase unha consulta pública a través do portal web da Administración competente en que se recollerá a opinión dos suxeitos e das organizacións máis representativas potencialmente afectados pola futura norma acerca de:
a) Os problemas que se pretenden solucionar coa iniciativa;
b) A necesidade e oportunidade da súa aprobación;
c) Os obxectivos da norma;
d) As posibles solucións alternativas regulamentarias e non regulamentarias.
En relación cos problemas que pretende solucionar, o plan de conservación, tras unha análise do espazo natural, determina as presións e ameazas que está a sufrir. O plan busca a redución destas presións e ameazas a través do desenvolvemento de actividades humanas compatibles co mantemento nun estado de conservación favorable dos elementos considerados como claves para a súa declaración como espazo protexido.
Visto o anterior, e conforme o establecido no artigo 16 da Lei 27/2006, do 18 de xullo, e no artigo 133 da Lei 39/2015, do 1 de outubro,
ACORDO:
Primeiro. Abrir un período de participación ao público do documento base do Plan de conservación do espazo natural de interese local Brañas de Sada, durante o prazo dun (1) mes, contado o dito período desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.
Segundo. Durante o citado prazo poderase consultar o documento base do plan na seguinte ligazón do portal de transparencia da Xunta de Galicia:
https://transparencia.xunta.gal/tema/informacion-de-relevancia-xuridica/consulta-publica-previa/consultas-abertas
así como na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda:
https://cmatv.xunta.gal/seccion-tema/c/CMAOT_Conservacion?content=Direccion_Xeral_Conservacion_Natureza/Participacion_publica/seccion.html&std=Participacion_publica.html
Terceiro. As persoas interesadas poden enviar as súas alegacións:
1. A través do formulario disposto para este fin na ligazón do portal de transparencia da Xunta de Galicia indicado no punto segundo deste anuncio.
2. Mediante correo electrónico ao seguinte enderezo: planificacion.conservacion@xunta.gal, poñendo no asunto «Documento base do Plan de conservación ENIL Brañas de Sada».
3. Mediante a presentación de escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2023
Belén María do Campo Piñeiro
Directora xeral de Patrimonio Natural