DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Martes, 26 de decembro de 2023 Páx. 70466

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 15 de decembro de 2023, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Ordes.

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Ordes, mediante Orde da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do 13 de decembro de 2023, que figura como anexo.

Unha vez inscrito o Plan xeral de ordenación municipal no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra deste, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:

https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderán ser consultados na seguinte ligazón:

https://cmatv.xunta.gal/plans-e-programas-por-tipoloxia?p_p_id=aaeTipology_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeTipology_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D165&_aaeTipology_WAR_aae_id=165

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2023

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

Orde de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal
do Concello de Ordes

O Concello de Ordes eleva para a súa aprobación definitiva o expediente do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) conforme o artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), en relación coa disposición transitoria segunda da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).

Analizada a documentación elaborada por Estudio Técnico Gallego, S.A. e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Ordes dispón dunhas normas subsidiarias de planeamento aprobadas definitivamente o 28.11.1996, que foron obxecto de varias modificacións puntuais.

2. O concello está afectado polos seguintes proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal:

1. Centro tecnolóxico de compensadores de dilatación no lugar de Leira, AD 20.4.2011.

– LAT 220 kV Mesón-Vimianzo AD 6.4.2001.

– Gasoduto Vilalba-Tui AD 26.9.1996.

– Plan sectorial hidroeléctrico das bacías hidrográficas de Galicia-Costa.

3. O 8.2.2011 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou o documento de referencia sobre o contido e alcance do informe de sustentabilidade ambiental (ISA).

4. O 10.7.2012 a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio emitiu o informe previo á aprobación inicial que indica a LOUG no seu artigo 85.

5. O 16.3.2016 o Concello pleno aprobou inicialmente o PXOM tras os informes técnico (7.5.2012) e xurídico (3.5.2012) correspondentes. Someteu o PXOM a información pública (DOG do 30.3.2016 e principais xornais) e realizou as consultas ás administracións afectadas.

6. O 18.01.2023 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a Memoria ambiental do PXOM, que foi publicada o 1.2.2023 no Diario Oficial de Galicia.

7. O 23.2.2023 o Concello Pleno de Ordes aprobou provisionalmente o PXOM, tras os informes técnico, xurídico e de intervención (14.2.2023) correspondentes.

8. O 4.4.2023, tras un requirimento da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 22.3.2023, o Concello achegou a documentación completa correspondente.

9. O 27.6.2023 a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda emitiu unha orde en que se denegaba a aprobación definitiva do PXOM e se instaba o Concello de Ordes a corrixir unha serie de deficiencias expresadas no punto II da dita orde.

10. O 11.8.2023 o Pleno do Concello aprobou provisionalmente o PXOM tras os informes técnico e xurídico. O 1.9.2023 e o 11.9.2023 o Concello enviou a esta consellería a documentación relativa á nova aprobación provisional e a solicitude de aprobación definitiva.

12. O 24.10.2023 emítese unha segunda Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pola que resolve non outorgar a aprobación definitiva do PXOM de Ordes.

13. O 10.11.2023 o Concello, tras novos informes de secretaría, de intervención e técnico, aprobou provisionalmente o documento do PXOM de emenda das deficiencias sinaladas anteriormente.

II. Análise e consideracións.

Analizada a documentación achegada en relación coas deficiencias sinaladas na anterior Orde do 24.10.2023 de non aprobación do PXOM de Ordes, compróbase que se corrixiron as ditas deficiencias no novo documento aprobado provisionalmente o 10.11.2023.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG en relación co Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMAOT, en relación coa disposición transitoria segunda do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, modificado parcialmente polo Decreto 106/2018, do 4 de outubro.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Ordes.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio o PXOM no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente, unha vez inscrito no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.