DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Luns, 4 de decembro de 2023 Páx. 66969

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 30 de outubro de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello do Porriño (expediente IN407A 2023/296-4).

Expediente: IN407A 2023/296-4.

Promotora: Electra Alto Miño Distribuidora de Energía, S.L.U.

Denominación: LMTS, CT Budiño-Casal 2.

Concello: O Porriño.

Feitos:

Primeiro. O 23 de maio de 2023, Electra Alto Miño Distribuidora de Energía, S.L.U. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación eléctrica LMTS, CT Budiño-Casal 2.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste na instalación dun centro de transformación de 160 kVA en caseta prefabricada tipo PFU-3 e unha liña de media tensión subterránea de 520 metros de lonxitude para alimentar o centro de transformación proxectado. As actuacións están previstas no lugar do Casal, na parroquia de Budiño, no concello do Porriño (Pontevedra).

Segundo. No proxecto a empresa promotora indica que a Comunidade de Montes en Man Común de San Salvador de Budiño está afectada polas obras desta instalación eléctrica, por iso, o 2 de xuño de 2023, esta xefatura territorial requiriulle a Electra Alto Miño Distribuidora de Energía, S.L.U que aclarase a necesidade da declaración de utilidade pública.

Terceiro. O 16 de xuño de 2023, Electra Alto Miño Distribuidora de Energía, S.L.U. achegou un convenio coa Comunidade de Montes en Man Común de San Salvador de Budiño.

Cuarto. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello do Porriño e o Servizo de Montes. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segunda. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, de 25 de outubro).

Terceira. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1, de 520 metros de lonxitude, con orixe no apoio núm. 1 da LMTA Budiño-Costeira-1, mediante un paso aéreo subterráneo, e final no centro de transformación proxectado Budiño-Casal-2.

– Centro de transformación en caseta prefabricada a 160 kVA, con relación de transformación 20 kV/230-400 V.

A instalación está situada no lugar do Casal, parroquia de San Salvador de Budiño, no concello do Porriño. (Pontevedra).

Conforme o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a Electra Alto Miño Distribuidora de Energía, S.L.U. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS, CT Budiño-Casal 2, expediente IN407A 2023/296-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Electra Alto Miño Distribuidora de Energía, S.L.U. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Terceiro. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 30 de outubro de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra