DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Xoves, 14 de decembro de 2023 Páx. 68431

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 4 de decembro de 2023 pola que se establece a cantidade que cómpre transferir ao Consello Galego de Procuradores dos Tribunais de Galicia para atender os gastos de funcionamento e infraestrutura dos servizos de representación gratuíta do ano 2023, sobre o importe certificado o ano 2022.

A Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, regula o dereito á asistencia xurídica gratuíta, e no seu artigo 38 establece que as administracións públicas competentes en materia de Administración de xustiza subvencionarán os colexios de procuradores para a implantación e funcionamento dos servizos de asistencia xurídica gratuíta.

Por outra banda, mediante o Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, transferíronselle á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións en materia de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, incluíndose na letra B), punto 1.c), do seu anexo as relativas á indemnización das actuacións correspondentes á representación por procurador en quenda de oficio ante os órganos xudiciais con sede en Galicia. Estas funcións transferidas foron asumidas polo Decreto 394/1994, do 29 de decembro, e asignadas á Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, e actualmente están atribuídas á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

No uso das súas competencias, a Xunta de Galicia ditou o Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta da Comunidade Autónoma de Galicia (modificado polo Decreto 138/2012, do 21 de xuño, e mais polo Decreto 134/2017, do 7 de decembro), que establece no seu artigo 45 que a consellería competente en materia de xustiza determinará anualmente as cantidades que deberán percibir os colexios de procuradores para atender os gastos derivados do funcionamento e infraestrutura colexial que requiren os servizos de asistencia xurídica gratuíta, o cal lle corresponde á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, segundo o Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, que mantén a súa vixencia mentres non se desenvolva unha nova estrutura orgánica, de acordo coa disposición transitoria segunda do Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia.

O mencionado artigo 45 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia establece que estas cantidades se determinarán para cada colexio, cun sistema de módulos compensatorios por expediente tramitado, e que entrementres non se determinen os ditos módulos, os colexios percibirán a contía que resulte de aplicar o 8% ao custo económico xerado en cada período de liquidación.

En virtude do exposto,

DISPOÑO:

Artigo único

Que se transfira ao Consello Galego de Procuradores dos Tribunais de Galicia a contía que resulte de aplicar o 8 % ao importe total certificado polos colexios de procuradores da Comunidade Autónoma de Galicia en concepto de representación gratuíta durante o ano 2022, por un total de oitenta mil cincocentos corenta e seis euros e cincuenta céntimos (80.546,50 €), para atender os gastos derivados do funcionamento operativo dos servizos colexiais de asistencia xurídica gratuíta.

Disposición derradeira primeira

Autorízase o director xeral de Xustiza a ditar as disposicións necesarias para o cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes