DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Mércores, 27 de decembro de 2023 Páx. 70674

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 13 de decembro de 2023, da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, pola que se regula o procedemento de comunicación de celebración de bingos sociais (código de procedemento PR307C).

A Lei 3/2023, do 4 de xullo, reguladora dos xogos de Galicia, regula, dentro do seu título preliminar, no artigo 2.2, os xogos excluídos do seu ámbito de aplicación, e na súa alínea b) os bingos organizados polas residencias da terceira idade e centros de día ou polas asociacións culturais ou deportivas legalmente inscritas que cumpran os requisitos establecidos nesa mesma alínea.

No último parágrafo do citado artigo 2.2, alínea b) establece que: «A asociación ou o responsable da residencia da terceira idade ou centro de día correspondente deberá presentar, cada vez que pretenda organizar un xogo de bingo nos termos expostos, unha comunicación ao órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo para os efectos de poder controlar o cumprimento dos anteriores requisitos».

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

Regular o procedemento de comunicación de celebración de bingos sociais, que terá asignado o código de procedemento PR307C.

Publicar o modelo de comunicación do procedemento, que se recolle no anexo I desta resolución.

Segundo. Prazo

O procedemento PR307C é un procedemento administrativo de prazo aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Requisitos

As persoas ou entidades comunicantes da celebración dun bingo social deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Organizadores:

– Residencias da terceira idade.

– Centros de día.

– Asociacións culturais ou deportivas legalmente inscritas.

b) Número de sesións: non poderá superarse o número de 4 sesións nun mes.

c) Cantidades xogadas: as cantidades xogadas, é dicir, a recadación pola venda de cartóns de bingo non poderá superar os 300 euros por sesión.

d) Premios: os premios outorgados non poderán superar os 300 euros por sesión. Poderán ser en metálico ou en especie.

e) Desenvolvemento do xogo: o xogo debe desenvolverse a través de medios manuais ou mecánicos sen que, en ningún caso, interveñan aplicacións informáticas ou programas de software.

f) Lugar de celebración:

– Residencia da terceira idade.

– Centro de día.

– Local que figure como domicilio social da correspondente asociación.

g) Menores: durante o desenvolvemento da sesión, en ningún caso poderán estar presentes na sala menores de idade.

Cuarto. Forma e lugar de presentación

As comunicacións presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado recollido no anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa comunicación presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da comunicación aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Quinto. Documentación complementaria

As persoas interesadas deberán achegar coa comunicación a seguinte documentación:

– Declaración responsable de que no desenvolvemento do xogo non se lles permitirá o acceso ao local aos menores de idade.

– Declaración responsable de que no desenvolvemento do xogo non se utilizará ningún tipo de aplicación informática ou programa de software.

– Declaración responsable do cumprimento dos requisitos exixidos no artigo 2.b).1º, 2º e 5º da Lei 3/2023, reguladora dos xogos de Galicia.

– Certificación acreditativa da inscrición da asociación no Rexistro autonómico de asociacións co carácter de cultural ou deportiva e do local que figura como domicilio da dita asociación.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da comunicación, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da comunicación e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Sexto. Comprobación de datos

Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

1. DNI ou NIE da persoa representante.

2. NIF da persoa xurídica comunicante.

3. NIF da persoa xurídica representante.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Sétimo. Notificacións

As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na comunicación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

Así mesmo, de conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entida- des instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Oitavo. Trámites administrativos posteriores á presentación da comunicación

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da comunicación deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Noveno. Actualización dos modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, os modelos normalizados aplicables na tramitación dos procedementos regulados nesta disposición poderán ser actualizados co fin de mantelos adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación dos modelos actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2023

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral de Emerxencias e Interior

missing image file
missing image file