O artigo 70 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público (TREBEP), e o artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (LEPG), establecen a oferta anual de emprego público como mecanismo de planificación das necesidades de selección de persoal nas administracións públicas.
Este mesmo é o instrumento previsto para tal efecto no artigo 92 dos estatutos da Universidade de Vigo, aprobados polo Decreto 13/2019, do 24 de xaneiro, da Xunta de Galicia (DOG do 22 de febreiro).
A oferta anual de emprego público constitúese así, na Universidade de Vigo, como un instrumento de planificación e publicidade das necesidades en materia de recursos humanos no ámbito da administración e os servizos que, non podendo satisfacerse mediante procedementos de provisión de postos, deben cubrirse a través de sistemas de selección de persoal de novo ingreso.
Na confección da oferta de emprego téñense en conta as previsións do artigo 20 da Lei 31/2022, do 24 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2023 (BOE núm. 308, do 24 de decembro), e dos artigos 12 e 36 da Lei 6/2022, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023 (DOG núm. 248, do 30 de decembro), polo que se inclúen prazas libres que non superan a taxa de reposición de efectivos do cento vinte por cento prevista na Lei 31/2022, do 24 de decembro, para sectores prioritarios.
Do mesmo xeito, nas condicións e termos previstos no artigo 48.2 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, faise unha reserva dunha cota non inferior ao sete por cento das vacantes ofertadas para seren cubertas por persoas con discapacidade.
De acordo con todo o exposto e logo de negociación cos órganos de representación do persoal de administración e servizos, emitida a preceptiva autorización pola Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos da Consellería de Facenda e Administración Pública, e conforme o Acordo do Consello de Goberno, do 22 de novembro de 2023, polo que se aproba a oferta de emprego público do persoal de administración e servizos para o ano 2023, a Reitoría da Universidade de Vigo, en uso das atribucións conferidas no artigo 29 dos estatutos desta universidade,
RESOLVE:
Primeiro. Publicación da oferta de emprego público
Publicar a oferta de emprego público das prazas detalladas no anexo I de persoal de administración e servizos da Universidade de Vigo para o ano 2023.
Segundo. Reserva de prazas para persoas con discapacidade
En aplicación das previsións contidas no artigo 59 do TREBEP, así como as condicións e termos estipulados no artigo 48.2 da LEGP, resérvase 1 praza para ser cuberta por persoas con discapacidade, sempre que superen as probas selectivas e acrediten a súa discapacidade e a compatibilidade desta co desempeño das tarefas e funcións.
Nas probas selectivas estableceranse para as persoas con discapacidade que o soliciten as adaptacións e os axustes razoables necesarios de tempo e medios para a súa realización, de acordo co disposto na Orde PRE/1822/2006, do 9 de xuño, pola que se establecen criterios xerais para a adaptación de tempos adicionais nos procesos selectivos para o acceso ao emprego público de persoas con discapacidade.
Terceiro. Acumulación de prazas correspondentes á oferta de emprego público dos anos 2021 e 2022
Poderán convocarse nun único proceso selectivo as prazas ofertadas de persoal funcionario correspondentes ás escalas e subescalas de persoal funcionario relacionadas nos anexos da presente oferta, xunto coas derivadas das ofertas de emprego público correspondentes aos anos 2021 e 2022 que aínda estean pendentes de convocar. No caso de seren acumuladas, aplicarase a normativa correspondente á oferta de 2023.
Todas as prazas publicadas tanto en ofertas anteriores como as relativas a esta oferta, que aínda están sen convocar, de categorías de persoal laboral e que, polo disposto no Acordo de funcionarización subscrito o 5 de xullo de 2021 cos órganos de representación do persoal de administración e servizos e ratificado polo Consello de Goberno na sesión do 27 de outubro de 2021, teñen unha equivalencia nas escalas e subescalas de carácter funcionarial, convocaranse nun proceso selectivo único acumuladas á escala ou subescala que lles corresponda de persoal funcionario.
Cuarto. Execución da oferta
Esta oferta executarase dentro do prazo máximo previsto nos artigos 70 do EBEP e 48 da LEPG.
Quinto. Publicidade das convocatorias
As convocatorias dos procesos selectivos de acceso libre derivadas desta oferta publicaranse no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado, para garantir a publicidade exixida no artigo 91.2 da Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario.
Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Non obstante, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante o órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpor o recurso contencioso-administrativo antedito mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro do artigo 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Vigo, 20 de decembro de 2023
Manuel Joaquín Reigosa Roger
Reitor da Universidade de Vigo
ANEXO I
Oferta de emprego público do persoal de administración e servizos da Universidade de Vigo para o ano 2023
Taxa de reposición |
|||||
Subgrupo/ grupo |
Escala |
Subescala |
Promoción interna |
Acceso libre |
|
Cota xeral |
Cota xeral |
Cota de reserva para persoas con discapacidade |
|||
A1 |
Técnica superior en tecnoloxías da información e das comunicacións |
Informática |
1 |
1 |
|
A1 |
Técnica superior de apoio á docencia e investigación |
Microscopía electrónica |
1 |
1 |
|
A1 |
Técnica superior de apoio á docencia e investigación |
Análise instrumental |
1 |
||
A1 |
Técnica superior de apoio á docencia e investigación |
Xenómica |
1 |
||
A1 |
Técnica superior de servizos xerais |
Emprego e emprendemento |
1 |
||
A1 |
Técnica superior de servizos xerais |
Riscos laborais |
1 |
||
A2 |
Técnica media de apoio á docencia e á investigación |
Actividades aeroespaciais |
1 |
||
A2 |
Técnica media en tecnoloxías da información e das comunicacións |
Informática |
2 |
1 |
|
C1 |
Técnica especialista de servizos xerais |
Transporte e distribución |
1 |
||
C2 |
Auxiliar técnica de servizos xerais |
Deportes |
1 |
||
Totais |
4 |
9 |
1 |
||
Total taxa reposición |
14 |