DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Martes, 2 de xaneiro de 2024 Páx. 176

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 19 de decembro de 2023 polo que se somete a información pública o expediente de modificación do Catálogo da Rede autonómica de estradas de Galicia.

En relación co expediente de modificación do Catálogo da Rede autonómica de estradas de Galicia, ao abeiro da Resolución do 13 de decembro de 2023, da Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, e de conformidade co procedemento establecido no artigo 20.bis do Regulamento xeral de estradas de Galicia, aprobado polo Decreto 66/2016, do 26 de maio, sométese o antedito expediente a un trámite de información pública que se levará a cabo durante un prazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación do presente anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Os documentos que se someten a información pública son a proposta de decreto para a modificación do Catálogo da Rede autonómica de estradas de Galicia, a memoria xustificativa elaborada pola Área de Planificación, Innovación e Seguridade Viaria, do 13 de decembro de 2023, que inclúe a xustificación da categoría funcional que se propón para os novos treitos de estradas que se deben incorporar á Rede autonómica de estradas de Galicia, os planos que describen os anteditos treitos de estradas e a propia Resolución do 13 de decembro de 2023, da Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas.

A documentación que forma o expediente estará á disposición da cidadanía, en días e horas hábiles de oficina, nos locais da Axencia Galega de Infraestruturas en Santiago de Compostela (Edificio Administrativo de San Caetano, s/n), nos Servizos Provinciais da Axencia Galega de Infraestruturas na Coruña (rúa Vicente Ferrer, 2) e Pontevedra (avenida de María Victoria Moreno, 43, 1º), e nas casas dos concellos da Coruña (praza de María Pita, 1) e de Salvaterra de Miño (praza da Constitución, 1), así como na páxina web oficial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través do seguinte enderezo:

https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/informacion-publica/outros

As alegacións presentadas neste procedemento deberán versar sobre a identificación das estradas incluídas no catálogo, sobre os datos que as definen e sobre a xustificación da clasificación técnica e da categorización funcional das estradas na forma proposta no Catálogo de estradas.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2023

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas