Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Aceveda ou Coto de Castiñeira, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Castiñeira, e mais o MVMC de Conso, pertencente á CMVMC de Conso, no concello de Vilariño de Conso, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. O 8 de xullo de 2022 a CMVMC de Castiñeira presentou un escrito (Rexel 2022/1794982) en que solicita a aprobación do deslindamento entre o MVMC Aceveda ou Coto de Castiñeira (CMVMC de Castiñeira) co MVMC de Conso.
Coa solicitude achegou a seguinte documentación:
– Acta de deslindamento.
– Certificacións de aprobación das respectivas asembleas xerais.
– Memoria e planos.
– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz de Vilariño de Conso.
Segundo. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense do 9 de marzo de 2023 fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento parcial do perímetro estremeiro entre o MVMC Aceveda ou Coto Castiñeira, pertencente á CMVMC de Castiñeira, e o MVMC de Conso, pertencente á CMVMC de Conso, desde o vértice 1 (o situado máis ao norte) ata o vértice (auxiliar) 3 (o situado máis ao sur).
Logo de analizar os vértices e a súa localización, conclúese que os puntos que se aprobarán son o 1 e o 2, xa que o 3 non deslinda en realidade senón que, na súa condición de punto auxiliar, permite definir a dirección da liña de deslindamento a partir do vértice 2.
O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación entre os puntos 1 e 2 avinzados, e o vértice 3 ten a consideración de punto auxiliar.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. Esta resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Segunda. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se seguirá no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 9 de marzo de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 23 de outubro de 2023:
Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Aceveda ou Coto de Castiñeira, pertencente á CMVMC de Castiñeira, e mais o MVMC de Conso, pertencente á CMVMC de Conso, no concello de Vilariño de Conso.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 16 de novembro de 2023
Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense