DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Martes, 26 de decembro de 2023 Páx. 70470

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 15 de decembro de 2023, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva parcial do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Sada.

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Sada, mediante a Orde da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do 11 de decembro de 2023, que figura como anexo.

Unha vez inscrito o Plan xeral de ordenación municipal no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra deste, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:

https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderán ser consultados na seguinte ligazón:

https://cmatv.xunta.gal/plans-e-programas-por-tipoloxia?p_p_id=aaeTipology_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeTipology_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D1167&_aaeTipology_WAR_aae_id=1167

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2023

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

Orde de aprobación definitiva parcial do Plan xeral de ordenación municipal de Sada para os efectos do artigo 85.7 da Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia

O Concello de Sada solicitou, mediante oficio do 20.9.2022, a aprobación definitiva de referencia e achegou os seguintes documentos:

– Expediente administrativo, que inclúe informes municipais, técnico do arquitecto do 27.6.2022 e xurídico da secretaria, do 18.7.2022, e certificación do acordo plenario do 28.7.2022 de aprobación provisional do PXOM no ámbito APT-UEI-8.

– Documento complementario: tomo III, Memoria xustificativa, tomo V, Anexos á normativa urbanística, e folla D4 dos planos de ordenación correspondentes a cotas e rasantes, redes de abastecemento de auga, electricidade, gas, saneamento e telecomunicacións, así como do plano de xestión do solo e do plano de zonificación.

Analizada a documentación achegada e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, mediante a Orde do 11 de outubro de 2017, acordou, de conformidade co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, outorgar a aprobación definitiva, de forma parcial, ao Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Sada, deixando en suspenso a área de planeamento transitorio APT-UEI-8, ata que o Concello introducise as correccións necesarias e, logo da súa aprobación plenaria, fosen sometidas á súa aprobación definitiva.

2. O Concello Pleno de Sada, en sesión do 28.7.2022, aprobou provisionalmente o documento de correccións, segundo o demandando na Orde da CMAOT do 11.10.2017.

3. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo requiriu documentación o 20.10.2022 e o 7.7.2023, acreditativa da aprobación definitiva do estudo de detalle e proxecto de compensación da UA-2 (actualmente denominada APT-UEI-8) e da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia da Coruña.

4. O Concello respondeu a estes requirimentos o 4.1.2023 e o 10.11.2023.

5. Consta a aprobación definitiva do estudo de detalle o 15.7.1997 e a súa publicación no Diario Oficial de Galicia do 25.9.2023 e no Boletín Oficial da provincia do 27.9.2023.

6. O 22.11.2023 inscribiuse no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia este estudo de detalle.

II. Análise e consideracións.

A ordenación dada para o ámbito da área de planeamento transitorio APT-UEI-8 correspóndese co estudo de detalle aprobado, polo que se dá cumprimento ao sinalado no punto II.2, Solo urbano, da Orde do 11.10.2017 de aprobación definitiva parcial do PXOM.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG en relación co Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMAOT, en relación coa disposición transitoria segunda do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, modificado parcialmente polo Decreto 106/2018, do 4 de outubro.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva parcial ao Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Sada (A Coruña) no ámbito da área de planeamento transitorio APT-UEI-8.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio este ámbito do PXOM no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polo artigo 92 da Lei 9/2002 e polo artigo 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.