DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Luns, 4 de decembro de 2023 Páx. 67020

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

ANUNCIO do 16 de outubro de 2023 de apertura do trámite de competencia de proxectos do expediente de solicitude dunha concesión de augas superficiais para a instalación dun aproveitamento hidroeléctrico no río Eume, concello das Pontes de García Rodríguez, A Coruña (clave AC/13/179).

O ente público empresarial Augas de Galicia, mediante o presente anuncio, somete a competencia de proxectos a instancia presentada relativa á solicitude dunha concesión de augas superficiais para a instalación dun aproveitamento hidroeléctrico no río Eume conforme preceptúan os artigos 104 e seguintes do Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico (en diante, RDPH).

Nome e enderezo do peticionario: Canerde, S.L. (CIF: B-88418223). Javier López Lahera. Rúa Serrano Galvache, 56, Edificio Encina, 1º andar, 28033 Madrid.

Destino do aproveitamento: aproveitamento hidroeléctrico para central hidroeléctrica reversible.

Caudal de auga solicitado: 170 m3/s.

Corrente de onde se derivarán as augas: lago das Pontes (río Eume).

Termos municipais onde radican as obras: As Pontes de García Rodríguez (A Coruña).

A antedita petición tramitarase de conformidade co disposto no artigo 105 do RDPH e ábrese deste modo o trámite de competencia de proxectos para que no prazo dun (1) mes, contado desde a publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, o peticionario presente instancia onde concrete a correspondente petición e demais aspectos previstos no antedito artigo 105 e xunte a ela o proxecto e demais documentación prescrita no artigo 106 do Regulamento. Tamén se admitirán, durante este prazo, outras peticións que teñan o mesmo obxecto que aquela ou sexan incompatibles con ela, e poderanse presentar, xunto con estas, proxectos en competencia. Ademais, deberase achegar, de acordo co establecido no punto 3 do artigo 106, o estudo ambiental que recolla e avalíe todas as afeccións ambientais do proxecto conforme a Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

Denegarase a tramitación posterior de toda petición que supoña unha utilización de caudal superior ao dobre do que figura máis arriba como petición base do concurso, de acordo co artigo 105 do RDPH, sen prexuízo de que o peticionario que o pretenda poida, dentro do prazo fixado neste anuncio para a admisión de peticións, acollerse á tramitación indicada no parágrafo 3 do antedito artigo 105 do RDPH, remita a súa petición na forma prevista no artigo 104 do RDPH e solicite a paralización do trámite da solicitude publicada inicialmente. Neste caso, coa petición achegará resgardo acreditativo do ingreso na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda e Administración Pública dunha fianza pola cantidade de sesenta mil (60.000) euros por cada m3/s de caudal solicitado, para responder da presentación do documento técnico correspondente á súa petición.

O desprecintado dos documentos técnicos realizarase na forma sinalada no artigo 107 do RDPH e terá lugar transcorridos quince días desde a conclusión do prazo de presentación de peticións nas dependencias do edificio administrativo de Augas de Galicia, sitas na rúa Tomiño, 16, baixo, 15781 Santiago de Compostela.

As peticións presentaranse na sede electrónica da Xunta de Galicia, utilizando o modelo xenérico de presentación de escritos (https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=PR004A). Indicarase no destino a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, Augas de Galicia, e farase referencia á clave do expediente que figura no encabezamento deste anuncio. Os documentos técnicos e ambientais presentaranse en sobre debidamente precintado e lacrado (catro exemplares: un en formato papel e tres en formato dixital), na forma indicada para a presentación de arquivos que superen os 50 MB, de xeito que se presentarán presencialmente nalgunha das oficinas de rexistro. No exterior deste sobre, indicarase tamén como destino a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, Augas de Galicia, e farase referencia á clave do expediente que figura no encabezamento deste anuncio.

Alternativamente ao recollido no parágrafo anterior, o peticionario, se o desexa, poderá presentar, ao abeiro do disposto no artigo 106 do RDPH, a súa petición xunto cos catro exemplares da documentación técnica e ambiental (un en formato papel e tres en formato dixital), en sobre ou paquete pechado debidamente precintado e lacrado, perante o Rexistro dos servicios centrais de Augas de Galicia, sito na praza Camilo Díaz Baliño, 7-9, 15781 Santiago de Compostela, á atención da directora de Augas de Galicia, e especificarase no exterior do sobre ou paquete, o expediente de solicitude da concesión de referencia e a súa clave que figura no encabezamento deste anuncio. Nesta modalidade de presentación será necesario pedir cita previa para levar a termo a presentación, nalgún dos seguintes teléfonos: 981 54 53 45, 981 54 39 61, 981 54 54 76 e 981 54 47 26.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2023

Teresa María Gutiérrez López
Directora de Augas de Galicia