DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Venres, 15 de decembro de 2023 Páx. 68825

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 7 de decembro de 2023 pola que se fai pública a ampliación da dotación orzamentaria e do prazo de xustificación, para a concesión das axudas establecidas na Orde do 9 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (programa Aprol-Economía Social) e se convocan para o ano 2023 (códigos de procedemento TR802G e TR802J).

Mediante a Orde do 9 de xaneiro de 2023 (DOG núm. 29, do 10 de febreiro) establecéronse as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, coa finalidade de fomentar a incorporación de persoas desempregadas e persoas traballadoras temporais a cooperativas e sociedades laborais, e convocáronse para o ano 2023.

A citada orde establece no seu artigo 4, no que se recolle o financiamento, que estes importes poderán verse modificados ou incrementados con fondos da Comunidade Autónoma de Galicia ou da Administración do Estado como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais, todo iso de acordo co artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En consecuencia, como existen dotacións que poden ser utilizadas para os mesmos fins, procedentes de fondos finalistas do Estado, remanentes doutras convocatorias do mesmo programa e servizo, e coa finalidade de facer chegar as axudas ao maior número de persoas ou entidades beneficiarias posible, conforme o establecido no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, cómpre ampliar o importe total dos créditos destinados ás axudas que se van conceder ao abeiro dos programas I e II de fomento do emprendemento en economía social regulado na Orde do 9 de xaneiro de 2023.

Así pois, de acordo co exposto e co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións, e en virtude das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Incremento de financiamento

Increméntase en 1.206.004,76 euros o importe total destinado á concesión das axudas ao abeiro dos programas I e II da Orde do 9 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (programa Aprol–Economía Social) e se convocan para o ano 2023 (DOG núm. 29, do 10 de febreiro). Deste xeito, o crédito da convocatoria queda establecido en 5.506.004,76 €, coa seguinte distribución:

– Programa I: 3.038.950,00 € (11.30.324C.470.0)

– Programa II: 2.467.054,76 € (11.30.324C.470.1)

Este incremento da dotación orzamentaria aténdese con fondos finalistas do Estado remanentes doutras convocatorias do mesmo programa e servizo. Este créditos, mediante a autorización das oportunas modificacións orzamentarias, foron transferidos ao código de proxecto 2016 00306.

Artigo 2. Prazo de solicitudes

Esta modificación non afecta os prazos establecidos para a presentación de solicitudes na Orde do 9 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (programa Aprol–Economía Social) e se convocan para o ano 2023.

Artigo 3. Prazo de xustificación das accións subvencionables

A data máxima de presentación da solicitude de pagamento e xustificación das accións subvencionables será a que se sinale na resolución de concesión e, como máximo, o 30 de decembro de 2023, sempre e cando permita ao órgano concedente a verificación do cumprimento dos requisitos fixados nas bases reguladoras dentro do exercicio orzamentario correspondente, en virtude do disposto no artigo 45.5 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2023

Elena Rivo López
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade